Na campaña das eleccións europeas de 2009, o líder do Partido Popular, Mariano Rajoy, estivo en Cambados e aproveitou para posar para os xornais nun barco (que sempre queda ben). O diario Público e Xornal de Galicia recollen hoxe a nova de que aquel barco, o Moropa, é propiedade do patriarca d’Os Caneos, un clan ligado ao narcotráfico cun longo historial nesta actividade delictiva. Rajoy atopábase aquí para falar de temas pesqueiros e os seus anfitrións tiveron o “descoido” de permitir que rematara por sacarse unha foto nesta embarcación.
Na comitiva estaban o ex alcalde e actual delegado da Xunta, Cores Tourís, e o alcalde e candidato do PP á alcaldía, Luís Aragunde, quen ademais foi quen lle presentou a Mariano Rajoy o patrón do Moropa. Tamén estaba alí o eurodeputado Millán Mon, cuxo irmán foi subdelegado do goberno e segundo o Xornal “máximo responsábel da polícía nos oito anos de goberno Aznar”.
Xaquín Charlín (Chon) reflexiona hoxe desde o Aturuxo sobre as eleccións europeas que vimos de celebrar o pasado domingo. Na súa análise repasa en primeira instancia os datos numéricos: as ganacias e as perdas de cada forza política na comarca e no país, e por último publica a súa opinión persoal sobre os malos resultados colleitados o domingo nas filas do BNG, particularmente de Cambados.
Para Chon os dirixentes nacionalistas están a realizar un bo traballo pero existe unha mala comunicación co electorado, ademais critica tanto que se exclúa a parte da militancia dos órganos de dirección como que haxa quen se “auto exclúa”. Fai un chamamento á mocidade de esquerdas para que arrimemos o ombro e non só vexamos “o touro desde a barreira”.
Ademais, o Aturuxo publica hoxe un artigo de Óscar Pardo Planas no cal se critica a medida de enviar cuestionarios aos pais para que, supostamente, decidan a lingua na que estudarán os seus fillos. Titúlase Caparuchiña galega e o lobo.
Aburrida. Así foi a xornada que afrontamos o pasado domingo, en especial as persoas que vivimos as eleccións nos propios colexios electorais.
Sirva como indicador o pobre dato do 55% de participación no noso Concello, como de costume por riba das medias nacional e estatal.
E os resultados tampouco nos colleron tan por sorpresa, aínda que si son reveladores: Un Partido Popular que segue a medrar contra vento e marea.
En España medra a pesar dos casos de corrupción que imos coñecendo desde hai semanas. En Galiza medra a pesar da ofensiva antigalega da propia Xunta de Galicia, e dos golpes de temón do propio Presidente desdicindo cada promesa de campaña. E en Cambados medra a pesar dun cambio de goberno que ningún cidadán votou.
O Partido Socialista sofre, pola súa parte, un lóxico desgaste nunhas eleccións que o principal partido da oposición plantexou como case unhas Xerais e que o propio goberno aceptou como tales.
O Bloque Nacionalista Galego retrocede dazaseis anos en termos cuantitativos de voto e en Cambados segue descubrindo novos fondos electorais. A nivel galego os nacionalistas respiramos ao coñecer a nova de que Ana Miranda ocupará un euroescano durante aproximadamente un ano e medio da lexislatura.
Desde logo que non son boas novas, nin para a esquerda nin para o país en xeral.
En Europa a lectura non é tan negativa, a pesar de todos os titulares que limos na prensa. Aínda que o Partido Popular Europeo contará nestes cinco anos cun grupo máis amplo e o Partido Socialista Europeo cun máis reducido, o conxunto da centroesquerda europea pode (e debe) dominar a maioría parlamentar en Bruxelas, por exemplo apoiando unha candidatura alternartiva á de Durao Barroso á fronte da Comisión. Todo dependerá de se os socialistas deciden seguir sumando forzas cos conservadores en troques de traballar por un modelo de UE máis social cos grupos verde, demócrata e de esquedas.
O que ocorreu este 7 de Xuño nas urnas débenos servir como aviso. As vindeiras eleccións son municipais (2011) e con estes datos o PP está en posición de gobernar as principais cidades galegas, e en Cambados os populares non só non se desgastan, senón que recuperan apoios que foran perdendo ao longo dos últimos anos.
Quedan dous anos anos para traballarmos a prol dun cambio da vida política municipal. Cada un de nós ten moitas responsabilidades que asumir para acadar ese resultado. Hoxe, sen dúbida, é un bo día para comezar a sumar esforzos.
Hoxe celebráronse en case toda a UE as eleccións ao Parlamento Europeo. A continuación amósanse os resultados electorais no noso Concello, en comparación coas anteriores europeas de 2004:
PP 3.569 votos / 57.33% (2009) – 3.154 votos / 51.85% (2004)
PSOE 1.692 votos / 27.18 % (2009) – 1.750 votos / 28.77% (2004)
BNG 774 votos / 12.43% (2009) – 1.034 votos / 17.00% (2004)
Polo tanto temos que o Partido Popular sobe máis de cinco puntos porcentuais con respecto ás mesmas eleccións en 2004 e ademais sobe máis de dous puntos con respecto ás autonómicas do 1 de Marzo.
