Que che pareceu a Festa este ano? Deixa a tua opinión en forma de enquisa anónima para Cambados.tk. Accede a través do seguinte enlace:
Nos vindeiros días faranse públicos os resultados. Participa!
Achega tamén a túa opinión a través do grupo en Facebook de CTK
“O único que fai o decreto é trasladar a cordialidade da rúa ás aulas“, esta frase, pronunciada estes días polo presidente Alberto Núñez Feijoó, expresa xusto todo o contrario do que supón e vai supoñer o decreto que quere levar adiante o Partido Popular na Xunta para regular o emprego dos idiomas nas aulas do país.
O único que fai este decreto, é, por un lado, transladar o conflito creado polo propio PP ás aulas, aos colexios e institutos de toda Galiza, e ademais supón outra oportunidade para que o galego perda un espazo tan importante como era o ámbito educativo.
Antes de facer a pequena análise cabe repetir: a lingua na docencia debe ser elixida polo Goberno Galego, a través da Consellaría de Eduación, representantes lexítimos do pobo galego, e en ningún caso debe ser unha elección para os pais, xa que a eduación (e máis a pública) da xuventude dun país é un tema de “Estado”, de pais, de nais, de cidadáns sen fillos, de políticos e de sindicalistas, de traballadores e de parados: de todo o mundo. Aféctanos a todos, e ademais nun lugar como Galiza onde temos dúas linguas, unha propia e en desvantaxe, a situación é aínda se cabe máis delicada.
A Xunta escurre o vulto da lingua. O conflito transladarase a cada centro.
O decreto tal e como aparece no borrador translada conflitos creados polo Partido Popular, ao seguirlle a corrente ao grupo extremista Galicia Bilingüe na pasada campanha electoral, porque como é sabido dúas das asignaturas serán impartidas no idioma que elixan unha maioría de pais (Matemáticas e Coñecemento do Medio/Ciencias Sociais). Parece ser que o xeito en que os pais e nais poderán elixir será nunha consulta (como lles gusta…) cada catro anos. Isto senta as bases para outra inxustiza: os pais dun rapaz, poñamos, que entre en ESO pode ser que voten a lingua nestas asignaturas cando o seu fillo estea cursando cuarto curso,a piques de abandoar o ciclo no cal elixirán idioma. Pola contra, os pais doutro rapaz que estea en cuarto cando o anterior comece terán tomado partido na elección da lingua en que o outro estudará tres anos…
As demais asignaturas deberán impartirse equilibrándoas en tres terzos, un para castelán, outro para galego e un terceiro para “lingua(s) extranxeira(s)”. Aquí a gran baza do Partido Popular: introduzamos a eduación en inglés e todo o mundo estará contento. E é evidente que a case todos nos parece unha gran idea mellorar as competencias, tan precarias agora dos alumnos galegos na “lingua universal” , pero se afinamos nesta cuestión do decreto podemos observar como en realidade este terzo de inglés pode tratarse dunha excusa para reducir aínda máis o ensino na lingua propia.
Discriminación positiva: si para o inglés, non para o galego
“Na medida en que os centros educativos non dispoñan dos recursos
humanos que lles permitan ofertar as horas semanais en lingua(s)
estranxeira(s, estas impartiranse en galego ou castelán, escoitando a
opinión das familias e aprobando no Consello Escolar unha asignación
lingüística que asegure o máximo equilibrio na distribución de horas
semanais nas dúas linguas oficiais.”
A pesar dese “máximo equilibrio” de que se fala, podemos estar seguros de que na maioría dos casos o equilibrio vai estar inclinando a balanza de novo cara o ensino en castelán. Outro burato no decreto.
Ademais, por que só se fala de inglés neste terzo de horas e non, por exemplo, de portugués, cando no decreto se mantén en todo momento a definición de lingua(s) extranxeira(s)?
Chama tamén a atención que o propio presidente anuncie unha discriminación positiva para os profesores dispostos a impartir aulas en inglés, cando o Partido Popular treme ao oír calquera clase de discriminación positiva cara o idioma propio, e lembremos, oficial deste país. E xa non só discriminacións positivas, mentres se premia ao profesorado para inglés nos concursos de translados, o galego é retirado dos requisitos das oposicións á función pública galega.
Unha vez sabido como se elixirán as linguas para matemáticas e sociais, e que o tema do inglés vai para rato e mentres será fonte de horas en castelán, como se reparten as demais materias? Pois será o Consello Escolar quen decida en que linguas se repartirán as asignaturas. Outro problema nas escolas. Transladamos non só aos pais a responsabilidade de decidir, senón que o Consello Escolar, no cal están representados pais, nais, profesores, Concello, e no caso de insitutos tamén alumnos e persoal non docente, será quen teña a papeleta de distribuir por lingua as demais áreas.
Consultas: máis gasto e máis desigualdade. Non se garante o obxectivo da aprendizaxe das dúas linguas oficiais.
Toda este enredo de consultas e decisións por centro só crea varios aspectos negativos. Por un lado, e o menor de todos: un gasto en enquisas cada catro anos innecesario ao estilo do inquérito que a Consellería enviou aos pais o pasado ano (pode supor uns 300,000 euros de cada vez). Por outro lado crea unha total asimetría no sistema educativo galego. Isto, a longo prazo, pode supoñer unha segregación de alumnos por lingua, xa que un pai poderá elixir segundo o idioma da súa preferencia o centro ao que quere enviar ao seu fillo e rematar con décadas de total e normal convivencia de idiomas.
Pero un dos aspectos máis graves é que imposibilita que se cumpra ese obxectivo histórico en canto a idioma do noso sistema educativo: que todos os alumnos rematen a súa educación con semellantes competencias na súa lingua materna e na outra lingua oficial do país. Isto refórzase co feito de que os alumnos, nunha clase impartida en galego poderán realizar todo o traballo, escrito e oral, da materia en castelán (ou viceversa).
