//
arquivo

Luís Aragunde

This tag is associated with 202 posts

Hemeroteca sobre a praia artificial


Programa do PP 2003

Programa do PP de 2003

Como complemento ao Episodio 1 “Aquí non hai praia”, deixamos uns cantos enlaces a novas e artigos sobre a historia das praias artificiais.

2008 (con recopilatorio desde os noventa) – “El eterno aspirante al sol y playa”.

Artigo da cambadesa Maruxa Alfonso que repasa todas as promesas de praia. Segundo isto, foi Santiago Tirado o primeiro impulsor da idea da praia artificial. De feito, foi con el co que se botou area no porto de San Tomé (e puxéranse duchas) mais non callou como lugar de baño polos barcos e a insuficiente marea. El quixo facer unha obra máis grande, unha praia “en condicións”, pero a idea desbotouse porque “non era moi popular”. Tentou ubicala a carón do parque. Fixéronse informes de Costas e estudouse dragar a zona pero a obra parou pola oposición das mariscadoras.

Onde si se botou area foi nunha zona de Tragove. Houbo proxecto para Montes Outeiro (onde están as depuradoras),e botouse area fronte a estación de buses (que como zona de baño nunca se usou).

2003El PP promete una playa artificial en Tragove y pide a sus seguidores el voto de familiares y amigos

Campaña electoral municipal de 2003. No mitin de presentación do programa do PP a “obra estrella” do candidato á reelección Tourís era unha praia artificial en Tragove.

O programa incluía  ampliación do espigón de Tragove e unha grande praia , mirando a Cambados, de dimensións desorbitadas. Ademais desta praia enorme tamén se prevía unha praia por toda a costa desde o peirao de Cambados até o de Tragove, na ribeira de Fefiñáns.

2010Aragunde plantea a Costas la necesidad de construir una playa urbana y de sanear el litoral

Aragunde considera que esta é unha actuación “prioritaria”. A praia da que fala Aragunde estaría no Saco de Fefiñáns, mais tamén fala de unir Fefiñáns coa Casa do Mar cun areal, do mesmo xeito que o fixeran antes Tirado e Tourís.

2012“Co PP na Xunta, teremos praia en Cambados” di Aragunde no mitin

Autonómicas de 2012. O entón alcalde de Cambados pide o voto para reelixir a Feijóo para que Cambados teña praia. Isto xa nun momento en que a crise estaba totalmente en auxe e se recortaba en ensino e sanidade.

2015Somos Cambados carga contra Aragunde por prometer dos playas fluviales

Tino Cordal, na campaña das municipais, criticou que o PP prometera dúas praias, unha en Oubiña e outra en Vilariño, esta vez fluviais.

O último pleno do ano case completo en vídeo


Como xa reflectimos aquí hai uns días, o alcalde non fixo nada por impedir que gravaramos a última sesión plenaria do ano, logo dunha polémica entorno a este tema. A propia prensa referiuse a este feito, no caso de La Voz de Arousa non dubidaron en calificalo como o máis relevante -máis ben era o máis incerto- do pleno (xa que os demais asuntos eran máis ou menos de trámite). Nos primeiros puntos tratáronse aprobacións de taxas ou novas regulacións. A taxa de realización de tarefas de control e verificación de actividades e tramitación dos expedientes de licenzas de apertura ou actividade, foi aprobada cos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra, porque considera que os cidadáns están a ver subas de impostos a diarios nun momento moi difícil, e PSOE abstívose. Este esquema repetiuse nos puntos seguintes. Tamén se modificou a taxa de outorgamento de licenzas urbanísticas (subiuse) e o mesmo aconteceu co imposto sobre construcións, instalacións e obras. Aprobouse unha nova ordenanza do procedemento para a concesión de licenzas de obras e de actividade, e de comunicación previa e declaración responsable. Todos estes asuntos están no vídeo “Varios (taxas…”. Seguir lendo

Luís Aragunde: “………………………………………”


Foto de luisaragunde.es

Foto de luisaragunde.es

Luís Aragunde naceu en Fefiñáns e di coñecer á perfección todos os recunchos da nosa vila. “Unha persoa sinxela que sinte orgullo de ser cambadés”, así se definía na carta de presentación da web electoral de 2011. É traballador da lonxa en excedencia, e foi tenente de alcalde de Cores Tourís até 2009, cando o sucedeu na alcaldía.

