O vindeiro xoves 7 de Abril os socialistas de Cambados presentarán a súa candidatura nun mitin no Auditorio da Xuventude. O acto terá lugar a partires das oito e media da tarde e acudirá o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez.
Intervirán tamén Rafael Blanco (número 2 da candidatura), Modesto Pose (secretario provincial e candidato en Vilagarcía) e Domingo Tabuyo, candidato á alcaldía de Cambados. Máis información na súa páxina web.
O pasado día 10 de Febreiro a Xunta de Galicia publicaba no DOG o decreto 20/2011 no cal se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Xa hai un ano comezaramos en CTK unha serie de artigos onde tratamos de explicar que era o POL e cales eran os precedentes na lexislación, como afectaba o POL provisional ao desenvolvemento urbanístico de Cambados e por último cales fora as posturas dos grupos políticos arredor deste importante asunto.
Lembremos que no caso de Cambados o POL ten especial relevancia posto que, ao non contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -e dos motivos de por que non o temos habería moito que falar- o futuro goberno de Cambados que saia das urnas en Maio verase obrigado a cumprir escrupulosamente o que no POL se diga á hora de redactar o PXOM. Polo tanto o que se di no POL é de obrigado cumprimento por ser unha norma de arácter superior e ditará o futuro urbanístico de Cambados.
Erros que continúan no POL definitivo
Tralo período de alegacións hai que salientar que, por desgraza, os maiores erros que se comentaban en Cambados(tk) hai un ano seguen a estar vixentes.
A zona do Campo Verde (e unha zona bastante grande en superficie, por certo) segue a estar considerada como Zona de mellora ambiental e paisaxística, na que en principio non se permite construir. O mesmo o ocorre con terreos na zona da Pastora-Os Olmos, que seguen a ter esta calificación nos mapas do POL definitivo. Son terreos que para nada condicionan a protección do litoral nin teñen características naturais que requiran esa definición, e que deberían ser zonas de crecemento urbanístico para o noso Concello.
A única mellora neste sentido radica na zona da variante do Salnés lindando coa Avenida de Vilariño (a estrada que pasa por detrás do instituto Cabanillas) que deixou de ser, do POL provisional ao definitivo, zona de mellora ambiental. [podes ver no mapa as zonas que se mencionan rodeadas por un círculo laranxa, preme na imaxe para ampliar]
As posicións dos partidos en Cambados
O alcalde, Luís Aragunde, dixo que non era certo que non se poida construir nas zonas mencionadas, e alegou que o artigo 63 do decreto do POL permite facelo. Pasando por alto que o artigo ao que se refire é en realidade o 64 (un lapsus teno calquera), é certo que si di que se permitirían excepcións, pero como di a palabra, son excepcionais e os futuros responsábeis do Concello atoparán un problema á hora de ordear eses terreos cando o único que tería que ter feito Aragunde era alegar ante a Xunta e que eses terreos foran considerados o que deberían ser: urbanizábeis.
Respecto á oposición, xa gabara no artigo de 2010 a política do Bloque porque era a única formación que estaba a referirse aos planos oficiais da Xunta e non a invencións (como Aragunde) ou simplemente a cuestións de menor importancia como a toponimia (PSOE). A actividade do grupo de Tabuyo hai que dicir que mellorou (…tamén é doado mellorar a nada) e ultimamente referíronse por fin a terreos concretos. O BNG e Caamaño seguiron co mesmo discurso, que é basicamente o que se ten explicado neste artigo, porque é o que responde á realidade dos documentos oficiais e que todo o mundo pode comprobar accedendo á web oficial do POL.
Como conclusións destacaría que:
-O POL mantén na versión definitiva erros que dificuldarán o desenvolvemento urbanístico de Cambados en zonas lóxicas, como Campo Verde, Pastora-Olmos, etc.
-Os erros poderían terse evitado se o Concello exercera o papel que lle corresponde e llos comunicara á Xunta de Galicia por medio de alegacións e outras accións. E tamén se o Concello tivera redactado xa o PXOM, que por certo o PP prometeu aprobar nesta lexislatura que remata.
