Pregunta 6. Fomentará vostede no goberno a participación e a transparencia? Como?
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O fomento da participación é unha aposta clara e imprescindible no programa do BNG. Cambados, tras moitos anos de gobernos do PP, funciona coma unha ditadura municipal. O BNG propón medidas e canles concretas que promoven a participación de veciños e veciñas na vida municipal como son a creación dos Consellos Sectoriais, o Consello Escolar Municipal, A Fundación de Deportes, o Padroado da Festa do Albariño, a Fundación de Estudos Ramón Cabanillas…; tendo especial interese a nosa proposta de creación dunha Web Social Aberta onde estaría reflectida tanto a actividade económica do concello como outro tipo de información (por exemplo os convidados ao xantar do Albariño). A web daría acceso tamén ás redes sociais e permitiría a tramitación de asuntos oficiais a través dela. O BNG neste tema propón medidas concretas que, sen dúbida, enriquecerían a vida municipal para o beneficio de todos e todas.. Máis info no seu blog.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. A transparencia e a participación son para os Socialistas, Culturas e coma tales debemos fomentalas, pero son tamén Cidadanía e crearemos unha área de Cidadanía no Concello, orientada a fomentar a participación, e coa que se elaborarán Presupostos Participativos onde unha parte das inversións sexan decididas polos colectivos sociais, un regulamento de participación nos Plenos, e difundiremos os plans, procesos e proxectos a través das redes informáticas e fomentando a e-administración de verdade, non a dos anuncios do PP. Máis info. na web do PSOE de Cambados
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Despois da suspensión do acto central do BNG de Cambados previsto para onte polas consecuencias do terremoto de Murcia, xa sabemos cal será a nova data do mitin do Bloque e de paso, tamén a dos outros dous partidos:
BNG. O seu acto central terá lugar o martes ás 20.30 horas no Salón Peña. Falarán Montse Prado, secretaria de Organización, Bieito Lobeira, deputado no Parlamento Galego e Víctor Caamaño, candidato á alcaldía de Cambados. Introducirán o acto os candidatos Manuel Fariña, Almudena Castro e Xaquín Charlín (Chon).
PSOE. O mitin central do PSdeG-PSOE será tamén no Salón Peña o mércores ás 21 horas. Descoñecemos aínda quen falará ademais do seu candidato á alcaldía, Domingo Tabuyo.
PP. O Partido Popular volverá o venres, último día de campaña, ao Salón Peña.
Lembra que aínda podes participar na enquisa de campaña de CTK
Pregunta 5.- Que propostas resaltaría en relación ao deporte en Cambados?
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. Patronato Municipal de Deportes, Fomento do deporte base, cooperación integral cos clubes deportivos e plan de mellora de instalacións, ampliacións, e adaptación para certas prácticas deportivas. Asimesmo, crearía puntos deportivos e zonas públicas urbanas para dar facilidades aos xóvenes..Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG.Con respecto ao deporte o BNG propón a creación dunha Fundación de Deportes que sería a encargada da promoción, xestión e coordinación do tecido asociativo deportivo, prestando especial atención ao deporte de base. O concello apoiará ás escolas deportivas tamén por medio de monitores que fagan unha labor de formación. Ademais serían melloradas as instalacións deportivas existentes, principalmente os pavillóns escolares (Cabanillas, Asorey, construción dun no Magariños), favorecendo a súa utilización fora do horario escolar (optimización de infraestruturas deportivas). O BNG tamén activaría o “deporte para todos e todas” coa promoción das actividades na rúa, habilitando espazos ao aire libre e organizando programas deportivos no medio natural. Tampouco será esquecida a organización de eventos e xornadas deportivas con finalidade de dinamización económica e potenciadores da actividade turística. Máis info no seu blog.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Pregunta 4. Estamos en tempos de crise. Que medidas pode pór en práctica desde o goberno de Cambados para combatela?
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. A austeridade é unha palabra que se di moito pero que en Cambados se practica moi pouco, en xeral o PP sempre a pide pero nunca a utiliza: Cambados debe 1000 millóns de pesetas; gasta por riba dos 5000 euros mensuais tan só en teléfonos ( máis de 10 millóns de pesetas ao ano), non reduce gastos correntes e está por riba dos 3 millóns de euros anuais, e as inversións para mover a economía local pasaron de 3,5 millóns de euros nuns anos a 500.000 euros nas contas do 2010. a Cambados salvouno en moitas cousas os case 4 millóns de euros dos Plans Zapatero. Faremos planificación, reducción e priorización do gasto, o PP debe 300 millóns de psestas a proveedores e comercios coa que está caendo, e co que o precisan as familias!!!! E non lles pagan. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O modelo económico neoliberal que defende o PP e o PSOE que pon os intereses da economía finacieira por riba dos da economía produtiva levounos a esta crise económica que en Cambados se traduce en 1.500 parados e parados, en precariedade laboral e en dificultades nas familias para chegar a fin de mes. Para o BNG a alternativa consiste en apostar pola economía produtiva (o sector do mar e o agro son os que mellor están a soportar a crise) e, ademais, cremos que o papel prioritario dun Concello debe ser dinamizar a economía e crear emprego.
