//
arquivo

Europa

This tag is associated with 14 posts

O modelo europeo necesario


“-Gustoume máis Seattle, creo que hai máis movemento, máis xente, máis que facer; pero problemente me quedaría con Vancouver para vivir.

 -Claro, alí teñen sanidade de balde”

Veño de cruzar máis ou menos estas palabras co meu compañeiro de piso (el é o que dá a resposta). Seattle e Vancouver están só a unhas tres horas en coche. Pero estas dúas cidades da costa pacífica caen en países diferentes. A primeira en Estados Unidos e a segunda en Canadá.

Fíxome graza o comentario por varias razóns. A primeira simplemente porque unha das conclusións que sacáramos da fugaz visita foi que Vancouver era algo máis “europea” que as cidades americanas, e a referencia á sanidade inevitablemente tamén mira cara a outra banda do Atlántico. Non é certo que a sanidade sexa de balde, en ningún lugar nin baixo ningún sistema. Pero as diferenzas entre estes últimos son abismais e ás veces unha distancia de menos de tres horas fai que saltes dun lugar onde os cidadáns dispoñen dun sistema universal a outro no que a sanidade non é máis que outra peza do dogma oferta-demanda, e no que a pesar de dispoñer de excelente tecnoloxía e formación millóns de cidadáns non poden acceder a eles por motivos económicos.

Nestes tempos de indignación xustificada (e impresicindible), ollamos á esfera europea con estupor ante as imposicións que se fan tanto nas receitas económicas de axuste que nos levan ao desastre, como consecuentemente nos recortes sociais e laborais . Imposicións que tamén nos veñen de organismos non-eleitos até o punto de que se cambian gobernos democráticos ou Constitucións sen pasar polas urnas. Pero a pesar da indignación non é tempo de deixarse prender polo discurso antieuropeísta, tipo británico, que aproveita o desencanto para construir consignas tan simples como destrutoras. Europa é necesaria, a nosa Europa, a Europa que impulsou o Estado do Benestar, os avances nos dereitos da cidadanía, a Europa dos pobos, ese proxecto común que ten que ser unha potencia e deixar de ser potencia potencial. E por que non dicilo? A Europa que pode servir de marco para as nacións como Galiza na súa emancipación. A Europa, lembremos, da fin das fronteiras.

Volvendo ao tema sanitario, temos que defender o que está ben. E a Sanidade, como todo mellorable, é un avance fundamental. Aquí nos Estados Unidos calcúlase que máis de 35 millóns de persoas carecen de ningún tipo de seguro médico e que 45.000 morren ao ano ao non dispoñer del. Iso a pesar de que o gasto per cápita é maior que na veciña Canadá, onde repito, teñen un sistema de cobertura universal.

Nos Estados Unidos estamos en campaña electoral dende hai demasiado, principalmente coas primarias dos republicanos. Unha diferenza EEUU-Europa vital é a seguinte: Mentres aquí os conservadores pelexan acusándose uns aos outros de “liberais” (como lle chaman aos de esquerdas aquí, considerado case un insulto) e satanizando calquera forma de sistema sanitario público; en España é impensable que un político se atreva a dicir abertamente que o quere destruir. A pesar de que logo na práctica os que temos agora no poder son especialistas en desmantelalo, achicándoo aos poucos. Mais a opinión pública xamais admitiría unha proposta de partida de disolución do noso modelo de sanidade. Parece unha parvada pero a pesar dos esforzos dalgúns por americanizarnos, Europa por fortuna segue sendo diferente. Nos EEUU do pensamento individualista para moitos (demasiados) Sanidade pública significa “pagarlle a uns vagos que non queren traballar os seus gastos médicos”, en Europa é unha necesidade solidaria pero que se sabe que revirte no benestar común.

Por iso cómpre á par de mobilizarnos contra a merma democrática que nos vén de “arriba”, defender a necesidade do modelo europeo, da socialdemocracia e do Estado do Benestar. Que perdamos esta batalla significará sen dúbida un futuro moito peor para os que veñan. Condenarémolos a vivir nun lugar menos xusto. Senón que llo pregunten a outro amigo americano que hoxe comendo comentábame o seguinte:

“ É triste,  pero agora mesmo estou sen seguro sanitario.” Poñédevos no seu lugarPenso que nun país normal ninguén debería pasar por isto. E tamén podería meter no saco o ensino ou os servizos sociais. Outro tanto.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Cousas que non entendo desta crise


COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE

1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580  en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.

2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?

3) Aos directivos  dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle  a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.

