O Colectivo Ecoloxista do Salnés publicou recentemente un documento que redactaron para achegarlle aos partidos políticos as súas propostas relativas á conservación do patrimonio natural e mellora da calidade de vida. O documento de 16 páxinas contén un apartado de propostas xerais, para todos os Concello, entre as que se atopan unha grande variedade de medidas (urbanísticas, de uso de enerxía, de augas, de residuos, etc).
Ademais, os ecoloxistas redactaron unha serie de propostas específicas para cada un dos concellos da comarca. No caso de Cambados fan fincapé na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que coidan debe estabelecer unha cota máxima de solo urbanizable e protexer o complexo intermareal Umia-O Grove. Ademais suxiren redimensionar a depuradora de Tragove, mellorar a desembocadura do río Umia, eliminar o proxecto das comportas do Saco ou incluso a peonalización total da Praza de Fefiñáns e accesos.
Uns consellos bastante lóxicos e razonábeis que agora haberá que agardar para ver cales dos tres partidos se comprometen a cumprir. Hai un co que poden comezar durante a campaña, xa que o CES lémbralles a todos: “De cara a campaña electoral solicitamos moderación no uso do papel”.
Documento
O Concello anunciou un acordo con Unión Fenosa e coa Xunta polo cal se poderá realizar por unha banda a retirada do transformador que está situado a carón da Torre da Homenaxe e por outro lado eliminar os cables eléctricos aéreos da zona da Praza de Fefiñáns. Unha medida que foi reclamada en máis de unha vez pola oposición. Unha medida positiva, agora falta que se cumpra o prometido, xa que en 2005 fíxose un anuncio das mesmas caracterísiticas do que a prensa comarcal dicía “en las próximas semanas, el Concello y Unión Fenosa firmarán un convenio de colaboración para eliminar el transformado”. Esperemos que en cinco anos non se volva a anunciar a obra.
O que aínda non puidemos escoitar foi un anuncio da eliminación dos vehículos rodados na Praza e nas inmediacións, que é reclamado por unha maioría social e sería beneficioso para o turismo e para o comercio da zona.
Lembra que podes asinar online pola peonalización seguindo este enlace ou unirte ao grupo en Facebook da causa.
O voceiro do BNG, Víctor Caamaño, remite un artigo que se reproduce a continuación na súa totalidade:
“Levamos máis de un ano lendo nos xornais que a Confraría de Cambados e as mariscadoras apoiaban o proxecto do PP de construír unhas comportas no Saco de Fefiñáns. Onte, as mariscadoras, negándose a baixar a mariscar ata que se lles explique en que vai a consistir o citado proxecto, quedou claro que con elas non falou ninguén do tema. Polo tanto cada vez que se afirmaba que as mariscadoras apoiaban a construción das comportas, en realidade tratábase dunha manipulación e dunha mentira do PP. Este conflito é moito máis ca un problema medioambiental, trátase sobre todo dun problema económico e social que deixa ao descuberto os malos modos de actuar e os intereses que moven ao PP de Cambados.
Os malos modos porque desde o inicio o PP baseou a súa proposta na mentira continuada: que as mariscadoras apoiaban o proxecto, que había un estudio de impacto ambiental que avalaba as comportas, que primeiro se faría o saneamento do Saco, que se as mariscadoras non querían non se farían as comportas… Un montón de mentiras e de ocultismo, pois a día de hoxe semella que ninguén coñece realmente en que consiste o proxecto, e non será polo tempo que o leva solicitando o BNG, tanto a nivel municipal como a nivel parlamentario. A verdadeira realidade é que xa se realizou a licitación da obra pero o PP non fixo nada co saneamento e burlouse das mariscadoras ao ocultarlle toda a información e ao utilizalas nos medios de comunicación para apoiar o seu proxecto electoral.
Os intereses que defende o PP de Cambados non son os das mariscadoras; un dos sectores produtivos que mellor está soportando a crise económica pero que leva moitos anos sufrindo o desprezo e a penosa xestión do PP. Así as actuacións do PP, nos últimos vinte anos, foron o apoio a un encoro inútil (o de Caldas) que pode por en perigo o banco marisqueiro do Serrido, o deficiente saneamento de todo o litoral cambadés que merma a calidade dos bancos marisqueiros (o Saco xa é zona C) e apoio á construción dunha piscifactoría sen condicións que pode prexudicar aos banco marisqueiros litorais. E agora o PP segue a prometer unhas comportas que poden rematar definitivamente co banco do Saco e, se isto non fora suficiente, prometen un porto deportivo do máis agresivo medioambientalmente que podería reducir definitivamente os bancos marisqueiros do litoral cambadés ao Serrido. Este foi o gran apoio do PP ás mariscadoras de Cambados nos últimos vinte anos.