Desde o concello de Cambados o BNG propón apostar polo marisqueo recuperando a máxima produtividade dos bancos marisqueiros do noso litoral (saneamento e eliminación de calquera proxecto agresivo para eles –comportas, macroporto deportivo-) o que permitiría aumentar os salarios e os postos de traballo. Tamén propomos a potenciación do turismo coa peonalización da Praza de Fefiñáns e a creación de aparcamento soterrado e zona de servizos para o casco histórico. Ademais cómpre realizar o remate e a regularización do Polígono Industrial para que deixe de ser unha fonte de especulación e de freo do sector industrial e deste xeito conseguir a activación deste sector en Cambados. Estas sería as principais actuacións para dinamizar a economía pero habería outras de menor efecto e importancia a curto prazo.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Pregunta 3. O medioambiente parece volver ao centro das disputas da política municipal. Que considera prioritario para a lexislatura que vén? En concreto…que opina das comportas do Saco?
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O tema medioambiental, máis que volver, eu diría que segue no debate político de Cambados. As endémicas deficiencias no saneamento teñen efectos que van máis alá dos puramente mediambientais, pois resulta negativo para a saúde e tamén para o sector turístico e para o marisqueiro. Na situación de crise económica actual ao ter a problemática medioambiental un efecto negativo e directo sobre a economía, resulta lóxico, que volva a protagonizar o debate político. Ademais, para o BNG, sanear o litoral é un paso previo para recuperar os bancos marisqueiros litorais e polo tanto para crear postos de traballo no sector produtivo que mellor está a soportar a crise económica.
O paso do banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns de zona B a zona C foi o exemplo de cómo os problemas medio ambientais afectan negativamente á nosa economía. Este banco natural é moi produtivo e se lle está ameazando cunha obra que pode ter consecuencias nefastas para o seu futuro. O BNG está claramente en contra desta infraestrutura polo efecto negativo que esta vai a ter sobre o marisqueo. O PP defendeu a construción das comportas sen o máis mínimo principio de prudencia, con total escurantismo e impondo o seu criterio en contra do colectivo de mariscadoras e da D.X. de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños que pedía un estudio de impacto ambiental que dera a coñecer os efectos da obra sobre a produción marisqueira no lugar.Ver vídeo das propostas do BNG en temas medioambientais.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. Un medioambente sostible que axude a potenciar os nosos sectores económicos e garanta a súa perviviencia cada vez en mellores condicións. Saneamento integral, depuración eficaz, protección medioambental e concienciación da reciclaxe, xunto co coidado do noso litoral, a aposta polas rutas naturais e pola xeneración de valor social do noso medio.
En concreto as comportas, dende van alá moitos anos, mantemos dous principios: primeiro sanear para recuperar o valor productivo do Saco, e despois facer os estudos pertinentes, tanto o de Impacto Ambiental, como o de dinámica de mareas e afectacións por incremento de temperaturas da auga e incidencias derivadas da mesma en algas e outras especies, para ver se é ou non viable o proxecto da comportas, un proxecto no que non creemos. Pero o PP fai o de sempre: empezar a casa polo periódico e o tellado. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Pregunta 2. Que medidas propón para a mocidade de Cambados?
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. A mocidade é o noso presente e ten que ser a garantía do mellor futuro para o pobo, e para iso, debe ter espazos propios e proposta propias: queremos crear o Multiespazo Xove na Xuventude, con locais de ensaio para os grupos musicais, e espazos para a creatividade e as novas tecnologías, e que sexa xestionado por un equipo elegido por eles mesmos. Queremos facer de Cambados un Concello wifi, aberto accesible e para todos. E tamén apostamos pola creación dun Consello local da Xuventude, e unha oficina de Mediación Xuvenil. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG. A mocidade foi tradicionalmente o grupo social esquecido polos diferentes goberno do PP no concello (so se acordaron dela para utilizala politicamente). Ademais é un dos colectivos máis afectados pola crise económica o que se traduce nunha alta taxa de desemprego.
O BNG considera á mocidade como o máis importante capital humano e por iso incluímos propostas para ela en todos os apartados do noso programa. Entre as nosas propostas están o garantir o libre acceso, en igualdade de oportunidades, a todo tipo de convocatorias e servizos do concello, ofertar espazos e axudas para o desenvolvemento de distintas actividades (ensaios, obradoiros de arte, reunións, audicións musicais…), deseñar unha oferta cultural e deportiva ampla e diversificada para a mocidade, promover as súas manifestacións artísticas, deseñar sistemas de participación na política municipal (web social aberta), facilitar o acceso as infraestructuras deportivas, incrementar o orzamento destinado a bolsas de estudo, crear vivenda de protección e facilitar o acceso en boas condicións a mozos e mozas, promoción do asociacionismo xuvenil e autoorganización, realización de campañas de formación, información e prevención de riscos (sexualidade, drogas…)… Máis información no blog de Víctor Caamaño.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Iníciase hoxe a publicación das respostas ás preguntas que Cambados(tk) remitiu aos candidatos á alcaldía de Cambados. Serán dez as cuestións que se plantexan e vanse ir publicando aos poucos, coas preguntas agrupadas máis ou menos coas temáticas que se tratan.