O Partido Socialista, pola súa parte, déixase máis de un punto e medio con respecto ás europeas de 2004, pero ascende máis de tres puntos desde as autonómicas do pasado mes de Marzo.
O Bloque Nacionalista Galego obtén tamén un mal resultado, moito máis acentuado que o dos socialistas. Os nacionalistas perden catro puntos e medio con respecto a 2004 e cinco e medio con respecto aos comicios galegos. Baixan da “barreira psicolóxica” dos 1000 sufraxios.
A participación sobe escasisimamente desde 2004 situándose outra vez entorno ao 55%, po riba da media galega, estatal e sobre todo europea. A cuarta forza política foi Esquerda Unida con 54 papeletas (4 menos que en 2004), seguida de UPyD (25 votos), Los Verdes (17) e Iniciativa Internacionalista con 12 apoios.
As vindeiras eleccións que se nos presentan son as municipais de 2011 e este parece non ser un bo escenario para o cambio en Cambados. De feito, se extrapolasemos os datos para a corporación local (aínda que a diferenza entre eleccións é moita, abismal no caso das europeas coas locais) teríamos que o PP revalidaría a súa maioría absoluta sumando un concelleiro a costa do BNG, que quedaría con dous.
De todos os xeitos, como xa se dixo neste espazo recentemente, estamos a dous anos das Municipais de 2011, tempo abondo para revertir o ciclo político no noso Concello.
Fontes: Ministerio del Interior e Radio Televisión Española.
Nun futuro comentáranse con máis profundidade estes resultados, tanto a nivel local como a nivel galego.
Nos debates galegos (prensa, radio, televisión) sobre as eleccións europeas temos visto como a candidata do Partido Popular de Galicia, Carmen Fraga, ou non sabe ou non quere falar o noso idioma.
Facíame graza escoitar a Ana Miranda (BNG) falar de multilingüismo e prometendo que ela ía ser garantía de defensa dos intereses de Galiza EN galego no Parlamento Europeo; e ao seu carón un persoa que di que tamén vai defender este país na Eurocámara nin sequera ten a mínima decencia para expresarse na lingua que nos une aos galegos, non xa no Parlamento Europeo, senón nos canles públicos de comunicación de Galiza.
Somos moitos os cidadáns que gustariamos dun representante en Bruxelas que, como xa fixo no seu momento Camilo Nogueira (1999-2004), defendese a pesca, a agricultura, a gandería, o transporte, a cultura, a loita contra a crise e os intereses económicos do noso país e na nosa lingua, aínda que como no pasado teña que facerse valer a proximidade lingüística co portugués para poder pór en práctica con naturalidade o feito de que a nosa é unha lingua universal e non un idioma da aldea, como ao mellor pode pensar xente como Carmen Fraga, á que polo visto lle importa moi pouco coñecer e practicar a realidade da terra que pretende defender desde o seu euroescano.
Grazas a eles, aos supostos deputados galegos de PP e PSOE, levamos cinco anos ausentes do debate comunitario. O feito de que non se expresen nin reivindiquen alí (nin aquí, por que non dicilo) no idioma deste país é só un indicador máis da súa submisión aos intereses dos seus partidos e non da súa xente.
É hora de que o galego, como idioma, pero tamén como fondo do discurso político, volva a resoar nas sedes do Parlamento Europeo. Sen dúbida, será o mellor para Galiza.
Como xa dixen, vivimos bombardeados pola propaganda de PP e PSOE. Entón eu vou aplicar aquí ese principio tan de moda da discriminación positiva: vou falar un chisco da terceira vía, da vía galega de cara ás eleccións do 7 de Xuño.
Desta volta o nacionalismo galego cambiou a súa alianza electoral e concorre aos comicios europeos xunto con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar, Eusko Alkartasuna ou Chunta Aragonesista. A primeiras, unha opción moito máis coherente e que eu penso que a base social do propio BNG prefire por mera afinidade ideolóxica (polo menos xa non hai que ir pensando en excusas para contarlle a quen pregunta por que o Bloque comparte lista con partidos de centro-dereita).
Pero é que ademais a candidatura de Europa dos pobos-Verdes contempla a trasitoriedade do euroescano entre as principais forzas que a integran. É dicir, aínda que non se acade o segundo representante (que lle correspondería á representante do BNG Ana Miranda) Galiza si tería representación durante un tempo proporcional aos votos da coalición electoral no noso país -os votos ao BNG-.
Non vai pasar xa o que lle sucedera a Camilo Nogueira en 2004 cando as artimañas do Partido Popular lle arrebataron o seu escano. Daquela os eurodeputados da coalición Galeusca (CiU-PNV-BNG) non eran rotatorios.
