Se hai algo que queda claro ao observar os resultados da Mini Enquisa (preme aquí para velos íntegros) aberta a semana pasada en Cambados(tk) sobre o futuro de Exposalnés, é que a diversidade de opinións é moi importante. Certo é que unha aplastante maioría dos lectores participantes (máis do 80%) consideran que se o Concello se fai coa sede da antiga Fundación Comarcal, os usos das instalacións deberán cambiar. Se queres, podes premer en Seguir lendo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, respondeu ao email no que trasladamos as vosas propostas verquidas na Mini Enquisa de CTK en relación ao gasto de un millón de euros na reforma da sede dunha sociedade privada como a Cultural. O email foi enviado a través do servizo O Presidente respóndeche nun prazo máximo de 10 días (que é de xustiza dicir que funciona) e nel, amosábaselle a Louzan a sua disconformidade coa inversión de “cartos de todos en beneficio dunha agrupación privada” , especialmente “cando vostede (por Louzán) e membros do seu partido político pregonan día si día tamén a necesidade dunha suposta austeridade”. Seguir lendo
Durante a última semana realizouse un pequeno inquérito entre os lectores de Cambados(tk) para coñecer a súa opinión sobre o gasto de fondos públicos en Cambados, e especialmente arredor do gasto de un millón de euros que a Deputación empregou en reparar a sede dunha asociación de carácter privado (a Cultural).
Pois ben, as persoas que participaron nesta enquisa discrepan radicalmente cos criterios que segue o Concello de Cambados –ademais doutras institucións- para invertir os cartos de todos. En concreto, nunha escala do 1 ao 5 en prioridade, tan só outorgan de media un 1,41 á reforma da sede da Cultural. Dúas obras que segundo o goberno local tamén son prioritarias, as comportas do Saco e a construción dunha praia artificial, contan co rexeitamento dos lectores. Seguir lendo
Abrimos unha xanela máis á participación. Nesta nova enquisa de CTK poderás facer unha valoración da campaña.
Comeza, como a anterior, pedindo unha breve descrición de idade e afinidade esquerda-dereita e galego-español. Logo, poderás puntuar as tres candidaturas e as propostas, en xeral, de cada partido. O apartado máis longo é o de coñecemento das listas, xa que se dán as tres e se pide que se marque que candidatos se coñecen (excluíndo aos suplentes para acurtar algo o proceso).
Ao final hai un espazo aberto, como sempre, para que cadaquén valore calquera cousa que sexa do seu interese (propostas concretas, críticas, acontecementos, predicións de resultados…). Preme na imaxe para comezar a enquisa.
Se onte a nova era que os resultados da enquisa de hai 2 días producían unha subida de lectores tal que Cambados(tk) ocupaba o sexto posto en blogs máis lidos en Blogaliza.org, hoxe coñécese que no día de onte CTK acadou a oitava praza (e cun maior número de visitas). Grazas a tod@s @s que vos pasades por aquí e ogallá o que se publica sexa do voso interese.
Un dos aspectos que máis me chamou a atención da enquisa preelectoral que Cambados(tk) vén de publicar é o feito de que a pesar de que unha maioría aposta por un cambio político no Concello, tamén unha maioría rexeita que iso poida ser realidade nas eleccións de Maio.
Porque lembremos que non é esta unha enquisa aleatoria, senón que se trata dun inquérito realizado aos lectores dunha web que dista bastante de ser obxectiva. Demóstrase tamén a través da enquisa que o perfil do participante medio é moi semellante ao da liña editorial da web, de esquerdas e nacionalista.
Que importante conclusión pode sacarse dos datos? Unha bastante preocupante ao meu modo de ver, nin sequera nós, os que deberamos pregonear un troco no goberno local con ilusión, o facemos a día de hoxe. E é certo que a situación non é a de 2007, cun Partido Popular desaloxado dos gobernos central e galego e cun candidato cada vez menos popular incluso entre os seus votantes polas saídas de tono ás que nos acostumaba. Hoxe hai un momento político diferente, máis difícil se cadra, pero para nada xustifica este derrotismo que se respira.