4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).

COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE

1)      Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Köhl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.

2)      Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.

3)      Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda,  a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso?

Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea  apúntase no vídeo do que falei.

O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non fai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.

Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Benito González estivo en Bruxelas hoxe convidado pola Xunta de Galicia


O Patrón Maior de Cambados, Benito González, viaxou até Bruxelas acompañado dunha mariscadora, María Xosé Martínez, para participar nun debate sobre a reforma da política pesqueira europea. O foro estaba organizado pola Consellaría do Mar e casualmente as dúas persoas que procedían de Cambados apoian o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.

Alí tiveron que escoitar outra vez críticas da man da voceira do BNG en Bruxelas Ana Miranda, quen interviu para reclamar unha reforma de pesca que estea integrada cunha política marítima e do medio ambiente e ordenación litoral correcta. Ana Miranda lembrou a falla de depuración e o mal estado do saneamento das rías, a aposta pola macroacuicultura en zonas de protección litoral ou os modelos que degradan a sostenibilidade na produción, como as comportas hidráulicas en Cambados, sinalou a representante europea.

Ana Miranda leva o tema do Saco de Fefiñáns ao Parlamento Europeo


A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, vai levar o tema das comportas a esta institución por medio dunha pregunta escrita á Comisión Europea.

Na exposición de motivos, a iniciativa recalca o feito de que Portos de Galicia obvie o estudo de impacto ambiental que se prevé nestes casos na lexislación española e salienta que a obra se realizará nun entorno onde hai actividade marisqueira que pode ser afectada porque “non se realiza o saneamento de augas residuais e fecais correcto”.

Ademais Ana Miranda sinala que a obra pode afectar ao Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Ons-O Grove porque as mareas, a falta da depuración correcta de augas residuais, realizan unha sorte de depuración natural das augas costeiras. En concreto, moitas aves protexidas do espazo da Zona de Especial Protección para as Aves do Complexo Intermareal Umia-O Grove, da Rede Natura 2000, aliméntanse na zona do Saco de Fefiñáns durante a marea baixa. Esta afectación indirecta ao LIC obrigaría a Portos a realizar o estudo de impacto ambiental.

Por todo iso, a representante nacionalista en Bruxelas plantexa as seguintes preguntas á Comisión:

Recibiu a Comisión Europea información deste proxecto que pode ter impacto sobre o LIC mencionado?

Ten a Comisión información do posíbel cofinanciamento comunitario de dita obra?

Eleccións europeas aburridas, futuro municipal por escribir


elecciones-europeas2Aburrida. Así foi a xornada que afrontamos o pasado domingo, en especial as persoas que vivimos as eleccións nos propios colexios electorais.

Sirva como indicador o pobre dato do 55% de participación no noso Concello, como de costume por riba das medias nacional e estatal.

E os resultados tampouco nos colleron tan por sorpresa, aínda que si son reveladores: Un Partido Popular que segue a medrar contra vento e marea.

En España medra a pesar dos casos de corrupción que imos coñecendo desde hai semanas. En Galiza medra a pesar da ofensiva antigalega da propia Xunta de Galicia, e dos golpes de temón do propio Presidente desdicindo cada promesa de campaña. E en Cambados medra a pesar dun cambio de goberno que ningún cidadán votou.

O Partido Socialista sofre, pola súa parte, un lóxico desgaste nunhas eleccións que o principal partido da oposición plantexou como case unhas Xerais e que o propio goberno aceptou como tales.

O Bloque Nacionalista Galego retrocede dazaseis anos en termos cuantitativos de voto e en Cambados segue descubrindo novos fondos electorais. A nivel galego os nacionalistas respiramos ao coñecer a nova de que Ana Miranda ocupará un euroescano durante aproximadamente un ano e medio da lexislatura.

Desde logo que non son boas novas, nin para a esquerda nin para o país en xeral.

En Europa a lectura non é tan negativa, a pesar de todos os titulares que limos na prensa. Aínda que o Partido Popular Europeo contará nestes cinco anos cun grupo máis amplo e o Partido Socialista Europeo cun máis reducido, o conxunto da centroesquerda europea pode (e debe) dominar a maioría parlamentar en Bruxelas, por exemplo apoiando unha candidatura alternartiva á de Durao Barroso á fronte da Comisión. Todo dependerá de se os socialistas deciden seguir sumando forzas cos conservadores en troques de traballar por un modelo de UE máis social cos grupos verde, demócrata e de esquedas.

calzadaO que ocorreu este 7 de Xuño nas urnas débenos servir como aviso. As vindeiras eleccións son municipais (2011) e con estes datos o PP está en posición de gobernar as principais cidades galegas, e en Cambados os populares non só non se desgastan, senón que recuperan apoios que foran perdendo ao longo dos últimos anos.