Logo, nas eleccións de 2011 foi o candidato do Partido Popular e conseguiu un excelente resultado para a súa formación, nun momento en que o PP vivía a “marea azul” que expulsou ao PSOE das principais institucións do Estado. Esta podería ter sido, por exemplo, unha entrevista a Aragunde se nola tivese concedido algunha vez.
Preme en SEGUIR LENDO para ver a entrevista completa
Seguir lendo

Conto de Nadal (versión cambadesa)


(BASADO NA OBRA DO MESMO TITULO DE CHARLES  DICKENS)

Ao Alcalde de Cambados non lle gustaba o Nadal; o Nadal son festas familiares, festas íntimas onde el perdía todo o protagonismo que lle gusta ter; ao Alcalde de Cambados gustáballe mais a Festa do Albariño onde se podía sentir importante, retratarse ao carón do Presidente da Xunta ou do “famosete de turno” ou,por outro lado, a festa de San Roque, onde presidía a procesión, sentíndose mais presenciado que o propio santo. Ademais este Nadal estaba especialmente cabreado coa festa: os funcionarios municipais botábanlle en cara que non fixese nada porque cobrasen a paga extra de Nadal, cando  vían que en outros concellos (como no de Pontevedra, por exemplo ) os seus rexedores buscaban artificios pra podela abonar e non deixar aos seus traballadores sen tal paga tan merecidamente gañada; ademais (como lle argumentaban os propios traballadores e a oposición) se había un superávit  nas contas municipais de case 300.000 euros ¿por que non aproveitalo para ditas pagas?, de seguro que era o comercio local haberíao de agradecer.

“Quen se creen estes empleaduchos” (pensaba o Alcalde), “non se dan conta que ese é un superávit maquillado (como ben fixera ver a oposición), e,  ademais,  aínda que así fose tal decisión non dependía de min, as decisións importantes séguenas a tomar Tourís, eu só son un mandado, ademais os cartos sempre se poderían empregar en cousas mais importantes ….. para que carallo quererán eles unha  paga extra”, seguía cavilando o alcalde para intentar  xustificar tal actitude.  Faltaban so un par de días para o Nadal e xa estaba desexando que pasase

Aquela noite, o Alcalde estaba especialmente cansado, non porque houbese traballado arreo (nunca o facía), senón porque levaba durmindo mal un par de dias e mentres estaba a ver a televisión no sofá, quedou durmido; de repente unha voz estrañamente familiar espertouno: “Luís, esperta”, o Alcalde aínda medio durmido, abriu os ollos e, no medio dunha especie de néboa, no seu salón atopábase  ¡Xaquín Charlín “Chon” ataviado cunha especie de túnica como flotando no aire……..!

“¡Que fas aquí!  ¡é que  na miña propia casa non  me podes deixar en paz!” , de repente a presenza levantou o brazo e unha forza misteriosa tombou ao Alcalde no sofá, facendo que non se puidese mover.

“Cala, ¡ostias!, que non son quen ti crees, simplemente adoptei unha presenza humana que che resultase familiar, son o espírito de todos os nadais, veño a visitarte pra anunciarte que o longo de esta noite recibiras a visita de tres fantasmas, o Fantasma do Nadal Pasado, o Fantasma do Nadal Presente e o Fantasma do Nadal Futuro, quero que vexas co paso do tempo no que te convertiches e medites se vale a pena seguir así……”

De repente a presenza desapareceu e o Alcalde púidose reincorporar “vaia sono mais raro” pensou “ porque en vez do cabrón de Chon non podería soñar con Beyonce co que a min me gustan as mulatiñas……..”

