OS PRECEDENTES
A polémica que arrastrou a estatua de Fraga cumpre xa uns cinco meses. As continuas modificacións no discurso que o alcalde foi introducindo para “salvar os mobles” neste tema foron relevantes. Primeiro, a idea da estatua partiu do Concello (que orixinalmente pensara en adicarlle unha rúa), así o confirmou o propio escultor no seu momento e así o reflectía a prensa. Logo, á vista da polémica, Aragunde falou de acudir a administracións para financiar a mesma, pero a resposta social (a saída a prensa en parte grazas á convocatoria -declarada ilegal- de concentración) fixo que Aragunde, un mes despois de que comezara a polémica, declarara que era un misterioso “sector do viño” quen promovía e financiaba a escultura. As propias adegas rexeitaban que a idea partira delas, excepto unha (Bouza de Carril, de Ribadumia). En todo o momento, na prensa e en pleno, Aragunde manifestou que ese misterioso “sector do viño” abrira unha conta bancaria para que “todos os veciños que quixeran” fixeran a súa aportación. Iso si, o número de conta nunca se fixo público abertamente, nin os misteriosos promotores. Logo veu a mobilización das estatuas humanas no verán, a colocación da estatua entre rexas, e a pintada de hai un par de semanas…pero iso xa é outra historia.
A CONTA BANCARIA
Tanto misterio levou a moita xente a pensar que a conta realmente non existira. Pero aínda que existe a certeza, corroborada daquela polo propio Faro, de que o tema do “sector do viño” foi unha invención a posteriori, si é certo que existe tal conta bancaria. Descoñecemos canto se recaudou ou se se cumpriu co suposto prezo (descoñecido). Tamén se se pagou xa ao artista ou non. Pero grazas a un anónimo que tivo curiosidade por coñecer o fondo deste asunto, temos copia dun recibo bancario no que consta o número de conta e nome da persoa titular. A conta está en Novagalicia banco e o titular é Manuel Noya Figueroa, que fora presidente da “Sociedad Agraria de Transformación (SAT) da Agrupación de Cosecheiros de Albariño de Vilariño-Cambados”, o xérmolo do que finalmente foi a grande adega Martín Códax (que dito sexa de novo, rexeitou oficialmente vincularse coa iniciativa da estatua). Noya é parente directo dun concelleiro do Partido Popular, o seu fillo Manuel Noya Chaves, que foi edil (pincha no enlace para ver foto no blog “A ti meu Cambados”) durante varias lexislaturas.
CONCLUSIÓNS
1.- Sabemos desde hai meses que a conta bancaria foi unha artimaña que o Concello quixo empregar para xustificar a mala idea da estatua. Demostrouno o xornal Faro de Vigo nun claro artigo sobre as versións contraditorias de Aragunde.
2.- A conta foi efectivamente creada, e salta á vista o vínculo co Partido Popular, o cal confirma aínda máis que a idea de creala vén dese entorno. As principais adegas, incluída Martín Códax, rexeitaron ter que ver co asunto. O “sector do viño” que sacou a relucir Aragunde está reducido, de momento, á adega Bouza de Carril e a Manuel Noya. Queda claro que a palabra “sector” se emprega a cotío moi lixeiramente. Aínda que polo menos, desde o PP tiveron a “delicadeza” de que fora unha persoa relacionada co viño a que abrira a conta.
NOTA LEGAL OU ALGO SEMELLANTE
Desde Cambados(tk) queremos ser totalmente escrupulosos coa confidencialidade da persoa que fixo o ingreso, e coa propia protección de datos, información bancaria, etc. Eses son motivos para non publicar o propio recibo, cuxa copia podemos garantir que si custodiamos (non publicaríamos algo deste xeito sen o material que o avale). Unicamente tentamos con esta publicación botar algo de luz a un tema que segue a ser demasiado escuro, e que non deixou aínda de ser polémico. Non o será, cremos, até que esa estatua desapareza do Pazo Torrado e do chan público de Cambados. Agora, polo menos, xa temos un nome ao que se lle podería devolver desde o Concello a escultura para que se garde no espazo privado que desexe(n).