Pode explicarme alguén entón como conseguimos que todos os alumnos rematen coñecendo as dúas linguas se, aparte da elección, van poder evitar pronunciar unha palabra na outra lingua durante todo o seu percorrido educativo?
Educación infantil: das galescolas ás aulas en castelán pasando polas galiñas azuis.
E non falemos xa da educación infantil. Despois de ter rematado co avance do galego na etapa preescolar, mudando galescolas por Galiñas Azuis, agora farán que nas clases se empregue o idioma predominante, iso si, “garantindo” a adquisición de competencias no outro porque “se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula.”
Con que medios se vai conseguir isto? Por exemplo, se o reparto de linguas na clase é 60-40, como se garante esa atención personalizada? Sen dúbida, outro paso para castelanizar aínda máis as cidades.
E como guinda: cambiar o nome dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares por Equipos de dinamización da lingua galega. Porque ya sabe usted, que normalización puede sonar a imposición…
Participaron 55 persoas até a medianoite do xoves 19 de Novembro. Cinco desas persoas abandoaron a enquisa antes de rematala, os seus resultados foron desbotados.
Perfil medio: Menor de 40 anos e participante dalgunha actividade do Ano Cabanillas
Así é, un 67% dos enquisados marcaron que tiñan menos de 40 anos, a maioria deles no subgrupo 18-25 anos. O outro terzo dos totais marcou a opción Máis de 40. En xeral pódese apreciar que a idade dos participantes está moi repartida entre os diferentes grupos estabelecidos, prevalecendo a xente moza.
Ademais un 84% dos enquisados afirmou ter participado dalgunha actividade relacionado co Ano Cabanillas 09. Un 87% xa coñecía a obra do escritor cambadés pero dixo que afondara no seu coñecemento fronte a un escaso 9% que afirmou seguir sen coñecelo e un 4% que di que grazas a este evento leu por primeira vez ao poeta da Raza.
Bo percepción xeral do Ano Cabanillas pero con matices. A publicación da biografía por parte de Luís Rei foi o acontecemento máis valorado.
Un 49% dos enquisados valora o Ano Cabanillas como Bo ou Moi bo, e só un escaso 9% o tilda de Malo ou Moi malo; pero o grupo que escolleu Regular é considerabelmente alto, cun 42% ocupa o lugar de preferencia nos resultados. Co cal aínda que a percepción xeral é boa parece que moitos dos participantes teñen opinións intermedias sobre o asunto.
Do total de votos sobre a mellor actividade un 27% escolleu a publicación da biografía de Cabanillas (Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudade) por parte de Luís Rei como o máis interesante do ano. De perto lle seguía a exposición Cabanillas e os artistas do seu tempo e o Serán Ramón Cabanillas. Tamén cabe destacar que as opcións máis abertas, como Outra exposición, Outra actividade, etc, aínda que ocupan os últimos lugares suman entre elas o 21% dos votos, o cal deixa patente que por un lado a pregunta debería ter máis opcións nas respostas e que a diversidade de actividades foi boa en canto a que non todos atoparon a que máis gustaron entre as catro opcións principais.
A comisión organizadora non serviu como coordinadora; Suspenden a nova Xunta e o Concello e aproba a Xunta bipartita e CANDEA é a asociación escollida por unha maioría como a que máis fixo neste Ano Cabanillas 09.
O 64% dos participantes cren que a comisión organizadora, auspiciada polo Concello e tamén limitada por este por non dar entrada directa nela a todos os implicados, non serviu para coordinar aos colectivos na organización do Ano Cabanillas. O 27% non coñecen o traballo desta comisión e o 9% si cre que serviu como aglutinador de asociacións.
Das institucions, o 64% di que a xestión da nova Xunta de Galicia do PP no Ano Cabanillas é Mala ou Moi Mala. O Concello obtén unha lixeira mellor nota, pero non logra o aprobado xa que o 38% inclínase polas opcións críticas e só un 20% polas enteiramente positivas. Un nada desdeñábel 42% califica a xestión do Concello como Regular, sen especificar. A Xunta bipartita é a que sae mellor parada 54% de votos positivos e só o 9% de negativos.
CANDEA, a asociación de ensinantes do Salnés é con diferenza a mellor valorada entre as organizacións que participaron dalgún xeito no Ano Cabanillas. Un 27% marcaron a esta asociación como a máis activa na promoción da vida e obra do poeta a través das actividades. 8 puntos por detrás atópase a Asociación de libreiros e logo a Asociación Cultural e Deportiva Unha Grande Chea, centros escolares e xa no quinto posto aparece o Concello de Cambados cun 10% de votos.
Resulta chamativo neste apartado como todas as primeiras prazas son ocupadas por asociacións, non por institucións. Os enquisados marcaron, pois, organizacións de tipo non político e deixaron a Concello, Deputación e Xunta nos últimos lugares da táboa (xuntos todos só suman un 22%, ridículo ao carón do 27% só para CANDEA).
Detalles
Preme en Seguir Lendo para ver todos os resultados detallados, pregunta a pregunta.
Durante os últimos días anuncíabase neste espazo a publicación dun balance persoal do Ano Cabanillas 2009 para moi pronto.
Pois ben, antes diso estaría mellor coñecer a túa opinión sobre o que foi este Ano Cabanillas, tanto desde o punto de vista das actividades como da organización. Trátase de tan só 10 preguntas que poderás respostar moi axiña. Nos vindeiros días serán publicadas as respostas detalladas nesta mesma páxina.
ABRE A ENQUISA ANO CABANILLAS 2009
Cabanillas