-A oposición, especialmente o Bloque, está a exercer o papel que lle correspondería aos de Aragunde: velar polos intereses de Cambados.
*Documentos
Ademais de poder acceder a eles (non sen algo de complicación) desde a web oficial, deixamos aquí os do noso Concello:
-Plano de Cambados. Inclúe Corbillón e Vilariño
*Os artigos de 2010
Febreiro de 2010 (Sobre o POL provisional)
Plan do Litoral I: Unha lectural xeral
O PSdeG-PSOE vén de presentar a candidatura que a súa asemblea aprobou para as eleccións municipais de 2011. Como xa sabiamos, Domingo Tabuyo repite outra vez ao fronte da mesma, e seguirao o tamén concelleiro Rafael Blanco, biólogo que traballa no Concello de Caldas. A número tres é Fátima Abal Roma, licenciada en Dereito. Tras ela aparece o Enxeñeiro de Informático de Sistemas Lucas Vieities, traballados de PSA Peugeot-Citroën.
O número cinco é para Sara González Varela, técnico superior de Acuicultura. O seis é Ángel Manuel Giráldez, adegueiro e que xa é concelleiro na actualidade. O sete é Angel Costa Cordal, patrón de pesca e traballador dunha empresa de tratamento de residuos sanitarios. Os seguintes postos son para Milagros Martínez, Regina Núñez, Ángel Bugallo Feijoo, Bernardo Falcón, Dionisio Muñiz, Lucía Chaves, Miguel Pérez, Tatiana Soto, Luisa González Calo e pechando a lista o empresario José Daporta.
Domingo Tabuyo recalcou que a candidatura renova sete dos dez primeiros postos e é eminentemente xove. Ademais representa a todas as parroquias de Cambados e conta con xente formada, “reflexo da realidade dos xóvenes do noso Concello e Galicia”. Tabuyo di que en 2007 non gobernaron “por un puñado de votos” e son a alternativa ao Partido Popular.
O PSdeG está vivindo un dos momentos máis delicados desde que Touriño deixou a secretaria xeral tralas eleccións de 2009. O novo líder dos socialistas, Manuel (Pachi) Vázquez, decidiu de cara ás eleccións municipais que no seu partido “hai xente suficiente” e só se permitirá un cargo por persoa, isto quere dicir que os deputados non poderían ser candidatos nas Municipais sen antes renunciar ao seu escano.
Esta proposta, porén, ten unha grande excepción: os deputados no Congreso e os senadores. É o caso tanto de Domingo Tabuyo en Cambados como do alcade de A Coruña, Javier Losada (Senado). Eles, para Vázquez, si que poderían ocupar dous postos a diferenza dos seus compañeiros os deputados no Parlamento de Galicia.
A pasada fin de semana houbo executiva nacional do PSdeG e o seu líder tentou aprobar a resolución que plasmaría a súa idea. Malia o seu ímpetu por conseguilo, foron até 15 persoas presentes as que amosaron a súa disconformidade pola asimetría da medida; eles defenderon que a norma se aplicara a todos (parlamentarios en Galiza e en Madrid) e non só a uns poucos.
Unha desas persoas era Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG no Parlamento Galego e unha das (poucas?) caras do galeguismo real no PSOE (e que xa amosara a súa intención de integrar a candidatura municipal de Santiago). Hoxe anuncia a prensa que Pachi Vázquez está a piques de destituilo do seu cargo no Parlamento, casualidade?
De momento Domingo Tabuyo pode estar tranquilo, pois ou se dá unha rebelión nas filas socialistas (algo que parece moi improbábel, aínda que a situación mereceríao) ou poderá ser candidato sen deixar o seu escano no Congreso.
Como noticia exclusiva, o Faro de Vigo publica hoxe a nova de que Domingo Tabuyo será candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Cambados. O político, tamén deputado en Madrid, asume este reto por quinta vez (desde 1991 ocupa un asento na Corporación Municipal), logo de ter levado ao seu partido desde un concelleiro até os cinco que ten na actualidade.