Fátima Abal ten dous fillos e vive no barrio de Fefiñáns. En 2011 concurriu ás eleccións municipais na candidatura do PSdeG-PSOE como número 3 e obtivo a acta de concelleira. Hai un par de meses pasou a ser portavoz municipal logo do inesperado pasamento de Rafael Blanco, que desempeñaba esta función trala renuncia de Domingo Tabuyo. Fátima comezou a participar en política ano e medio antes da súa entrada na Corporación, segundo ela dun xeito casual. “É que desde a casa non se cambian as cousas” díxolle un coñecido cando falaban do mal que vían a situación. E púxose a disposición dun partido baseado nuns principios cos que ela coincide. Para “botar unha man no que fixera falta”. CONTINÚA LENDO A ENTREVISTA PREMENDO EN “SEGUIR LENDO” Seguir lendo
Dende logo se de algo podemos estar agradecidos os cambadeses e cambadesas e de ter uns dirixentes tan graciosos que ás veces parecen mais ben monologistas de “El club de la comedia”.
Eu, quería propoñerlles ao alcalde Aragunde e o patrón maior da cofradia, vistas a súas derradeiras declaracións que montasen un dúo cómico, ao estilo Tip e Coll ou Faemino e Cansado, pois vista a súa xestión ao fronte dos seus respectivos organismos, non teño a menor dubida de que, dende logo, teñen mais futuro no mundo da farándula e vodevil. Supoño que, quizais, para homenaxear a recente morte do xenial Miliki, puxéronse de acordo para facer unhas declaracións tan hilarantes, practicamente, no mesmo espazo de tempo.
Por un lado temos ao ínclito alcalde de Cambados Luís Aragunde que, a sema pasada, a raíz de que aparecese pintada como Superman a estatua de Fraga, nun arranque de Sherlock Holmes, dixo en declaracións a unha emisora de radio, que tales pintadas foron producto dunha gamberrada da mocidade que sae de marcha por Cambados. ¡¡que poder de dedución do noso alcalde!! ¿como puideches chegar a tan brillante conclusión, Luís? Intentándome meter nunha mente tan emérita como a túa supoño que pensaches: “as pintadas producíronse a noite do sábado para o domingo, do sábado para o domingo é o dia da movida nocturna entón os responsables son rapaces da movida nocturna” ¿isto pensáchelo ti so ou axudáronche os teus asesores?
Tamén dixo esta mente tan privilexiada: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calquera outro persoeiro”. Vamos a ver Luís, por empezar por isto último, na historia recente de Cambados, eu non recordo unha historia tan rocambolesca entorno a ningunha estatua (e menos a un banco) como a que creaches ti cando se te meteu nos miolos o de levantarlle tal monumento a un fascista como Fraga. ¿cando te darás conta dunha “puñetera” vez que os cambadeses e cambadesas de ben non queren, non queremos esa estatua; dende logo que cabe a posibilidade de que houbese sido a movida nocturna a autora das pintadas como cabe a posibilidade de que a miña musa Rosa Oubiña algún dia acabe rendida aos meus encantos e vivamos un apaixonado romance, a posibilidade existe.
As gamberradas, como dis ti, da movida nocturna soen ser improvisadas, irracionais e nun momento de impulso producidas polos calores etílicos ou a “bravocunada” do valente de turno e, dende logo non teñen carga reivindicativa nin social que tivo esta; si houbese sido unha gamberrada tiñan mais monumentos a man, moito mais accesibles. Estas pintadas foron realizadas por alguén ou algúns (os cales dende aquí eu móstrolles a miña total adhesión e felicitación) que, como moitos de nos, non queren que manchen o nome do noso pobo, asociándoo a un tipo tan desprezable como foi Manuel Fraga Iribarne; foi un acto pensado, calculado i estudado a fondo, así que non lle botes a culpa de tal acción a terceiros, que en iso ti xa eres un experto, como cando lle intentaches atribuír a auditoría da estatua ao “sector do viño”, vamos, Luisiño, non fagas mais ó ridículo.
A única dúbida que teño no tema da estatua de Fraga, e que non creo que nunca nos aclares e si a decisión de facer a estatua veuche imposta de arriba, na condición túa de alcalde de palla ou foi un acto teu de peloteo sen límites ao partido.
