A organización Anova – Irmandade Nacionalista reuniu onte a boa parte dos seus membros do Salnés nunha cea celebrada en Dena. O encontro tivo por obxecto pasar unha noite de fraternidade e compañeirismo entre as persoas achegadas a este novo proxecto que naceu formalmente en Xullo e que electoralmente se estreou nas últimas autonómicas baixo a coalición Alternativa Galega de Esquerda (xunto con Esquerda Unida, Equo e Ecosocialistas). Alternativa obtivo nove representantes no Parlamento, sendo Juan Fajardo o deputado do Salnés desta nova entente da esquerda que xa é terceira forza política en Galiza con 200 mil votos. Os nove deputados de AGE xa formaron un grupo parlamentar en Santiago e comezaron a traballar, transladando a voz da cidadanía e dos movementos sociais á institución. A cea comarcal en Meaño prolongouse até ben entrada a noite nun moi bo ambiente. Anova está a implantarse en todos os Concellos desta comarca e celebra periodicamente asembleas abertas á cidadanía, nunha nova forma de artellar a política.
A presentación de AGE na nosa comarca tivo lugar nun lugar con moito simbolismo, o hospital do Salnés. Segundo o cabeza de lista da coalición, Juan Fajardo, esta elección do emprazamento era necesaria para seguir denunciando os “continuos incumprimentos” dos gobernos coa área sanitaria da nosa bisbarra. Para el, o hospital do Salnés é un exemplo máis de que como “algúns” pretenden convertir a sanidade galega nun negocio de “catro construtoras”. Fronte a iso, Alternativa Galega de Esquerda pretende coa súa forza que se deixe de “vilipendiar á clase traballadora” e de “asoballar o pobo galego” desde o seu propio Goberno. Fajardo insistiu que a coalición, ademais de pousar un pé no Parlamento, debe ter outro na rúa, onde unha masa social apoie un troco nas políticas que se están a aplicar e que están abocando ao empobrecemento da maioría. Para o vilagarcían é importante que haxa un cabeza de lista do Salnés porque “aquí sabemos como traballa o Partido Popular” por mor da Deputación de Pontevedra, e ese “caciquismo reaccionario” debe contrarrestrase dende o seu propio foco. Seguir lendo