//
arquivo

lingua

This tag is associated with 81 posts

Tabuyo e Caride publican novos libros


Cadernos de París é o poemario que Domingo Tabuyo presenta na editoria Follas Novas de Santiago de Compostela, inserido na colección Libros da Frouma. Segundo o propio autor o libro pretende achegar a imaxe dun París cheo de contrastes, luces e sombras, reflexos de arte, a creatividade latente en cada rúa e a profusión atractiva das terrazas baleiras ante a choiva ou cheas de turistas e de ocio.

Domingo Tabuyo, ademais de ser deputado e portavoz do PSdeG-PSOE en Cambados, é profesor no instituto Francisco Asorey e como escritor  ten publicado obras como Balsaín Blues, Nos tempos da invernía, Manual de urxencias, A luz secreta ou a novela Carmín (que se lembramos, ten a Cambados como marco no que se desenvolve a trama). Foi gañador de premios de poesía como o Cidade de Ourense ou o Avelina Vallarades.

Por outra banda o tamén escritor Ramón Caride (facíamonos eco hai dúas semanas aquí dunha extensa entrevista con el no Galicia Hoxe) vén de presentar O gume dos espellos, no que recopila uns trinta artigos publicados na prensa desde os anos noventa sobre a lingua, a ecolocía, Ramón Cabanillas, música, literatura…

Nova recollida do Faro de Vigo

Ramón Caride en Galicia Hoxe: "A guerra do idioma non a temos perdida"


Galicia Hoxe publica neste luns unha extensa entrevista co autor galego Ramón Caride Ogando, natural de Cea (Ourense) e cambadés de adopción (neste Concello vive e é profesor no IES Ramón Cabanillas). Na entrevista o escritor repasa toda a súa carreira tanto poética como narrativa, na que destaca a súa satisfacción por ter escrito para rapaces.

Noutro plano, Caride amósase contrario á política lingüística da actual Xunta pero cre que “o pesimismo é un luxo que non nos podemos permitir” porque “só morre o idioma que se deixa matar”.

Relacionado

Entrevista completa a Ramón Caride no diario Galicia Hoxe

Entrevista a Luis Rei para o Despregable #23


Entrevista realizada en Abril de 2010

Luis Rei (O Grove, 1960) é sobradamente coñecido en  Cambados porque é o bibliotecario da nosa vila desde antes de que algúns teñamos memoria. Ademais, é técnico de Cultura do Concello, tarefa na que a súa man se percibe, entre outras cousas, nas programacións de calidade de teatro que se achegan ao Concello.

Durante os últimos vinte anos dedicou o seu tempo a investigar a figura do “poeta da Raza” e finalmente o ano pasado, no Ano Cabanillas 2009, veu a luz a súa biografía titulada Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades. Nela, o autor vainos achegando cronoloxicamente á vida do vate, aos seus problemas e ás súas alegrías, permitindólle ao lector enteder o cando e como da súa produción literaria.

Seiscentas páxinas cargadas de información solidamente documentada na correspondencia do poeta, en artigos xornalísticos, publicacións… que fan seguramente da obra, a primeira biografía de Cabanillas, a mellor publicación sobre o escritor cambadés.

O crítico literario Ramón Nicolás definiu este volume como  “unha das achegas ensaístico-biográficas máis salientables do ano”.

A BIOGRAFÍA

A primeira impresión que un ten cando remata de ler o teu libro é a dun traballo impresionante … como te decides a escribir esta biografía, porque deduzo que non sería de súpeto…?

Non, funme metendo pouco a pouco, primeiro por cousas do traballo,  utilizando o material de Cabanillas que xa había na biblioteca, despois reunindo documentos novos que ían aparecendo e finalmente dedicando moito tempo á investigación. Cando considerei que dispoñía de información relevante empecei a publicar artigos e finalmente, bastante anos despois, metinme a redactar este libro, traballo que aínda me levou outro par de aniños.

O propio Ramón afirma nunha carta a Carvalho Calero que as súas  notas biográficas non teñen importancia. Despois de todos os anos de estudo levarslle a contraria a Cabanillas, nonsi?

