Hai máis de un ano facíamonos eco da páxina web que poñía en marcha o departamento de ciencias do IES Asorey. Tratábase dunha revista dixital, co nome de A Buxaina. Nos últimos meses, por problemas técnico, a revista estivo parada. Pero agora volve ao “prelo” de internet cun cambio de imaxe e estrutura.
Desde o Asorey queren que esta publicación responda a un criterio científico de busca de información, investigación, sentido crítico, capacidade para comunicar, pero tamén que se entronque na realidade cotián do seu alumnado. Ademais pretenden que, como o seu nome indica, sexa activa, que amose as inquedanzas do profesorado e o alumnado e que se meta nas casas a través das pantallas dos ordenadores. Pero, tamén, e non menos importante, queren que sexa un compromiso permanente coa nosa língua, o medio ambiente a a sostenibilidade. Están abertos a colaboracións de calquera persoa interesada nestes temas, máis alá dos propios alumnos e profesores. Non deixes de (volver) visitar A Buxaina!
Amor Umbilical, é o nome do novo proxecto de Bronquitis Crónica, ese nome que xa evoca a unha forma de entender o hip hop moi cambadesa. O novo traballo, co colectivo 504 con base en Santiago de Compostela, ten unha compoñente de Cambados fundamental: a de Alberto F. Escariz, Bad. Amor Umbilical déixanos 11 tracks, cada un deles nos suxire un universo lírico e musical exclusivo.
Todas producións propias salvo IN uTeRO e Superhéroe, coa sinatura de Pablouve. Unha mención especial merece a aportación de Dj Webo, presenta na maioría dos tracks, os complementa perfectamente cuns scratches tan innovadores como técnicos. Nas rimas, Amor Umbilical conta exclusivamente coa colaboración de Kotto, outro integrante de 504, no track Buitres II, segunda parte do track xa publicado nunha das últimas referencias do grupo (Arte Descatalogado, 2012). A mestura e masterización corre, máis unha vez, a cargo de Kaos, La Sombra del Humo. O deseño é unha homenaxe ao falecido .mono. imposible de levar a cabo sen a aportación de Glock D. Existe un debuxo asociado a cada tema que á vez que o completa, dótao dunha dimensión gráfica e estética acorde coa música e temática do mesmo.
Nunha reseña de Andrés G Belmonte, que podes ler íntegra aquí (en GaliciaFlow.com), dise do principal resposable do album, Alberto F. Escariz: “Alberto es Bad y Bad vuelve a ser Alberto porque incluso en los temas más enfocados hacia la competición (“Amor Umbilcal” te parte el cuello…), la impronta del
autor trasciende al propio personaje. Nada más difícil. Wow.”. Parabéns a Alberto, e aos compañeiros de 504 por este novo traballo!
Podes escoitar íntegro o album e brandcamp ou en youtube. Tamén podes descargar o traballo en mp3 acompañado de toda a artwork no teu ordenador.
No Auditorio da Xuventude terá lugar a presentación do libro “Cambados” de Eduardo Baamonde. Baamonde é profesor pero ademais ten unhas dotes sobresaíntes para as artes, el mesmo confésase na súa web persoal un “amante do deseño gráfico e da pintura”. Entre as obras de Baamonde destacaría “Polo Salnés con Ramón Cabanillas” editado por CANDEA precisamente no 2009, ano adicado ao “poeta da raza”.
Neste “Cambados” editado por Faktoría K de Libros, o autor repasa a través das súas láminas o mellor da nosa vila. Pode ser un regalo excelente para calquera cambadés ou cambadesa, e especialmente para amigos doutros lugares para amosarlles dun xeito orixinal o noso Concello. Vén acompañado por un mapa co roteiro que o autor vai facendo graficamente pola vila. A presentación será este xoves 13 de Nadal a partires das 20 horas no auditorio. Organizan as librarías Contos e Cabanillas, onde podes atopar o libro se desexas adquirilo xa. Colaboran Concello de Cambados e Faktoría K, e presentará a Eduardo Baamonde un representante desta editorial: Chema Heras.
