//
arquivo

Eleccións Locais 11

This tag is associated with 107 posts

Decisións difíciles (e máis aínda de explicar)


Tralas últimas eleccións locais abriuse nalgúns Concellos e Comunidades Autónomas un escenario parlamentario aberto, incerto.  A lei electoral en España non é de carácter presidencialista, senón representativa; iso quere dicir que nós eliximos candidatos (no noso caso partidos, posto que as listas son pechadas) e os que saen elixidos escollen logo aos gobernos -léase alcaldes, presidentes, etc-. Polo tanto, nos casos onde non se produce unha maioría absoluta -a metade máis un- os representantes electos  dos diferentes partidos deben conversar e chegar a acordos para poder acadar un goberno estábel.

É o que acontece normalmente en Galiza, onde os maioritarios son PP (dereita) e PSOE e BNG (centro-esquerda). Polo xeral estes dous últimos apóianse mutuamente cando é posible, matematicamente, un goberno de progreso. É lóxico. Pero, sobre todo nos Concellos, hai veces que non é posible chegar a un acordo, ben sexa por diferenzas programáticas claras nese Concello, ben sexa -desgrazadamente- por rencillas persoais. Estas situacións, que se volveron repetir nestas eleccións de 2011 en varios lugares (entre outros Cuntis, Fene, Moaña ou Moraña, por diferentes motivos), son sen dúbida difíciles de explicar en clave galega, mais ás veces nos respectivos Concellos son entendidas pola militancia ou polos simpatizantes; e noutros casos córrese o risco de que se ben a base do partido que se “rebela” ao pacto está dacordo con tal decisión, os seus votantes frústranse ante a sensación de que o seu voto non serviu para evitar un goberno do PP. E nas seguintes, moi probablemente, quedarán na casa ou cambiarán de voto.

E un caso destes é o que acontece agora mesmo en Extremadura, onde Esquerda Unida decidiu absterse na investidura e permitir así que goberne a lista máis votada (o PP). A decisión non gustou nada a nivel estatal, posto que IU tentou presentarse o pasado 22M como o garante de frenar ao Partido Popular (igual que o BNG en Galiza) e o feito de que se absteña choca frontalmente contra esa consigna. Pero tamén é certo que a decisión foi votada pola base militante de IU-Extremadura, nunha demostración de  democracia interna e que resultaría moi complicado desoir sen provocar unha rotura do partido.

E teñen as súas razóns, posto que o certo é que o PSOE nesa comunidade desprezou á forza de esquerdas cando non lle era necesaria (e isto recoñecérono agora os propios socialistas) e deixouse levar polos vicios das maiorías absolutas, e polo visto chegando a bastante máis acordos cos populares que cos esquerdistas na pasada lexislatura. Entón que cabía facer nesa situación? A miña pregunta é…ata que punto se deben aceptar sistematicamente os pactos?

E pregunto  isto convencido de que en Galiza o futuro, polo menos a curto prazo, para garantir gobernos de centroesquerda pasa polo entendemento entre Bloque e PSOE (caso claro da Xunta). Rexeitando tamén os pactos fallidos por cuestións de desentendementos persoais nos Concellos. E convencido ademais de que, moi posiblemente, a decisión en Extremadura lle ocasione a IU en España unha mala pasada.

Que cómpre facer ante isto? Deben primar os acordos estatais sobre os nacionais e os nacionais sobre os municipais? Non o sei, quizais non sería necesario plantexar esta cuestión se se demostrara máis madurez política, cousa que visto o visto en Extremadura (ou aquí ao lado, na Illa de Arousa, onde o concelleiro do BNG foi increpado por apoiar ao PSOE!) parece difícil de augurar. Primeiro deberíamos, todos, entender en que sistema nos movemos (aínda que queiramos cambialo, ese é outro debate moi necesario) e obrar en consecuencia e con normalidade. Porque os pactos, ademais de legais, son na maioría de ocasións reflexo do sentir electoral e social e axudan a que máis cidadáns poidan estar representados nun goberno.

Valoración dos resultados das Eleccións de 2011


Xa pasaron as eleccións municipais. Os cidadáns de Cambados falaron, e fixérono alto e claro dándolle outra maioría absoluta máis ao Partido Popular. E esta, a diferenza das dúas anteriores, é indiscutíbel (as outras tambaleábanse de quitar voto emigrante e calquera actividade de dubidosa moralidade como os vínculos laborais co Concello ou feitos tan reprochables como o que acontece cos anciáns do asilo, por poñer exemplos concretos).

