//
arquivo

Castrelo

This tag is associated with 7 posts

Concerto do Día das Letras e Manifestación


Este xoves 17 de Maio é o Día das Letras Galegas e como de costume a Banda de Castrelo celebra un concerto. Grazas ao mestre da gaita, Xaquín Xesteira, enterámonos de que a Banda dirixida por José Bugallo Senra poñerá especial énfase na “música que emana do pobo”, a música galega. Un dos momentos especiais do concerto será a presentación da nova sección da Banda de música de Castrelo, a sección de gaitas. O acto comezará ás 12.30 no Auditorio da Xuventude. Seguir lendo

O Concello incumpre a orde de restaurar a telleira


Hai máis de dous anos, o BNG denunciara á Dirección Xeral de Patrimonio (dependente da Xunta de Galicia) que o Concello de Cambados estaba a “rehabilitar” incorrectamente unha telleira situada no Facho, en Castrelo. A Xunta, paralizara as obras e obrigrara ao Concello a devolver a telleira ao seu estado orixinal, xa que as obras desvirtuaran a forma tradicional da construción.

Hai un par de días o Faro de Vigo lembraba nas súas follas que o Concello de Cambados non cumprira coa norma e coa orde da Xunta. E non só iso. A pesar de ter unha Escola Taller en marcha desde Xuño deste ano o Concello non só non empregou este grupo para arranxar a telleira, senón que comezou a “reahabilitación” doutra telleira cercana.

Segundo fontes do Concello, non se pode proceder a cumprir a legalidade porque o goberno non ten permiso dun veciño que ten unha propiedade colindante, a cal sería necesaria para restaurar con rigor o edificio.

Quizais Aragunde e o Concello deberían ter pensado bastante antes nisto antes de ter ordeado levar a cabo un atentado contra o patrimonio de todos e todas.

As fotografías poden servir para ilustrar como era unha telleira tradicional e como se “restaurou” en Cambados.

Éxito da marcha o BNG por Castrelo


O día acompañou (non como na data prevista inicialmente para a actividade) e a ruta por Castrelo do Bloque de Cambados tivo éxito de participación. Varias persoas da parroquia foron contando aos presentes parte da historia e da actualidade da zona, incluíndo temas tan diversos como a Banda de Música, os restos castrexos, a orixe e características dalgúns cruceiros, as telleiras, o viño albariño…

E hai que recoñecer que, se ben só puidemos ver unha pequena parte de Castrelo, as vistas baixando desde o monte do Castro ao mar son marabillosas (vese Cambados, a Arousa, a Toxa, o itsmo do Grove e toda a enseada…) e sen dúbida quedan ganas para outra visita á parroquia.

O voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, empregou as súas dúas facetas máis coñecidas: como biólogo e profesor incidiu na importancia ecolóxica da enseada do Umia e como político recalcou a necesidade de adecentar ese entorno único e convertilo en apetecíbel para un turismo necesariamente respectuoso con el.

Ademais, unha das paradas era a das telleiras, na cal os asistentes puidemos dar crédito ás denuncias dos nacionalistas de hai máis de un ano e medio na cal criticaban como se estaba a restaurar unha no Facho sen respectar a forma orixinal (podes ver neste enlace tanto a foto antiga como a da restauración). E inda por riba pesa descubrir como ademais de restaurar mal o patrimonio de todos non se dota á telleira de accesos mínimamente transitábeis para peóns.

O roteiro rematou na adega Albamar, na cal, logo dunha visita con explicación incluída, se puido degustar un viño albariño e uns pinchos. Parabéns pola actividade.

http://pics.picturetrail.com/res/swf/slideshowsp.swf

En marcha co BNG para coñecer Castrelo


Dentro do programa En marcha co BNG, rutas para coñecer o noso Concello, o Bloque Nacionalista de Galego de Cambados organiza unha volta a pé a Castrelo este domingo. A comitiva, aberta a todo o público, sairá ás 10.30 do Centro Cultural e percorrerá 5 quilómetros en dúas horas e media. Os asistentes visitarán os principais puntos de interese: as telleiras, igrexas, cruceiros, o Monte do Castro…e todo tendo como guías a veciños da zona.

A final do pasado curso tiña lugar a primeira edición deste programa de actividades en Oubiña, que contou con bastante éxito de participación. Os nacionalistas convidan aos cambadeses a sumarse outra vez, agora en Castrelo. Unha iniciativa sen dúbida orixinal.