Esváense así as dúbidas sobre a súa candidatura en detrimento do concelleiro Rafael Blanco, quen tamén soaba para encabezar a lista socialista.
UNHA PERSOA, UN CARGO
Esta é a máxima coa que o novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, chegou ao seu posto ao suceder a Toruiño. Porén, esta norma do partido só compete aos deputados autonómicos, que non poden aspirar a outros cargos (municipais, por exemplo) sen abandonar o seu escano en Santiago de Compostela. Aínda que non ten demasiado sentido, os deputados en Madrid están exentos desta norma e poden acumular cargos, polo que Tabuyo non terá inconvenientes por esa parte.
O RETO DO PSOE
Domingo Tabuyo declaro a Faro de Vigo que se presenta para acadar a alcaldía de Cambados, liderando un novo goberno progresista. Aínda así, o PSOE ten o reto principal de defender a representación obtida ante os malos tempos que se lle auguran ao partido do Goberno de España e manter a segunda posición electoral en Cambados.
PRESENTACIÓN DE NOVO POEMARIO
A primeira aparición en público de Domingo Tabuyo tras este anuncio será o vindeiro venres no Centro Comarcal para presentar o seu novo poemario, Cadernos de París. Será a partires das 19.30 e participarán tamén os escritores Ramón Caride e Emilio Ínsua. Haberá lectura de poemas a cargo de Isabel González Avión, Xosé María Vila Ribadomar e de Marité Aragunde García.
A enquisa preelectoral sobre os comicios municipais de Maio de 2011 tivo unha boa acollida na internet cambadesa. Durante os dez días que estivo aberta á participación foron 84 persoas quen acudiron á chamada de Cambados(tk). Amplía as figuras premendo nelas.
O PERFIL DO ENQUISADO: Xove, de esquerdas e galeguista
Así é, un 46% dos participantes dixo ter entre 18 e 25 anos e as persoas con menos de 35 anos foron un 72% do total. Polo tanto, esta terceira enquisa de Cambados(tk) foi a que maior interese espertou entre o sector da mocidade, curioso tendo en conta que era unha enquisa totalmente política a diferenza da anterior (Albariño).
Do mesmo xeito o perfil do enquisado é claramente progresista. Entre 1(esquerda) e 5(dereita) a media foi dun 2.0. Canto ao sentimento galego(1)/español(5) o resultado foi de 1.9. Isto cadra bastante coa liña editorial da páxina web desde o seu inicio.
OS MAIORES PROBLEMAS DE CAMBADOS: Política clientelar (enchufismo), cheiros e problemas ambientais
Estes foron os tres principais problemas que atoparon os cidadáns, seguidos da falta de apoio a colectivos e asociacións e mantemento de infraestruturas. O aparcamento foi o sexto problema en votos. Os participantes tiñan a posibilidade de escribir libremente, neste sentido destaca a grande cantidade de referencias á falta de sensibilidade institucional do Concello (non convidar á oposición aos actos, xantar do Albariño, soberbia…). Podes ler todas as respostas íntegras aquí.
VALORACIÓN DOS GRUPOS POLÍTICOS: PP e PSOE suspenden e aproba por pouco o BNG. Aragunde o máis coñecido seguido de Tabuyo e Víctor Caamaño
Bastante estritos foron os participantes á hora de valorar aos tres grupos políticos con representación. Podíase puntuar do 1 ao 5. O PP obtivo unha nota media de 1.9, a peor dos tres, o PSOE acadou un 2.4, no límite pero suspenso, e o BNG un 2.9, pouco por riba do aprobado.
Canto coñecemento dos diferentes políticos, os máis coñecidos foron, obviamente os líderes: o máis popular foi o alcalde Luis Aragunde (97.6%), seguido de Domingo Tabuyo (96.4%) e Víctor Caamaño (91.6%). Situouse algo por detrás MªJosé Cacabelos, BNG, (70.2%) e xa a bastante distancia o tenente de alcalde Antonio Iglesias (40.5%) e o concelleiro do PSOE Rafael Blanco (38.1%).