Así que si, Cambados Quere, e Cambados obviamente terá PP catro anos máis. Polo tanto, ao remate desta lexislatura os conservadores terán gobernado Cambados 28 anos.

Dito isto, poderíamos facer un breve repaso por partidos. O PP afianza a maioría, como xa dixen, e sobrepasa incluso as predicións dos propios populares (recoñeceuno o propio Aragunde). Deste xeito, os votos ao Partido Popular pasan do 60%, gañando os populares incluso nas mesas do centro da vila (que normalmente daban vitorias a BNG+PSOE). Un resultado moi moi positivo para o PP.

O PSOE cae máis de mil votos e volve ao seu tradicional terceiro posto, do que se desprendera por primeira vez en 2007 ao sobrepasar aos nacionalistas. A perda de concelleiros é de dous, pasando de 5 a 3.

O BNG mantense practicamente cos mesmos votos e tamén co mesmo número de concelleiros, 3, que nas anteriores eleccións.

Facendo unha lectura máis persoal, aínda que era consciente de que era moi difícil que o PP perdera a maioría absoluta (víao posíbel, pero máis difícil que en 2007) non agardaba un resultado tan malo para o cambio.

Canto aos socialistas, coidaba que a súa caída sería incluso maior e que poderían caer até os 2 concelleiros. Pero  na parte que máis me toca, na do BNG, valoro o resultado como malo (por non dicir moi malo), xa que manterse nunha marca como a de hai catro anos nunca pode ser unha boa nova ou un consolo. Agardaba unha suba considerable para o Bloque.

Máis tendo en conta a boa oposición que levou a cabo o Grupo Municipal con Víctor Caamaño á cabeza, que seguiu liderándoa fronte a un PSOE desaparecido na maior parte da lexislatura. E se a isto lle sumo o feito de que considero positiva a campaña que levamos a cabo nos últimos meses, só me ratifico en que este resultado non é para nada bo. Por outra banda, resulta algo inxusto que BNG e PSOE vaian gozar do mesmo número de concelleiros a pesar da diferenza en votos que existe, pero iso xa son cousas da Lei Electoral.

O BNG non foi quen de captar os votos perdidos polo PSOE (e que, ademais, en 2007 viñeran precisamente na súa maioría dos nacionalistas). Os mil e pico votos perdidos polos de Tabuyo levounos integramente o Partido Popular, o que dá tamén unha idea do pouco cariz local que tiveron estes comicios a pesares de ser municipais e non unha reválida de Zapatero, tal e como nolo quixeron plantear desde os medios e en Cambados desde o PP de Aragunde (ao que non lle interesaba electoralmente que se falara da xestión do PP en Cambados).

Desde logo que haberá que analizar que fallou, por que non somos capaces de chegar á cidadanía, como podemos facelo, que cousas temos que mudar. Non creo que a solución pase por “abrandarse” na oposición e ofrecer unha “cara amable”. Eu penso que o BNG nos últimos anos, que eu poida recordar mellor (xa con Roque), se caracterizou por dar a batalla no Concello sempre sempre desde o respecto e as boas formas –que contrastan coas que a miúdo vemos desde as filas do Partido Popular- e que non podemos calar ante temas tan graves como o enchufismo, o amiguismo, a defensa de garantías en obras de tanto calado como a do Saco, na denuncia de especulación no Polígono…e en cantidade de importantes temas para o Concello.

Iso non quita que o fagamos de xeito respectuoso, e sempre aportando propostas e non limitándonos a criticar. Pero iso é algo que xa facemos a día de hoxe, que fixemos especialmente nesta campaña, polo tanto creo que a énfase debe poñerse en: como reconectarmos co cidadán? Por que non estamos a chegar a el?

O BNG debe volver a ser visto polos veciños e veciñas como a única alternativa ao eterno goberno do Partido Popular. E penso que, indo ao “morboso” do asunto, Víctor Caamaño ten que seguir liderando este equipo durante os vindeiros catro anos e polo tanto, ser o vindeiro candidato á alcaldía. Se el e os militantes o queren, por suposto.

Onte, desde a miña humilde opinión, Cambados deu un paso atrás. É evidente que iso non o cren a maioría dos cambadeses, e por iso é tarefa nosa facerllo ver, aos que deron o seu apoio a un Partido Popular que remata por gobernar para uns poucos, e aos moitos que non foron votar ou votaron branco/nulo.