O outro membro de este dúo cómico é o patrón maior da cofradía e presidente da Federación Galega das cofradias que, a raíz da querela presentada contra él pola Fiscalía de Santiago por un presunto delito de malversación de caudais públicos, vai e di que “estuda a posibilidade de interpor contra Agamar denuncias por acoso e falsidade” tamén dixo, en outro momento cando menos gracioso, “en realidade son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, nin fixeron nunca nada por o mesmo”, “aparecen cada vez que a Federación Galega logra algo importante para ou beneficio do sector marisqueiro” e que eles a “diferenza dos sindicatos non viven do aire”.
Vamos a ver, Benito, que non vives do aire iso é evidente, poden dar fe do mesmo os lugares onde comes (moi ben por certo) en moitos casos a conta da cofradía; en canto a querela presentada contra ti dicirche que o que move ficha é a Fiscalía, non Agamar, e que se a Fiscalía se decide presentara a querela é porque ve indicios pra elo ¿será tamén que a Fiscalía te acosa?, deberías de mirarte iso do acoso, a ver se vai a ser que tes “manía persecutoria” e crees que todo o mundo vai detrás de ti . Dis que son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, home, Benitiño, represéntanos dende a hora en que son mariscadores e están a loitar polos intereses do conxunto dos mariscadores; habería que preguntarse a quen representas ti, realmente, na túa condición de patrón maior, porque é moi fácil encherse a boca dicindo que logras cousas importantes para o sector do marisqueo (¿que cousas me pregunto?), gañar, ao mes, o que non gañan no mesmo período, en moitos casos, catro o cinco mariscadores xuntos e vivir do conto.
A xente que vive do mar,e xente que cando sae a faenar non saben se cubrirá ese dia nin os gastos, xente que realiza un traballo admirable e que moitas veces o resto da poboación non valora como se debería; en definitiva, é xente que necesita, realmente, a alguén que se “molle” por eles, que comprenda os seus problemas e quen non veña a mirar o seu beneficio propio, e, lamentablemente ti nos das o perfil; se foses minimamente consecuente cos teus actos presentarías a dimisión e deixarías a xente con ganas de facelo ben que se seguro que algún haberá.
Como dicía ao principio anímovos a montar o dúo, haber si como comediantes mostrades a profesionalidade que vos falta como dirixentes.
Un saúdo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
O alcalde fixo declaracións hoxe a Radio Arousa – Cadea Ser, e atribuiu hoxe a unha “gamberrada” a transformación da estatua de Manuel Fraga no superheroe Superman, como vimos informando desde onte. Luís Aragunde relacionou o acto directamente coa mocidade, e chamou a atención que se repetira varias veces que veñen a Cambados mozos “de toda a comarca”, seguramente coa intención de non relacionar estes feitos coa polémica que arrastra a instalación da escultura desde hai semanas na propia vila. Desde o goberno local non lle queren dar importancia ao ocorrido: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calqueira outro persoeiro”. Tamén indicaron na radio que o Concello xa intentou limpar a estatua pero non foi quen de facelo, e que se volverá a intentar. Escóitao todo premendo no botón do “play”.
Actualizado 27/11 Hoxe no Faro de Vigo o Concello anuncia que a Policía Local abriu “unha investigación” sobre o caso, aínda que Aragunde descarta que houbera motivacións políticas neste acto. A estatua parece que foi limpada, polo menos case na súa totalidade, por traballadores do Concello de Cambados. Isto a pesar de que en teoría a estatua foi sufragada por unhas persoas descoñecidas (só parace coñecelas o goberno local). É preciso manter o que reclamabamos onte: a estatua con ou sen pintura fóra dos terreos públicos de Cambados. Que lla devolvan aos promotores da homenaxe (se existen)!
Cando en Maio se coñeceron os plans do goberno de Cambados de poñerlle unha estatua na vila a Manuel Fraga, a polémica estaba claramente servida. O propio PP, e o propio Aragunde, recurriu a mentiras e medias verdades sobre quen estaba detrás da iniciativa e sobre todo, quixeron levalo adiante pola vía do rodillo. Pero unha homenaxe dun pobo non pode ter éxito cando unha parte moi importante del está en contra; é máis, cando esa parte é non só ignorada senón que desprezada polos que gobernan. A oposición á estatua de Fraga fraguouse rapidamente fóra dos propios partidos políticos (aínda co seu apoio), na rede, o cal puxo de manifesto que non se trataba dun simple tema de oposición municipal; e tivo como punto álxido unha acción de protesta cívica sen precedentes en Cambados (a ocorrida durante a inauguración do Albariño, que é quizais a máis orixinal das últimas décadas, e que contra todo pronóstico reuniu a arredor dun cento de persoas).