Vale con acudir aos datos de resultados de eleccións municipais e comprobar como o treito que separa a dereita (PP) e oposición (BNG e PSOE) é cada vez máis curto, acadando un mínimo en 2007 que non foi, desgrazadamente,suficiente para tumbar aos conservadores.
Observo con optimismo como a figura dun candidato (Víctor Caamaño) que hai catro anos carecía de coñecemento incluso entre os seus votantes do Bloque, xa é unha figura consolidada en termos de popularidade (aínda que habería que traballar nese sentido para mellorar os datos).
A min tócame hoxe, e fágoo gustosamente, animar a tod@s @s que votaron NON na pregunta “Cres que pode haber un cambio político?” a que replantexen a cuestión. Que o cambio empeza aquí, en cada un, en cada conciencia. Sen autoestima vai ser moi difícil tratar de convencer ao pobo de Cambados para que se sume á nosa opción.
Tamén fai falla que os partidos presenten, de aquí a Maio, proxectos críbeis, que vaian directamente a solucionar problemas da xente de a pé. Que presenten candidaturas con xente de todos os estratos, de todos os tipos de profesión, de cada parroquia, de cada idade. Que empreguen todos os medios ao seu alcance para espallar a mensaxe.
A razón, creo eu, témola. Sen que nolo creamos non o imos conseguir nin hoxe nin en quince anos. Adiante.
A enquisa preelectoral sobre os comicios municipais de Maio de 2011 tivo unha boa acollida na internet cambadesa. Durante os dez días que estivo aberta á participación foron 84 persoas quen acudiron á chamada de Cambados(tk). Amplía as figuras premendo nelas.
O PERFIL DO ENQUISADO: Xove, de esquerdas e galeguista
Así é, un 46% dos participantes dixo ter entre 18 e 25 anos e as persoas con menos de 35 anos foron un 72% do total. Polo tanto, esta terceira enquisa de Cambados(tk) foi a que maior interese espertou entre o sector da mocidade, curioso tendo en conta que era unha enquisa totalmente política a diferenza da anterior (Albariño).
Do mesmo xeito o perfil do enquisado é claramente progresista. Entre 1(esquerda) e 5(dereita) a media foi dun 2.0. Canto ao sentimento galego(1)/español(5) o resultado foi de 1.9. Isto cadra bastante coa liña editorial da páxina web desde o seu inicio.
OS MAIORES PROBLEMAS DE CAMBADOS: Política clientelar (enchufismo), cheiros e problemas ambientais
Estes foron os tres principais problemas que atoparon os cidadáns, seguidos da falta de apoio a colectivos e asociacións e mantemento de infraestruturas. O aparcamento foi o sexto problema en votos. Os participantes tiñan a posibilidade de escribir libremente, neste sentido destaca a grande cantidade de referencias á falta de sensibilidade institucional do Concello (non convidar á oposición aos actos, xantar do Albariño, soberbia…). Podes ler todas as respostas íntegras aquí.
VALORACIÓN DOS GRUPOS POLÍTICOS: PP e PSOE suspenden e aproba por pouco o BNG. Aragunde o máis coñecido seguido de Tabuyo e Víctor Caamaño
Bastante estritos foron os participantes á hora de valorar aos tres grupos políticos con representación. Podíase puntuar do 1 ao 5. O PP obtivo unha nota media de 1.9, a peor dos tres, o PSOE acadou un 2.4, no límite pero suspenso, e o BNG un 2.9, pouco por riba do aprobado.
Canto coñecemento dos diferentes políticos, os máis coñecidos foron, obviamente os líderes: o máis popular foi o alcalde Luis Aragunde (97.6%), seguido de Domingo Tabuyo (96.4%) e Víctor Caamaño (91.6%). Situouse algo por detrás MªJosé Cacabelos, BNG, (70.2%) e xa a bastante distancia o tenente de alcalde Antonio Iglesias (40.5%) e o concelleiro do PSOE Rafael Blanco (38.1%).
O CAMBIO POLÍTICO: Desexado pero non críbel
Quizais sexa este o punto que máis chame a atención da enquisa. Un 68% cre que non vai haber un cambio político nas vindeiras municipais, a pesar de que o 76% desexa que iso ocorra. Chama a atención polo perfil do enquisado, potencial votante da esquerda, que non ve crible hoxe por hoxe que o cambio vaia suceder en Maio.