Cabanillas é un autor demasiado importante na historia da literatura galega como para facer caso do seu consello de non prestarlle atención á súa biografía. Foi protagonista e testemuña dun tempo excepcional, sen el non se comprende cabalmente a literatura galega da primeira metade do século XX.

Todo o mundo parece coincidir no momento en louvar a poesía de Cabanillas: que ofrece o traballo de don Ramón?

Cando Cabanillas eclosionou como poeta galego en Cuba, alá por 1913, a nosa poesía vivía unha crise funesta. Desaparecidos Rosalía e Curros e apartado do mundo literario Eduardo Pondal non había perspectiva de continuídade e moito menos de renovación. Desde este punto de vista Cabanillas non apareceu só como un novo poeta de calidade, tamén foi visto por boa parte da crítica como o poeta “arelado”, como ben dixo Ramiro Fonte: “o poeta necesario”.

“Oxalá algún día apareza a conrrepondencia que recibía”

A imaxe do Cabanillas que mellor coñecemos é a dun velliño baixo un pucho… pero é esta imaxe a máis caracteristica para describilo?

Posibelmente non. Esa  imaxe que está en todos os libros de texto é o retrato dun Cabanillas certo, pero só dun tempo de vellice. O poeta foi, en palabras de Vicente Risco, “un dandy perdido en la bohemia”, un home de moito mundo e de moita historia. Oitenta e tres ano de vivir, como el dixo, “sen apouso nin repouso” dan para moitas imaxes: vestiu fraque en ocasións solemnes, usou chapeus de todo tipo e gostou máis da  “pajarita” que da gravata.

Desterros e saudades: Cuba, Mondariz, Madrid…cal consideras que foi o desterro máis importante para a súa vida e obra?

Aclarando que ningún xuiz dictou nunca, que saibamos, unha orde de desterro contra Cabanillas o certo é que el viviu “no desterro” case toda a vida. Seguramente o alonxamento máis influínte na súa obra fose o “desterro” cubano porque alí naceu para a poesía galega. Se cadra , porén, no seu vivir foron máis importantes algunhas das as etapas pasadas en Madrid: para alí “fuxiu” cando perdeu o cargo de secretario no concello de Mós e alí botou tamén anos de soedade e penurias durante a II República. Pero opino que Cabanillas viviu “no desterro” sempre, porque foi un xeito de vida que el escolleu.

Botándolle imaxinación (moita), poñamos  que tiveras oportunidade de ter unha conversa co vate de Cambados…sobre que cres que xiraría a charla? Se che permitisen facerlle unha pregunta sobre algún aspecto da súa vida que non coñeces/comprendes, cal elixirías?

Hai moitísimas cousas que non sei de Cabanillas e que me gustaría coñecer e tampouco teño a imaxinación que me pides, pero o que máis me gustaría sería que non fose certo o de que el rompía as cartas que recibía e que aparecese un día unha arca vella con toda esa correspondencia. A xente gardaba as cartas que lle mandaba Cabanillas e teño lido centos delas, pero case non lin cartas remesadas para el. Sabemos moito do que os seus amigos publicaban en prensa sobre el pero moi pouco do que lle decían cando se dirixían a el persoalmente.

Na biografía o intento de Cabanillas por publicar as Obras Completas é unha constante, cales eran os atrancos?

A realidade dunha lingua minorizada. A xente era maioritariamente analfabeta en calquera lingua e case absolutamente analfabeta en lingua galega. Publicar libros en galego foi moito tempo un acto de puro idealismo e, sobre todo un negocio ruínoso. Se publicar libriños de poesía era complicado imaxina unha “obra completa”.

CABANILLAS E A POLÍTICA

“Cabanillas foi un demócrata anticaciquil e galeguista”
Tras unha lectura ideóloxica da súa vida vemos que o poeta é favorecido por gobernos dereitisitas pero que parece non renunciar nunca ao galeguismo…foi Cabanillas un malabarista no plano político?

Eu penso que non. Foi un poeta revolucionario nos días do agrarismo e o máis importante escritor das nacionalistas Irmandades da Fala e sempre foi consecuente con eso, sempre foi un demócrata anticaciquil e un galeguista sen tacha. Por outra banda non creo que fose especialmente favorecido nunca. O goberno dereitista de Lerroux durante a segunda república deulle un carguiño non político no Instituto de España que axudou ao poeta a saír da miseria na que se atopaba, non o fixeron ministro nin gobernador. A ditadura de Franco deixouno vivir e aí remata o favor. Nada de malabarismos.