Está claro que os intereses do PP nunca tiveron en conta ao sector das mariscadoras e tamén está claro que estamos a falar dun conflito económico, falamos dos postos de traballo das mariscadoras. Se os bancos marisqueiros do litoral de Cambados non estiveran tan agredidos (agresións debidas á mala xestión do PP municipal), serían moito máis produtivos, o que significaría máis recursos económicos e, polo tanto, máis postos de traballo. Pero, que lle importa ao PP os postos de traballo das mariscadoras?“
Onte a comarca do Salnés tivo como visitante ao conselleiro de Medio Ambiente e Obras Públicas, Agustín Hernández, quen estivo en Cambados coñecendo as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais de Tragobe.
Na súa recalada no noso Concello referiuse ao proxecto do goberno local e do ente Portos de Galicia (dependente da súa consellaría) de construir unhas comportas no Saco de Fefiñáns para defendelo. Ademais anunciou un plan para sanear a zona do Saco, que é obxecto de verquidos continuos que remataron por facer que se pechara ao marisqueo.
O conselleiro dixo que o saneamento e as comportas son “complementarios”. Aí é onde se equivoca. Se non se sanea a zona antes da instalacións das comportas o problema da contaminación aumentará cando se reteña auga no Saco (non hai que ser moi espabilado para pensar que de haber verquidos o mellor é que corra a auga e que non se estanque).
Ademais, as palabras “mellora ambiental” e “saneamento” no referido ao Saco de Fefiñáns levámolas escoitando na prensa desde hai anos e polo de agora o que sabemos é:
1-O proxecto das comportas está aprobado a pesar das dúbidas mesmo legais de diferentes organismos.
2-O saneamento do Saco polo de agora non está reflectido en ningunha actuación nin documento. Só palabras.
O propietario da lagoa da Seca, Miguel Prego, recurrirá no Tribunal Supremo a sentenza do TSXG pola cal se lle negaba unha indemnización de dous millóns de euros do Concello de Cambados por expropiación indebida dos terreos onde está o colexio e o campo da festa.
Miguel Prego xa vencera xudicialmente deste mesmo xeito (con recurso ao Supremo) polo caso contra Costas hai uns anos grazas ao cal esta administración tivo que compensar á súa familia ecnomicamente con máis de 400.000 euros polo uso do muíño da Seca.
Lembremos que hai uns días, antes de que o Concello publicara a sentenza do TSXG, Prego insistía en que as comportas que pretender instalar no Saco non poderán regular o nivel da auga sen que el dera consentimento, un dereito que lle outorgaría a propiedade da lagoa.
Agora, no Supremo, Prego tentará non só recibir a indemnización pertinente, senón que acusa tamén a Costas e ao Concello de ter contaminado a súa lagoa polos continuos verquidos de fecais ao río Ucha.
Os tres xornais comarcais (Diario, Voz e Faro) publican hoxe unha ampla nova redactada a partires dunha nota de prensa do Concello na que esta insitución congratúlase da súa vitoria no Tribunal Superiror de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a familia Prego por unha expropiación de terreos que o TSXG considera que non foi ilegal, como reclamaba esta familia.
Miguel Prego comezou hai anos unha batalla legal contra Costas del Estado, xa que entendía que tanto o muíño como o estanque da Seca pertencían á súa familia e que esta institución ocupara os seus terreos indebidamente. O Tribunal Supremo rematou por ratificar unha sentenza favorábel e Costas tivo que pagar máis de 400.000 euros aos Prego para legalizar a situación de ditas parcelas.
Máis tarde, en 2007, Prego reclamou ante o Concello de Cambados porque consideraba que tanto o campo da festa como o colexio público estaban asentados en terreos tamén pertencentes á familia. Non houbo acordo e o asunto voltou aos xulgados. Neste caso, e segundo o Concello, o TSXG deu a razón a Cambados porque “as parcelas en cuestión constaban no Inventario de Bens Municipales desde facía 33 años”.
Como esta información provén do Concello de Cambados, descoñécese aínda se esta sentenza é en firme ou cabe algún tipo de recurso. Resulta curioso ademais que o Concello filtrara esta resolución tan só dous días despois de que Miguel Prego afirmara na prensa que para que as comportas que Concello e Xunta queren situar no Saco de Fefiñáns poidan modificar o nivel da auga, teñen que contar coa súa autorización.
Un grupo moi significativo de mariscadoras de Cambados, liderado por María Xosé Cacabelos (vicepresidenta da Agrupación de mariscadoras a pé) entregou unhas 140 sinaturas na Confraría para reclamar que se convoque unha asemblea onde se lles informe de todos os detalles relativos ao proxecto da instalación das comportas no Saco de Fefiñáns e onde poidan expresar a súa opinión. A cifra é significativa posto que o censo das mariscadoras ascende a 181 persoas, é dicir, que contan co 77% do apoio deste grupo.
Segundo elas, a Xunta de Galicia comprometérase en Xullo en facilitarlles información ao respecto antes de que a obra saíra a concurso, pero a realidade é que esta foi xa licitada no pasado mes, a pesares dos informes negativos que son públicos e que foron publicados nesta mesma web, así como a ausencia do estudo de avaliciación ambiental.
