//
arquivo

Eleccións Galegas 09

This tag is associated with 27 posts

O debate galego das Eleccións Europeas


crtvg

A Televisión de Galicia emitiu onte á noite un debate especial para as eleccións europeas. Nel confrontaron as suas ideas representante dos tres partidos con representación no noso país: polo PPdeG Carmen Fraga, polo PSdeG Antolín Sánchez Presedo, e polo BNG Ana Miranda.

Polo menos se pode dicir que falaron de Europa, o mínimo que podiamos pedir e  cousa que non podemos afirmar dos debates PP-PSOE estatais.

Podes ver o debate premendo neste enlace.

Rosa Oubiña voltará ao Parlamento trala renuncia de Corina Porro


A viguesa Corina Porro anunciou onte a súa renuncia a tomar posesión da acta de deputada no Parlamento Galego. Porro, que concorreu na lista popular no número 2 por Pontevedra (xusto por detrás do vindeiro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó) renunciará ao posto que lle corresponde no hemiciclo galego e manterá polo momento o seu escano no Senado. 

De ter asumido o mandato dos cidadáns nas eleccións do 1M, Corina Porro debería renunciar o posto en Madrid por ser ambos incompatíbeis, pero esta opción esvaeuse trala inesperada morte do suplente da xefa da oposición viguesa, Ángel Latas, este mesmo mes. A Xunta electoral resolveu que non hai outra opción de substitución no Senado que non sexa a do propio suplente nas listas e neste caso esa substitución non era factíbel polo falecemento de Latas. Polo tanto de deixar Madrid Corina Porro o Partido Popular perdería un senador moi valioso.

Así pois, a viguesa deixa libre un lugar na Rúa do Hórreo que ocupará Rosa Oubiña, que aparecía na lista pontevedresa do PP no posto número 12. Oubiña xa ocupara un escano galego na pasada lexislatura trala morte do que fora Conselleiro de Obras Públicas na etapa Fraga, Xosé Cuíña.

E canto a Corina Porro, que fora en campaña electoral a fichaxe estrela na provincia, a pesar de que non vai ser deputada ten a opción de desempeñar algún cargo no futuro executivo autonómico, como por exemplo encarnar a figura do Superdelegado por Vigo que plantexa Feijóo como receta austera fronte ao modelo dos delegados de Consellaría provinciais.

No novo modelo que plantexa o popular só existirían cinco superdelegados que representarían non a consellarías determinadas senón á propia Xunta; un por provincia e un específico para Vigo. É ai onde podería situarse Corina Porro como trampolín de cara ao retorno á alcaldía de Vigo.

A análise electoral de Roque Durán


O diario Xornal de Galicia recolle hoxe na súa edición impresa un artigo-informe do xornalista Xosé Ramón Durán Martínez, no cal repasa dun xeito clarificador os resultados electorais do 1 de Marzo.

Roque, que aporta datos contrastábeis en cada afirmación, comeza sinalando que tras o escrutinio do voto emigrante é o bipartito quen acada un maior número de votos, a pesar de que esta circunstacia non se traduce á hora do reparto dos escanos. 

Malia esa superioridade tamén reflicte que o bipartito perdeu un bo número de  votos nos comicios -72.969- e Durán nos aporta datos interesantes que pasaran algo desapercibidos. Por exemplo que dos votos que perderon os  partidos do goberno, un 66% perdéronse n’A Coruña. Ou que a participación co total escrutado foi dun 64.44%, case a mesma que en 2005, dun 64.23%, contra o que poderiamos pensar.

Sen dúbida unha interesante análise xornalística deste cambadés que traballa na TVE en Galiza e do que se agradece moito a  reflexión.

E o Xornal de Galicia, un soplo de aire fresco na prensa galega e unha boa alternativa ao coñecido diario coruñés La Voz de Galicia. Este polo menos aínda nunca entrou en campaña con ese descaro, valora a lingua galega, e conta cun bo plantel de colaboradores e xornalistas. Só lle faltan as delegacións comarcais.