Amigo do líder agrarista Basilio Álvarez e “irmán” dos galeguistas, tentou acercar ambos movementos…por que non foi posíbel?

Houbo moitos acercamentos e distanciamentos entre Basilio Álvarez e as Irmandades da Fala pero nunca chegaron a xuntarse. Seguramente a historia do galeguismo e mesmo a de Galiza tería sido outra se iso tivese acontecido. Pero Cabanillas non era máis que un poeta, el non podía propiciar ese encontro co único instrumento dos seus afectos persoais.

Declarándose republicano…que fallou para que Cabanillas se sentise decepcionado co novo rexime democrático?

No libro digo que Cabanillas sentiu como unha afrenta a retidada dunha pensión vitalicia que as Deputacións lle outorgaran cando fora elixido como membro da Real Academia Española e estou seguro de que eso influíu moito no seu ánimo, pero as súas disidencias co réxime foron máis amplas: non concordaba co carácter laico da constitución, estaba en desacordo coa alianza do galeguismoi  coa forzas de esquerda, detestaba a “reutilización” republicana de vellas de redes caciquís, etc, pero, repito, como di o refrán: cada un fala da feira segundo lle vai nela… e a Cabanillas na II República foille mal.

CABANILLAS E CAMBADOS
“Cabanillas amou profundamente a Cambados”
Como é a relación Cambados-Cabanillas? Porque por un lado, o autor adícalle poemas e gostaba de voltar á vila natal, pero por outro afirmaba ás veces sentirse “horrorizado” por el…

Cabanillas amou profundamente Cambados, eso mírase en moitos poemas e non admite duda. Pero tamén foi un home crítico coa súa vila. Quen lea os seus artigos e poemas nos xornais El Umia e El cometa descubrirá a un Cabanillas humorista (dos bós) a conta das cousas de Cambados. Despois de marchar para Cuba xa só voltou a Cambados a pasar pequenas estadías: o seu era un amor “a distancia”.

Como valoras o pasado Ano Cabanillas 2009? Que destacarías del?

En Cambados e mesmo no Salnés foi un grande éxito porque foi un ano cargado de actos e de publicacións. Creo que tanto o Concello como diversas entidades culturais, singularemente Candea, fixeron un esforzo verdadeiramente memorábel. En Galiza tamén tivo importante repercusión, pero non sei se tivo a que merecía.

Eu destacaría a normalidade e naturalidade con que se chegou a utilizar pola xente do común e polos medios de comunicación a expresión “Ano Cabanillas”: introducir a presenza dun poeta e da súa poesía na cotidianeidade da vida dunha vila enteira paréceme difícil e, mesmo, sorprendente. Sen embargo en Cambados pasou.

Cres que a Fundación Cabanillas será algún día realidade? de que depende?

Penso que todo o que é unha necesidade acaba sendo unha realidade e fai falla unha entidade (posibelmente unha fundación) que se encargue de poñer en valor cada día a obra de Cabanillas. Tamén sei que esa fundación non será unha realidade se as institucións, e polo tanto os representantes políticos, non fan un esforzo por entenderse. Eu acredito na democracia e na sensatez dos representantes eleitos e por eso penso que ao final haberá unha Fundación Ramón Cabanillas.

O ano que vén cúmprense 50 anos da morte doutro artista cambadés ilustre, Francisco Asorey…cal foi a relación entre ambos?

Asorey e Cabanillas foron moi amigos. Cabanillas organizou, en 1922, a primeira homenaxe que Cambados tributou ao escultor e Asorey preparou, cando a vida de Cabanillas se apaga, o deseño do monumento que constituía a homenaxe derradeira de Cambados ao poeta.

Tras publicar este volume adicado a Ramón Cabanillas…en que se centran agora as túas inquedanzas como investigador?

Ando mirando algunhas cousiñas sobre a historia do 25 de xullo para un par de artigos que teño comprometidos pero non teño ningún proxecto importante diante. Xa miraremos o que vai saíndo.