Nese intre soou a porta da casa, e pensando quen podería ser a esas horas, abriu a porta e atopouse de fronte  ¡coa estatua de Fraga que cobrara vida¡, aterrado o Alcalde dou para atrás…..

“Boas noites Luís, son o Fantasma do Nadal Pasado e vamos a ver como eras antano…”; de repente Luís veuse transportado no tempo e co o Fantasma, empezou a ver etapas da súa vida, víase moito mais  novo (e delgado),  en outros nadais, como  o animador da festa; tamén o Luís deportista, facendo piragüismo e,  tamén,  presenciou a súa etapa no Instituto “Ramón  Cabanillas” encabezando as manifestacións, megáfono en man, contra o proxecto inicial do Concello de que a carreteira pasara pegada ó centro, berrando: “¡Tirado, fascista aquí non farás unha autopista!”

A Fantasma do Nadal Pasado mirouno co seu ollar de bronce (por algo era a estatua de Fraga) e espetoulle: “Que irónica é a vida, Luís,  tanto criticar ó alcalde de entonces e, o final, volvícheste igual ou peor que el, ¿que queda de aquel rapaz tan sano e nobre?” (Luís, non sabia onde meterse) “quizais, véndote, o Luís de agora semella que se tragou o Luís de entonces”.

Luís mirábase en todas as escenas do seu pasado como quen se esta a mirar nun espello, xente coa que se falaba e agora non se fala, xente que o apreciaba, e o vían como o bo rapaz que nese tempo era; a Fantasma fixo un xesto e díxolle: “temos que regresar” e de repente  apareceu no salón da súa casa; o Fantasma xa non estaba, quedou uns intres pensando no que había visto.

Novamente soou a porta e Luís apresurado foi a abrila e da impresión case cae de cu: ¡era Mariano Rajoy!, Luís non o podía crer e a duras penas balbuciu:

“Señor Presidente ¿que fai vostede aquí?”

“Luís,  son o fantasma do Nadal Presente, xa sei que me asemello ó Presidente do goberno pero e que, en moitos casos, el aínda é mais fantasma que eu, vamos a ver no quen te convertiches na actualidade”………

Novamente Luís sentiuse transportado e veuse en moitas esceas da actualidade:o dia que Tourís lle dixo que quería que fose o seu alcalde “de prestado”,  a súa actitude “chulesca” nos plenos ……. o pleno no que lle faltou ao ríspeto ó finado de Rafael Blanco co tema das supostas faltas de ortografía. Tamén amosoulle a situación na que estaban os seus funcionarios, os que tiñan as nóminas mais humildes e que esperaban a paga extra como auga de maio e as privacións que terían  este Nadal; a Luís caíaselle a cara de vergoña, o fantasma espetoulle: “pra os teus funcionarios  non tes cartos pero para invitar a moita xente o domingo do Albariño ó Parador ¿verdade que si?, xente que só se lembra de Cambados pra encher o bandullo ese dia ¿crees que iso é xusto? Luís non quixo ou non soubo que responder; o fantasma seguía a fusilalo con preguntas: “¿cres que ti es un bo gobernante?”, “¿sabes que no teu Concello hai xente que o está a pasar moi mal co tema da crise? ¿pensáchelo algunha vez?,  co que gastas ti ó ano  en dietas de comidas ¿sabes a canta xente poderías axudar? Sabes das deficiencias no colexio Magariños e no pavillón e, sen embargo, pra ti é mais importante levantarlle unha estatua a un fascista como Fraga, velo normal?   Cando quixo contestar, Luís estaba novamente no salón da súa casa,  a fantasma do Nadal Presente despediuse pero antes avisoulle de que recibiría a visita do último fantasma e que non se asustase pois a imaxe que había adoptado era a dun fantasma de verdade.