A refundación do BNG


Os días seguintes a unha convocatoria electoral proporciónannos un espazo de tempo vital de reflexión. Parece que chega unha estrana calma (que neste caso pode preceder a unha tormenta) froito da fin dunha campaña longa, dura e cansina. Permítenos a cada un de nós que pensemos acerca do que acontece, non xa agora mesmo, senón en todo o ciclo electoral no que estamos sumidos, e axúdanos tamén a intercambiar impresións arredor da política con xente que normalmente é reacia a tratar estes temas pero nos que aflora estes días o que realmente son: cidadáns aos que si lles interesa o que sucede neste ámbito e cidadáns que teñen as súas preferencias, tanto ideolóxicas como prácticas. 

E teño que dicilo claro, hai dúas cousas fundamentais que me preocupan acerca dos resultados electorais. Primeiro, obviamente, o cambio de goberno, que na miña humilde opinión supón unha volta ao pasado: unha involución política que vai levar ao noso país a perder catro anos (máis) do noso tempo. 

Pero se hai algo que me preocupa estes días é a situación e a incertidume xerada no partido político co que me identifico, tanto ideoloxicamente como na súa práctica política: o Bloque Nacionalista Galego. 

O BNG é e ten sido unha ferramenta fundamental para o avance do país: teno sido cando ocupou a oposición política e teno sido aínda máis cando tivo a oportunidade de gobernar, tanto nos Concellos como na Xunta. Quizais a alguén lle poida parecer esaxerado, pero eu creo que o BNG, con todas as limitacións que padece, foi e é  un elemento que marcou positivamente este país. Galiza non sería hoxe o mesmo sen a súa existencia, do mesmo xeito que ten influido positivamente nos demais partidos, que non serían e non se comportarían do mesmo xeito se non existise o BNG. 

Pero o BNG ten sufrido ao longo dos últimos procesos electorais revés tras revés en cada convocatoria. Hai catro anos, sen ir más lonxe, os resultados que sairon das urnas supuxeron un retroceso moi importante para o nacionalismo, pero a dirección do BNG obviou a chamada de atención dos electores porque ese resultado, por malo que fose, permitía ao nacionalismo por primeira vez entrar no goberno da Xunta. 

Seguir lendo

A peor resaca electoral


Lamentábelmente sucedeu o que non debería ter sucedido. O Partido Popular voltará a partires do vindeiro primeiro de Abril ao Goberno de Galiza. Faino ademais cun importante apoio do electorado e coas mans libres para gobernar coa comodidade, moitas veces perigosa para o país, que implica a maioría absoluta.

É unha pena que os cidadáns non lle tiveran dado un voto de confianza ao actual bipartito en funcións. Para asentar os cambios postos en marcha e comezar outros. Para visualizar os froitos das novas políticas. Para que Galiza avanzara.

Queda por saber que acontecerá coas bases que se sentaron nestes tres anos medio.

¿Que pasará coas galescolas, que ao parecer mudarán o seu plantexamento, que pasará coa rede centros de días e residencias públicas, que pasará co galego no ensino, previsibelmente apartado de novo cara unha situación marxinal, que pasará coas vivendas a prezo tasado, por exemplo as 142 que ían ser construídas no noso concello, que pasará co Concurso eólico, que poñía en valor por primeira vez o vento galego para os galegos, que pasará coa protección da nosa costa, que pasará coa nova política no medio rural, co BANTEGAL, que pasará, en definitiva, con algo de tanto calibre como é o novo Estatuto para Galiza?

A volta do Partido Popular supón, máis que o fracaso de PSdeG e BNG (que por suposto que o é), un golpe de moral ao electorado de esquerdas do país. Pero temos que seguir adiante. Adiante co traballo, se acaso redobrándoo. Un traballo que lle dea esperanzas a todo aquel que ao levantarse hoxe non podía crer o acontecido e un traballo que seduza a aqueles que onte votaron nulo, branco, PP ou simplemente non foron votar.

Agora é tempo de que os perdedores, que así o son hoxe BNG e PSdeG, analicen moi polo miúdo a nova situación e decidan que van facer para servir decididamente os intereses deste país.

A reflexionar


É o que toca hoxe, reflexionar sobre o que cada un vai facer no importante día de mañá. E reflexionar no abano de consecuencias que deixarían tras de si cada un deses escenarios que se presentan. A cousa está aberta, a responsabilidade nos chama. Xa falaremos de resultados.

