//
arquivo

O Salnés

This tag is associated with 47 posts

N’O Grove terán unha Rúa Isaac Díaz Pardo


A páxina web Todogrove.com informa do resultado das votacións do pleno de onte do veciño Concello d’O Grove. Un punto na orde do día era a moción do concelleiro do Partido Galeguista, Alfredo Bea, na que se pedía un acordo para outorgar o nome dunha rúa ao intelectual galeguista recentemente falecido Isaac Díaz Pardo. Todos os partidos (nunha corporación multicolor: PP, PSOE, BNG, EU, AMeca e PGD) apoiaron a iniciativa. Seguir lendo

Advertisements

O conflito de Alfageme podería resolverse pronto


Os problemas que atravesa a conserveira Alfageme, que dá traballo a unhas 150 persoas no Salnés (unha das comarcas máis castigadas polo desemprego) poderían ver a luz moi pronto. Así o reflectía onte Diario de Arousa, xa que segundo este xornal a Xunta por medio da Consellaría e a empresa El Consorcio estarían en conversas sobre o futuro da conseveira. As condicións das que se falaron sería de que El Consorcio reciba unha liña de financiamento duns oito millóns para asegurar a posta en marcha das operacións, e a condonación dunha posíbel débeda de 30 millóns , a cambio de que se mantivera a produción e os postos de traballo. Seguir lendo

Manifestación contra o desmantelamento do hospital do Salnés


A Plataforma pola Sanidade Pública do Salnés convoca unha mobilización cidadá para este venres 7 de Outubro. Será na veciña Vilagarcía, partindo da Casa do Mar ás 20.30 horas. Esta plataforma organizou a pasada semana unha conferencia en Cambados para falar sobre o desmantelamento da Sanidade Pública no Salnés, podes ler os seus argumentos premendo aquí.

Na gala do Diario de Arousa


O xornal comarcal Diario de Arousa cumpre este ano a súa primeira década de vida. Cambados(tk) recibiu o convite do diario para asistir á gala na que tamén entregaban os premios Arousáns do ano.

O acto foi bastante longo, comezou pasadas as oito e rematou tres horas máis tarde. Persoalmente, e supoño que tod@s @s presentes coincidirán, sobraba a primeira hora, dedicada basicamente a gabar ás autoridades políticas e a escoitar os seus discursos (eu penso que con un tivera chegado e máis tendo en conta que dado o lugar e a situación todos eran practicamente iguais).

Pero o resto do acto estivo moi ben, cun Carlos Blanco breve pero moi simpático, como de costume. Especialmente nas súas saídas espontáneas; ao comezo deixou claro que “é o momento perfecto para que os políticos abandonen a sala”, e atribuiu algunhas ausencias políticas (Feijoó e Louzán, por exemplo) ás inauguracións de última hora. Tamén estivo moi acertado ao lembrarlle ao representante do copresidente de Novacaixagalicia, que excusou a ausencia do seu xefe ao acto, que o nome da Ría e do Diario é AroUsa, con U, e que “non fai falla que veñan a cambialo”, sentenciou entre aplausos. Seguino Pablo Méndez e a súa mestura de música en directo, sons, luces e danza, e Budiño e a súa banda puxeron o broche final á noite de celebración en Vilagarcía.

No transcurso dela recoñeceuse o labor de persoas e asociacións como “Arousáns do ano”, de Cambados recibiu o premio de mans do alcalde Aragunde a Protectora de Animais na categoría de acción social. Entre os premiados o máis aplaudido o taekwondista de Ribeira, Álex Álvarez, que por riba dos seus múltiplos premios no deporte destaca a súa vitoria nun campionato absoluto a pesar da súa discapacidade do 77%.

Parabéns ao Diario de Arousa, do cal por certo  sempre se extraen moitas novas e imaxes para CTK desde hai seis anos. E grazas polo convite.

Benito González entra no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía da man da Xunta de Galicia


A Consellaría do Mar decretou onte os ceses e os nomeamentos para o Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa. Este cambio derívase da nova Lei de Portos, que obriga a rebaixar a composición do Consello de 25 a 15 representantes. Benito González, patrón maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías, pasa a formar parte como representante do sector pesqueiro da zona.