Luís quedou intrigado pensando como seria o Fantasma do Nadal Futuro e nese momento sonou a porta por terceira vez e topouse con: ¡Jose María Aznar!  efectivamente…… o home que dixo, poñendo os pes encima da mesa e diante de George Bush que era capaz de correr 10 kms. en 5 minutos e 20 segundos;o mesmo Aznar, que dixo que foi unha bendición pra España que el fose o seu presidente;  en definitiva, o home dos abdominais pétreos, dende logo, o Fantasma do Nadal Futuro non podería haber adoptado unha presenza mais …..fantasmal.

“Mire Uste” (díxolle  o fantasma) imos ver como será o teu Nadal do Futuro e por terceira vez o alcalde veuse transportado, aparecendo no seu despacho do Concello. Alí sentado no súa cadeira estaba un señor que non acababa de recoñecer, “¿que  é ese e que fai sentado no meu sitio” preguntoulle ao fantasma do Nadal Futuro; este respondeulle: “Luís, estamos no futuro,ti xa non es o alcalde de Cambados e ese que está sentado é o teu sucesor”, “coma ti, sóubolle   facer a pelota moi ben a Tourís, coma ti estivo o carón de Feijoo pra  darlle de man á mangueira cando este fixo  a comedia  de facer que apagaba un conato de incendio forestal”  “ese que está sentado é o actual chico dos recados de Tourís como ti fostes en tempos pasados”

Luís preguntoulle intrigado: “¿e que foi de min?, supoño que ascendín  politicamente ¿verdade?, o fantasma botou un sorriso malicioso e díxolle :”vámolo a ver”, e apareceron na lonxa de Tragove, alí estaba un Aragunde, claramente  mais avellado, no medio das sobastes de peixe e marisco.

“Pero ¿que pasou?”, preguntou Luís confuso “¿como volvín ao meu  antigo traballo?”.O fantasma respondeulle: “Cando deixaches de valerlle a Tourís, abandonouche coma un xoguete roto, xa no lle eras útil pra os seus intereses; así de claro e así de real”. ¿que esperabas? ¿ fidelidade por parte de Tourís? ¿non te dabas conta que te manexaba como manexa a outros moitos? Ti, Rosa Oubiña, e outros solo sodes pezas, peóns nun axedrez, deberías de haberte dado conta Luís; a parte de pasar a historia de Cambados como un dos peores alcaldes, tamén pasaras como o alcalde que nunca tivo nin a autoridade nin o valor de facerse respetar

“¡¡¡¡NOOOOONNNN¡¡¡¡¡”…………….

Luís espertou no sofá do seu salón sen saber se aquilo fora un pesadelo ou se había ocorrido realmente

Un final feliz seria que o Alcalde cambiase radicalmente, que abrira os ollos e que empezase a gobernar pra tódolos cambadeses e cambadesas, e non só pra os do seu partido; que respetase e que fixese aos seus concelleiros respetar á oposición nos plenos, que non enganase mais os seus veciños, que, en resumen,  mirase polas verdadeiras necesidades do pobo.

Pero pra todo iso fai falla ter o valor e os bemoles que ao noso alcalde lle falta e unha alma que aparenta haberlle vendido o diaño, aínda que o diaño teña a aparencia de Tourís.

Mentres tanto o gran prexudicado por tanta incompetencia segue a ser o pobo de Cambados.

QUERO FELICITAR O NADAL A TODOS E, ESPECIALMENTE, A QUENES ME DERON A POSIBILIDADE DE EXPRESAR A MIÑA OPINION  COMO SON XAQUIN CHARLIN “CHON” E OSCAR PARDO PLANAS, DOUS VALENTES QUE TEÑEN TODA A MIÑA ADMIRACION POR ENFRENTARSE O CACIQUISMO QUE OUTROS QUEREN IMPOÑER; A OSCAR DESEXARLLE SORTE NESA AVENTURA AMERICANA A PUNTO DE EMPEZAR E A TODOLOS CAMBADESES E CAMBADESAS OS MEUS MELLORES DESEXOS PRA ESTE ANO QUE ESTA A PUNTO DE COMENZAR.

