//
arquivo

Eleccións Galegas 12

This tag is associated with 24 posts

Os anciáns do asilo sendo levados a votar, en vídeo


É algo que sempre se comentou en Cambados e que moitos votantes de San Tomé viron en repetidas ocasións. Acontece en máis lugares e aínda que na maioría das veces é unha práctica nos lindes da legalidade, a moitos semella que está fóra de toda ética. No caso de San Tomé, trátase do transporte (noutros lugares denominado “carretaxe”) de anciáns do asilo para votar. Testemuñas ao longo de anos dan fe de casos de persoas que non están nas condicións físicas e sobre todo mentais para exercer libremente o dereito ao voto. Nos últimos tempos parte dos anciáns do asilo votan por correo pero as monxas aínda levan a votar in situ a moitos deles, que veñen do asilo co voto preparado. Agora hai un vídeo que pon imaxe a todos eses rumores ou comentarios, que xa está a circular con forza nos círculos cambadeses das redes sociais. No vídeo aparecen (semella que por casualidade) o alcalde Aragunde, Cores Tourís, Rosa Oubiña e o teniente de alcalde, acompañados polo asesor do alcalde.

Xa que se fala nesta entrada de ética, a moitos nos resultou clarificador ver como se mestura totalmente Concello e Partido en Cambados, neste caso ao ver ao secretario persoal do alcalde (cargo de confianza sufragado por todos os cambadeses) acompañar a Aragunde durante a xornada electoral (domingo) nas súas visitas aos colexios electorais. Computaron tamén estas horas de “traballo” (de partido) como horas extra?

O Salnés conta con catro deputados electos


A nosa comarca enviará a dous deputados e dúas deputadas ao Parlamento Galego. Iso é o que ditaron as urnas o pasado 21de Outubro, pero podería verse modificado pronto se o previsible próximo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, volve a pedir aos seus futuros conselleiros que renuncien á acta de deputado. Nese caso algúns poderían dimitir e outros novos nomes poderían aparecer na cámara,  como por exemplo o da ex deputada Rosa Oubiña, que non foi electa o pasado domingo. Seguir lendo

O PP reforza a maioría parlamentar con menos votos e a oposición tradicional afúndese, irrumpindo a Alternativa


O Partido Popular acadou onte 41 deputados na cámara galega fronte aos 38 de 2009. E fíxoo a pesar de deixarse máis de 130 mil votos nunha xornada na que tamén é certo que 240 mil galegos menos se achegaron a votar aos colexios electorais. A oposición parlamentar desta lexislatura afúndese por completo. O BNG pasa de 12 a 7 escanos e o PSOE de 25 a 18. Xuntos deixan de obter máis de 350 mil votos que acadaran nos pasados comicios autonómicos. A sorpresa dáa a Alternativa Galega de Esquerda (coalición na que participan a Anova de Beiras e Esquerda Unida, entre outros), que obtén 200 mil votos e convírtese na terceira forza do Parlamento con nove deputados, por riba do Bloque. Xosé Manuel Beiras asina así o seu segundo sorpasso, tralo adiantamento electoral executado en 1997 polo BNG ao PSOE. Seguir lendo

“Co PP na Xunta, teremos praia en Cambados” di Aragunde no mitin


Con esta frase, o alcalde de Cambados pediu o apoio para Alberto Núñez Feijoo. Como se a praia fora a auténtica prioridade para o noso Concello (onde aínda que poucas, tamén as temos naturais) nun momento en que se empeoran servizos fundamentais como a sanidade e o ensino pola suposta falta de cartos. Ademais desta proposta de dubidosa necesidade, o PP volveu prometer nunha campaña electoral máis que a nova praza de abastos será levada a cabo. Ao mitin celebrado na Cultural asistiu o nº2 de Feijoo, Alfonso Rueda, e tamén interviron ademais do alcalde, o ex alcalde Cores Tourís, o presidente da Deputación Rafael Louzán e a deputada Rosa Oubiña. O Diario de Arousa non aclara se finalmente o presidente da Xunta estaba no acto ou non. Todos os que falaron tentaron sementar o medo a un suposto tri ou cuatripartito, chegando a escenificar este voto do medo coa frase “Ou o PP ou o caos”. A única presenza non agardada polos populares foi a dos tres afectados polas preferentes que se pasearon polo salón de actos coas súas camisolas reivindicativas. Dous días antes estiveran no acto de Alternativa, no cal se lles deu a palabra para que explicaran a súa posición.

