A Asociación de Libreiros vén sentando a tradición do Premio Ramón Cabanillas ano tras ano, e xa van sete. Desta volta, as librarías Contos e Cabanillas en colaboración coa Asociación Unha Grande Chea, Chourizo Films e o propio Concello de Cambados, van concederlle tal recoñecemento a Miguel Anxo Fernández, escritor, ensaísta e investigador sobre o cinema.
O acto terá lugar o vindeiro venres 14 de Maio a partires das 21 horas no Auditorio da Xuventude. A produtora cambadesa Chourizo Films estreará para ocasión nova curta e haberá unha novidosa actuación do mestre da gaita Xaquín Xesteira, interpretando desta volta o oboe, e do pianista Antón Trigo. Ámbolos dous tocarán pezas das bandas sonoras de dúas películas en homenaxe á grande paixón do premiado.
A produtora virtual cambadesa Chourizofilms é obxecto dunha pequena reportaxe na Revista do Audiovisual Galego na cal se repasa a súa historia baixo o título “Chourizofilms consolida o fainotimesmo”. Podes ver a revista online premendo neste enlace, a reportaxe en cuestión atópase na páxina 42 da mesma.
Unha das cousas que se repasan na información dada é o éxito da primeira curta dos cambadeses, No volveré, que suma xa a día de hoxe en youtube máis de 200.000 visitas. O último traballo da produtora foi A man sagrada, adaptación dun poema de Ramón Cabanillas.
Para aqueles que non estaban o sábado no auditorio, ou para quen queira recuncar, Chourizo Films xa puxo a disposición dos internautas o seu último traballo, en honor ao poeta Ramón Cabanillas. Os protagonistas son Perto Costa e María Pedreira. Conta coa colaboración especial do actor galego Carlos Blanco.
Os autores recomendan que se vexa nunha habitación escura, a pantalla completa e co son lixeiramente alto.
No día de onte tivo lugar en Cambados o tan anunciado acto de entrega do VI Premio Ramón Cabanillas. Como adoita ocorrer nestas ocasións a cousa comezou cun chisco de retraso. Pero, aínda que rematou moi pasadas as dez da noite, non foi para nada unha cerimonia pesada.
Comezou intervindo a persoa que estivo detrás da organización, Moncho Domínguez da libraría Cabanillas, lendo unha pasaxe que o premiado escribiu sobre cando e como coñeceu da existencia do poeta da Raza. Logo, Xosé María Ribadomar, un xove poeta da nosa vila, recitou o poema A Calzada de Cambados, e de seguido Miguel Costas ofreceu aos asistentes unha interpretación de Camiño Longo no piano.
Seguiu o acto coa presenza de Xoán Piñeiro, amigo da infancia de Francisco Fernández Rei. Ademais de recordar unha serie de momentos que ambos os dous pasaron xuntos no barrio de Triana, Piñeiro recitou uns versos que el mesmo escribiu relatando a vida do seu amigo desde cando era pequeno até o presente.
A curta de Chourizo Films foi presentada por Domínguez, quen louvou a actividade que este grupo de xoves cambadeses comezaron facendo dun xeito amateur e que se está a converter nunha rápida produción cada vez máis traballada de filmes. O que presentaron onte era unha interpretación do poema de Ramón Cabanillas A man sagrada, que eles deron en chamar A man segreda realizando nun xogo de palabras. Agardo que pronto poidamos reproducir neste mesmo espazo o vídeo porque o resultado foi moi bo.
O pianista Miguel Costas volven subir ao escenario unha vez máis e veuse na obriga de executar uns moi solicitados bises que o público lle pediu cos seus fortes aplausos.
E xa chegados a este momento, foi Fina Casalderrey, premiada o ano pasado con este mesmo galardón, quen subiu ao escenario a entregarlle a Fernández Rei o VI Premio Ramón Cabanillas. A escritora evocou a historia do Principiño para poñer de manifesto que o trianero era un home de mundo, igual que o protagonista daquela historia que viaxaba por diferentes planetas. Tamén recordou que naquel conto o protagonista regaba día tras día unha “flor diferente” que medraba nas súas terras, e con ela estableceu un paralelismo coa realidade: os galegos tamén temos algo que coidar, que é o noso idioma.