Quedan dous anos anos para traballarmos a prol dun cambio da vida política municipal. Cada un de nós ten moitas responsabilidades que asumir para acadar ese resultado. Hoxe, sen dúbida, é un bo día para comezar a sumar esforzos.

Segunda imaxe extraída da web d’O Aturuxo.

Resultados das eleccións europeas en Cambados


voto

Hoxe celebráronse en case toda a UE as eleccións ao Parlamento Europeo. A continuación amósanse os resultados electorais no noso Concello, en comparación coas anteriores europeas de 2004:

 

PP    3.569 votos / 57.33%  (2009)   –    3.154 votos / 51.85%  (2004)    

PSOE   1.692 votos / 27.18 % (2009)    –     1.750 votos / 28.77% (2004)

BNG     774 votos / 12.43% (2009)      –     1.034 votos / 17.00% (2004)

 

Polo tanto temos que o Partido Popular sobe máis de cinco puntos porcentuais con respecto ás mesmas eleccións en 2004  e ademais sobe máis de dous puntos con respecto ás autonómicas do 1 de Marzo.

O Partido Socialista, pola súa parte, déixase máis de un punto e medio con respecto ás europeas de 2004, pero ascende máis de tres puntos desde as autonómicas do pasado mes de Marzo.

O Bloque Nacionalista Galego obtén tamén un mal resultado, moito máis acentuado que o dos socialistas. Os nacionalistas perden catro puntos e medio con respecto a 2004 e cinco e medio con respecto aos comicios galegos. Baixan da “barreira psicolóxica” dos 1000 sufraxios.

A participación sobe escasisimamente desde 2004 situándose outra vez entorno ao 55%, po riba da media galega, estatal e sobre todo europea. A cuarta forza política foi Esquerda Unida con 54 papeletas (4 menos que en 2004), seguida de UPyD (25 votos), Los Verdes (17) e Iniciativa Internacionalista con 12 apoios.

As vindeiras eleccións que se nos presentan son as municipais de 2011 e este parece non ser un bo escenario para o cambio en Cambados. De feito, se extrapolasemos os datos para a corporación local (aínda que a diferenza entre eleccións é moita, abismal no caso das europeas coas locais) teríamos que o PP revalidaría a súa maioría absoluta sumando un concelleiro a costa do BNG, que quedaría con dous.

De todos os xeitos, como xa se dixo neste espazo recentemente, estamos a dous anos das Municipais de 2011, tempo abondo para revertir o ciclo político no noso Concello.

Fontes: Ministerio del Interior e Radio Televisión Española.

Nun futuro comentáranse con máis profundidade estes resultados, tanto a nivel local como a nivel galego.

Galego: lingua europea, lingua universal.


lusofoniaNos debates galegos (prensa, radio, televisión) sobre as eleccións europeas temos visto como a candidata do Partido Popular de Galicia, Carmen Fraga, ou non sabe ou non quere falar o noso idioma.

Facíame graza escoitar a Ana Miranda (BNG) falar de multilingüismo e prometendo que ela ía ser garantía de defensa dos intereses de Galiza EN galego no Parlamento Europeo; e ao seu carón un persoa que di que tamén vai defender este país na Eurocámara nin sequera ten a mínima decencia para expresarse na lingua que nos une aos galegos, non xa no Parlamento Europeo, senón nos canles públicos de comunicación de Galiza.

Somos moitos os cidadáns que gustariamos dun representante en Bruxelas que, como xa fixo no seu momento Camilo Nogueira (1999-2004), defendese a pesca, a agricultura, a gandería, o transporte, a cultura, a loita contra a crise e os intereses económicos do noso país e na nosa lingua, aínda que como no pasado teña que facerse valer a proximidade lingüística co portugués para poder pór en práctica con naturalidade o feito de que a nosa é unha lingua universal e non un idioma da aldea, como ao mellor pode pensar xente como Carmen Fraga, á que polo visto lle importa moi pouco coñecer e practicar a realidade da terra que pretende defender desde o seu euroescano.

Grazas a eles, aos supostos deputados galegos de PP e PSOE, levamos cinco anos ausentes do debate comunitario. O feito de que non se expresen nin reivindiquen alí (nin aquí, por que non dicilo) no idioma deste país é só un indicador máis da súa submisión aos intereses dos seus partidos e non da súa xente.