Cambados representado no manifesto no que duascentas persoas da cultura que apoian publicamente a Alternativa Galega de Esquerda


Hoxe saltou aos medios un manifesto publicado por uns douscentos representantes do mundo da cultura (músicos, actores, escritores, catedráticos…) que apoian de xeito explicito as candidaturas da Alternativa Galega de Esquerda de cara os comicios do vindeiro domingo. Entre os asinantes, a nivel nacional destacan Xosé Luís Mendez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Julián Hernández, Antonio Durán Morris ou Manuel Rivas. Estas duascentas persoas consideran que o goberno de Feijoo actuou coa fin de derrubar a cultura e a lingua galegas mentres prolongou e aumentou a hipoteca do Gaiás, e fomentou a cultura do espectáculo fronte á da participación social. Coidan que a coalición liderada por X.M. Beiras  é “capaz de unir nun mesmo proxecto de intervención política, de emancipación nacional e social, dúas tradicións tan insignes coma as que representan hoxe Anova e EU, coas achegas de Equo e Espazo Ecogaleguista”. Seguir lendo

Outra política é posible


Eu creo firmemente na política. Pero coido que neste momento de perda de credibilidade, é preciso, máis que nada, destacar a importancia de mudar a política. E iso empeza por mudar a nosa visión da mesma, porque só así acharemos a forma de sermos cidadáns libres e iguais.

Levo tempo observando como se corrompe a política desde os propios partidos ou desde os medios de comunicación. Non deixo, efectivamente, de ler a xornalistas preguntando sobre pactos, consellerías, presidencias e vicepresidencias. E non, non se trata diso. Cómpre deixar claro que estas son unhas eleccións lexislativas e que o que estamos votando é a candidatos ao parlamento. E que o parlamento é a voz do pobo, a nosa voz, a voz de todos. Xa foi repetido centos de veces, e nunca deixará de ser certo, que a ‘democracia’ é o goberno do pobo polo pobo, e que o que temos neste momento é unha oligarquía, é dicir, o goberno duns poucos que ademáis, gobernan só para outros poucos.

E porén, non é certo que o goberno non é máis que unha das tres patas do poder político? Seica é máis o poder executivo, é dicir, o executor da lexislación aprobada no parlamento, que o poder lexislativo, o centro de toda soberanía democrática? A que vén, entón, tanto afán por repartírense consellerías?

É necesario, por tanto, facermos unha nova política. E aí é onde de verdade entra a Alternativa Galega de Esquerda. Hai agora en Galicia un establishment político de tres partidos, que conforman un parlamento depauperado democráticamente. É, pois, a hora de renovar o Hórreo. Parece que non hai ventilación no piorno. Chegou a hora de abrir portas e ventás e permitir que entre o aire novo, un furacán de dignidade que sexa o altavoz do 99%, o noso altavoz, o da maioría social.

Dicía tamén, aí atrás, que temos a forza da ilusión. Digo agora que esa forza nos acompañou durante todos estes días de campaña, sen esmorecer. É importante que sexades conscientes de que somos unha coalición nova, que pensedes na falta de recursos e nos esforzos que estamos a facer pra que chegue a nosa voz á xente. Pero tamén vos digo que levamos case quince días facendo unha campaña nova, cargada de optimismo, de indignación e de resistencia. Somos auténticos guerrilleiros á procura dunha rebelión cívica, da toma verdadeira das institucións democráticas (e polo tanto nosas) a través da recuperación da confianza na política. A nosa bandeira, a integridade. O noso símbolo, un zapato sostido en alto. Somos guerrilleiros e somos zapatistas, porque con eses zapatos imos marcar un camiño de ida e volta entre o parlamento e a sociedade e porque con eses zapatos contribuiremos a darlle a patada (enténdase a metáfora, non me acusedes de incitar á violencia) ás gaivotas que sobrevoan San Caetano.

Somos, pois, unha forza nova, que recolle moitas das teses propias da esquerda social, do activismo antiglobalización, do altermundismo, do ecoloxismo. Representamos a unha esquerda inclusiva, lonxe de dogmatismos. Somos galeguistas, nacionalistas, independentistas, pero tamén federalistas. Achégannos as gañas de cambiar o mundo. Únenos a visión de que, ante un momento de crise, a asociación dos diferentes sectores políticos e sociais de esquerdas, supón un deber. O noso obxectivo, e dígoo desde o convencemento, coa razón e o corazón, é darvos voz. Como dixo Castelao, “nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.