Os asistentes ao acto recibiron de pé ao premiado cun longo e intenso aplauso, que tivo que ser sileciado polo propio Fernández Rei. El, logo dun extenso capítulo de agradecementos, contou que se sentía orgulloso de ser de Cambados, e moi orgulloso de pertencer a Triana. Lembrou ao público aquelo que segundo el representan os seus pais como “memoria viva dun Cambados que xa se foi.” Lembrou como comezou a ler Cabanillas e a estudalo.
A noite rematou coa actuación de Xaquín Xesteira (oboe) e Xoán Silva e Blas (guitarra e voces). Eles musicaron con acerto varios poemas de Cabanillas. Remataron co Himno de Acción Gallega, que logrou que o auditorio acabara por corear a famosa estrofa: Antes de ser escravos / ¡irmáns, irmáns galegos! / que corra o sangue a regos / dende a montana ó mar. Un moi bo peche para unha entrega de premios memorábel.
Como xa se dixo na entrada que facía referencia aos premios Ramón Cabanillas, ademais de poesía e música o acto do sábado ás 9 completarase coa presentación en sociedade da última curtametraxe dos cambadeses Chourizo Films.
Trátase dun filme baseado nun poema do propio Cabanillas que leva por título A man segreda, de aí o xogo que fai o nome da produción. Protagonízano María Pedreira e Perto Costa, cun guión de Xaco Domínguez e baixo a dirección de Rodrigo Piñeiro e foi rodado no Pazo de Ulloa, na nosa vila. Ten colaboración especial do actor galego Carlos Blanco.
Isto, sumado ao resto do programa que prepararon as librerías de Cambados (entre a que tamén teño que destacar a actuación do pianista Miguel Costas Piñó) dá bo motivo para achegarse á entrega do premio a Francisco Fernández Rei.
Ás 8 da tarde, o Bloque Nacionalista Galego celebra a súa tradicional ofrenda floral no monumento de Ramón Cabanillas con motivo do día das letras galegas (recordemos, este ano adicado a Ramón Piñeiro).
Ás 9 arranca no Auditorio da Xuventude a entrega do VI Premio Ramón Cabanillas, que como xa se explicou desde este espazo recaerá desta volta no filólogo cambadés Francisco Fernández Rei. O acto combinará poesía e música.
E como colofón, pola noite, mentres os libreiros de Cambados cean co premiado terá lugar outra cea: a do Club Xuventude Cambados, como celebración do seu ascenso a preferente. Será no Salón Forniños ás once da noite e inclúe barra libre por 35 euros.
No Rif-Rock (Infantas 13) haberá sesión de Stoner&Smoker a cargo do Rifrockerz.djset. Pincharán Munstapha, Kurco Soundsystem e Comomepos.
Un bo surtido de actividades para a xornada do 16 de Maio. E todas relacionados ca lingua, a cultura e os deportes.
E xa o día 17, domingo día das Letras Galegas, haberá manifestación nacional en Santiago de Compostela organizada pola Mesa con lema: O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une. Sairá ás 12 da alameda.
Máis info. en Unha Grande Chea, no blog do Rif-Rock e na páxina web do Club Xuventude Cambados.
A Asociación de Libreiros de Pontevedra organiza por sexta vez o Premio Ramón Cabanillas, que como xa se anunciou desde este medio recaerá nesta edición no académico cambadés Francisco Fernádez Rei.
Será o 16 de Maio ás 21:00 horas no Auditorio da Xuventude. O evento mesturará poesía, con música e mesmo cine. Participan Xosé María Ribadomar, Xoán Piñeiro, Chourizo Films presentando “A man sagrada”, baseada nun poema de Cabanillas, Miguel Costas Piñó, un estupendo pianista do noso Concello, Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira.
Colaboran o Concello de Cambados e a asociación cultural e deportiva Unha Grande Chea.
Xa podes ver a nova corta de Chourizo Films que presentaron a semana pasada n’A Leria. O tema desta volta trata a violecia de xénero. Moi recomendábel.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/qr_3nv35pww" width="425" height="350" wmode="transparent" /]