Entrevista realizada para o número 23 do fanzine Despregable da Embaixada Prusiana en Abril de 2010e publicado en Xuño de 2010

A imposición real: Ca Deputación de Pontevedra se queres obras pídeo en castelán


Publícao hoxe o blog crítico coa Xunta de Galicia, feijoomente.blogaliza.org. O Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra enviou un fax aos Concellos da provincia cos requisitos que deben reunir as peticións de prórroga das obras enmarcadas no Plan de Cooperación vixente.

A primeira é: La solicitud tiene que venir redactada en castellano.

Indican no blog mencionado, e con razón, que este requisito non só é dicutíbel, senón que carece de legalidade. Logo da campaña brutal que sufriu o bipartito e diversas asociacións e entidades a favor da normalización do galego…cal é a verdadeira imposición?

Relacionado

O documento enviado pola Deputación aos Concellos

Os medios en galego SI importan


Nas últimas semanas pecharon ou reduciron a súa actividade varios medios en lingua galega: durante o Día da Patria foron Chuza.org e Vieiros (un dos xornais electrónicos con máis historia na rede galega) quen pecharon as súas portas.

Estes días soubemos que o semanario A Nosa Terra deixaría de ser publicado nos quioscos por falta de recursos, aínda que de momento vai seguir facéndoo a través de internet. Lembrar desde aquí que ANT é unha publicación centenaria, que fora voceira das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e que deu cabida a practicamente todos os intelectuais galeguistas (entre os que se atopan Castelao, Cabanillas, Filgueira Valverde, Vicente Risco, Carvalho Calero…).  A súa época moderna comezou en 1977 e en 2007 lanzouse a súa edición dixital.

Agora, varios persoeiros da cultura galega lanzaron un manifesto que calquera pode asinar na rede, titulado Os medios en galego importan, e que comeza dicindo Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia.

Reclama ao goberno que poña os medios suficientes para axudar a este sector e tamén dá un toque de atención aos potenciais lectores e anunciantes, os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio.

Ademais de animarte a asinar este manifesto a prol dos medios de comunicación en galego, a continuación se expoñen de maneira sinxela algúns feitos arredor do goberno galego e os medios:

A Xunta repartiu no primeiro ano de goberno de Feijoó  máis de 2.4 millóns de euros en convenios con algúns medios: O grupo La Voz (editor de La Voz de Galicia) levouse o 33% destes cartos. Vieiros e A Nosa Terra? Nin un peso. Tampouco Xornal de Galicia, bilingüe e crítico coa Xunta recibiu un can.

La Voz de Galicia S.A. é a engargada de imprimir o Diario Oficial de Galicia (DOG)

A Xunta de Feijóo regalou 2.2 millóns de euros para que unha sociedade participada no 98% por La Voz mercara unha nova rotativa.

O Goberno Galego diminuiu até os 63.500 euros as axudas aos medios integramente en galego. No último ano do bipartito esas axudas foran de 900.000 euros.

-Todos lembramos a campaña brutal contra o bipartito de La Voz de Galicia nos meses previos e na mesma campaña electoral, especialmente contra o nacionalismo. Será este un pago do Partido Popular polos servizos prestados? De calquera xeito é convinte lembrar que o pago facémolo tod@s e aínda por riba en detrimento dos medios que si apostan pola nosa lingua.

Enlaces relacionados

Asina aquí o Manifesto Os medios en galego importan

Presentación de "En castellano no hay problema" de Carlos Callón


Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego! presenta este venres 28 de Maio o seu novo libro no Centro Comarcal Exposalnés. Titulado ironicamente “En Castellano no hay problema” o libro repasa a evolución da defensa do galego a través de varios ensaios. O acto terá lugar a partires das nove da noite e organizan as librarías Contos e Cabanillas.

Imaxe tirada do blog de Comités de Vigo, onde podes ler a crónica da presentación na Universidade.

Premio Rosalía de Castro para Blogaliza


A plataforma dixital blogaliza.org vén de gañar o premio Rosalía de Castro que concede a Deputación de Coruña pola súa valorización e promoción da lingua galega, un premio honorífico, sen dotación económica.