Anímovos a votar


O domingo temos unha cita coas urnas. Unha cita na que somos nós, en conxunto, quen decidiremos que vai ser do rumbo do noso país durante os vindeiros catros anos. Durante estes días teño escoitado un pouco de todo, pero en especial desde os votantes da esquerda teño escoitado palabras de desilusión ou desencanto, non só xa coa súa opción política, senón coa política.

Fun o primeiro en sentir que os cambios na Xunta eran demasiado lentos, que esperaba que as cousas mudaran doutro xeito. Pero tamén quero ser o primeiro en animar a que o domingo poñamos non só un voto na urna, senón a que poñamos un voto de confianza.

Confianza, porque os cambios estruturais que se puxeron en marcha durante os últimos tres anos e medio non poden analizarse en tan curto prazo, a verdadeira política positiva e de esquerdas é aquela que senta unhas bases para os cambios a medio-longo prazo. E confianza porque durante os vindeiros anos se vaian levando a cabo os cambios que non se deron, tanto porque non deu tempo, como por falta de competencia, como por falta de decisión ou valentía.

 E con ilusión porque temos a liberdade de decidir incluso a que parte do goberno que naceu en 2005 queremos premiar co noso voto, cal é a que máis nos representa e cal é que máis aportou para acometer os cambios trasformadores con maior éxito.

Con responsabilidade, porque quedar na casa ou chantar votos en branco pode supoñer non só unha volta a 2005, senón unha volta moito máis atrás. En primeiro lugar porque o Partido Popular non é o que era, virou en plantexamentos e endureceu cara a dereita e cara o antigaleguismo o seu discurso. E en segundo lugar porque un fracaso electoral da esquerda será fulminante de cara aos futuros escenarios políticos do país, condeándonos a sabe deus cantos anos máis da inoperatividade e da incompetencia  da dereita que algúns pretenden facer que esquezamos.

Non caiamos no discurso que queren transladarnos o Partido Popular e diversos medios, nomeadamente La Voz de Galicia, de que aquí non houbo cambio. Houbo cambio, sentáronse as bases, puxéronse os alicerces de cara a unha Galiza con máis e mellores servizos públicos e unha Galiza máis dona e orgullosa de si.

Si houbo cambio, e dicir o contrario non é máis que mentir. 
Quen pensaba hai uns anos que o noso país contaría cunha rede de Servizos Sociais até agora inexistente, con garderías públicas ou centros de día? quen cría que vería xogar á Selección Nacional de calquera deporte? quen pensaba que se poñería fin á especulación cas nosas costas, ou que por fin teríamos acceso a vivendas de proteccion? ou quen pensaba que por fin a produción de enerxía ía revertir en beneficio da maioría?

En 2005 comezamos unha viaxe que non pode ser parada agora. Houbo cambio e incluso quen quere facernos ver que non é así sábeo, pero non é un cambio que lles agradara a quen sempre foron os beneficiados dos procesos a dedo e opacos.

Eu decidín o meu voto e agardo que vós tamén o fagades. Con confianza, ilusión e sobre todo moita responsabilidade. Para que o día 2 de Marzo non teñamos que laiarnos de nada.
Para que o día 2 voltemos a pensar nas cousas que non nos gustaron destes tres anos e medio, e poidamos modificalas, pero coa seguridade e a confianza de que Galiza seguirá avanzando.

…e o que me gustaría analizar do BNG


 

Cando o Bloque Nacionalista Galego accedeu en 2005 ao Goberno Galego, convertiu un momento histórico en dobremente especial: por un lado o acordo de goberno co PSdeG-PSOE rompía con dazaseis anos de goberno do Partido Popular e Manuel Fraga e por outro supoñía a entrada do nacionalismo galego por primeira vez na historia no goberno nacional. 

Momento histórico que  moito tempo levaban galeguistas e nacionalistas soñando con ver e loitando por conquerir. E para o BNG iso supoñía non só un reto, senón tamén a máis grande responsabilidade que tiña afrontado. 