O CAMBIO POLÍTICO: Desexado pero non críbel
Quizais sexa este o punto que máis chame a atención da enquisa. Un 68% cre que non vai haber un cambio político nas vindeiras municipais, a pesar de que o 76% desexa que iso ocorra. Chama a atención polo perfil do enquisado, potencial votante da esquerda, que non ve crible hoxe por hoxe que o cambio vaia suceder en Maio.
Estas respostas contrastan coas recollidas na última pregunta da enquisa, na cal se podía deixar calquera comentario respecto das eleccións municipais. Neste caso un número elevado de participantes piden un cambio político (“a perpetuidade no poder é a enfermidade crónica deste Concello”, dixo un enquisado). Outro, ademais, se dirixen á oposición porque “debería ser máis agresiva” ou “son persoas pouco cercanas. Hai opinións para todos os gustos, o mellor é lelas integramente, neste enlace.
Cando a campaña estea realmente cerca, Cambados(tk) lanzará de novo unha enquisa para pulsar daquela a percepción dos lectores, e sobre todo, comparala coa que existe neste momento.
Relacionados
Os resultados da enquisa. Podes acceder aquí aos resultados completos da enquisa preelectoral de Cambados(tk).
Eleccións 2011. Especial eleccións municipais en Cambados(tk)
Cadernos de París é o poemario que Domingo Tabuyo presenta na editoria Follas Novas de Santiago de Compostela, inserido na colección Libros da Frouma. Segundo o propio autor o libro pretende achegar a imaxe dun París cheo de contrastes, luces e sombras, reflexos de arte, a creatividade latente en cada rúa e a profusión atractiva das terrazas baleiras ante a choiva ou cheas de turistas e de ocio.
Domingo Tabuyo, ademais de ser deputado e portavoz do PSdeG-PSOE en Cambados, é profesor no instituto Francisco Asorey e como escritor ten publicado obras como Balsaín Blues, Nos tempos da invernía, Manual de urxencias, A luz secreta ou a novela Carmín (que se lembramos, ten a Cambados como marco no que se desenvolve a trama). Foi gañador de premios de poesía como o Cidade de Ourense ou o Avelina Vallarades.
Por outra banda o tamén escritor Ramón Caride (facíamonos eco hai dúas semanas aquí dunha extensa entrevista con el no Galicia Hoxe) vén de presentar O gume dos espellos, no que recopila uns trinta artigos publicados na prensa desde os anos noventa sobre a lingua, a ecolocía, Ramón Cabanillas, música, literatura…
Nas últimas semanas os voceiros do PP e do PSOE, Luis Aragunde e Domingo Tabuyo, teñen publicado durante as fins de semanas cartas abertas cruzadas. Cartas que, por certo, aportando cero ao debate municipal son dunha calidade bastante pobre (as últimas xa consisitían basicamente en chamarlle ao outro mentireiro). Isto é un claro síntoma dunha cousa: as eleccións municipais, a pesar de que aínda son para Maio do ano que vén, xa inflúen na actualidade política de Cambados.
Feito que tamén é respaldado pola recente publicación dun boletín informativo por parte dos socialistas ou por un artigo especial hoxe no Diario de Arousa. Este artigo analiza a situación actual dos tres partidos, especialmente dos tres portavoces. Nel afirma a xornalista Fátima Frieiro que Aragunde é por agora o único dos tres que parece será candidato seguro. Atreveríame a dicir que no Bloque a repetición de Caamaño está asegurada (e necesaria) e quizais é no PSOE onde podería haber cambios en beneficio de Rafael Blanco aínda que parece a estas alturas xa moi pouco probábel (Blanco ostenta ademais a responsabilidade comarcal do partido).
