Eu son mestra. Nos tempos que corren case parece unha ousadía atreverse a dicilo, por aquilo de que de súpeto todo o mundo opina sobre o noso horario e o noso traballo. Eu síntome moi afortunada por ter o traballo que teño, porque foi unha elección vocacional. Son feliz ensinando, facendo a miña pequena contribución para axudar aos nenos a desenvolver as súas capacidades, a facelos máis autónomos, concienciándoos en valores que cada día son máis difíciles de atopar na sociedade, dedicando máis tempo a aqueles que precisan un pouquiño de axuda, botándolle horas, imaxinación, ilusión e sobre todo moitas ganas. Por iso dame moita rabia o que se está intentando facer co noso oficio (digo intentando porque eu pola miña parte non teño pensado permitilo, así teña que estar día tras día explicando o meu punto de vista).
Non coñezo nin un só mestre que proteste polo aumento das famosas catro horas lectivas (exceptuando aos sindicatos, por suposto). Esas catro horas (que xa as pasabamos no colexio) o único que van facer é evitar contratar a máis profesorado para atender as necesidades dun colexio. A protesta ven porque esas horas non se van poder dedicar a deseñar outras actividades e proxectos necesarios. O señor conselleiro repetiu ata a saciedade que esas catro horas de traballo van redundar nunha mellora da calidade educativa, e a miña pregunta é: ¿como vai a mellorar a atención educativa dun neno con necesidades educativas específicas se vai ter dez ou doce mestres diferentes dándolle cada un dúas horas de clase á semana, en vez de mandar ao centro un especialista coa titulación esixida para atender correctamente a ese neno?
Outra cuestión que me parece unha tomadura de pelo son as gardas dos autobuses. Eu pensaba que o noso traballo consistía en ensinar, pero polo visto agora tamén temos que ser vixiantes e coidadores.
O que máis pena me da de todo este asunto son os nenos, que sen ser culpables de nada son os que saen máis prexudicados. Estou totalmente en contra de calquera medida que os prexudique, en maior ou menor medida, pero si que boto en falta un maior apoio por parte da sociedade en xeral, xa que o que está en xogo é algo demasiado importante como para tomalo a broma. Eu pola miña parte tentarei seguir facendo o meu traballo coa mesma ilusión do primeiro día. Se me deixan, claro.
*M.C.A.L. Este artigo foi extraído de La Voz de Arousa do 28 de Setembro de 2011
Somos bombardeados a diario. Nas novas, na prensa, na tele.E non fai falla, porque o sabemos, tamén na rúa. Estamos en crise. Esta crise, que naceu das perversións do sistema neoliberal, supoñíase que ía servir para refundar o capitalismo, que se amosaba como inválido. Había que regular os mercados, controlar a voráxine especuladora propia dos mercados financeiros. Pero non.
Resulta que sobre aquelo pasamos de puntiñas. Resulta que á par que nos bombardean día a día coa mala situación, que é certo que vivimos, tamén se afanan en comezar o desmonte da parte positiva do sistema. Estámolo a ver ultimamente coa educación. A crise, a mil veces coreada necesidade de aforro, só se manifesta contra os servizos dos que nos beneficiamos a maioría social. Coa crise como pretexto deixan de contratar persoal na escola pública, cargan aos mestres con labores de custodia que non lles correponden, envían aos centros a profesionais de diferentes especialidades…
Coa crise como pretexto tentan gañarse á opinión pública para consumar un novo atentado contra o seu benestar. Pouco a pouco, paso a paso. Silenciosamente (cando poden).
Falan de aforro pero esconden que se aforraría tanto ou máis retirando as desgravacións fiscais á escola privada. Deixando de promocionar o ensino concertado. Falan de aforro pero o aforro non se impón nas institucións das que eles se nutren, en Senados inútiles que non deberían existir e Deputacións cuxas competencias deberían revertir nas CCAA e Concellos e ser eliminadas para que non nos siga caendo a cara de vergoña ao admitir que en Galiza seguimos tendo caciques en pleno século XXI.
Falan de aforro pero o aforro que se conseguiría atallando a economía submerxida e a evasión fiscal segue sen perpetrarse. Aforro sen aforrar en gasto militar (non sería normal deixar de financiar operacións polo mundo e manter e mellorar a sanidade e a educación?), aforro sen aforrar en subvencións a medios de comunicacións afíns mentres outros morren ignorados, aforro sen aforrar en Xantares vergoñentos pagados por todos. Aforro sen afrontar que quen máis pode máis debe contribuir á caixa común e máis agora, aforro polo tanto sen reforma fiscal.
Aforro si. Pero aforremos no básico, na educación, na sanidade, nos servizos sociais. E fagámolo rápido porque xa se sabe, os Mercados non teñen a paciencia entre as súas cualidades. Reformemos a Constitución se fai falla en dous días logo de trinta anos de inmobilismo e dogma, para aforrar. Que ben soa, o aforro. Tanto que aforramos tamén nun referendum!