Lamentablemente, igual que en 2007, non contamos coas respostas do candidato do PP. Antes Tourís e agora Aragunde, ignoraron a proposta deste espazo na web a pesar de que foron notificados correctamente, polos mesmos medios e no mesmo prazo que aos demais candidatos.
Pregunta 1. Como valora a xestión do actual goberno? É necesario un cambio?
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
……
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. O Goberno de Aragunde, é unha fotocopia e goberna ao dictado de Tourís, nin aportou nada novo nin o deixan que o intente. Aragunde limítase a seguir na mesma senda de creerse en posesión da verdade e practica os 4 principios esenciais que Tourís implantou: mentira, insulto, manipulación e publicidade permanente.
Polo tanto a valoración é negativa: prometeron montes e moreas para gañar as eleccións e todo está incumplido:nin temos Centro de Día, nin edificio de servizos sociais, nin transporte adaptado, nin políticas de xoves e maiores, nin Depuradora en Vilariño-Ribadumia, nin vivenda sociais, nin tan siquera repuxeron o PAC de Pediatria: un engano masivo á cidadanía. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O BNG fai un balance claramente negativo da xestión do PP no concello de Cambados por moi diversas razóns, entre elas: porque non pensaron no cidadán á hora de facer política e o resultado son 1.500 parados e paradas, porque as súas actuacións no ámbito do marisqueo, comercio e industria foron nefastas para estes sectores, porque paralizaron urbanisticamente o concello, porque non o sanearon, porque o endebedaron por riba do razoable, porque seguen a practicar sen pudor unha política de contratación baseada no “enchufismo “, porque transformaron a festa do Albariño nunha convención do PP, porque ocultan datos públicos á oposición, porque utilizan o concello con finalidade partidista, porque non crearon canles de participación cidadán, porque non tratan por igual a todos e todas, porque benefician economicamente aos seus partidarios…, en fin; e por moitas cousas máis.
É urxente un cambio de goberno municipal; o Concello de Cambados necesita ser saneado a todos os niveis. Máis información no blog de Víctor Caamaño.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
La Voz de Arousa volve a dar hoxe no clavo ao facer unha necesaria reflexión sobre as malas formas en política. Logo de que esta semana fixera unha descrición moi axustada á realidade (comentando o espectáculo dado polos hooligans do PP no debate do Auditorio) hoxe fai unha pequena crítica ao ex alcalde Cores Tourís.
Xa sabemos que Tourís non se caracterizou nunca pola súa educación á hora de tratar aos rivais políticos, máis ben todo o contrario. Nas últimas municipais referíase aos seus contrincantes deste xeito: “Mentres uns divagan, o poeta escribe, o outro contempla como os paxaros siguen voando e nós traballamos polo futuro de Cambados e polo benestar dos veciños” (La Voz de Arousa, 10/Abril/2007).
Anteonte, no mitin en Peña, Tourís dixo «Domingo Tabuyo anda presentando un conto en Martín Códax», segundo os propios xornalistas, con mofa e no seu clásico ton burlón (que por certo, outros sufrimos en persoa e podemos dar boa conta).
E eu penso exactamente igual que quen escribiu esa pequena referencia en La Voz; que malo ten que un político lle dedique parte do seu tempo á literatura? A ninguén lle colle na cabeza que sexa algo negativo; bueno si, a Cores Tourís e a seguro que a máis de un que lle volvería rir as grazas no mitin do PP.
Lembra que mañá Luns ás oito da tarde terá lugar o primeiro debate entre os tres candidatos á alcaldía. Será no Auditorio da Xuventude e está organizado pola asociación de empresarios FECA. O seguinte debate será o mércores á noite en TeleSalnés.
Non haberá sorpresas: despois de dúas contendas con catro listas en xogo, Cambados volverá ás tradicionais 3 candidaturas. Así o publica hoxe o Boletín Oficial de Pontevedra. Lembrar que en 2003 os Independentes por Cambados deran a sorpresa non só presentándose, senón obtendo unha acta de concelleiro para Álvaro Rodríguez, e en 2007 Rodríguez volveu a tentalo sen éxito polo Partido Galeguista.
Podes consultar todas as listas na fonte oficial (o BOP) premendo aquí, ou podes repasar as novas de Cambados(tk) que fan referencia ás candidaturas:
PSOE – Encabezada por Domingo Tabuyo
BNG – Encabezada por Víctor Caamaño
PP – Encabezada por Luís Aragunde