Non é momento de que cunda o desánimo ou o pesimismo. Senón de redobrar esforzos e de poñerse xa en marcha. Traballar, traballar e máis traballar. Non o facemos por nós, senón por tod@s, iso é o que marca a diferenza.

Ánimo e adiante!

Resultados Eleccións 2011


Xa é sabido por tod@s, o Partido Popular de Luis Aragunde fíxose con 11 concelleiros (sobe 2), o BNG con 3 (mantense, a pesar de que un puñado de votos o alonxaron do 4º concelleiro)  e o PSOE con 3 (baixa 2). Aparentemente, os votos perdidos polos socialistas foron a parar aos populares, manténdose case igual que hai catro anos o BNG. De seguido, unha imaxe cos resultados oficiais facilitados polo Ministerio del Interior:

Felicitar ao Partido Popular e a Luís Aragunde polos resultados acadados no día de onte, que amplían a maioría absoluta da que nesta lexislatura gozaban por unha escasa marxe. Hoxe ou mañá publicarase neste espazo un artigo de opinión analizando o sucedido nestas Eleccións Locais de 2011.

Grazas tamén ás catrocentas persoas que seguistes a xornada electoral en Cambados(tk), producindo máis de 1.350 cargas de páxina ao longo do día de onte.

O Valedor informa ao BNG de que lle solicitou a información do Xantar do Albariño ao Concello


Nun escrito oficial con data do 16 de Maio, o Valedor do Pobo informa a Víctor Caamaño de que, a raíz da súa denuncia, esta institución ten solicitado ao Concello a información relativa aos convidados ao Xantar. O BNG quere saber que persoas foron convidadas (con cartos públicos) a comer ese día e cal foi o motivo de cada convite.

Como xa se ten narrado aquí, o Bloque solicitou en varios plenos desde hai meses esta información e Aragunde esquivou en cada ocasión a pregunta, posto que por todos é sabido que a ese Xantar se convida a centos de persoas, moitas das cales nada teñen que ver co mundo do viño e tan só teñen o “mérito” de ser membros do Partido Popular.

En opinión do voceiro e candidato do BNG, Víctor Caamaño, “Luís Aragunde sairase coa súa, pois conseguirá non renderlle contas, antes das eleccións,  aos veciños e veciñas do xeito en como utiliza os cartos  de todos e todas para o beneficio político do PP. Debe quedar moi claro que un alcalde que oculta o destino no que utiliza o diñeiro público, non debe ser digno de ocupar ese cargo.”

E conclúe “O BNG ten claro que en política non vale todo e que os grupos políticos non somos todos iguais. Ademais, o cidadán, no momento de apoiar unha opción política debe ser contundente e rexeitar, claramente, o mal uso ca o goberno do PP leva facendo moitos anos en Cambados.”

O domingo, segue a xornada electoral en directo en CTK


CTK ten preparada unha cobertura especial para esta xornada electoral cambadesa. O domingo, calquera persoa, desde calquera lugar, non só de Cambados senón do mundo, poderá ter acceso en directo a comentarios, observacións, e sobre todo resultados. En directo. Aquí.

Farémolo grazas á rede social Twitter, pero non será necesario ser usuario desa rede para poder beneficiarse da cobertura. Aquí mesmo, neste espazo, terás á túa disposición un recadro onde irán aparecendo ao longo do día mensaxes curtas (de até 140 caracteres), en especial a partires do peche dos colexios electorais (xa que durante o día non adoita haber moita máis información relevante que de participación).

E se queres botar unha man e formar parte do equipo que vai lanzar as mensaxes á rede só necesitas unha cousa, poñerte en contacto con CTK por algún dos moitos medios que tes á túa disposición e se che explicará o xeito de actuar.

Xa sabes, o domingo, a información electoral en Cambados(tk).

[por certo, é posible que durante o domingo sexa complicado moderar os vosos comentarios do libro de visitas. Intentarase pero pode ser que non vaia como quixeramos. En calquera caso, desculpas por adiantado]

É hora de actuar, votando


Este domingo chegan por fin as eleccións locais. Pasaron catro anos máis nestes 24 anos que dura a “longa noite de pedra” cambadesa. Catro anos máis que confirman a inutilidade dun goberno prepotente, pouco democrático e sobre todo iso, inútil. Inútil para resolver os problemas da xente, da maioría.