Estamos, en conclusión, ante un momento clave da historia contemporánea galega, española, mundial. É por isto que vos pido que vaiades votar. A vós, que este 21 de outubro tedes o dereito de escoller aos que si vos deberían representar en Galicia e ante o mundo. E co orgullo de formar parte da xente que traballa por un mundo mellor e por levar á realidade aquilo de que “outro mundo é posible”, pídovos tamén o voto para Alternativa Galega de Esquerda.

Non só iso. O noso traballo non remata este domingo. Iso sería de necios. Pídovos ademais que participedes activamente con nós. Tedes a forza da palabra. Quérovos pedir, pois, que contribuades a recuperar a credibilidade na política, pois esta é o fundamento da vida en sociedade, do civismo activo, da cidadanía plena.

Notade que a sigla resultante da Alternativa Galega de Esquerda ben podería conformar o acrónimo “age” en língua portuguesa; é dicir, o imperativo do verbo agir: “actúa”. E iso é o que demandamos. Que actuedes. Porque quedar na casa é ser cómplice da deturpación do sistema, quedar na casa significa ser partícipes da destrucción da nosa identidade social, e supón asumir a nosa aniquilación como cidadáns, como pobo. Dicía Rosa Luxemburgo que se non te moves, non sentes as cadeas que te manteñen atado. Eu coido que xa é o momento de romper esas cadeas, de exercer o noso dereito a, simplemente, ser.

O 21 de outubro comeza un novo tempo. Entre todos, podémolos parar. Estamos xa a paralos.

O 21 de outubro, actúa!

Este mércores, acto da Alternativa Galega de Esquerda en Cambados


A coalición Alternativa Galega de Esquerda vén de anunciar un acto público para este mércores 17 no noso Concello. Será no Salón José Peña ás 20.30 horas. A presentación correrá a cargo do membro de Anova e coordinador desta páxina web, Óscar Pardo Planas, e intervirán ao longo do acto tres persoas. Unha delas é Xesús Alonso Montero, militante de EU, ensaísta, membro da Real Academia Galega e do Consello de Cultura Galega. Outra é un militante recoñecido do nacionalismo galego, Francisco Trigo, quen durante anos foi parlamentario galego e quen formou parte do único goberno de esquerda en Cambados. A terceira é Bernarda Rubianes, representante da comarca na candidatura da Alternativa e tamén implicada no nacionalismo desde hai anos.

Alternativa está a complementar con estes actos en todos os Concellos da comarca o seu gran acto central,  que se celebrou onte na Praza de Peixería de Vilagarcía. Nel participaron ademais da xa citada Bernarda Rubianes, Juan Fajardo, Yolanda Díaz ou o aclamado Xose Manuel Beiras, e tivo un seguemento dunhas catrocentas persoas.

Tourís di na Voz de Arousa que é unha mentira que levara cartos por comisións en obras de Cambados


O ex alcalde e agora candidato a parlamentario polo PP contesta hoxe ás preguntas de Serxio González en La Voz de Galicia de Arousa. Na entrevista, Tourís aproveita para negar que cobrara comisións na adxudicación dunhas obras en Burgáns, tal e como deixaría entrever unha cinta que custodia agora o xulgado de Arzúa. Cores Tourís di que non quere falar do tema, en mans dos seus avogados, e que falará disto despois das eleccións. Seguir lendo

Vázquez (BNG) en Cambados, e Beiras (Alternativa) en Vilagarcía este domingo


O BNG realiza este domingo o seu mitin central de campaña en Cambados. Será ás 18 horas no Salón de Exposicións José Peña e contará coas intervencións do voceiro local, Víctor Caamaño, da candidata comarcal Montse Prado, e do portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Pechará o acto o cabeza de lista en Pontevedra, Carlos Aymerich. O BNG realizou esta semana o seu mitin comarcal. Seguir lendo

O BNG ofrecerá unha charla-coloquio sobre servizos públicos o xoves


O Bloque Nacionalista Galego organizou en Cambados unha charla-coloquio para o vindeiro xoves ás 18.30 horas no colexio Magariños.O tema central da mesma é o estado dos servizos públicos baixo o goberno do Partido Popular e as alternativas que propón esta formación de cara a vindeira lexislatura.Participarán Víctor Caamaño e Montse Prado e ao final os asistentes poderán intervir tamén.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.