//
arquivo

Eleccións Xerais 11

This tag is associated with 14 posts

Reforma da Lei Electoral


Discutía eu o venres pasado no recreo, tomando café cos meus compañeiros sobre o noso sistema político. Eu dicíalles que tal como está deseñado, é unha ditadura que dura catro anos. Os cidadáns emiten un voto a un partido que se obtén a maioría absoluta, ten un cheque en branco para facer e desfacer o que queira, dixera o que dixera o seu programa electoral. Chus e Domingo dixéronme que eu estaba un pouco radical, quizais teñan razón pero creo que os tempos están para poñerse radical.

Para o 18 de decembro o movemento do 15-M tiña varias protestas convocadas a favor da reforma do actual sistema electoral. Ese que entre unha peculiar distribución das circunscricións e a aplicación da Lei D’Hont fai que con un censo de votantes de 34.952.313, o PP saque maioría absoluta con menos de 11 millóns de votos (10.830.693), un 30,98% dos votos posibles, un 44,62% dos emitidos. É dicir menos dunha terceira parte dos posibles votantes, votaron ao Partido Popular. O número de votos dos demais partidos foi de 13.681.250, máis que os do PP (un 55,38%). Sen lei D’Hont o PP tería uns 158 deputados, lonxe da maioría absoluta actual (186). Vale, isto non é unha ditadura, pero tampouco é unha democracia real.

Fronte a esta situación están xurdindo  novas propostas, moitas delas baseadas nas posibilidades que abren as novas tecnoloxías. Neste enlace tendes un vídeo cunha interesante. Permitiría que os cidadáns exercéramos de feito a nosa parcela de soberanía para votar leis importantes que nos afectan de cheo (de xeito electrónico, a través de internet). É máis, penso que sería o único xeito de aprobar leis que “os mercados” non permitirían aprobar a unha clase política demasiado próxima aos seus intereses. Lembrade o que pasou con Papandreu (foi cesado fulminantemente, pese a haber sido elixido democraticamente facía pouco tempo) cando quixo facer un referendum en Grecia sobre os axustes que lle esixía Merkel.

Quizais eu teña unha confianza demasiado grande en internet, pero estou segura de que vai cambiar o mundo (esperemos que sexa para mellor).

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Domingo Tabuyo volve ao IES Francisco Asorey tralo seu paso polo Congreso


Así o anuncia hoxe unha entrevista que tivo co ex deputado do PSOE o diario La Voz de Arousa. Domingo Tabuyo, secretario xeral do PSOE de Cambados (aínda que xa non voceiro no Pleno desde o pasado Maio, tralas eleccións municipais). Volverá á súa praza como profesor de Xeografía e Historia no instituto que leva o nome do famoso escultor. Seguir lendo

O PP volve triunfar en Cambados ante un PSOE que se desfonda e un BNG que resiste


Os resultados das eleccións de hoxe dan outra alegría ao Partido Popular de Cambados, que se fai co 58.25% dos votos válidos e máis de 5.000 papeletas. Unha suba de case oito puntos e 500 votos respecto as Xerais de 2008 aínda que baixa lixeiramente con respecto ás municipais deste ano. O PSOE cae case doce puntos até o 21.64%, por debaixo dos 2.000 votos. O BNG obtén uns resultados moi semellantes aos comicios de 2008, cun 14.99% (menos de medio punto máis que hai catro anos) e unha diferenza de menos de dez papeletas ao seu favor. Seguir lendo

Xornada electoral en Cambados


Hoxe os cidadáns de todo o Estado están chamados a elixir aos seus representantes tanto no Congreso como no Senado. Na provincia de Pontevedra preséntanse trece candidaturas para a Cámara Baixa e doce para a Alta. Nas anteriores eleccións Xerais, en 2008,  o reparto de escanos no Congreso foi o seguinte: Partido Popular (3), Partido Socialista (3) e Bloque Nacionalista Galego (1).

En Cambados a votación tivo como resultado o seguinte reparto:

PP 4566 50.57 %
PSdeG-PSOE 2983 33.04 %
BNG 1297 14.36 %

Na última ocasión foron 9.102 persoas as que participaron no noso Concello (82.07%), sendo a cuarta forza política EU con 73 papeletas, moi lonxe por tanto dos partidos con representación parlamentar. Os nulos sumaron outros 73 e os brancos 48.

Os colexios electorais pecharán ás 20.00 horas, momento a partires do cal se comezarán a coñecer os primeiros resultados do escrutinio.