Canto ás expectativas é moi cedo para falar. O certo é que se ben a situación non é nada ventaxosa para a esquerda (nestes catro anos caeu o bipartito e o PSOE atravesa sen dúbida o seu peor momento de confianza) tamén é verdade que hai que ter en conta algo que moitas veces se obvia en Cambados: O PP non ten unha maioría para nada ampla (en 2007 a suma dos votos da oposición foi maior que a dos votos dos populares). Nos dous últimos comicios a súa vitoria foi moi axustada, co que o escenario sempre está aberto.
A tantos meses das eleccións si coincido co que a xornalista do Diario de Arousa emprega para rematar o artigo: a campaña influirá moito, e tamén as persoas e as mensaxes en xogo. Creo que o BNG xa tocou fondo en 2007 e repetindo o candidato e sendo coherente no seu discurso, propostas, e xente, conseguirá manterse e medrar sobre todo a costa dun PSOE que vai sufrir o mal momento xeral para eles (e un labor de oposición cando menos morno), e ao que lle toca parar de recibir votos dos nacionalistas. Todo depende moito da resposta que reciba o PP dos seus electores, de como valoren ao novo candidato e de se a vitoria de Feijoó na Xunta vai repercutir electoralmente na nosa vila. Veremos, queda unha longa precampaña.
Relacionados
ESPECIAL ELECCIÓNS 2011 en Cambados(tk)
Boletín informativo do PSdeG-PSOE de Novembro de 2010
Artigo de Fátima Frieiro en Diario de Arousa. 14 de Novembro de 2010
Gráfica de evolución do voto en Cambados desde hai vinte anos
A nova deuna a coñecer hoxe o Concello de Cambados pola prensa. A institución, no día do 51 cabodano de Ramón Cabanillas, fixo pública a concesión do galardón a Luis Rei, quen ademais de ser bibliotecario na nosa vila publicou no Ano Cabanillas 2009 a biografía do poeta, ademais doutros traballos culturais nos que desde hai moitos anos participa.
Polo tanto, a máis sincera noraboa a Luis Rei, quen sobradamente merece que se lle faga entrega deste e doutros premios polo seu labor.
Canto ao Concello, resulta curioso que faga entrega dun Premio Ramón Cabanillas, e máis que o numeren como primeiro, cando deberían ser coñecedores de que no noso Concello entrégase desde hai sete edicións o Premio Ramón Cabanillas outorgado pola Asociación de Libreiros.
Sorprende, sobre todo, pola relación amor-odio que o Concello ten manifestado a ese Premio, xa que, por exemplo, na penúltima edición (cando foi homenaxeado o amigo e compañeiro de traballos de Luis Rei, Francisco Fernández Rei) non mandaron sequera representación ao acto, e pola contra o ano pasado si colaboraron na organización, encargándose o Concello até da cartelería do evento.
En nadal de 2009 acordouse unanimemente en pleno que, entre outras celebracións polo cabodano de Ramón Cabanillas, se crearía un premio de poesía. Foi unha proposta socialista, e aínda o mes pasado Tabuyo preguntou se se celebraría ou fora unha concesión para saír do paso no momento.
Polo tanto, non parece que teña moito sentido crear un premio co mesmo nome e con características moi semellantes a outro existente no mesmo Concello.
Aínda así, Luis Rei merece a homenaxe, e o que é unha pena é que non se soubera antes a data da mesma. Será hoxe a partires das sete da tarde no Auditorio da Xuventude nun acto no que haberá música a cargo da soprano Daniela Stagnito da pianista Lorena Varela. Parabéns, Luis.
Coincidindo con esta nova, mañá publicarase en Cambados(tk) a entrevista a Luis Rei publicada no último número do Despregable da Embaixada Prusiana.
Relacionado
O blog sobre Ramón Cabanillas que edita a profesora Maribel Iglesias vén de publicar unha interesante presentación sobre o poeta no aniversario da súa morte. Accede premendo aquí.