Tralo coñecemento de que a escultura de bronce que descansa entre rexas no Pazo de Torrado foi cuberta de pintura (non sen certa orixinalidade) é momento outra vez de reclamar que se retire do espazo público cambadés unha homenaxe coa que non concorda unha parte importante dos cidadáns. E sobre todo, que no caso de que non se revele a identidade dos autores da pintada (algo que parece xa probable) se acorde non destinar fondos públicos ao mantemento (limpeza, custodia, etc) da estatua. Hai que reiterar que se o goberno mantén que a iniciativa partiu dun grupo de viticultores (en tal caso moi reducido, como se demostrou hai meses), o Concello pode e debe devolverlles a estatua para que sexa colocada nos terreos privados destes ou onde eles consideren oportuno.
SEN REACCIÓNS POLO MOMENTO
O Concello de Cambados non emitiu no día de onte ningún comunicado, tal e como se desprende da ausencia de comentarios do gabinete de Aragunde na prensa, que si se fixo eco amplamente do sucedido (editado: xa houbo reaccións). A nova de CTK chegou outra vez a portada do dixital español Menéame, que redirixiu a esta web unhas 14.000 visitas até esta esta hora. Isto foi posible simplemente grazas a que unha veciña se puxo en contacto onte pola mañá connosco para comunicarnos os feitos e achegarnos a imaxe; lembra que ti tamén podes contactarnos polo email en cambadostk@gmail.com, ou persoalmente.
Anecdóticos un par de gazapos da prensa, un o da Voz que sinalaba que convertiran a Fraga en Spiderman (na edición dixital xa está corrixido) ou o de Terra, que sinala no pé de foto que se trata da “estatua de Franco”.
(8: 30 da maña, diante da porta dun colexio de Catalunya)
– “¡Gallego! : acabo de leer lo que pasó ayer en tu pueblo.”
– “¿ en mi pueblo? ¿que paso?”
(Pregunto intrigado, debo confesar que o domingo pasei boa parte da maña no hospital co meu fillo Pau, debido a unha febre moi alta que me tiña preocupado, e, o único momento que puxen as noticias, foi para seguir o desenrolo das eleccións cataláns.)
– “¡Si, hombre! La estatua de Fraga ¿de verdad que no sabes lo que le ha pasado?”
– “Dame una alegría, dime que alguien la ha robado o que mi querido alcalde ha recapacitado y ha decidido retirarla….”
– “¡ha aparecido pintada de Superman!”
– “¡¿Comor!?”
Despídome do meu interlocutor e tras deixar os meus fillos no colexio, achégome a un kiosko e compro un xornal e ahí esta a nova “Aparece pintada de Superman, la estatua de Manuel Fraga en Cambados (Pontevedra)”……….
Téñome que render aos teus pes,Luís, se dende aquí, sempre se criticou (con razón na inmensa maioría dos casos) a funesta xestión municipal, tamén é xusto, cando o noso alcalde realiza unha brillante actuación, destacala e felicitalo. ¡menuda campaña de marketing!
¡Eres un crack, Aragunde! ¿como se che ocorreu a idea? Non sei, imaxínote, vendo un dia pola televisión a película “Titanic” e no momento que se funde o barco, de repente tes unha visión, quizais, pensas: “Este barco non pasou a historia por ser o mais avanzado da su época, nin polo seu tamaño, non, este barco pasou á historia polo pouco que durou dende a súa inauguración e como deixou de existir para pasar a ser lenda”.
Algo así debiches de pensar entorno a estatua de Fraga ¿non?, quizais, pensaches en como rexenerala, en como facer que pasase do seu aspecto actual de vilán a heroe, de unha figura de dubidoso gusto como era Fraga a alguén querido por grandes e menores como é o personaxe de Superman.