¡¡¡¡¡FELICES FESTAS E FELIZ 2013 ¡¡¡¡¡¡

UN SAUDO  A TODOS

Ricardo Domínguez Rey. 

Fátima Abal a Luís Aragunde, en memoria de Rafael Blanco: “Ves a palla en ollo alleo e non a viga no propio”


Ao comezo da sesión, a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, pediu a palabra. “En memoria de Rafa Blanco” [o anteiror portavoz do PSOE, finado hai tres meses] quixo dirixirse ao alcalde, a quen lle lembrou dun xeito bastante efectivo a falla de educación que amosara Luís Aragunde no último pleno ao que acudira Rafael Blanco. Naquela ocasión, cun portavoz do PSOE visiblemente afectado fisicamente, canso, o alcalde espetáralle ante todos os presentes a cantidade de “faltas de ortografía” que segundo el contiña un escrito asinado polo portavoz socialista. Fátima Abal xa recoñecera na entrevista a Cambados(tk) de hai un par de semanas que aquelo non lle sentara nada ben ao propio Rafael Blanco nin aos seus compañeiros de filas. Unha “humillación innecesaria”, así o calificou na entrevista. Daquela, en CTK calificáramos o xesto de Aragunde como “unha terrible falla de educación”.

No pleno do xoves, Fátima Abal fíxolle ver a Luís Aragunde que o escrito da convocatoria do pleno que el asinara, contiña “en doce frases 29 faltas de ortografía” . Acusouno de non ver a viga no seu ollo cando si vira a palla no ollo alleo, naquela ocasión no dun compañeiro cunha enfermidade con resultado de morte. O alcalde quixo zanxar axiña a polémica e o pleno deu comezo. Podes escoitalo audio que encabeza a entrada. No que tedes a continuación podedes escoitar a intervención de Aragunde que desencadeou esta pequena polémica.

Víctor Caamaño: “Traballamos por un modelo de sociedade distinto”


Victor2Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.

Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de  trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA Seguir lendo

O PSOE denuncia que o Concello boicotea a súa iniciativa solidaria “Nadal para todos”


O Partido Socialista anunciara hai uns días que poñían en marcha a campaña de nadal adicada a recoller alimentos non perecedoiros en diversos puntos de Cambados para doar a Cáritas, e que estes chegaran ás familias en apuros para que todos teñamos un Nadal. Pois ben, tal e como apunta o blog de Xaquín Charlín “A ti Meu Cambados”, a voceira do PSdeG-PSOE denunciou boicot por parte do alcalde. Seguir lendo

O BNG pregunta por Magariños e o PSOE por Torrado


O Bloque Nacionalista Galego rexistrou varias preguntas sobre o colexio de Magariños. Nos últimos días fíxose público na prensa o malestar no profesorado polas malas condicións da pista cuberta, que fixo que anunciaran a súa intención de dar a clase de ximnasia na aula e mesmo non permitir aos alumnos empregar a pista no recreo polo risco de accidentes. O BNG lembra que no verán a Consellaría anunciou a inversión duns 386.000 euros no centro pero que a día de hoxe non invertiu 200 mil dos prometidos, nin están adxudicados. Tamén lle lembra ao Concello que é responsable do mantemento do centro, e que nos últimos anos reduciu esta partida. Víctor Caamaño pregunta a Aragunde que medidas acometeu o Concello para o mantemente do centro, tanto na súa cuberta principal como da pista deportiva. Tamén quere saber cal é a situación das obras prometidas polo conselleiro de Educación para a pista cuberta, e se ten a Xunta orzamento para acometelas. Do mesmo xeito pide coñecer a data na que serán acometidas as obras. Por último Caamaño pídelle ao alcalde que o Concello se implique ao máximo para solucionar esta problemática.