Estas respostas contrastan coas recollidas na última pregunta da enquisa, na cal se podía deixar calquera comentario respecto das eleccións municipais. Neste caso un número elevado de participantes piden un cambio político (“a perpetuidade no poder é a enfermidade crónica deste Concello”, dixo un enquisado). Outro, ademais, se dirixen á oposición porque “debería ser máis agresiva” ou “son persoas pouco cercanas. Hai opinións para todos os gustos, o mellor é lelas integramente, neste enlace.
Cando a campaña estea realmente cerca, Cambados(tk) lanzará de novo unha enquisa para pulsar daquela a percepción dos lectores, e sobre todo, comparala coa que existe neste momento.
Relacionados
Os resultados da enquisa. Podes acceder aquí aos resultados completos da enquisa preelectoral de Cambados(tk).
Eleccións 2011. Especial eleccións municipais en Cambados(tk)
Xa está á túa disposición a enquisa de Cambados(tk) sobre as eleccións de Maio de 2011 en Cambados. Son oito preguntas sinxelas que permitirán analizar que é o que pensan os lectores da páxina no momento político actual. Hai posibilidades reais de cambio en 2011? Queremos ese cambio? Cales son os problemas máis importantes que afrontamos os cambadeses?
Todo iso pode ser respondido na enquisa, á que podedes acceder durante os vindeiros días premendo neste botón, que poderás atopar tamén na marxe dereita da web. Moi pronto, aquí, os resultados.
Relacionados
En primeiro lugar cabe salientar a boa acollida que tivo a enquisa en internet, xa que durante os últimos cinco días foron máis de cen persoas quen se interesaron por cubrila e unha boa parte deles deixou a súa opinión persoal a través das dúas preguntas abertas que se lanzaban. Isto débese por un lado ao interese que esperta este tema entre os cambadeses e tamén ao esforzo de publicidade da enquisa que se fixo non só por parte de Cambados(tk) senón pola doutras webs cambadesas ás que desde aquí se lles dá as grazas.
A IDADE DO ENQUISADO: MOI REPARTIDO ENTRE MOZOS E MAIORES
Na única pregunta persoal que se facía, a da idade, desvelouse que os lectores que participaron eran na maioría xóvenes, de trinta anos ou menores (nunha proporción aproximada de 60-40 fronte aos que rebasaban a trintena).
OS PUNTOS FORTES DO ALBARIÑO, AS AMIZADES E A MÚSICA. O QUE MENOS GUSTA, O DESFILE DE CARGOS POLÍTICOS E OS ATASCOS
Fronte a resposta de “catar os viños”, que só conseguiu un 12% de apoios dos participantes, as gañadoras foron “os amigos” e “a música”, principales puntos fortes da Festa. Lonxe quedaban os postos que se montan e as atraccións da feira.
Como feblezas da celebración destacou a grande presenza de cargos políticos do Partido Popular, marcada en máis dun corenta por certo das ocasións e os cortes no tráfico. Unha das causas destes problemas viarios, a gran cantidade de xente, aparece como terceiro punto negativo. Ademais, o ruído até altas horas pareceu non ser a principal molestia para os lectores na Festa do Albariño.
A EDICIÓN DE 2010 FOI MELLOR E OS CONCERTOS SON LIXEIRAMENTE MELLOR VALORADOS. OS LECTORES QUEREN MÁIS VARIEDADE DE ESTILOS E MÁIS ARTISTAS GALEGOS
Aínda que a maioría absoluta de participantes (54%) cre que o Albariño 2010 foi “igual”, a suma de “mellor” e “moito mellor” (33%) é significativamente maior que as negativas (11%). Hai, pois, unha mellor percepción da presente Festa.
Canto aos concertos os datos arroxan unha melloría na variedade, aínda que algo quedará por facer dado que esta segue a aparecer como a principal demanda dos enquisados (38%) seguido da de introducir máis música galega (29%).
Isto corrobourse na primeira pregunta aberta, a de proposta de grupos para o Albariño. Nela a variedade suxerida polos lectores é abafante: todos estilos e procedencias de artistas.