Por outra banda, tanto a presidenta da Agrupación (Isabel Pérez) como o Patrón Maior (Benito González) están do lado da Xunta e apoiaron públicamente o proxecto incluso sabendo que este non ía contar co estudo ambiental prometido polo ente autonómico e polo Concello. Segundo fontes consultadas, a produción marisqueira do Saco de Fefiñáns supuxo arredor dun 10% dos ingresos totais recibidos polas mariscadoras. Este ano prohibiuse alí a extracción polos altos niveis de contaminación, niveis que poderían aumentar no caso de que finalmente se instalen as comportas sen sanear previamente a zona.
UN GRUPO DE MARISCADORAS EN CALLEJEROS DE CUATRO
Por outro lado, na noiteboa o canal Cuatro emitiu un programa especial de Callejeros no que se repasaban diferentes xeitos de celebrar este día. Un deles era o dun grupo de mariscadoras de Cambados (entre as cales se pode contar á antes citada presidenta da Agrupación, Isabel Pérez). Podes ver o programa completo premendo neste enlace ou na imaxe e o tramo no que aparece Cambados empeza no minuto 13.00 dese vídeo.
O caso das comportas no Saco de Fefiñáns dá un novo xiro. Agora é Miguel Prego, lexítimo dono da lagoa do Muíño da Seca (lembremos que venceu nos xulgados ao Ministerio e aínda que xa non é propietario do Muíño, agora convertido en museo, si que lle corresponden as augas interiores) quen critica o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.
Critícao e critica a todos, tanto ao Partido Popular, como ao Concello, a Portos e á oposición, xa que segundo el todos opinaron sobre o proxecto sen ter en conta a súa postura. El lembra que a titularidade da lagoa confírelle o permiso para decidir sobre o nivel de auga na mesma. Polo tanto recalca que as comportas non poderán facer que o seu estanque se innunde se el non dá autorización, algo completamente imposíbel dado que as dúas masas de auga están comunicadas directamente.
Isto, tralas serias dúbidas entorno á non realización do estudo de avaliación ambiental, fan que a importante inversión nesta obra (sobre medio millón de euros) estea en entredito.
¿Quen asegura que unha vez construida vai poder ser empregada de forma segura, sen estudos que o demostren? ¿e quen asegura que Miguel Prego non vai loitar xudicialmente contra a súa utilización? Tiveron Portos e Concello de Cambados en conta esta importante variábel na decisión?
E hai que recordar que Prego ten bastante experiencia en gañar pleitos e defender o que legalmente lle pertence.
O impulsor da última das iniciativas pro-peonalización de Fefiñáns, Iago Pillado, pediu aos membros deste grupo en Facebook (neste momento somos 487) que asinen unha petición online ao Concello de Cambados e á Consellaría de Cultura na que se solicita “que se procedera á peonalización da praza (…) e que deixe de ser a estrada e o aparcamento que a día de hoxe é”.
Recordemos que foron varias as iniciativas neste sentido ao longo da historia, nos últimos anos foi o BNG quen capitalizou esta iniciativa no plano político, sumándose o PSOE máis adiante e mesmo desde o inicio de Cambados(tk) hai máis de cinco anos a peonalización da Praza foi reclamada por agora sen éxito. O Partido Popular de Cambados sempre se opuxo a iso, quizais un posíbel cambio de goberno sexa a única opción para conseguilo.
A foto foi extraída do grupo en Flikr do blog pola peonalización
O concelleiro do PSdeG-PSOE, Rafael Blanco, fai chegar ao correo electrónico un documento moi interesante en relación á obra das comportas no Saco de Fefiñáns.
Trátase de 8 follas nas que a Xunta de Galicia tenta xustificar o motivo da non realización do estudo de impacto ambiental. Grazas a este informe coñecemos agora que a Xunta pediu consello sobre este tema a unhas dez institucións, algunhas dependentes do propio goberno, outras non, como o Concello de Cambados, a Confraría ou Costas do Estado.
Resulta curioso ler a través do documento as múltiples dúbidas que tanto estas institucións como os propios redactores do mesmo se plantexan acerca da obra a realizar e só hai un parágrafo referido ao posíbel impacto sobre esta zona marisqueira, que califican de positivo.
Sorprendentemente o informe refírese a información contraditora; mentres a Confraría fala de que é necesario sanear a zona para que o Saco supere a clasificación C (que actualmente lle impide ser marisqueable), a Xunta no corpo do texto di que “as augas da zona de estudo presentan unha calidade microbiolóxica intermedia”, clasificada como “zona B”. Cando na realidade é que está declarada zona C desde hai xa meses polos altos niveis de contaminación nas augas.
Ademais revélase tamén que o Concello de Cambados foi consultado acerca da necesidade ou non de realizar a Avaliación de Impacto Ambiental e non repostou a esta petición.
A Xunta de Galicia e sobre todo o Concello de Cambados deben explicar que intereses hai detrás desta présa por levar adiante un proxecto sobre o que todos pensamos que é necesario estudar o impacto que xerará (algo que parece moi obvio pero que non queren e, parece, non van facer).
Relacionado e anteriores
O informe completo da Xunta de Galicia – Outubro 2010
Informe no que Costas declara que o proxecto debe reconsiderarse – Xullo 2010
Análise de Cambados(tk) sobre as comportas – Abril 2010