O PSOE pola súa banda rexistrou varias preguntas para o vindeiro pleno. Nunha delas, Fátima Abal fai constar a grande siniestralidade da estrada entre a rotonda de Vilariño e o polígono de Sete Pías, e pide coñecer que medidas se van aplicar para reducila. Tamén fai constar da falta de pasos de peóns para os rapaces que empregan o autobús escolar, e a pouca visibilidade dalgúns tramos, como no cruce do bar Vilariño. Por outra banda pregunta a portavoz do PSOE sobre as obras que están causando molestias na Rúa Sevilla (estase acometendo unha nova pavimentación) e na Rúa Vicente Risco. Tamén volven preguntar (xa non é a primeira vez) polo mal estado das instalacións do parque Torrado, como os aseos ou o propio parque infantil, que pode causar situacións de perigo para os nenos.

Fátima Abal: “Ás veces dame a sensación de que os membros do goberno local non viven aquí”


FatimaAbalFátima Abal ten dous fillos e vive no barrio de Fefiñáns. En 2011 concurriu ás eleccións municipais na candidatura do PSdeG-PSOE como número 3 e obtivo a acta de concelleira. Hai un par de meses pasou a ser portavoz municipal logo do inesperado pasamento de Rafael Blanco, que desempeñaba esta función trala renuncia de Domingo Tabuyo. Fátima comezou a participar en política ano e medio antes da súa entrada na Corporación, segundo ela dun xeito casual. “É que desde a casa non se cambian as cousas” díxolle un coñecido cando falaban do mal que vían a situación. E púxose a disposición dun partido baseado nuns principios cos que ela coincide. Para “botar unha man no que fixera falta”. CONTINÚA LENDO A ENTREVISTA PREMENDO EN “SEGUIR LENDO” Seguir lendo

Luís e Benito: novo dúo cómico cambadés


Dende logo se de algo podemos estar agradecidos os cambadeses e cambadesas e de ter uns dirixentes tan graciosos que ás veces parecen mais ben monologistas de “El club de la comedia”.

Eu, quería propoñerlles  ao alcalde Aragunde e o patrón maior da cofradia, vistas a súas derradeiras declaracións que montasen un dúo cómico, ao estilo Tip e Coll ou Faemino e Cansado,  pois vista a súa xestión ao fronte dos seus respectivos organismos, non teño a menor dubida de que, dende logo, teñen mais futuro no mundo da farándula e vodevil. Supoño que,  quizais, para homenaxear a recente morte do xenial Miliki, puxéronse de acordo para facer unhas declaracións tan hilarantes, practicamente, no mesmo espazo de tempo.

Por un lado temos ao ínclito alcalde de Cambados Luís Aragunde que, a sema pasada, a raíz de que aparecese pintada como Superman a estatua de Fraga, nun arranque de Sherlock Holmes, dixo en declaracións a unha emisora de radio, que tales pintadas foron producto dunha gamberrada da mocidade que sae de marcha por Cambados. ¡¡que poder de dedución do noso alcalde!! ¿como puideches chegar a tan brillante conclusión, Luís? Intentándome meter nunha mente tan emérita como a túa supoño que pensaches: “as pintadas producíronse a noite do sábado para o domingo, do sábado para o domingo é o dia  da movida nocturna entón os responsables son rapaces da movida nocturna” ¿isto pensáchelo ti so ou axudáronche os teus asesores?

Tamén dixo esta mente tan privilexiada: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calquera outro persoeiro”. Vamos a ver Luís, por empezar por isto último, na historia recente de Cambados, eu non recordo unha historia tan rocambolesca entorno a ningunha estatua (e menos a un banco) como a que creaches ti cando se te meteu nos miolos o de levantarlle tal monumento a un fascista como  Fraga. ¿cando te darás conta dunha “puñetera” vez que os cambadeses e cambadesas de ben non queren, non queremos esa estatua; dende logo que cabe a posibilidade de que houbese sido a movida nocturna a autora das pintadas como cabe a posibilidade de que a miña musa Rosa Oubiña algún dia acabe rendida aos meus encantos e vivamos un apaixonado romance, a  posibilidade existe.

