A canle comarcal foi rápida á hora de poñer a disposición en internet o debate a tras bandas que se rodou e emitiu no día de onte. Para acceder a el podes premer na imaxe, abrirase o reprodutor da súa páxina web cun menú debaixo. Só hai que seleccionar “Cambados” para ver o programa.
Arranca oficialmente este venres ás 0.00 horas, nesta medianoite, a campaña electoral das eleccións municipais de Cambados. A esa hora terá lugar a tradicional pegada de carteis e a patires de aí os partidos intensificarán os seus actos e poderán pedir o voto abertamente. A campaña durará até o venres 20 a medianoite, seguida dun sábado de reflexión e do domingo 22 de Maio electoral.
Onte tivo lugar o debate en Tele Salnés a tres bandas (desta vez sen berros e abucheos desde o público) e as primeiras informacións apuntan a que, sacando o feito de que non houbera hooligans do Partido Popular increpando aos contrarios, os temas tratados e os argumentos dados foron moi semellantes ao debate do Auditorio. En canto Tele Salnés ofreza en formato dixital o encontro, facilitarase a través dun enlace.
É un alivio saber que houbo xornalistas do debate de anteonte do Auditorio. Xurxo Melchor, de La Voz, escribe hoxe a súa crónica do sucedido en Cambados e reflícteo á perfección co seu titular “Mucho “hooligan” del PP entre el público y el auditorio lleno”.
No corpo da nova, explica en resumo o que alí sucedeu “Lo que sobró fueron los abucheos y gritos continuos de una parte del público. Simpatizantes y miembros del Partido Popular que se comportaron como auténticos hooligans”. E aclara o que xa se dixo aquí “Lo que consiguieron fue (…) Dar una mala imagen.”
Ademais, tamén repasa no seu artigo os temas máis importantes do debate organizado por FECA, podes entrar na nova premendo aquí. Lembra que hoxe ás 23 horas será emitido por primeira vez o debate en Tele Salnés, tentarase enlazar con el aquí en internet o máis axiña posible.
Lembra que mañá Luns ás oito da tarde terá lugar o primeiro debate entre os tres candidatos á alcaldía. Será no Auditorio da Xuventude e está organizado pola asociación de empresarios FECA. O seguinte debate será o mércores á noite en TeleSalnés.
Agora é o voso turno, vós decidides se volve a ser un lugar transitado ou cae no esquecemento. A partir de hoxe hai un novo espazo onde calquera pode dicir o que queira, co único requisito de ser respectuosos. Volve o libro de visitas, e podedes acceder a el a través do botón situado á marxe dereita do blog.
Reiterar a petición de paciencia coa aprobación das mensaxes, farase o máis rápido posíbel. Nas vindeiras horas poñerase tamén na marxe dereita do blog un enlace aos últimos comentarios do libro. Vémonos alí!
Relacionada
Onte houbo pleno da corporación municipal. Entre os temas a tratar, o do Ano Asorey, que xa enfrontou na prensa a PP con PSOE e Bloque nas últimas semanas. Porén, desta volta houbo consenso canto a este tema, posto que os grupos decidiron apostar pola non utilización do Ano Asorey como arma política.
Isto reflectiuse no feito inusual de que o Partido Popular votara a favor dunha iniciativa do PSOE na cal se indica que o Concello institúe o 2011 como Ano Asorey, coa modificación introducida por Aragunde de chamarlle Ano do Escultor Cambadés Francisco Asorey. Ademais os tres partidos aprobaron unha comisión organizadora formada por 3 representantes do Concello, deputación, Xunta, familiares do escultor, Manolo Paz, Francisco Leiro e Maribel Iglesias.
Este bo ambiente para o arranque do Ano Asorey é sen dúbida positivo, pero a oposición avisou, por boca de Víctor Caamaño: “Que non nos enteremos dos actos pola prensa”, como de feito ocorría no Ano Cabanillas.
OUTROS TEMAS DO PLENO
O BNG votou en contra da subida do 1.8% na taxa de saneamento e o PSOE abstívose. Si que apoiaron os dous grupos da oposición o cambio na cuberta da piscina, pero tamén criticaron que non se estudaran as posíbeis devantaxes do actual sistema cando se mercou. Por outra banda os tres partidos apoiaron a cesión dos terreos do matadoiro á Xunta para crear un centro de día. Neste sentido PSOE e BNG indicaron que non existe partida orzamentaria nos Presupostos da Xunta para tal fin, pero Aragunde di fiarse da palabra dada pola Conselleira de Traballo.
Nada se reflicte na prensa sobre a pregunta que Víctor Caamaño (BNG) fixo por terceira vez sobre o Xantar do Albariño. Caamaño pediu ao alcalde unha lista cos convidados polo Concello e o motivo do convite. Haberá que agardar pola lista, que podería ser de grande utilidade para poñer de relevo o gasto inútil que se leva a cabo co Xantar oficial.