Inútil, por exemplo, para combater un problema tan grave nestes días de crise como o do paro que sofren 1.500 cambadeses (non é de recibo repartir culpas para todos menos para un mesmo), ou para potenciar ao comercio dun xeito real e non só con carteis e rifas, por peonalizar a zona histórica (cando gozaremos de Fefiñáns sen coches?), para sanear a costa e rematar cos cheiros, para deixar de soñar con praias e apostar dunha vez por un turismo real e propio, para darlle solución á falla de aparcamento, etc, etc…

Cambados merece moito máis! Cambados merece un Concello onde sexamos tratados por igual. Onde non se nos mire o carné de partido, nin sequera se temos algún carné. Que desaparezan as políticas do enchufe como forma de contratación, porque o Concello non é duns poucos senón dos cambadeses. Que non se especule con chan público como ocorreu no Polígono Industrial, senón que se promova a xeración de emprego para todos e todas. Que deixen de utilizarse as festas de todos os cambadeses como convencións do Partido Popular, con comilonas a cargo de todos  incluídas.

Desde esta web levo xa seis anos falando do “outro Cambados” que é posible. Das cousas que non nos gustan deste xeito de gobernar, das alternativas. Non vou poñerme a repetir todos e cada un dos temas, levaríame centos de parágrafos facelo.

Só nos permiten decidir unha vez cada catro anos e agora chegou o momento. O domingo podes votar por continuar con este tipo de goberno, sen plan a curto ou longo prazo, que só busca perpetuarse porque interesa a propios e amigos. Ou podes escoller mudar as cousas, darlle a opotunidade a xente con ganas, ilusión e moitas ideas novas.

Non é casual que aceptara outra vez formar parte da candidatura do BNG de Cambados. Non o é. Fíxeno por varias razóns; de pasado, presente e futuro. Pasado porque o Bloque sempre tivo un discurso coherente e consistente, baseado na razón e nos argumentos e iso demostrárono todas as persoas que por el pasaron e seguen e estar. Presente porque o actual equipo conta con toda a miña confianza, comezando polo candidato e portavoz Víctor Caamaño, quen creo que será un gran alcalde para Cambados e leva catro anos facendo un traballo de oposición respectuosa pero moi firme fronte á abstención e desaparición doutros. Futuro porque con este completo equipo e con propostas tan racionais, diferentes e positivas como as que presentamos nos últimos meses creo en serio que Cambados dará un salto adiante.

Polo tanto eu penso que o domingo poderás escoller entre máis do mesmo, máis PP, máis goberno para beneficio duns poucos; ou por pararlle os pés ao interminable mandato dos populares e elixir un bo goberno para TODOS e TODAS.

Porque quedar na casa este domingo só ten unha consecuencia: gaña o Partido Popular. Eles, sabémolo ben, teñen moitos votos présos, sabemos que os da emigración non era os únicos votos fixos nesa rede de favores que foron tecendo nestas dúas decadas: eles nunca fallan.

Eu penso que, cando menos, é hora de darnos unha oportunidade para probar algo diferente. Estou seguro de que merecerá moito a pena. Só o conseguiremos votando masivamente este domingo.

E a alternativa, está clara.

Festa de peche de campaña do BNG


Onte tivo lugar o seu acto central na de Peña. Un mitin ateigado de xente (máis de trescentas segundo La Voz de Arousa) que deixou relucir a un Víctor Caamaño espléndido, cómodo e cun discurso completo. E tamén a uns oradores novos, como Manuel Fariña e Almudena Castro, e outro non tan novo (como Chon), cos que cada frase que pronunciaron nos seus pequenos discursos se converteu automaticamente en aplausos na nave de Peña, con eles o mitin xa estaba feito.

E para este venres, a partires das once, o BNG ten planeada unha festa de peche de campaña. Será no Pub A Pera (Rúa Pontevedra) e haberá música de variados tipos, tanto tradicional como moderna (a cargo de Skalopendra). Víctor Caamaño fará unha pequena intervención xusto antes das 12, hora na que finaliza esta campaña electoral.

[E hoxe no mesmo Salón Peña terán o seu acto central o PSOE de Cambados ás 21 horas]

Entrevista aos candidatos. Intervención final


Pregunta 8. Ten á súa disposición un último espazo para dirixirse aos lectores e pedirlles a súa confianza, en particular aos mozos e mozas.

Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta

(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)

Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE.   Eu quero que todos saibades que é posible, que a suma de vontades pode máis que a resignación e que Cambados ten as mismas posibilidades de cambio que outros pobos, se non máis. 24 anos de goberno do PP en Cambados non resolveron os problemas que vimos arrastrando porque non traballan nin con planificaión nin con previsión, levan demasiados anos vivindo de mama xunta e de mama deputación, e os que derrochan a mans cheas non deben ser os mesmos que xestionen as épocas de austeridade. Podemos logralo, por un puñado de votos non foi realidade fai 4 anos, hoxe é posible: atrevédevos a cambiar, podemos facelo…asegúrovos que vai merecer a pena. Moitas grazas pola vosa confianza e apoio.. Máis info. na web do PSOE de Cambados

Víctor Caamaño, candidato do BNG.O control social, a utilización partidista do concello, o desprezo aos que non pensan igual e a utilización política de mozos e mozas é a forma en que o PP de Cambados leva moitos anos ao fronte do noso concello. Pero hai outra forma de gobernar, hai outra forma de facer as cousas,  na que desde o concello se promova  a participación cidadá e o obxectivo dun goberno municipal sexa a resolución dos problemas  reais dos veciños e veciñas e non, unicamente,  gañar as eleccións.

Neste momento un cambio en Cambados é necesario e, ademais,  posible. Pero o único cambio real  pasa porque o BNG goberne e xestione este concello. E para iso o BNG necesita o apoio da cidadanía e, en especial, da mocidade. Unha mocidade que quere ser respectada e quere ser tida en conta. Unha mocidade que ten ilusión e que non quere perder a esperanza na sociedade. E o BNG necesita do apoio de mozas e mozos porque somos un grupo comprometido coa xente e cremos que calquera cambio social pasa pola implicación e compromiso dos xoves. O BNG cre na mocidade como forza imprescindible para mudar  o presente e acadar un futuro mellor para todos e todas. Máis info no seu blog.

FIN DA ENTREVISTA
Agradecer fondamente aos candidatos que respostaron ás preguntas de Cambados(tk), tanto a Víctor Caamaño como a Domingo Tabuyo. Moitas grazas por expoñernos a súa visión e propostas para a vindeira lexislatura. Sorte

Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento

Resultados da enquisa electoral


A continuación amósanse os resultados da enquisa de campaña que se desevolveu en Cambados(tk) nos últimos días. Téñase en conta que non pretende ser un estudo realista sobre os próximos resultados electorais do domingo 22, e que os datos que amosan deben ser contextualizados no perfil do enquisado, que máis adiante se especifica. Foron cubertas 88 enquisas, o máximo número que permitía a plataforma empregada e había restricción de IP, unha enquisa por computadora. Amplía as imaxes ao premer.

O PERFIL DO ENQUISADO: Xove, galeguista e de esquerdas. E votará.

O primeiro apartado da enquisa consistía en definirse politicamente. Nunha escala do 1 ao 5 os lectores de CTK manifestaron que na escala Esquerda (1) – Dereita (5) o perfil medio é de 2.03, e na escala de sentimento de pertenza Galego (1) – Español (5) o lector medio estaría no 2.01. Isto cadra tanto coa liña editorial da web desde o seu inicio hai seis anos, como co perfil de enquisado da enquisa preelectoral realizada en Nadal (a coincidencia é case total).

Canto á idade, volve a ser maioría o segmento 18-25 anos cun 48% dos participantes. As persoas con menos de 35 son o 68%, un público moi novo.

Por outra banda, unha maioría aplastante (88%) afirma que votará o vindeiro domingo. Só catro persoas (5%) din que non irán votar -2 delas corresponden aos menores de 18- e un 7% non decidiu aínda se acudirá á cita electoral.

PROPOSTAS E CANDIDATURAS: O BNG o mellor valorado, seguido de PSOE e PP

Os enquisados podían facer unha valoración tanto das propostas lanzadas polos partidos como das súas candidaturas. Se medimos nunha escala de 10, as propostas do BNG acadaron un 7.08, aprobando, fronte aos suspensos de PSOE (raspado, 4.74) e PP (3.8). A candidatura máis valorada pola audiencia de CTK é tamén a do Bloque, coa mesma nota (7.08). Aproba tamén o PSOE cun 5.12 e volve suspender o PP cun 3.76.