Veña, va, confésamo agora que non nos escoita ninguén ¿onde estiveches o sábado dende ás dez da noite ao domingo ás seis da maña? ¿aínda tes as mans manchadas de pintura? Imaxínote enfundado nunha mono negro, cun pasamontañas, escalando a valla, cun bote de pintura vermella na man e levando a cabo tan magnifica obra.
¡Eres un monstruo! (ollo! no bo sentido da palabra!), levanto a miña copa e brindo pola túa saúde, estou repasando os medios de comunicación por internet e o nome de Cambados empeza a asomar en moitos de eles.
¿Parácheste a pensar nas múltiples posibilidades desta acción? Ocorréseme que poderías ampliar ó numero de estatuas con personaxes coñecidos do noso pobo e caracterizalos como superheroes do comic ou, simplemente, como calquera outro tipo de heroes.
Xa o estou vendo, amigo Aragunde, por exemplo, unha estatua túa pintada de verde, ¡¡non me digas que non eres cravado ao Incrible Hulk!! ….. vamos que si te ven ¡chámante de Hollywood!, cando pos esa mirada túa penetrante, como querendo mirar mais ala do infinito, pareces “La Masa” a punto de pegar unha labazada.
E, seguindo coa lista de persoas ilustres da nosa comarca, ocorréseme, por exemplo, que a nosa querida Rosa Oubiña con ese tipazo que ten, unha estatua dela, pintada de negro, semellaría perfectamente o personaxe de Catwoman, a muller- gato, a heroína que sempre vai enfundada nun traxe de coiro negro,e, dende logo, non envexaría, en absoluto, a interpretación que para o cine fixo no seu dia Michelle Pfeiffer ou, mais recente, Anne Hathaway.
¿ E que me dis de Louzán, unha estatua coa forma esférica (que de si xa ten) da sua cabeza e o seu ritus case imperturbable, coma de robot, pintada de amarelo e vermello e clavado a Iron Man, o home de ferro … ¡¡se ata ten os seus andares!!.
Evidentemente non podía faltar o teu mentor, Xosé Manuel Cores Tourís, con esa barbiña e bigotiño, co seu andar altivo e señorial, parécese totalmente ao nobre hispano D. Diego de la Vega, a personalidade debaixo da cal se esconde “El Zorro”, non me negaras que si lle pos un anteface, un sombreiro de ala ancha, unha capa (serve a que ten de cabaleiro do albariño) e o montas a cabalo polas terras de Oubiña, parece totalmente “El Zorro” atravesando o territorio da Baixa California.
Poderiamos seguir con cantidade de exemplos,unha estatua do patrón maior da cofradía, con esa planta e esa barba, con unha túnica e un tridente, parecería totalmente Neptuno, o deus do mar, aínda que dáme a sensación de que este señor, fai moito tempo que xa non se acerca ao mar nin para mollar os pes.
Pénsao, querido alcalde, ata poderiamos intentar facer uns decorados para darlle a Cambados un aire como de Nova York, total, o barrio chino xa o temos.
Na espera de haberte sido de axuda despídome.
Ricardo Domínguez Rey.
Xa van alá case catro meses desde que a estatua a Manuel Fraga fora inaugurada (un pouco ás agachadas) por parte de cargos do PP no Pazo de Torrado ao final da Festa do Albariño. Trala polémica que espertou en Cambados esta homenaxe impulsada polo goberno local (aínda que logo atribuída por el a un “sector do viño” que aínda hoxe non sabemos ben quen é) a escultura foi colocada no Pazo de Torrado. Sorprendentemente, elixiron un lugar dobremente vallado para instalala, segundo o propio Faro de Vigo temeroso o propio goberno local de que sufrira algún “acto vandálico”. Pois ben, parece que as precaucións non foron suficientes. Seguir lendo
28.000 euros, a falta dos datos oficiais do Concello (que nin sequera anunciara que ía mercar a escultura e esta xa se está facendo) esta e a cantidade que nos podería custar a todos os cambadeses a homenaxe a Manuel Fraga Iribarne. Non é unha estimación, é o que custou en 2011 a estatua a Francisco Asorey, en principio de similares características e deseñada e realizada polo mesmo artista. Seguir lendo