É hora de que o galego, como idioma, pero tamén como fondo do discurso político,  volva a resoar nas sedes do Parlamento Europeo. Sen dúbida, será o mellor para Galiza.

O debate galego das Eleccións Europeas


crtvg

A Televisión de Galicia emitiu onte á noite un debate especial para as eleccións europeas. Nel confrontaron as suas ideas representante dos tres partidos con representación no noso país: polo PPdeG Carmen Fraga, polo PSdeG Antolín Sánchez Presedo, e polo BNG Ana Miranda.

Polo menos se pode dicir que falaron de Europa, o mínimo que podiamos pedir e  cousa que non podemos afirmar dos debates PP-PSOE estatais.

Podes ver o debate premendo neste enlace.

Mitin central do BNG no Salnés e debate en Tele Salnés


mitinanamirandaeuropeas

O BNG envía a tarxeta para convidar a todos os veciños do Salnés ao seu mitin central na comarca da campaña das europeas. Será mañá venres ás 20.30 na Praza da Peixería en Vilagarcía. Intervirán Xosé Castro Ratón, tenente de alcalde, Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG e Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo.

DEBATE

Por outra banda, a propia Ana Miranda debatirá esta noite en Tele Salnés con Millán Mon (PP) e Rosa Miguélez (PSOE) no programa Contrastes. Quen o desexe pode deixarlle preguntas aos candidatos na páxina web do Canal Rías Baixas, que así é como se chama agora Tele Salnés.

Con Ana, vou.


ana-mirandaComo xa dixen, vivimos bombardeados pola propaganda de PP e PSOE. Entón eu vou aplicar aquí ese principio tan de moda da discriminación positiva: vou falar un chisco da terceira vía, da vía galega de cara ás eleccións do 7 de Xuño.

Desta volta o nacionalismo galego cambiou a súa alianza electoral e concorre aos comicios europeos xunto con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar, Eusko Alkartasuna ou Chunta Aragonesista. A primeiras, unha opción moito máis coherente e que eu penso que a base social do propio BNG prefire por mera afinidade ideolóxica (polo menos xa non hai que ir pensando en excusas para contarlle a quen pregunta por que o Bloque comparte lista con partidos de centro-dereita).

Pero é que ademais a candidatura de Europa dos pobos-Verdes contempla a trasitoriedade do euroescano entre as principais forzas que a integran. É dicir, aínda que non se acade o segundo representante (que lle correspondería á representante do BNG Ana Miranda) Galiza si tería representación durante un tempo proporcional aos votos da coalición electoral no noso país -os votos ao BNG-.

Non vai pasar xa o que lle sucedera a Camilo Nogueira en 2004 cando as artimañas do Partido Popular lle arrebataron o seu escano. Daquela os eurodeputados da coalición Galeusca (CiU-PNV-BNG) non eran rotatorios.

Isto, que é un feito público, é obviado pola prensa galega á hora de ofrecer información electoral, por exemplo ao amosar resultados de inquéritos.  Empéñanse en dicir que coa previsión actual de que EdP obteña un deputado o BNG quedaría sen representación en Bruxelas. Eles saberán os motivos de por que o fan, desde logo nós, visto o visto, xa o deberiamos intuir.

Pero non só a candidatura importa: importa moito a candidata. Ana Miranda gústame. Gustoume cando lin o seu currículo, con sobrada experiencia en política internacional, e con mestres de tanta altura como Xosé Manuel Beiras ou o propio Camilo Nogueira, de quen foi asesora en Bruxelas cando Camilo era eurodeputado (1999-2004).

Gustoume aínda máis cando vin o vídeo que xa se amosou neste espazo a semana pasada. Gústame porque é natural e nótase que ten ilusión en confianza  no que fixo e no que quere facer.

Da campaña do BNG non me gusta o lema, aínda que soe ben (Imos a Europa, vés?) porque tal e como vén defendendo o nacionalismo e a propia Ana Miranda, Galiza non ten que ir a Europa: somos Europa. Estamos en Europa, o que si falta agora é que haxa alguén en Bruxelas, en Estrasburgo, para que a nosa voz -en calquera variante da nosa lingua- sexa escoitada e tida en conta. E para iso só hai unha opción. Chámase Ana e apelídase Miranda.

Non me gusta o lema que escolleu o BNG, pero eu,  traizoando a miña opinión sobre el, con Ana Miranda si que vou a Europa.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.