COÑECEMENTO DE CANDIDATOS: Aragunde o máis coñecido; o BNG situa a 7 persoas entre os 10 primeiros

Dábanse todos os candidatos das 3 listas e pedíase recoñecemento (non simpatía, só coñecemento). Aragunde situouse primeiro na lista (97.73%), seguido do ex alcalde Tourís (96.59%) e dos candidatos de PSOE, Domingo Tabuyo (94.32%) e BNG, Víctor Caamaño (90.91%). Os outros 7 no “top 10” son candidatos do BNG, destacando Xaquín Charlín (89.78%). Se falamos dos postos de “cola” en coñecemento, todos están ocupados por candidatos de PP e PSOE a partes iguais. Podes consultar toda a lista ordeada premendo aquí.

O CAMBIO: É posible e sobre todo é querido

Hai unha diferenza substancial en relación coa enquisa de decembro. Daquela, unha abrumadora maioría dos lectores de CTK (78%) cría que o cambio non sería posible de conquerir desta volta nas urnas, aínda que case todos (86%) querían ese cambio. Esa cifra mantense practicamente igual (87%) pero agora case o 60% dos lectores cren que o cambio si é posíbel o 22 de Maio. Sen dúbida unha moi boa nova, hai ilusión de cara ás eleccións fronte a unha actitude máis desmobilizada hai seis meses.

Consulta os resultados completos comodamente

Ademais de todos os datos xa dados,os lectores podían opinar libremente ao finalizar a enquisa. 27 persoas decidiron escribir algo, e as mensaxes son moi variadas. Bastantes inciden na necesidade dun cambio para democratizar o Concello, aínda que hai opinións para todos os gustos. Podes acceder á súa lectura premendo aquí.

Entrevista cos candidatos. Peonalizacións


Pregunta 8. Que proxectos concretos de peonalización ou humanización de rúas ou espazos públicos contempla o seu programa? Requerirían estes proxectos de actuacións complementarias (redistribución do tráfico rodado, aparcadoiros…)?

Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE.  Cambados ten que poñer en valor o que o diferencia, o seu Patrimonio e apostar por ofrecelo nas mellores condicións para gañar en calidade de vida e en factor de atracción para os visitantes. Peatonalizar Fefiñáns xa, e aplicar medidas alternativas de rutas con guias polo caso histórico, e outras que potencien o seu entorno como un paseo das palabras na Avda de Madrid… Peatonalizar tramos aos que temos que dar outros accesos como alguns  moi céntricos, e outros como diante da Biblioteca e a Igrexa. Pero hai que facer estudio de alternativas para vehículos e aparcamentos disuasorios para evitar entrar co coche no caso histórico. Máis info. na web do PSOE de Cambados


Víctor Caamaño, candidato do BNG. Como todo veciño e veciña de Cambados sabe, o BNG leva moitos anos demandado a peonalización da Praza de Fefiñáns e faino convencido de que con esta medida todos e todas sairemos gañando. Peonalizar esta praza vai a significará  o mesmo coa Rúa Real, pois deixaría de ter sentido para o tráfico rodado. O noso plantexamento  futuro sería o de seguir peonalizando a Praza de Asorey e a Rúa do Principe para crear unha arteria peonil que chegara da Praza de Fefiñáns a Catro Camiños.

Ademais propomos a creación dunha praza pública  con aparcamento soterrado nos terreos do actual Cuartel da Garda Civil (este pasaría a terreos de  Burgáns). Esta actuación permitiría a creación dun paseo  peonil arredor do contorno do Pazo de Fefiñáns así como que algunhas rúas deste casco histórico pasen a ser zona azul para o servizo de comercio e hostalaría. Igualmente propoñemos o desenvolvemento urbanístico da zona de Fefiñáns coñecida como “Solo urbanizable Cruceiro 1” (NNSS) que permitirían mellorar o acceso aos xulgados dando saída a dúas rúas cegas na actualidade e permitindo, así mesmo, a dotación de zonas verdes e equipamentos tan necesarios para esta zona. Esta actuación significaría o incremento do número de prazas de garaxe complementándose a actuación coa proposta do BNG da nos terreos do colexio Magariños para a construción dun comedor escolar e un pavillón e prazas de aparcamento.

Ademais compartimos, con outros grupos políticos, a proposta de restruturación dos edificios e terreos da actual praza de abastos coa construción dun aparcamento soterrado. Máis info no seu blog.


Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta

(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)

A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS

Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.