Eleccións e benegá


Os resultados deste domingo volveron dar unha abrumadora maioría ao Partido Popular, en España, en Galiza, e máis unha vez, en Cambados. Por esa parte hai máis ben pouco que comentar. Está case todo dito, incluído o tema da inxustísima Lei Electoral. O PPdeG atópase en moi bo momento, tanto que se chegou a rumorear que Feijoo podería adiantar a este ano as eleccións para aproveitar esta marea (azul din, máis ben escura) e revalidar comodamente un goberno que en 2009 conseguiu por ben pouco. Hoxe, porén, o Presidente dixo que non haberá tal adianto. Menos mal.

E menos mal porque o que parece claro é que as forzas da actual oposición non están preparadas para asumir a tan curto prazo unha contenda electoral galega con esperanzas de éxito. E non simplemente pola derrota actual, nin pola pasada. É que hai un problema de cohesión e liderado nos dous partidos máis que palpábel. E unha renovación que non foi tal tralo fracaso de 2009. Só se renovaron uns cantos, os demais siguen aí e seguen a obter malos resultados. Respecto ao tema específico dos dous líderes, manteño o que dixen hai dous anos, “líderes provisionais e pouco carismáticos”. Non había tempo para transición, pero decidiron que si o hai. E así imos.

A min o caso do PSdeG, para servos sinceros, preocúpame ben pouco pola pouca coincidencia que teño con esta formación e máis agora cando baixo este pobre liderado afloran (ou aumentan) os localismos inútiles de sempre e agóchase aínda máis o galeguismo. E a esquerda, a pouca que quedaba, levouna a última lexislatura de Zapatero.

Pero o BNG si me preocupa. Preocúpame porque é o único partido (fronte) de esquerdas e que mira polo país. Porque até agora foi un instrumento válido para a transformación de Galiza e porque é a casa común do galeguismo/nacionalismo. Onte, tralos resultados das Xerais, escoitei a Guillerme Vázquez valorar os resultados (en diferido, posto que na TVG o cortaron para amosar a Rajoy brincando no balcón de Génova) e o certo é que, se ben non dixo que eran magníficos (como se dixo por aí), si observei un certo triunfalismo que non vén ao caso. É verdade que é unha mangnífica nova que o nacionalismo manteña os dous representantes en Madrid. Pero hai que centrarse: O BNG leva perdendo apoios desde xa non sei cando. De forma constante e ininterrumpida. Non valen xa balóns fóra, non valen xa tsunamis, complots, situacións complicadas e resistencia á dereita. A min, non me vale.

E nestas eleccións deuse unha situación semellante á que tivemos en Cambados este ano nas municipais: o descalabro do PSOE non trae votos ao Bloque, como era tradicional e esperable. Eses votos quedan agora na casa ou van parar a outras forzas, como Esquerda Unida (que en lugares como ao Norte do país supera nalgunhas mesas ao BNG). E isto é moi grave, non é para estar precisamente contentos e seguros de que “comeza a recuperación” do BNG.

A remontada virá cando voguemos todos na mesma dirección. Cando haxa un liderado forte e que ilusione. Porque as persoas SI importan, por suposto que o colectivo tamén, pero as persoas e a linguaxe que se emprega de cara a sociedade é vital. E aí falla o nacionalismo. Sigo sen entender por que trala perda da Xunta non se elixiu ao home ou muller capaz de conducir ao BNG cara o Goberno Galego e se optou pola temporalidade, sigo pensando que non había tempo para transicións. Todo isto comenteino nun “polémico” artigo en 2009 titulado A refundación do BNG. Case nada do que se propoñía alí se cumpriu, eu avisaba de que de ser así “a tendencia vai continuar e de votantes descontentos pasaremos a simpatizantes e militantes desmoralizados”.