Información e imaxe tiradas de La Voz de Arousa e Diario de Arousa.
En febreiro do ano pasado, case cinco anos despois da posta en marcha de CTK, decidíase pechar o Libro de Visitas polo inestábel que se volvera en canto a comentarios insultantes, difamacións e demais. Desde esta banda sempre houbo reticencias ao feche, posto que o Libro de Visitas supuxo na web de Cambados o primeiro espazo de opinión libre, pero desgrazademente de nada serviron os avisos continuados e a decisión tivo que ser tomada.
Durante as semanas posteriores moitos amosaron a súa conformidade coa decisión e outros o seu total desacordo (a este respecto teño que engadir persoalmente que houbo xente que se acercou sen coñecerme para pedirme que volvera a abrir o Libro). Pero non houbo marcha atrás. Obviamente porque non tiña sentido reabrir algo que xa non tiña control, e repito, despois de tantos avisos e chamadas á orde como houbera.
A partir de aí implementouse outro modelo de participación, exitoso nalgúns casos (a través do grupo en Facebook recíbense bastantes comentarios á semana) e non tan exitosos noutros (o foro non arrancou e os comentarios no propio blog son aínda demasiado poucos).
A idea de Cambados(tk) é, ademais de lanzar opinión sobre o noso Concello, crear un espazo onde compartir opinións. Por iso, e tamén pola cercanía das Eleccións Municipais (período de especial interese para a actualidade que nos ocupa) hai uns días que están a buscarse novas formas de participación na páxina.
A idea é crear algo moi semellante ao libro de visitas en canto a funcionamento, isto é, moi sinxelo e rápido no uso, sen necesidade de crear perfís de usuario; pero coa posibilidade dunha doada moderación que do anterior Libro de Visitas carecía. Isto podería supoñer a necesidade de aprobación previa de comentarios, estilo filtro.
Xa hai algún avance neste sentido, polo que nos vindeiros días, trala proba e aceptación ou non por parte do equipo de Beta Testers de Cambados(tk), procederase á publicación de máis información. Entre tanto, seguimos conectad@s polos demais medios!
Chegou unha nota de Víctor Caamaño, na que explica que o BNG non está dacordo coa retirada do Noitebús, anunciada polo executivo de Núñez Feijoo recentemente en aras da suposta “austeridade”. E véñenme a cabeza cantidade de argumentos econcontrados que sobre este tema se puideron escoitar o pasado luns no programa da Televisión de Galicia Foro Aberto (ese que substituíu a Hai Debate para retirarlle algo de contido político).
Alí uns falaban de inxustiza sobre a retirada dun servizo que amosou a súa eficacia na diminución de accidentes de tráfico nas noites de movida. Outros apoiaban a súa supresión en base ao aforro que proclama Feijoo para algunhas cousas, argumentando que o custo do servizo non o debe sufragar a Xunta (en parte) senón os locais de copas como presuntos beneficiarios. Un deles, campión de mesturar ideas, dicía que o bipartito ao poñer en marcha o Noitebús estaba a financiar e pouco menos que promover o consumo de alcol entre menores!
Particularmente gustei do que dixo o catedrático Veiga Buxán. El razoaba o asunto deste xeito: se Feijoo tan só aludiu a razóns económicas para eliminar o servizo, é doado argumentar no terreo puramente económico: pódese comprobar como a siniestralidade nas estradas descendeu e polo tanto como se aforraron moitos cartos das arcas públicas en saúde. E logo, por suposto, habería que introducir tamén o feito de que se salvan vidas (e non só a dos condutores que beben, senón a dos pobres que estes atopan nas estradas) e que hai que entender o Noitebús como unha mellora no ocio da mocidade e das súas familias, que aforran tempo en desprazalos nuns casos e preoucupacións noutros. Pero a dimensión social, humana, pasárona por alto.
Dicir que se apoia o botellón con esta medida é simplemente unha estupidez, xa que para irse de botellón non fai falla coller ningún medio de transporte…pódese facer baixando ao parque máis próximo ou incluso en inmobles. Dicir que se fomenta o consumo de alcol é tomarnos xa por parvos; é estabelecer unha igualdade entre o feito de dispoñer dun transporte axeitado con promover a inxesta de bebidas e dáse por suposto que todo o mundo sae a emborracharse cada noite até perder o sentido.
Moita demagoxia se fai con este tema. Creo que todos concidimos en que a cultura do alcol non é sana, mais iso non quere dicir que a solución sexa prohibir o botellón (por esa regra de tres o que se debería facer antes entón sería prohibir o alcol). Pero por que nunca se vai ao fondo do asunto para preguntarnos cal é a causa real do botellón? Non será quizais polo prezos abusivos que a maioría de locais impoñen ás bebidas?