A semana pasada tivo lugar unha votación no Congreso dos Deputados de especial relevancia para Galicia. Tratábase de que o Parlamento Español tomara en consideración (é dicir, tramitara) unha proposta do Parlamento Galego na que se reclama a transferencia das competencias en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria. Para explicalo máis claramente, o transpaso suporía a creación e dotación dunha Policía Galega que substituíra na comunidade á Garda Civil, como así ocorre en Catalunya, Euskadi e Nafarroa.
A proposta partía do noso Parlamento co voto a favor de TODOS os grupos e foi enviado ao Congreso un representante de cada un para defender a proposta (destacou a presenza na delegación de Anxo Quintana, que amosou a súa valía política, agora desgrazadamente en segunda fila, nunha cordial pero firme defensa do interese galego).
As razóns para pedir esta competencia son sabidas: a singularidade do territorio galego, que acumula a metade dos núcleos poboacionais de toda España nunha complicada orografía plagada de estradas secundarias. Estes son, sintentizando, os motivos obxectivos que se aducen. Que o centro de decisión da autoridade en materia de circulación estea no país, por medio desa Garda Galega, melloraría os malos datos (accidentes e mortalidade) que posúe Galicia en comparación co resto do Estado. E logo están tamén os máis subxectivos pero non menos importates: desenvolver as competencias autonómicas do Estatuto aínda vixente e non quedar por baixo do nivel de autogoberno das outras dúas nacións do Estado, Euskadi e Catalunya.
Motivos todos eles suficientes para que tres partidos que non adoitan poñerse dacordo no Parlamento o fixeran por unha vez: PP, PSdeG e BNG votaran xuntos a favor de transladar isto ao Congreso nun pleno de 2008.
E que pasou en Madrid? O Partido Popular amosouse “receptivo”, “con simpatía hacia la causa”, segundo o seu portavoz. Pero os seus deputados abstivéronse. O Partido Socialista por medio do seu voceiro declarou que non era oportuno, conveniente nin necesario. E votaron todos en contra.
Máis unha vez negábaselle ao noso país un avance que si se lle permitira antes tanto a cataláns como a bascos. O deputado no Congreso do BNG (quen si votaron a favor) lamentaba que os partidos centralistas só accedan a dar os seus votos na cuestión competencial cando necesitan os dos nacionalistas para superar obstáculos na cámara. E é totalmente certo.
E en toda esta cuestión un pregúntase: para que serven os votos dos cidadáns galegos que apoiaron a PP ou PSOE nas Xerais, se os deputados tan só saben facer o que se lles dita en Madrid? De que nos serven eses deputados que din ser galegos e votan en contra dunha proposta unánime do Parlamento de Galicia?
E é que nesta política de mediocridade danse estampas moi curiosas. Ademais de Quintana, Leiceaga, deputado galego do PSdeG que defendeu a proposta no Congreso, pediu o voto a favor aos deputados no Congreso. Pedro Puy, representante polo PPdeG, fixo o propio. E que votaron os seus compañeiros de partido? Uns en contra do que lle pediran e outros abstivéronse. Sobran comentarios.
O PP no noso Concello adoita acusar ao deputado Domingo Tabuyo de non facer nada en Madrid por Cambados. Sempre creo que o que fan é, sen grande motivo, tentar desgastar a un dos candidatos alternativos a Aragunde na carreira municipal a través da súa tarefa no Congreso. Porque o que é certo é que non se lle pode acusar de vago: Tabuyo presentou no que vai de lexislatura 350 iniciativas (case todas relativas a Galicia e a esta provincia, pola que foi elixido) e en cambio durante o último ano de Tourís como senador tan só fora quen de levar á camara alta 21 propostas.
Pero volvendo ao tema do tráfico: non sei se o señor Domingo Tabuyo se atopaba nesa sesión da semana pasada, pero se estaba alí traizoou como os demais deputados galegos de PP e PSOE os intereses deste país.
Desde logo que debería darlles vergoña voltar a pedirnos o voto, se é que lles queda algunha despois desa sesión.
Máis información:
Vídeo do debate da proposta do Parlamento Galego no Congreso
Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.