Eu non quero desmoralizarme. Pero somos moitos os que imos por ese camiño e hainos, tamén bastantes, que xa chegaron alí. Por iso espero que a Asemblea Nacional de Xaneiro fixe un novo rumbo. Xogámonos moito.Tamén como país.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


O alcalde desafía á Xunta Electoral e volve “supervisar” unha obra


O alcalde de Cambados visitou onte unhas obras na parroquia de Oubiña e declarou que “non vou marchar 15 días de vacacións pola campaña” en referencia aos avisos dados pola Xunta Electoral de Cambados a el e a Tourís polos continuos incumprimentos da lei electoral vixente. Esta Lei prohibe este tipo de visitas en período electoral que teñen por fin resaltar logros do goberno, pagados con cartos públicos, en beneficio dun partido político. Seguir lendo

Non me deixan votar


Esa é a sensación que teño no corpo. Non me permiten exercer o meu dereito ao voto. Vivimos nun país no que a única ocasión que nos brindan para opinar chámase xornada electoral e ocorre cada catro anos. Forma parte dun xogo viciado, no que o sistema de reparto e as circunscricións danlle a vantaxe aos dous partidos que o xestionan. Un sistema inxusto, no que o voto duns vale menos que o voto doutros, no que un escano do PP ou PSOE custa moitos menos votos que un do BNG, de ERC e sobre todo de EU. Por non falar da inexistencia total das demais opcións nos medios de comunicación, debates, etc.

Eu iso sabíao. Por iso a miña opción para o 20N é (era) clara. Para o Congreso, voto galego e de esquerdas, voto ao BNG. Non só por coincidencia ideolóxica senón por utilidade, porque en política é de xustiza premiar a quen o traballa. Fannos ver que todos son iguais, que a clase política “apesta”. En parte é certo, pero eu creo na política como xeito de cambiar as cousas, incluídas as que non me gustan no sistema actual. Por iso digo alto e claro que non todos son iguais do mesmo xeito que non todos os votantes somos iguais. Os deputados nacionalistas no Congreso comportáronse en realidade como deputados nacionais, xa que foron os únicos que exerceron de galegos e traballaron a favor da cidadanía deste país. Ademais, dentro do posíbel, inclinaron a balanza para impulsar políticas de esquerda ou rexeitar recortes da dereita (hoxe representada en PP e PSOE). Algo que beneficia á maioría dos cidadáns de España. O Bloque, como expoñía Duarte aquí hai uns días, propón unha saída da crise que non se leve por diante o que tanto custou construir. Defensa da sanidade e ensino públicos. Progresividade na fiscalidade, redución de gasto militar. Cambio na Lei Electoral. Unha alternativa clara á política que PP e PSOE comparten.

Estou a vivir nos Estados Unidos de xeito temporal, e por iso hai máis de un mes realicei no Consulado o papeleo necesario para poder votar, algo que por certo supón un gasto que desde logo estiven disposto a asumir. Logo de máis de un mes, non recibín as papeletas para poder emitir o meu veredito. Hoxe remata o prazo para envialo, polo tanto xa podo dicir que por vez primeira integrarei ese amplo porcentaxe de abstencionistas. No meu caso, forzoso. Retiráronme o minúsculo dereito de opinar cada catro anos. Seguramente digan que a culpa é de tal ou cal servizo de correos, mais o tempo, tivérono. Eu, este 20N, sinto que non contan comigo no meu país. E o inverno xa está aquí.

.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


A Xunta Electoral ameaza a Tourís e Aragunde cunha sanción


Unha denuncia deste fin de semana do BNG volve a poñer de manifesto que o PP realiza actos ilegais en campaña, tal e como ditaminou a Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Cambados. Hai días acontecía o mesmo coa visita de Tourís á Cultural, e agora trátase da visita do delegado da Xunta e ex alcalde a obras de Beleco e Fefiñáns acompañado do actual rexedor, Luís Aragunde. Segundo a XEZ ambos incurren en actividades prohibidas pola normativa electoral, xa que se trata de visitas a obras financiadas con cartos públicos en campaña electoral. Seguir lendo

Duarte Correa: “Galiza, co BNG, estará presente na política do Estado”


Duarte Correa, veciño de Oubiña, foi até 2009 responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego no Salnés, ademais de participar activamente no sindicalismo a través da CIG-Ensino. Agora asume un novo reto integrando a candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados, como número 5 en Pontevedra, nas eleccións do vindeiro domingo 20 de Novembro. Preme en “Seguir lendo” para ampliar.
Seguir lendo

Proxecto #aritmEtica20N, ou como votar para romper o bipartidismo


Coñecemos a través dun comentario do artigo publicado nantronte, “Vén o inverno”, unha curiosa iniciativa nacida na rede para tentar romper co bipartidismo o 20 de Novembro. O obxectivo, segundo se explica na web do proxecto é “rachar co monopolio de PP, PSOE e CiU” e “evitar a maioria absoluta do PP”. Seguir lendo

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.