E todos sabemos que tamén na maioría deses locais non se sirve o que o cliente pide, aí está o fenómeno do garrafón, sobre o que ningún analista, articulista ou político se escandaliza e que consiste basicamente en que che dan o que non pediches e moitas veces con efectos nocivos para a saúde. Consíntese iso noutro sector da sociedade?
Sexamos razoábeis. O noitebús foi unha boa idea, unha das poucas iniciativas orixinais da parte socialista do bipartito. O que custa aos constribuintes o seu copago é irrisorio comparado co que a Xunta gasta en publicidade insitucional (véxase todo o proceso do decreto antigalego) ou simplemente desprezábel se se compara coa cantidade de cartos de todos que o Goberno inxectou aos bancos para paliar unha crise que eles contribuiron a crear (e non se vexa isto como demagoxia, senón como contestación ás opinións liberais que poñen o grito no ceo con calquera subvención pública pero se fan de Cobas cando os bancos reciben os nosos cartos).
E o botellón haberá que regulalo, afastalo das vivendas para que non moleste a quen quere durmir, e combatilo en tal caso desde a educación e sobre todo desde a súa orixe: ca fin das prácticas moitas veces até neglixentes de moitos locais de copas. E non perseguindo aos xóvenes.
Aínda que non teña que ver dun xeito directo con Cambados, coido que o tema universitario é de grande interese para tod@s. Na Voz da semana pasada facíanse eco dos rankings universitarios mundiais e incidían na baixa presenza das universidades europeas, e particularmente as galegas, nos seus mellores postos.
Coidei que a gabanza que se facía nas páxinas de La Voz ao modelo americano eran, cando menos, esaxeradas (podes lelas premendo aquí) e así o tentei reflectir nunha carta ao director:
Leo na Voz do 10 de Setembro unha reportaxe sobre rankings de universidades a nivel mundial. Destacan sempre, como se di no artigo, as do sistema americano.
Logo o autor da nova dános as claves do éxito das universidades estadounidenses e louva abertamente o modelo neoliberal das mesmas. Para hai un dato polo que pasa moi de puntiñas e é moi importante. Poderíase engadir un punto máis a esas claves: altísimos prezos de matrícula.
Un estudante de Harvard, por poñer un dos exemplos que se dan na reportaxe, paga ao ano uns 26.000 euros de matrícula. Para os estudantes da USC esa matrícula ronda os mil euros (normalmente non chega a eles). Esa diferenza, dun factor de 26, é a diferenza entre o privado e o público. O que permite que aquí todo o mundo poida decidir continuar os seus estudos e alí non sexa deste xeito e incluso quen decide ir á universidade adquira débedas incluso antes de comezar a vida laboral.
Por non entrar en que o feito de que as universidades deste tipo sexan realmente empresa privadas (como si se di no artigo) e polo tanto teñan intereses propios, invirtan fondos en bolsa e no mercado inmobiliario e en resumo, sexan un negocio máis que un instrumento ao servizo do Estado, e polo tanto da sociedade, como si acontece en Europa.
Dito isto, e aínda que por suposto que creo que queda moito moito por mellorar, creo que as universidade europeas (e incluso as galegas!) poden estar orgullosas de ocupar os postos que ocupan. Son, de momento, universidades para todos/as.
Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.
O obxectivo co que naceu esta páxina, hai xa cinco anos e pico, foi para crear unha nova canle de opinión e debate en Cambados. Durante a súa existencia houbo varios mecanismos que permitiron e permiten isto.
O primeiro, e máis directo é a caixa de email (cambadostk en gmail.com) que está aberta a todo o mundo. O segundo foi o libro de visitas onde cadaquén podía emitir libremente a súa opinión de xeito anónimo (lembremos que o libro foi pechado este ano por problemas de control). Logo, nesta nova etapa en Blogaliza, póñense a túa disposición varias novas formas de participar. Podes facelo como comentario a calquera publicación, podes engadir a Cambados.tk ben no Facebook ben no Twitter se dispós de contas nesas redes sociais e participar desde alí.
NOVA FERRAMENTA: AVISOS AO TEU EMAIL
Agora tamén podes suscribirte aos avisos ao email que se che ofrecen na marxe dereita da páxina. Unha vez introducido o teu email (que permanece totalmente seguro e non pode baixo ningún concepto ser publicado ou cedido a terceiros) e confirmado, recibirás na túa bandexa de entrada cada día un correo coas novidades do blog, sempre e cando se publicara algo no día. Se che interesan esas novidades, podes acceder a través do correo á paxina.
QUE PODES APORTAR TI?
E para que serven estas ferramentas? Pois para cumprir co cometido da páxina: crear debate, facilitar a opinión. Podes facer chegar calquera comentario, se che apetece escribir un simple artigo sobre calquera tema que encaixe nesta web, ou podes nas redes sociais comentar que che parecen as novas ou os artigos de opinión que se publican aquí. Cada vez é máis doado así que…anímate a participar!