As europeas xa están aí. E xa non debemos asumir que son eleccións menores, polo simple feito de que logo as novas procedentes de Bruxelas ou non nos cheguen ou nos cheguen distorsionadas.
En Europa se deciden cousas moi importantes, partindo das políticas agrícolas comúns, que absorben unha parte moi importante dos orzamentos comunitarios, as cotas lácteas que tanto deron e dan que falar no noso país, os caladoiros onde poden ou non poden acudir os barcos galegos a faenar, as inversións estruturais que tanto premiaron a Galiza, a pesar de que o seu uso foi tan discutíbel…
E é certo que o Parlamento Europeo segue a ter demasiadas poucas atribucións, pero o certo tamén é que vai e irán en aumento, en detrimento do propio Consello. E é aí onde os cidadáns podemos xogar a nosa baza. A de colocar neses lugares de decisión a nosa propia voz, ou a que máis se lle pareza, no caso menos malo.
Por iso, no caso do nacionalismo, eu celebro a candidatura que se vén de anunciar recentemente que aglutinará ás principais forzas nacionais e de esquerda no Estado: ERC por Catalunya, Aralar e EA por Euskadi e o propio BNG por Galiza. Por un lado, porque é un conglomerado moito máis natural que unha Galeuscat que xuntaba a forzas da centroesquerda e da centrodereita (aínda que si, buscaba equiparar o BNG ás opcións maioritarias basca e catalá) e polo outro lado porque garante a presenza dun eurodeputado para Galiza cando menos parcialmente.
E iso, nos tempos que corren, só pode ser unha boa nova. Agora agardo que se elixa con intelixencia a persoa que vai ocupar ese número 2 na candidatura, que ha de ser alguén de experiencia pero tamén cunha boa proxección social. Ocórreseme algún nome, espero que a importante situación interna do BNG non empañe tan importante decisión.