Relacionados

Consulta toda a información sobre a ruta de Castrelo premendo aquí

Anterior – O BNG organiza rutas para (re)descubrir Cambados

Christian Oliveira: "Animamos a todo o mundo a participar na SalnesParty 2010"


A asociación de Internautas de Cambados (AINCA) naceu no verán de 2008 e hoxe lévana Óscar Vieites Conde, Roberto Rodríguez Alfonso, Christian Oliveira Alfonso (de esquerda a dereita na foto) e Oliver Juéguen Vázquez. Os tres son xoves -de 19 a 22 anos- e afeccionados á informática e ás lanpartys (Xuventude Galiza Net e Arousa Party son as primeiras ás que asisitiron). Tanto que crearon AINCA co obxectivo de organizar unha no Concello de Cambados.

Nesta entrevista, Christian Oliveira fálanos deste tipo de eventos, do internet en Cambados e no país, e do que pretenden no futuro coa Asociación de Internautas. Unha Asociación que xa está a ser unha moi boa nova no noso Concello, revelándose como un novo grupo activo e disposto a sacar adiante unha interesante iniciativa. Noraboa!

Antes da nada…podedes explicar de xeito sinxelo en que consiste unha lanparty?

Pois unha lanparty é un evento no que se proporciona a infraestructura necesaria para que cada asistente, que trae o seu propio pc, se conecte a unha rede “lan” e poida interactuar cos demáis participantes a través dela. As actividades máis típicas son os xogos en rede, compartición de ficheiros e sobre todo pasalo ben e interactuar tamén en persoa cos demais participantes.

AINCA aparece para crear e xestionar unha nova lanparty ou quere ir máis alá?

O obxectivo primordial da asociación é gañar forza para levar a cabo Salnesparty, pero gustaríanos organizar máis eventos, sempre relacionados coa informática, internet, e as lanparties (este ano tentamos organizar un viaxe a unha das lanparties máis importantes de España, a Euskal Encounter, pero non obtivemos moita resposta polo que ó final quedou en nada;  volveremos a intentalo). Tamén nos gustaría fomentar de algunha maneira o uso de internet e as novas tecnoloxías en Cambados, pero por motivos laborais e xeográficos resulta complexo polo de agora.

“Ofrecemos unha party pequena pero moi familiar”


Como foi a experiencia das anteriores SalnesParty?

Realmente todo isto comezou un fin de semana calquera, no que queríamos quedar varios amigos para xogar en rede, e xuntámonos 8 nunha casa cun switch barateiro. A partires de ahí, empezamos a pensar en organizar algo, pero sempre de forma informal, con xente que xa coñecíamos e intentando gastar o menos posible. No 2007 xuntámonos na  Casa da Cultura de Castrelo unhas 15 persoas, pero aínda sen conexión a internet. En 2008 cambiamos ao Colexio Público de Castrelo, con internet por vez primeira. Grazas a un blog contactaron connosco un grupo de mozos de Vigo para vir, e algún que outro da zona. Entón decidimos montar a asociación para poder organizarnos e conseguir recursos.  Na ultima xa tiñamos web nun dominio gratuito, permiso de novo para usar o Colexio, tamén algo de axuda do Concello e reunimos a 30 persoas : a maioría da zona, os de Vigo repetiron e acudiron dende Coruña tres membros do Dc-team e incluso finalmente se uniron un par de persoas máis durante o transcurso da party ás cales lle fixemos un oco. A xente marchou contenta do evento, algúns calificáronnos de “party pequena pero familiar”, o cal nos parece unha definición moi acertada do que somos e do que queremos.

Este ano o evento móvese desde as aforas ao centro de Cambados…que supón este cambio?

O cambio de recinto era algo esencial para aumentar o número de participantes ata 75. E obviamente, estar no centro de Cambados é unha gran vantaxe tanto para nós como para os participantes, pois teremos dispoñibles moitos máis servizos que en Castrelo. Ademáis, así o evento terá máis difusión, o que nos beneficiará de cara a vindeiras edicións.