Nos tempos de vacas gordas os beneficios, sabémolo, foron para uns poucos. Coa crise como pretexto o aforro queren que o paguemos todos. Se non cambia moito a cousa, tan só haberá que agardar até o 21 N para comprobar as axendas ocultas dos que veñen. Aí si que vai haber aforro.
O peor é que aínda han recibir aplausos por iso.
Óscar Pardo Planas
Hoxe [polo mércores 21 de Setembro] os mestres galegos van facer unha folga sensata, necesaria, ecuánime, a prol do ensino público… en fin, podiamos seguir poñendo calificativos a esta reivindicación dos docentes todos eles xustos, menos un; esta non é unha folga politica como nos quere facer ver o PP e o impresentable do Conselleiro de Educación, quen precisamente anda a dicir por medio da prensa do réxime que esta é unha folga politica e o malo é que esta báilalle a corda.
E fala el de facer politica, este que pertence a un partido que nos goberna nefastamente durante dous anos levándonos a niveis do umbral da pobreza en Galicia, estes que queren privatizar a educación para lucrarse, estes que pretenden privatizar a sanidade para lucrarse, estes que privatizan os servizos dos concellos para lucrarse, estes que queren eliminar o galego do ensino e das nosas vidas, a isto eles non lle chaman facer politica, chamanlle “gobernar”, pois non isto se é facer politica… Isto en definitiva é facer politica da mais rastrera.
O colectivo do profesorado ata o de agora está a sufrir unha serie de inxustizas tales como que lle baixaran o soldo un 7% (cando os politicos o aumentan, aí temos a Alcaldia de Cambados, un pobo de apenas 14.000 habitantes que lle custa os cidadáns 10.000 euros mensuais), ou que lle eliminaran o sistema de pensións que tiñan asinado, ou o aumento de carga lectiva ou que teñan que facer de “vixiantes” dos nenos dende o autubus o centro, a aínda hai algún desalmado que tacha esta folga de política.
Eu dende logo díxenlle á miña filla que respetara a actitude dos mestres, expliqueille que eran unhas reivindicacións moi xustas, comprendeuno perfectamente e deille liberdade para asistir ou non a clase. Parafraseando a Bécquer e dirixíndome o incalificabel Conselleiro de Educación: “Preguntaste que é politica, política eres ti”.
Tamén podes seguilo no seu blog, A ti meu Cambados
Sae hoxe no xornal da Voz de Galicia que o alcalde de Cambados inaugurou o curso escolar no Colexio dos Salesianos de Castrelo e impartiu unha conferencia sobre o ano Asorey.
Nada que obxectar se non soubese que no pasado curso o instituto no que eu traballo o invitou en dúas ocasións a asistir aos actos de homenaxe en honra de Asorey que fixemos e nin el, nin ningún representante do Concello asistiu.
O cal me fai pensar (e eu son moi mal pensada) que vai máis a gusto a un centro privado que a un público. E esto dáme pé a comentar que me parece que ao PP lle gusta máis o modelo privado de ensino que o público.
O público sae máis caro, os profesores somos seleccionados por procedementos nos que non lle debemos o posto a ninguén , temos unha xornada razonable de traballo e podemos protestar cando non estamos dacordo porque en principio temos “o privilexio” dun posto fixo (é un privilexio ou un dereito?). Os profesores da privada terían moito que dicir (en privado o din) das súas condicións de traballo, pero nos tempos que corren eso podía significar o despido inmediato.
Ao PP gústalle máis un modelo de ensino onde os profesores traballan máis (non sei si mellor), non protestan e no que se trasmite unha ideoloxía máis afín aos seus intereses. E non dubidedes que cara iso imos se non lle facemos fronte pais, nais e profes. Pensade niso nestes días de mobilización que veñen.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.
A Xunta de Galicia ten unha fronte aberta nos centros de ensino de todo o país. Hai dous días miles de profesores se manifestaban en Santiago de Compostela polos recortes na educación (lía o manifesto, por certo, a profesora cambadesa Adela Leiro).
Esas protestas van moito máis alá de reivindicacións de índole laboral por parte deste colectivo de traballadores públicos, xa que como informa hoxe La Voz de Arousa, varios centros do noso propio Concello comezan o curso con falta de persoal especializado. A Xunta busca aforrar cartos nun sector moi importante, o ensino, e faino entre outras cousas eliminando o persoal de apoio dos centros. Empobrécese, polo tanto, o sistema de educación pública. Seguir lendo
A asociación de ensinantes do Salnés, Candea, organiza como cada ano as súas Xornadas Pedagóxicas. Desta volta, na XV edición, as actividades que organizan englóbanse dentro do “Ano da Química” que a Asemblea Xeral da ONU declarou para este 2011.
