No Auditorio da Xuventude terá lugar a presentación do libro “Cambados” de Eduardo Baamonde. Baamonde é profesor pero ademais ten unhas dotes sobresaíntes para as artes, el mesmo confésase na súa web persoal un “amante do deseño gráfico e da pintura”. Entre as obras de Baamonde destacaría “Polo Salnés con Ramón Cabanillas” editado por CANDEA precisamente no 2009, ano adicado ao “poeta da raza”.
Neste “Cambados” editado por Faktoría K de Libros, o autor repasa a través das súas láminas o mellor da nosa vila. Pode ser un regalo excelente para calquera cambadés ou cambadesa, e especialmente para amigos doutros lugares para amosarlles dun xeito orixinal o noso Concello. Vén acompañado por un mapa co roteiro que o autor vai facendo graficamente pola vila. A presentación será este xoves 13 de Nadal a partires das 20 horas no auditorio. Organizan as librarías Contos e Cabanillas, onde podes atopar o libro se desexas adquirilo xa. Colaboran Concello de Cambados e Faktoría K, e presentará a Eduardo Baamonde un representante desta editorial: Chema Heras.
A asociación cultural ASOBLOG, que aglutina a un número importante de blogueiros de Cambados e da comarca, vén de estrear hoxe o seu blog común. Neste espazo os diferentes membros da asociación e algún convidado (hoxe tocoulle o turno a Ramón Caride cun magnífico artigo) escribirán sobre moda, cultura, arte, opinión, novas, etc… tocando todas as temáticas que cada un por separado trata no seu blog.
Ademais, a nova asociación convocou un concurso público para elixir o seu logo, que será empregado como imaxe representativa da entidade en toda a cartelería, documentación, etc. Poden presentarse todas as persoas que o desexen cun máximo de tres propostas por persoa. O prazo de presentación das ideas é até o 28 de Setembro deste ano, e pode facerse electronicamente ou en papel. O premio, ademais de que o deseño sexa empregado pola entidade, será un lote de libros facilitados polas librarías Contos e Cabanillas. O 6 de Outubro darase a coñecer o gañador nun acto público. Podes ler todas as bases do concurso premendo neste enlace.
Este venres 24 no Pazo de Torrado a editorial Hugin e Munin celebrará a presentación de dous dos seus exemplares. O acto está programado para as 20.30 horas e as obras que se darán a coñecer son Locus Solus e Angel Esquire. Hugin e Munin é unha editorial especializada en traducións ao galego de narrativa de ficción. No acto estarán presentes os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín, así como o editor Alejandro Tobar. As librarías Ramón Cabanillas e Contos son as organizadoras, unha vez máis, desta presentación.
A presentación será no Pazo de Torrado o vindeiro mércores 13 de Xuño ás 20.30 horas. Organizan a editorial Galaxia e as librarías Cabanillas e Contos. Seguir lendo
A profesora Maribel Iglesias recibirá o Premio Ramón Cabanillas este mércores 16 de Maio no Auditorio da Xuventude. No acto que convocan as librarías Contos e Cabanillas na súa novena edición, falará Adela Leiro e actuarán Isa e Nacho de Xironsa, Carmen Olveira, e Xaquín Anxo e Roi Xesteira.
O acto dará comezo ás 9 da tarde. Maribel, ademais do seu labor docente, ten traballado arredor da figura de Ramón Cabanillas e Francisco Asorey. É activa na rede, mantén os blogs Paco Asorey e O Umia. Ademais, Cambados(tk) conta desde hai meses cos seus artigos de opinión nos que amosa a súa parte máis crítica. Parabéns a Maribel por este recoñecemento e que sigamos sendo testemuñas do seu traballo!
As librarías Contos e Cabanillas veñen de anunciar o nome da persoa que recollerá en Maio o noveno Premio Ramón Cabanillas. Será a profesora Maribel Iglesias Baldonedo, docente no IES Francisco Asorey e historiadora. Maribel ten traballado arreo desde o ámbito do ensino arredor de figuras como o propio Cabanillas (lembrar que en 2009 adicóuselle o Ano) ou Francisco Asorey. Dirixiu en 2005 a publicación de “Cambados, cen anos de historia a través da fotografía”, un traballo en equipo con alumnos e profesores do Asorey, e en 2009 grazas a CANDEA veu a luz o seu “Ramón Cabanillas Enriquez – Biografía en Imaxes”. Seguir lendo
Está claro que internet vai cambiando a forma de ver as cousas, tamén, ou especialmente, nos negocios.
En Cambados temos un exemplo, a libraría Ramón Cabanillas vén de abrir unha tenda na plataforma online Amazon.es (podes premer aquí para acceder a ela). Neste espazo os lectores poden mercar os libros desta libraría sen moverse da casa, e aínda non estando en Cambados.
Hai poucos meses a mesma libraría abriu en Facebook unha páxina onde informan das novidades editoriais. Parece unha boa aposta, seguramente polo momento non moi determinante en termos económicos, pero quizais si nun futuro.
Terá lugar este xoves 29 de Nadal ás 20.00 horas. O lugar elixido para o acto é o Café Reymar, e haberá sinatura de libros a cargo do autor, o artista gráfico Gogue.O volume que se dará a coñecer en Cambados este xoves recolle unha selección de 300 tiras cómicas de Floreano, o personaxe máis popular do humorista gráfico grovense José Ángel Rodríguez López, Gogue, que cada día publica en Faro de Vigo. Organizan esta presentación as librarías Cabanillas e Contos.
Falabamos hai uns días neste espazo da presentación do novo poemario do cambadés Xosé María Vila Ribadomar na Illa de Arousa, Concello onde reside. Agora é o turno da súa vila natal. A presentación levarase a cabo no Centro Comarcal Exposalnés o vindeiro venres día 25 de Novembro, comezando arredor das 20.30 horas. Terán lugar intervencións de Domingo Tabuyo, Emilio Xosé Ínsua e Saúl Otero, e, a recadación polo venda do libro será adicada a fins sociais. Previamente, o autor cambadés publicou A Fraga do Pericardio (2001) e Peixes medievais (2004). Organizan as librarías Cabanillas e Contos.
O goberno local anunciou a súa intención de distinguir ao escultor Manolo Paz pola súa traxectoria con motivo da celebración do aniversario do pasamento do poeta da raza. O ano pasado o Concello fixera o propio con Luís Rei, pero a forma de homenaxealo levantara polémica na vila xa que o goberno elixiu “Premio Ramón Cabanillas” como nome do galardón, e a asociación de libreiros leva moitos anos entregando este premio a diferentes persoeiros da cultura. Ademais ambas distincións teñen características moi semellantes, alén do nome. Seguir lendo