As gamberradas, como dis ti, da movida nocturna soen ser improvisadas, irracionais e nun momento de impulso producidas polos calores etílicos ou a “bravocunada” do valente de turno e, dende logo non teñen carga reivindicativa nin social que tivo esta; si houbese sido unha gamberrada tiñan mais monumentos  a man, moito mais accesibles. Estas pintadas foron realizadas por alguén ou algúns   (os cales dende aquí eu móstrolles a miña total adhesión e felicitación) que, como moitos de nos,  non queren que manchen o nome do noso pobo, asociándoo a un tipo tan desprezable  como foi Manuel Fraga Iribarne; foi un acto pensado, calculado i estudado  a fondo, así que non lle botes a culpa de tal acción a terceiros, que en iso ti xa eres un experto, como cando lle intentaches atribuír a auditoría da estatua ao “sector do viño”, vamos, Luisiño, non fagas mais ó ridículo.

A única dúbida que teño no tema da estatua de Fraga, e que non creo que nunca nos aclares e si a decisión de facer a estatua veuche imposta de arriba, na condición túa de alcalde de palla ou foi un acto teu de peloteo sen límites ao partido.

O outro membro de este dúo cómico é o patrón maior da cofradía e presidente da Federación Galega das cofradias que, a raíz da querela presentada contra él pola Fiscalía de Santiago por un presunto delito de malversación de caudais públicos, vai e di que “estuda a posibilidade de interpor contra Agamar denuncias por acoso e falsidade” tamén dixo, en outro momento cando menos gracioso,  “en realidade son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, nin fixeron nunca nada por o mesmo”, “aparecen cada vez que a Federación Galega logra algo importante para ou beneficio do sector marisqueiro” e que eles a “diferenza dos sindicatos non viven do aire”.

Vamos a ver, Benito, que non vives do aire iso é evidente, poden dar fe do mesmo os lugares onde comes (moi ben por certo)  en moitos casos a conta da cofradía;  en canto a querela presentada contra ti dicirche que o que move ficha é a Fiscalía, non Agamar, e que se a Fiscalía se decide presentara a querela é porque ve indicios pra elo ¿será tamén que a Fiscalía te acosa?, deberías de mirarte iso do acoso, a ver se vai a ser que tes “manía persecutoria” e crees que todo o mundo vai detrás de ti . Dis que son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, home, Benitiño, represéntanos dende a hora en que son mariscadores e están a loitar  polos intereses do conxunto dos mariscadores; habería que preguntarse a quen representas ti, realmente, na túa condición de patrón maior, porque é moi fácil encherse a boca dicindo que logras cousas importantes para o sector do marisqueo (¿que cousas me pregunto?), gañar, ao mes,  o que non gañan no mesmo período,  en moitos casos,  catro o cinco mariscadores xuntos e vivir do conto.

A xente que vive do mar,e xente que cando sae a faenar non saben se cubrirá ese dia nin os gastos, xente que realiza un traballo admirable e que moitas veces o resto da poboación non valora como se debería;  en definitiva,   é xente que necesita,  realmente, a alguén que se “molle” por eles, que comprenda os seus problemas e quen non veña a mirar o seu beneficio propio,  e, lamentablemente ti nos das o perfil; se foses minimamente consecuente cos teus actos presentarías a dimisión e deixarías a xente con ganas de facelo ben que se seguro que algún haberá.

Como dicía ao principio anímovos a montar o dúo, haber si como comediantes mostrades a profesionalidade que vos falta como dirixentes.

Un saúdo a todos.

Ricardo Domínguez Rey. 

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.