Isto, que é un feito público, é obviado pola prensa galega á hora de ofrecer información electoral, por exemplo ao amosar resultados de inquéritos. Empéñanse en dicir que coa previsión actual de que EdP obteña un deputado o BNG quedaría sen representación en Bruxelas. Eles saberán os motivos de por que o fan, desde logo nós, visto o visto, xa o deberiamos intuir.
Pero non só a candidatura importa: importa moito a candidata. Ana Miranda gústame. Gustoume cando lin o seu currículo, con sobrada experiencia en política internacional, e con mestres de tanta altura como Xosé Manuel Beiras ou o propio Camilo Nogueira, de quen foi asesora en Bruxelas cando Camilo era eurodeputado (1999-2004).
Gustoume aínda máis cando vin o vídeo que xa se amosou neste espazo a semana pasada. Gústame porque é natural e nótase que ten ilusión en confianza no que fixo e no que quere facer.
Da campaña do BNG non me gusta o lema, aínda que soe ben (Imos a Europa, vés?) porque tal e como vén defendendo o nacionalismo e a propia Ana Miranda, Galiza non ten que ir a Europa: somos Europa. Estamos en Europa, o que si falta agora é que haxa alguén en Bruxelas, en Estrasburgo, para que a nosa voz -en calquera variante da nosa lingua- sexa escoitada e tida en conta. E para iso só hai unha opción. Chámase Ana e apelídase Miranda.
Non me gusta o lema que escolleu o BNG, pero eu, traizoando a miña opinión sobre el, con Ana Miranda si que vou a Europa.
Como na anterior campaña electoral estatal e como xa intentaron sen éxito na galega, a RTVE propónnos en horario de máxima audiencia que asistamos a un debate (posíbelmente tamén milimétrico e a base de monólogos perfectamente estudados) entre candidatos das dúas forzas maioritarias.
Eu comprendería -aínda que non compartiría- este convite se partise dun ente privado, pero non o podo facer cando provén dunha televisión que se di pública.
É unha constante nos medios o querernos facer crer que só existen dúas opcións á hora de votar, parece que a estratexia sistemática é ignorar as demais posibilidades como táctica para afondar nun bipartidismo que resta democracia.
Unhas eleccións son, como o di a propia palabra, unha escolla. E para escollermos, temos que coñecer todas as opcións. Ao final acontence o mesmo que no tema da lingua: pídese liberdade de decisión pero quérese negar a posibilidade de que os nenos coñezan os dous idiomas. E eu pregúntome: como se pode elixir algo, ben sexa unha lingua, ben sexa unha papeleta nun colexio electoral, cando só se nos permite coñecer parte das opcións? É iso realmente liberdade?
<!–
<!
<!
<!
<!
<!
var jsval = ‘
‘;
writethis(jsval);
// >
// >
// >
// >
// >
// –>
As eleccións ao Parlamento Europeo celébranse en España o vindeiro 7 de Xuño, é dicir, de hoxe en dúas semanas.
E aínda que si que se ve algún cartel xa pola rúa, esta campaña non esperta o mesmo interese na cidadanía ca outras, os partidos vólcanse menos nelas, e viceversa (unha razón alimenta á outra). Ademais, para galegos e bascos, pasou demasiado pouco tempo desde que o pasado 1 de Marzo acudimos ás urnas para decidir os nosos gobernos e a xente anda xa bastante farta de campañas e de política.
Para facernos unha idea da diferencia entre unhas eleccións e outras, só temos que comparar a participación nas últimas europeas de 2004 en Cambados, un 55.54%, e a participación das últimas eleccións, as galegas, cun 80% de votación.
Aínda así, haberá tempo desde aquí para falar un pouco destes comicios e do que nos xogamos os galegos neles, porque como se di en todas as eleccións: estas si que son importantes.
Iso si, xa podemos ir adiantando o resultado que se deu en 2004 no noso Concello:
PP 2937 votos (48.28%)
PSOE 1750 votos (28.77%)
BNG 1034 (17%)
Vídeo extraído de CanalRíasBaixas.com
Descubro por medio do Facebook de Ana Miranda, a candidata do BNG ás eleccións europeas, un interesante vídeo aficionado que un amigo dela gravou en Bruxelas como mostra do comezo dun día normal da vida de Ana e de Xulia, a súa filla.
Aínda que moito máis longo e tecnicamente de peor calidade, dime moitísimo máis tanto da muller como do proxecto que quere representar en Europa que o vídeo oficial que o propio partido colgou en internet.
O vindeiro 7 de Xuño celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. Se cres que ese día non vas poder estar en Cambados ou simplemente prefires facelo anticipadamente, xa podes solicitar o voto por correo.
O prazo para tal solicitude vai do 14 de Abril até o 28 de Maio e realizarase nunha oficina de Correos co pertinente Documento de Identidade. A partires de aí todos os documentos necesarios serán enviados ao domicilio indicado na petición e esa persoa terá até o día 3 de Xuño para emitir o seu voto, que se materializará por medio dun envío certificado nunha oficina de Correos. Coma sempre, todo o proceso é gratuíto.