Chama a atención que un vinte por cento de quen deixou a súa opinión neste apartado mencionou ao grupo galego Lamatumbá para pedir que participe no Albariño, casualmente como xa se ten demandado desde esta mesma web.
Outros grupos galegos de variados estilos son propostos (Treixadura, Som do Galpom, Milladoiro, Luar na Lubre), e incluso cambadeses (The Henry Warnimont). Hai quen se decanta por música española (Los Planetas, Sabina, Fito y los Fitipaldis…), por internacional (Manu Chao, Dj Tiesto, Hanson) hai quen pide menos pop e máis variedade, outro punk-rock, outros soñan con megaconcertos (U2) e outros pásanse dos soños con ironía suxerindo ao finado xenio da guitarra Jimi Hendrix. Recoméndase botar un ollo á lista completa.
O XANTAR DO ALBARIÑO REXEITADO POR UNHA MAIORÍA ABRUMADORA. OS LECTORES QUEREN QUE QUEN COMA PAGUE
A enquisa demostrou que as críticas verquidas antes do Albariño acerca de como se desenvolve o Xantar oficial contan co respaldo da sociedade: un 86% dos participantes da enquisa dixo claramente “É un malgasto cos cartos de tod@s con fins políticos”.
Como alternativas a gañadora é a que consiste en que quen asista á comida pague o seu prato (46%). De convidar a alguén os lectores apoiaron principalmente que se convide a persoeiros da cultura, deporte e ciencias (37%). Ningunha persoa marcou a opción de convidar a políticos do PP nunha coincidencia única en toda a enquisa.
OS LECTORES DAN DUCIAS DE PROPOSTAS PARA MELLORAR A FESTA DO ALBARIÑO
Destaca da enquisa a grande participación á hora de molestarse en escribir unhas liñas con suxerencias de como mellorar a Festa. Unha repetida é a referida ao Xantar do Albariño, mencionado por varios a modo de queixa por despilfarro e amiguismo; proponse abrir o Xantar aos cambadeses en forma dun Xantar realmente popular. De feito até 20 lectores se refiren ao Xantar e á utilización da festa por parte do Partido Popular (é dicir, é mencionado por un 45% de quen deixou a súa opinión).
Outra é a petición de maior limpeza das rúas (danse incluso ideas de como facelo) e maior número de servizos públicos e mellor sinalización para eles. O tráfico é outro tema de debate introducido, así como o control sobre a inxesta de alcohol por parte de menores e o abuso por parte de tod@s. A demanda dun pregón público o primeiro día da Festa é outra suxerencia interesante. Pero como se di no título, hai ducias e é imposíbel referirse a todas. Lembra que ti podes ler cada unha delas!
——————————-MÁIS:
Os resultados da enquisa. Consulta aquí integramente os resultados numéricos e das respostas a preguntas abertas. Para moverte facilmente polo documento podes empregar a roda do rato.
Tanto ese ficheiro coma este resumo serán remitidos ao Concello de Cambados como se propuxo desde a páxina Cambadosweb para que todas as vosas opinións cheguen a quen ten competencias na organización. Porque o que opinas, importa.
Se queres facer calquera tipo de comentario, crítica, pregunta…podes facelo no correo da web (cambadostk arroba gmail.com), na propia anotación como comentario ou a través do grupo de Facebook da páxina.
A enquisa que se está realizando desde Cambados(tk) sobre a Festa do Albariño 2010 está a ter unha moi boa participación de lectores. Lectores non só da propia web, senón tamén de páxinas como UnhaGrandeChea.org.es, CambadosWeb.net ou o blog de xeografía crítica O Umia…algúns dos que enlazaron a enquisa aos seus espazos.
A páxina que dá o servizo da enquisa fixa un límite de 100 participantes na súa versión gratuíta e prevese que tal número se cubra nos vindeiros días, xa que quedan menos de 20 dispoñíbeis. Como avance sinalar a gran cantidade de opinións e suxerencias que se deron na última das preguntas que se formulan. Un resumo dos resultados será publicado axiña, así como as opinións íntegras dos lectores. Ademais, tal e como se suxeriu desde a Cambadosweb, unha copia deste informe remitirase ao Concello de Cambados.