Novidades, pois algunha que outra. Nova páxina web e presenza nas redes sociais. Teremos mellor infraestructura, máis actividades, algún torneo sorpresa, pero sobre todo intentaremos manter o “bo rollo” das outras edicións, gústanos que todo o mundo participe e non se cree unha separación organización-participantes demasiado grande. Este ano divideremos o recinto en dúas zonas: a intranet, que é o lugar onde vai a transcurrir a party en si, e a extranet, que será unha zona con consolas, fútbolín, billar, etc, á que poderán acceder os veciños para ver qué é iso dunha “lanparty”

Como van as inscricións?

Seguramente non chegaremos aos 75 (a 17 de Xuño hai 67 rexistrados dos que 62 están preinscritos e uns 40 pagaron a entrada). De todas formas, como a xente moitas veces espera ó ultimo intre, permitiremos tamén que quen queira se apunte á Salnesparty 2010 durante o evento (como dixen antes, o ano pasado uníronse dous participantes máis durante o segundo día). Dende aquí animamos a todo o mundo a participar, só se precisa un ordenador (sobremesa ou portátil) e ganas de pasalo ben 🙂

Que apoios institucionais recibistes até o de agora?

En edicións anteriores o único que conseguimos foi o permiso para o Colexio e mesas, candeiras e instalación eléctrica por parte do Concello. Este ano, coa colaboración da Asociación Retranca conseguimos acercarnos máis ó Concello e o alcalde ofreceuse a colaborar de forma activa co evento: novo local (Salón de Congresos e Exposicións Peña) incluíndo o básico e mais pantallas de televisión para poñer na extranet, impresión de carteis e tarxetas identificativas, doazón de premios e moitas cousas máis. En definitiva, o Concello prestouse activamente a colaborar na organización do evento, o que nos permite ofrecer algo de moita máis calidade sen que os participantes teñan que pagar moito máis. Esperamos que o evento saia ben e o Concello siga colaborando connosco.

Con que infraestrutura contaredes no evento?

Contamos con todo o dito na pregunta anterior, que nos proporciona o Concello. A parte, está a infraestructura de rede, a máis importante neste evento. Grazas ó gran traballo de “networking” de Roberto (que é o que asiste a máis parties – ás que pode – e coñece a moitas outras asociacións) conseguimos material de rede de alta calidade (un armario de switches moi caro), prestado pola Asociación SIL. O cable de rede vaino proporcionar Jose Durán, da empresa Conta Local, con quen nos puxemos en contacto a través do Concello, e que axudou a organizar tamén a Sobroso Party en Ponteareas. Nós encargarémonos de montar todo para que non haxa problemas na rede.

A Asociación Retranca colabora tamén poñendo servicio de cafetería para que os participantes poidan mercar o que queiran durante a party e para as comidas, a Cafetería-Bocatería Acuario ofrécennos un precio bastante asequible para que os participantes que o desexen poidan comer e cear alí.

CAMBADOS E LINGUA
“Internet podería ter repercusión nas vindeiras municipais entre a xente nova”
Como vedes a situación da web entorno á nosa vila?

A verdade é que non está mal, ainda que podería estar moito mellor. A web do Concello non sei canto tempo leva operativa, pero creo que non moito (a última vez que buscamos algo oficial para contactar mentres organizábamos as edicións anteriores da party só encontramos un correo do que non obtivemos resposta). Agora, polo menos existe unha web oficial con algún contido actualizado e que pode ser de interese para os cidadáns. Obviamente, hai moita marxe de mellora, e espero que eso sexa o que pase: que mellore sempre.

En canto ó uso por parte da xente, creo que é algo que necesitamos mellorar. Por exemplo en Castrelo, en moitas zonas non se pode contratar internet con unha velocidade razoable, ademáis de que Telefónica (agora Movistar) pon uns prezos prohibitivos alegando que se trata de ADSL Rural… Ainda así vexo algún que outro blog cambadés (éste sen ir máis lonxe, polo cal che dou a noraboa), e en xeral case todo o mundo máis ou menos da nosa idade utiliza as redes sociais.

Cambados(tk) é unha web centrada en Cambados e que mira moito á actualidade política…vós como pensades que pode influir internet na vindeira contenda municipal?

Sinceramente, en Cambados, penso que internet pode ter un papel importante entre un sector da xuventude, pero non na xente maior de 30-40 anos. Os tres partidos teñen presenza en internet, pero non creo que centren as súas campañas neste medio.