A Química, recordan con acerto desde Candea, está presente en todos e cada un dos momentos da nosa vida (como sería un día sen ela?). Química non é simplemente un científico nun laboratorio…o xabrón, a pasta de dentes, os medicamentos, a auga potábel, os combustíbeis que empregamos…todo é posible grazas a ela. Tamén ten efectos negativos, como a choiva ácida, a contaminación, o quecemento global…
A Buxaina é unha revista de carácter multidisciplinar, que xurde como colaboración entre os departamentos de ciencias do IES Asorey. Terá periodicidade mensual e responderá a un criterio científico de busca de información, investigación, sentido crítico, capacidade para comunicar, pero tamén que se entronque na realidade cotián do alumnado.
A Buxaina tamén reflictirá un compromiso permanente coa nosa língua, o medio ambiente a a sostenibilidade.
Dedicarase un apartado especial ao cambio climático, dentro do proxecto Climántica, no que o departamento de Ciencias está implicado desde hai varios anos.
O traballo de coordinación correrá a cargo do equipo de profesores e profesoras de Ciencias e na edición participará o alumnado.
A páxina está estruturada en varias seccións que coteñen novas, eventos próximos e contidos científicos agrupados segundo a temática.
Podes acceder xa a A Buxaina na dirección http://iesfranciscoasorey.dyndns.org e queda engadida na lista de enlaces de Cambados(tk).
Xa hai sentenza sobre o caso do camiño do colexio de San Tomé. Trátase do vieiro que conecta o acceso traseiro do colexio coa rúa, e que desde hai moitos anos foi usado por alumnos e pais para acceder ao centro. O problema comezou cando a leira onde se atopa o camiño cambiou de donos e a nova propietaria negouse a dar paso, xa que nos seus documentos non consta esta cláusula.
A sentenza non é firme e cabe recurso de apelación. Non habería que descartar que os novos propietarios se acollan a esta posibilidade, se ben por agora pais e nais poden estar de noraboa porque o uso do camiño ten que ser garantido.
Aínda que non teña que ver dun xeito directo con Cambados, coido que o tema universitario é de grande interese para tod@s. Na Voz da semana pasada facíanse eco dos rankings universitarios mundiais e incidían na baixa presenza das universidades europeas, e particularmente as galegas, nos seus mellores postos.
Coidei que a gabanza que se facía nas páxinas de La Voz ao modelo americano eran, cando menos, esaxeradas (podes lelas premendo aquí) e así o tentei reflectir nunha carta ao director:
Leo na Voz do 10 de Setembro unha reportaxe sobre rankings de universidades a nivel mundial. Destacan sempre, como se di no artigo, as do sistema americano.
Logo o autor da nova dános as claves do éxito das universidades estadounidenses e louva abertamente o modelo neoliberal das mesmas. Para hai un dato polo que pasa moi de puntiñas e é moi importante. Poderíase engadir un punto máis a esas claves: altísimos prezos de matrícula.
Un estudante de Harvard, por poñer un dos exemplos que se dan na reportaxe, paga ao ano uns 26.000 euros de matrícula. Para os estudantes da USC esa matrícula ronda os mil euros (normalmente non chega a eles). Esa diferenza, dun factor de 26, é a diferenza entre o privado e o público. O que permite que aquí todo o mundo poida decidir continuar os seus estudos e alí non sexa deste xeito e incluso quen decide ir á universidade adquira débedas incluso antes de comezar a vida laboral.
Por non entrar en que o feito de que as universidades deste tipo sexan realmente empresa privadas (como si se di no artigo) e polo tanto teñan intereses propios, invirtan fondos en bolsa e no mercado inmobiliario e en resumo, sexan un negocio máis que un instrumento ao servizo do Estado, e polo tanto da sociedade, como si acontece en Europa.
Dito isto, e aínda que por suposto que creo que queda moito moito por mellorar, creo que as universidade europeas (e incluso as galegas!) poden estar orgullosas de ocupar os postos que ocupan. Son, de momento, universidades para todos/as.
Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.
A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, vén de presentar ao público as súas Xornadas Pedagóxicas (que van xa pola súa edición número 14) e que estarán centradas na biodiversidade da comarca.
Como de costume, as actividades englobadas nestas Xornadas están dirixidas ao profesorado e servirán para presentar novos materiais e fomentar o intercambio entre profesionais do ensino; ademais de poñer en valor os recursos que ofrece O Salnés a nivel etnográfico, cultural, natural, literario…
As Xornadas terán como sede o instituto Francisco Asorey, desde o día 13 ao 17 deste mes en horario de tarde, cubrindo un total de 20 horas presenciais. A inscrición é de 30 euros ou de 20 para membros de CANDEA e parad@s. Calquera que así o desexe pode apuntarse nos teléfonos 986530407 ou 986520161.
Ademais de conferencias e presentacións que terán lugar durante o primeiro día das Xornadas destacan as diferentes saídas temáticas para coñecer de cerca o que O Salnés nos ofrece; haberá unha dedicada a árbores, outra a dunhas, praias e areais, outra á costa rochosa e unha última centrada nos recursos para o estudo da natureza. Os ponentes durante as Xornadas serán Víctor Caamaño, Mon Daporta, Manuel Domínguez, Ramón Caride e Adela Leiro.