A asociación Click Cambados organiza unha nova actividade. Desta volta trátase dun curso básico de fotografía dixital, que durarará dous días (24 de Novembro e 1 de Nadal pola mañá, ambos sábados). Na primeira xornada falarase dos conceptos elementais en fotografía. Na segunda, expoñeranse as ideas básicas en edición dixital.
O lugar destinado para impartir este curso será en principio unha aula de informática da Mercede, aínda que está pendente de confirmación. É de balde, tanto para parados como para traballadores.
O instituto Francisco Asorey acollerá unha xornada de “memoria colectiva” este luns 19 para cando CANDEA, o propio instituto e o Colectivo Ecoloxista do Salnés organizan esta actividade. Consiste nun acto dividido en dous: por un lado a presentación dunha serie de fotografías daqueles días realizados por xornalistas da prensa comarcal (Martina Miser, Víctor Mejuto, José Luiz Oubiña, Iñaki abella, Mónica Vila e Carlos Puga) xunto cunha presentación realizada no centro de ensino hai dez anos.
Por outro lado, intervirán unha serie de persoas para falar do que supuxo a traxedia ecolóxica e social da maré negra. Participan nesta parte Víctor Caamaño, profesor e Xefe de Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Marta Lois, bióloga e presidenta do Colectivo Ecoloxista, e Nito Dios, bateeiro da Arousa e Membro da Plataforma en Defensa da Ría. Ao remate haberá lectura dunha serie de poemas por parte do alumnado do IES Asorey.
Será o luns 19 de Novembro ás 20 horas no Salón de actos do instituto cambadés.
Hai dez meses, por Xaneiro deste ano, soubemos da intención da Xunta de Galicia de eliminar as Fundacións Comarcais, cuxa presenza na nosa comarca tradúcese no denominado edificio Exposalnés. Neste lugar, ademais dunha exposición fixa sobre a comarca, téñense celebrado multitude de exposicións de arte e presentacións de libros, ademais doutro tipo de actos culturais. Cando coñecimos a intención da Xunta de rematar con estes espazos fixemos unha pregunta aos lectores de CTK: Ti que farías con Exposalnés se pasa a titularidade municipal? Houbo moitas respostas, mais un 80% consideraba que o modelo de xestión debía cambiar. Uns propuxeron que se empregara como centro de servizos sociais e outros apuntaban a diferentes usos culturais (museo Asorey, arquivo Cabanillas…) e os menos falaban de usos administrativos. Seguir lendo
Déixanos o Faro de Vigo de hoxe unha moi boa nova; a profesora Maribel Iglesias e o pintor Manolo Busto comezaron no verán a traballar nun libro para renderlle homenaxe a Luís Fernández Silvoso. Silvoso, quen finou hai un ano, xogou un papel importantísimo no mundo da arte da zona, logo de abrir a finais dos anos noventa a galería Borrón 4. Seguir lendo
Durante o pasado sábado celebrouse a final da categoría de música do certame Novos Creadores Xuventude Crea 2012, que impulsa a Xunta de Galicia. Nesa final que tivo lugar no Dado-Dadá de Compostela, o Trío Phil Jazz fíxose co primeiro premio do certame, que compartirá con A máquina de meter medo. O Trío Phil Jazz leva xa arredor de un ano tocando e nel participa o cambadés Rubén Iglesias tocando o baixo eléctrico. Tamén son parte da banda Manuel Méndez (guitarra), Miguel Rodríguez (saxo) e Noli Torres (batería). Os temas cos que se proclamaron vencedores foron “It’s not a dream” e “The same direction”, que podedes escoitar no vídeo da actuación de Santiago. Toda esta información sacámola do blog do Rif-Rock.