Antes de todo iso, creo que sería importante educar á xente, ensinarlle a todo o pobo as vantaxes do uso de internet (e tamén as desvantaxes), e fomentar este uso dende o Concello para todo tipo de trámites nos sexa posible. Aínda así o Goberno Central ten aínda máis a ver: Está ben ter DNI electrónico, pero é inútil se despois temos que perder unha mañán para facer un trámite sinxelo podéndoo facer comodamente sentados diante dun ordenador.

Os vosos espazos web –páxina, twitter, blog, facebook…- están publicados en lingua galega: trátase de normalidade, de compromiso/reivindicación…? Como vedes a situación da lingua galega en internet?

Trátase dun pouco de todo, é a lingua que falamos habitualmente os membros da organización, e é un xesto tamén de compromiso, se nós non falamos a nosa lingua está claro que se vai a perder. Temos tamén todos os medios en galego porque centrámonos en obter participantes de Galicia, ainda que o ano que ben probablemente teñamos dúas versións, xa que este ano interesouse algunha xente de fóra e claro, tamén merecen enterarse de qué vai o tema.

En canto ó galego en internet, creo que a situación é boa; hai moitas iniciativas: Blogaliza, Cabozo , latrica, Chuza!, etc. Por outro lado, hai unha comunidade de xente que voluntariamente se adica a traducir software libre ó galego e grazas a eles podemos instalar software gratuito en galego nos nosos ordenadores cunha calidade bastante boa. Gustaríame mencionar aquí tamen á xente de “A navalla suiza”  e o seu proxecto Eufalo, un documental colaborativo sobre o galego.

FUTURO
“Gustaríanos consolidar a SalnesParty no tempo”

Cales son os vindeiros retos de AINCA?

De momento, e se este ano a party sae ben, gustaríanos consolidar xa o evento en Cambados e con esas datas (último fin de semana de Xuño), xa que nestas datas non hai ningunha outra party en Galicia, a xente termina exames, fai bo tempo, etc.

Gustaríanos empezar a meter máis xente na asociación para repartir tarefas e propoñer novas ideas, este ano xa colaboran na organización algúns dos participantes do ano pasado.

E gustaríanos tamén, de cara a vindeiras edicións, contar co apoio de máis empresas da  zona relacionadas coas novas tecnoloxías, e incluso con algunha charla sobre temas de interese (redes sociais, internet, etc).

A Salnesparty 2010 celebrarase os días 25, 26 e 27 de Xuño no Salón de Congresos e Exposicións Peña en Cambados. Participar custa entre 10 e 30 euros (dependendo de que queiras a comida incluída ou non) e podes ler información oficial e inscribirte seguindo este enlace. Moita sorte a AINCA e que a SalnesParty dure moitos anos!

O Concello conmemora o natalicio de Ramón Cabanillas


Será o vindeiro mércores día 3 de Xuño ás 20:30 no Auditorio e servirá como homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Xesús Alonso Montero por ter editado as obras completas do noso poeta no ano 1959 e a finais dos setenta. Haberá música, vídeo e por suposto, poesía. O Concello ten máis actividades planeadas para este Ano Cabanillas, como por exemplo un exposición no Pazo de Torrado, unha gala do deporte ou un concerto de corais, grupos tradicionais e banda de música de Castrelo.

Información recollida do Diario de Arousa

BNG: O Concello atenta contra o patrimonio cultural no caso da Telleira do Facho


O voceiro do Bloque Nacionalista Galego de Cambados, Víctor Caamaño, denunciou a falta de dirección técnica que padece a obra de restauración da telleira situada no lugar d’O Facho, en Castrelo. A “telleira desvirtuouse, estragouse e atentouse contra os valores arquitectónicos e etnográficos que posúe.”

Segundo os nacionalistas non se están a respectar as formas e os materiais orixinais, o cal resulta grave cando hai actualmente documentación escrita e gráfica sobre estas edificacións, así como xente que traballou nelas e coñece como eran cando funcionaban.

Víctor Caamaño anunciou tamén que o seu grupo informou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre a “restauración” que se leva a cabo en Castrelo. Ademais exculpa aos traballadores da Escola Obradoiro, que “levan meses traballando con moita ilusión e dedicación neste proxecto e limparon, recuperaron o espazo e os materiais e investigaron pola súa conta na procura de información”.


Imaxes que envía o BNG para probar o que denuncian: por un lado o aspecto dunha telleira no seu tempo e por outro as actuais obras de restauración da telleira n’O Facho.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.