Cabe destacar, antes de centrarnos no que fixo ou deixou de facer este partido desde que comezou a lexislatura, a importancia que tivo o ter presenza na Xunta para o BNG. O Bloque Nacionalista Galego ten sufrido nestes últimos anos grandes cambios, algúns obrigados polo novo rol da organización na política do país, e outros impulsados polas persoas e colectivos que dirixen o BNG dende o relevo de Xosé Manuel Beiras. 

Eu valoro que o BNG ten madurado, na súa presenza social e institucional, quizais como consecuencia da responsabilidade de cogoberno. Pero este cambio a nivel interno ten sombras como poden ser unha viraxe da fronte cara comportamentos máis propios dos partidos clásicos.

Seguir lendo

A parte que lle toca ao PSdeG-PSOE…


 

Coa sinatura do acordo de goberno PSdeG-PSOE/BNG en xullo de 2005, determinouse que a Presidencia da Xunta estaría ocupada por Emilio Pérez Touriño. Ademais, os socialistas desempeñarían tarefas de goberno nas áreas de Educación, Sanidade, Pesca, Traballo, Economía, Política Territorial e Medio Ambiente. O peso no bipartito do PSOE é certamente superior que o do seu socio, tal e como lle corresponde polo número de escanos obtidos (25 fronte a 13). E é que as eleccións de Xuño de 2005 supuxeron a volta do socialismo á segunda forza política do noso país, lugar que ocupara o Bloque desde o sorpasso do nacionalismo liderado por Xose Manuel Beiras en 1997. 

Os socialistas galegos, polo feito de ter ao seu cargo unha cantidade maior de responsabilidades de goberno tamén deben ser valorados cunha maior rigurosidade e esixencia. 

En termos xerais, se ben a parte socialista do Goberno Galego introduciu un cambio nas formas, feito palpábel no número de comparecencias do Presidente no Parlamento ou nunha maior transparencia en todos os procesos, non foi moito máis alá desde cambio meramente superficial, de caras, ou cosmético. 

Algunhas Consellarías da Xunta dirixidas por socialistas limitáronse a xestionar o legado do Partido Popular e non acometeron os cambios estruturais que reclamaron os cidadáns nas urnas aquel 19X e que o socialismo prometera. 

Seguir lendo

A vitoria xa acadada do Partido Popular


O primeiro que cabe preguntarse acerca do Partido Popular é o seguinte: logo de dazaseis anos gobernando e tres facéndolle a oposición ao bipartito, ten posibilidades de retornar á Presidencia da Xunta?

É obvio que nunhas eleccións non hai límites, agás os que os cidadáns marcan, e polo tanto en principio o PP ten tantas posibilidades como o que máis. Pero é que as enquisas recentes (La Voz de Galicia 15/02/2009 ou Xornal de Galicia da mesma data) indican que o equipo que dirixe Núñez Feijoó está outra vez ás portas da maioría absoluta. E isto é algo que debe preocupar a PSOE e BNG. Por un lado polo simple –e en parte aterrador- feito de que o partido de Manuel Fraga é capaz en termos electorais de manter o tipo, e conta con posibilidades de voltar á maioría absoluta que perdeu en 2005.

E en segundo lugar porque o PP mantén esta posibilidade con varias eivas: a ausencia do seu referente carismático en Galiza, Manuel Fraga Iribarne, a ausencia dun goberno popular en Madrid, as recentes perdas electorais que se traduciron nas perdas das alcaldías das principais cidades do país e en dúas das catro Deputacións.

E todo isto é un logro que hai que recoñecerlle ao PP na súa xusta medida, pero tamén un fracaso dos outros dous partidos, que contaban coa ilusión de ser o goberno do cambio tras 16 anos de políticas caducas e hoxe se atopan cunhas previsións de voto que semellan unha foto fixa de Xuño de 2005.

E se ao anterior sumamos a desastrosa oposición da que fixo gala o Partido Popular nestes tres anos e medio, baseada no voto en contra porque si e sen alternativa ningunha, e na protesta e carga en cuestións en que foi o seu goberno o principal responsábel ( Cidade da Cultura, Vía do Salnés, os indignantes temas do voto emigrante e da autopista que vertebra este país, a AP-9…), ou en sementar discordias onde antes había consenso…

Seguir lendo

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.