A Asociación Cultural e Deportiva de Cambados -A Cultural- vén de designar ao ex presidente de Unha Grande Chea e actual concelleiro, Xaquín Charlín, “persoa non grata”. Isto tradúcese nun veto explícito no acceso ás instalacións da asociación. Un edificio (na Rúa Nova coa Avenida de Galicia) que lembremos foi totalmente remozado recentemente coa aportación de case un millón de euros de cartos públicos a través da Deputación. A pesar desa inxección económica, a asociación segue a ter un carácter privado e tan só se asinou un escueto convenio entre o Concello e a Cultural para que o primeiro poida realizar alí actividades. Seguir lendo
Tras a nova de que a “distinguida” e “moi nobre” Sociedade Cultural de Cambados declarou “persona non grata” a Xaquín Charlín “Chon”, asáltanme varias dúbidas, a primeira e mais interesante: ¿poderá o pobre Xaquín superar tal trauma? imaxino que dende que lle deron tal desafortunada misiva, haberá entrado nunha profunda crise existencial e persoal, preguntándose que fará agora da súa vida sen poder formar parte de tan “elitista” entidade, seguro que, ao igual que o Club Siglo XXI, Real Madrid, F. C. Barcelona ou o Liceu, hai unha longa lista de espera para poder ingresar como socio na mesma ¿non? , e, de seguro, que sempre se atopa abarrotada e cun amplo cartel de actividades que fan honor ó seu nome.
Tamén teño as miñas dúbidas se é legal prohibirlle ó paso a un edificio público !ah! ¿que non é un edificio publico? Home!! Dígoo porque a súa derradeira reforma foi subvencionada, practicamente na súa totalidade, con cartos públicos como si da Casa Consistorial ou do pavillón de deportes se tratase, polo tanto, deduzo, que o seu uso debería de ser, tamén, público.
Móstrase, tamén, indignada tan insigne directiva de que se insinuase que alí se celebrou unha despedida de solteiro con “girls” incluídas, aínda que, se o mirades ben Luisiño, é un campo que non tedes explotado e que de seguro podería dar bos réditos, e, sen lugar a dúbidas, é moito mais rentable que alugar o local para mitins electorais que, ó fin e ao cabo, soamente se producen cada catro anos; mentres que rapaces que queiran despedir a súa solteria, antes de pasar pola vicaria ou polo xulgado, hainos, practicamente, cada sema ou ó sumo cada quince días; polo aspecto moral non vos preocupedes lembrade que antigas sociedades culturais (¿pillades a metáfora linguistica?) como a grega ou a romana tamén eran coñecidas polas súas bacanais celebracións, onde o alcohol, o divertimento e as mulleres en coiros eran parte de tales exaltacións humanas e nada divinas.
Aínda que ben visto estas celebracións non deixan de ter unha vertinte cultural, ¿acaso hai algo mais fermoso e, a vez, mais representado na historia do arte como o desnudo feminino? dende as deusas da fecundidade, nos albores da humanidade pasando polas esculturas da antiga Grecia ou pintores tan diversos como Rubens, Goya e Picasso destacaron todo o arte que amosa o corpo da muller; polo tanto non pensedes dende a directiva da Cultural que é un espectáculo vergoñento onde rapaces coas feromonas en niveis estratosféricos van a poñerse “palotes” ó ver mulleres en coiros. ¡non! queridos amigos, o que lograriades con estes espectáculos é fomentar o arte e á cultura entre a mocidade (a parte de beneficiar ás maltreitas arcas da entidade). ¡que mellor forma de honrar o apelido de tan gran entidade!
Incluso dende o punto relixioso e ante o reparo moral que podería amosar algún directivo o, incluso, algún mozo que asistise a tal “manifestación cultural” , sempre pódese falar con Don José, para que expida algún tipo de bula eclesiástica ou salvaconducto espiritual temporal dado o carácter pedagóxico e instrutivo que se busca e que, en ningún senso, ten porque estar enfrontado coa Fe.
Sei que sodes unha institución que “pretende fomentar a concordia entre os seus asociados a través da cultura e o deporte” o cal sumado a que o Concello ten a debilidade de facer museos en canto currucho atopa : Museo do mar, museo do viño, Casa museo de Ramón Cabanillas etc. dende logo , os cambadeses somos os cidadáns do mundo con ratio cultural mais elevado.
Sin mais un cultural saudo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.