A nova sobre as gravacións nas que presuntamente se relaciona a Cores Tourís co cobro dunha comisión para que o Concello de Cambados adxudicara obras á empresa Excamel SL, saltou xa ás páxinas de todos os diarios. Hoxe La Voz de Galicia publica o asunto na páxina principal da súa web e os diarios comarcais recollen a demanda do BNG de crear unha comisión de investigación no Concello para esclarecer a relación desta empresa co goberno local. Luís Aragunde, quen asinou as obras en cuestión, dixo estar moi confiado na inocencia de Tourís e o propio ex alcalde dixo que el non ten nada que ver neste asunto. Seguir lendo
Hoxe El País publica máis datos sobre as gravacións entregadas ao xulgado de Arzúa nas que supostamente se escoita como o pai dun empresario afirma que Tourís recibiu cartos a cambio de adxudicar obras. As obras en cuestión foron dadas a esta empresa (Excamel SL) no ano 2010, sendo alcalde xa Luís Aragunde. De aí que na gravación se especifique que non foi Aragunde que tería recibido os cartos senón Cores Tourís (“9.000 euros fueron para Cambados para el alcalde, no, para Tourís“). En concreto, a obra foi adxudicada por procedemento negociado sen publicidade e ten un valor de 112 mil euros (a información aínda está colgada na web do Concello). Tratábase de rehabilitar os servizos deportivos de Cambados e Burgáns. Seguir lendo
O Partido Socialista realizará o seu mitin central en Cambados o vindeiro mércores, 10 de Outubro, a partires das 20.30 horas. Será no Salón José Peña e intervirán o ex ministro José Blanco, o secretario de organización do PSdeG-PSOE e nº3 da candidatura, Pablo García, o candidato da comarca, Julio Torrado, e a voceira local Fátima Abal. Os socialistas cambadeses ademais queren facerlle unha pequena homenaxe ao recentemente falecido Rafael Blanco, que ocupaba desde as eleccións municipais a portavocía no municipio. Esta lembranza terá lugar momentos antes do mitin de campaña. Seguir lendo
Un lector infórmanos da convocatoria do Bloque “Toma un café co BNG”, mediante a cal Víctor Caamaño e Montse Prado pretenden entablar conversa coa mocidade de Cambados.
Será o sábado 6 ás cinco da tarde no Pub Brothers sito na praza de Alfredo Brañas.
A campaña do BNG a nivel nacional ten por lema “Para facerlles frente” e pretende aglutinar o voto nacionalista na súa formación.
Hoxe a medianoite comeza a campaña electoral, coa tradicional pegada de carteis. Durante os vindeiros días sucederanse os actos tamén na nosa comarca, e está previsto que PP, PSOE, BNG e Alternativa realicen actos no noso Concello. Esperamos dar conta deles desde esta web.
A nivel nacional é importante sinalar que mañá o CIS publicará dúas enquisas electorais, unha sobre Euskadi e outra sobre Galiza. Cabe lembrar que os últimos inquéritos coñecidos deixaban aberta a posibilidade de que o PP acadara maioría absoluta.
Hoxe tiveron lugar dous plenos extraordinarios en Cambados. Un deles tiña como obxecto elixir por sorteo ás persoas que formarán parte das mesas no día das eleccións galegas. O outro foi o que tiña por obxecto proceder respecto ao cese do concelleiro Rafael Blanco, tristemente falecido como xa informamos nos días pasados. Respecto a esta última cuestión soubemos por medio da prensa que a persoa quen ocupará o seu lugar na Corporación será Ángel Manuel Giráldez.
A persoa que seguía da lista socialista era Sara González pero renunciou en favor de Giráldez, quen xa fora concelleiro en lexislaturas anteriores. Este incorporarase ao grupo do PSdeG-PSOE na vindeira sesión ordinaria, prevista para a última semana do mes de Outubro (os plenos en Cambados celébranse tan só unha vez cada dous meses). Segundo o blog “A ti meu Cambados”, os concelleiros presentes nos dous plenos extraordinarios de hoxe renunciaron aos 100 euros que perciben por asistencia a estas sesións.
O alcalde de Cambados, Luís Aragunde, visitou hoxe co delegado da Xunta en Pontevedra as obras realizadas nas rúas Beleco e Illa de Arousa. Non se trataba dunha visita “técnica” senón propagandística, só así se explica que acudiran medios como Canal Rías Baixas. O alcalde fixo declaracións aos xornalistas recalcando a inversión económica e as vantaxes das melloras introducidas.
A Lei Electoral prohibe, desde a convocatoria de eleccións, a inauguración a obras públicas e a visita ás mesmas por parte das autoridades. Seguir lendo
Para votar por correo de xeito convencional (desde calquera parte de España), tes que solicitalo até o 11 de Outubro. Para iso só tes que achegarte a unha oficina de Correos, encher o impreso que alí terás ao teu dispor e acreditar a túa identidade con DNI, pasaporte ou carné de conducir. Entre o primeiro de Outubro e até o 14 recibirás no domicilio que indiques a documentación necesaria para votar. No caso de que non esteas nese domicilio Correos deixarache os papeis na oficina máis cercana. Tamén é preciso identificarse para recoller, sexa no domicilio, sexa na oficina, a documentación para votar. O último paso é emitir o voto. O elector seguirá as indicacións que se lle dean nos papeis e entregará nunha oficina de Correos o sobre no que incluirá a papeleta (ou non, no caso de votar branco) que desexe elixir. O último día para envialo é o 17 de Outubro.
Todo o proceso é de balde. Lembra que unha vez solicites votar por correo, non poderás facelo na mesa presencialmente o día das votacións aínda que non emitiras finalmente o voto por correo.
Este xoves 20 de Setembro ás 20.30 horas no Salón de Peña en Cambados, o BNG celebra un acto político no cal participará o seu candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Francisco Jorquera. Ademais del, intervirán o voceiro municipal Víctor Caamaño e a candidata Montse Prado. O lema dos nacionalistas para esta precampaña é “En Bloque podemos!” e estase a centrar na defensa da soberanía e da xustiza social. Até agora o candidato está elixindo un formato desenfadado, de pequenas xuntazas nos Concellos, para facer chegar a súa mensaxe e darse a coñecer.
Foi alcalde de Cambados, senador en Madrid (por certo, un dos galegos menos traballadores na Cámara Alta) e agora era Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra. Hoxe Feijóo anuncia o seu cesamento, pero non, non se trata de apartalo da vida política senón de premialo e elixilo para as listaxes do PP por Pontevedra. Isto é así porque os altos cargos son inelixíbeis e polo tanto, deben cesar antes de integrar unha candidatura. Seguir lendo