Blogaliza aloxa a día de hoxe a máis de 3.000 blogs en galego dos 9.000 que se calcula que existen. Cambados(tk) é un deles desde hai ano e medio e aproveitamos para agradecer a Blogaliza o servizo gratuito que nos presta, dando a este espazo web estabilidade que non atopou en ningún outro recuncho no que estivo aloxado.

Máis información en Vieiros.com

Xa chega o Día das Letras Galegas


O próximo día 17 de Maio é o Día das Letras Galegas, adicado en 2010 a Uxío Novoneyra.

Este ano, ademais de outros actos conmemorativos normais terá lugar como está a ser xa habitual este ano, unha gran manifestación que sairá na mediodía do luns 17 da Alameda de Santiago. Está organizada por Queremos Galego! e, aínda que se celebra cada ano, dada a previsíbel aprobación inminente do Decreto das linguas no ensino (que acaba de colleitar outro revés, agora do Consello Consultivo), este ano será aínda máis combativa.

En Cambados hai convocados unha serie de actos para esta fin de semana que non deberías deixar escapar:

Mañá Venres 14 de Maio os libreiros fan entrega a Miguel Anxo Fernández do 7º Premio Ramón Cabanillas. O acto terá lugar no Auditorio a partires das 21 horas e contará con alicientes como a proxección da nova curta de Chourizo Films ou unha actuación musical de Xaquín Xesteira e Antón Trigo.

Tamén para mañá Venres, aínda que non en Cambados senón en Vilagarcía de Arousa, a organización Galiza Nova prepara na Praza da Peixería un concerto en defensa da lingua na que actuarán grupos como Lusco Fusco, Skalopendra e Maino. A partires das 23 horas, de balde.

O Domingo 16 de Maio ás 13 horas o Bloque Nacionalista Galego de Cambados organiza un acto diante do monumento a Ramón Cabanillas no Paseo da Calzada.

O propio día 17 de Maio, para aqueles que non acudan á manifestación en Compostela (agardamos, os menos), hai organizado un concerto das Letras Galegas a cargo do mestre da gaita Xaquín Xesteira e a Banda de Música de Castrelo. Será tamén no Paseo da Calzada sobre as 12.30.

A Asociación de Libreiros entrega o 7º Premio Ramón Cabanillas a Miguel Anxo Fernández


A Asociación de Libreiros vén sentando a tradición do Premio Ramón Cabanillas ano tras ano, e xa van sete. Desta volta, as librarías Contos e Cabanillas en colaboración coa Asociación Unha Grande Chea, Chourizo Films e o propio Concello de Cambados, van concederlle tal recoñecemento a Miguel Anxo Fernández, escritor, ensaísta e investigador sobre o cinema.

O acto terá lugar o vindeiro venres 14 de Maio a partires das 21 horas no Auditorio da Xuventude. A produtora cambadesa Chourizo Films estreará para ocasión nova curta e haberá unha novidosa actuación do mestre da gaita Xaquín Xesteira, interpretando desta volta o oboe, e do pianista Antón Trigo. Ámbolos dous tocarán pezas das bandas sonoras de dúas películas en homenaxe á grande paixón do premiado.

CANDEA presenta mañá a exposición "Uxío Novoneyra, O COUREL". Podes vela no Pazo de Torrado até o 9 de Maio


A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, inaugura mañá venres 23 de Abril ás 20.30 no Pazo de Torrado a exposición Uxío Novoneyra, O COUREL.

No ano en que o Día das Letras Galegas se lle adica a este escritor CANDEA pretende facer chegar á sociedade, especialmente a educativa, tanto a figura e a obra de Novoneyra como a do patrimonio que reside no Courel.

A través de 30 fotografías de Adela Leiro e Carlos Puga o espectador viaxará polo Courel da man dos poemas de Uxío Novoneyra, “o que mellor soubo plasmar nos seus versos toda a inmensidade e diversidade dun espazo natural único”.

Na presentación da exposición de mañá á tarde proxectarase o audiovisual de Adela Leiro A Natureza nos poemas de Novoneyra.

Nas redes sociais

Xuño 2021
L M M X V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.