Tamén o ex alcalde e agora delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, será a partires de hoxe conselleiro do Porto, así como o vicepresidente da Deputación e outros cargos autonómicos.

ATÉ 300 EUROS POR REUNIÓN

O Porto de Vilagarcía, segundo o diario El Progreso de Lugo, forma parte dun entramado de administracións paralelas que permite á Xunta dotar a altos cargos (no caso de Tourís) de dietas por asistir a reunións destas entidades. Atópanse nesta lista 30 entes autonómicos pero tamén 8 estatais, entre as que figuran segundo El Progreso as cinco autoridades portuarias.

De ser certa esta información, Benito González podería beneficiarse tamén desta vantaxe económica ao ser designado pola propia Xunta de Galicia, e Cores Tourís formaría parte dos beneficiados por ser alto cargo. Segundo el Progreso, a asignación para cada reunión podería chegar aos 300 euros brutos cunha media de reunións de cinco ao ano.

Relacionado

“Casi 30 entes de la Xunta pagan dietas a altos cargos por asistir a sus consejos” do Progreso de Lugo do 21 de Xuño de 2010

Maltrato animal impune nos montes


Unha lectora envía unhas fotografías tomadas no día de onte no Monte Xiabre (preto do merendeiro de Fontefría). Nelas pódese ver a un cabalo, até aquí algo bastante normal para tratarse dunha escena tomada dun monte. O que non debería ser normal é o aparello que ten enganchado o cabalo nunha das súas patas dianteiras: trátase dunha tranca.

As trancas son empregadas polos donos destes animais para reducir a súa mobilidade e impedir que causen danos en fincas privadas das que terían que responsabilizarse. Este método provoca sufrimento para os cabalos, xa que a tranca chega a causarlle feridas na pata, e en casos extremos mutilacións e até a morte. Ademais, en caso de incendio forestal non fai falla dicir que o animal non é capaz de alonxarse da zona a tempo.

Aínda máis desesperanzador é recurrir ás hemerotecas e ollar como a prensa comarcal recolleu nas súas páxinas  estes maltratos durante todo o verán, e aínda así continúan a ter lugar. Hai que lembrar que existe un corpo da Garda Civil ligado á Protección da natureza (o Seprona), aínda que parece que non é quen de acometer a súa función neste tema. E está claro que  a culpa desta práctica salvaxe non é máis que dos donos dos animais, pero o Seprona non parece moi eficaz se coa cantidade de denuncias do verán non erradicou as trancas do monte Xiabre e doutros enclaves do país.

E mentres, os que sofren non son os donos senón os cabalos no monte e os excursionistas, quen de súpeto, impotentes, se atopan ante tal espectáculo cruel.

Máis información

El maltrato a los caballos, una cruel realidad. Faro de Vigo. Marzo 2010

Os cabalos do monte Xiabre seguen sendo maltratados con pexas e trancas. La Voz de Galicia. Xuño 2010

Arrecian las críticas por la presencia de caballos con cepos en el monte Xiabre. Faro de Vigo. Xullo 2010

Máis imaxes ao premer en Seguir Lendo.

Seguir lendo

O tempo da a razón a Cambados(tk) no caso de Esperanza Salnés e Deputación


A comezos de Xullo criticábase máis unha vez desde esta web a política da Deputación, neste caso en relación coa asociación Esperanza Salnés. Dicíase textualmente: “a asociación Esperanza Salnés, que cumpre cun importantísimo labor de atención a nenos discapacitados, necesita fondos para poder superar a crise económica permantente na que vive (…) cando non chegan salta a alarma e a carencia económica tradúcese en ameaza de peche. Vímolo xa unhas cantas veces, e sempre acaban saíndo tanto Louzán coma Tourís/Aragunde ás palestras públicas como rescatadores da asociación.

(…) o que precisa a asociación é un convenio económico estábel que lle permita vivir sen estar dependendo de se Louzán decide dar a subvención ou non. Pero xa se sabe que iso só xeraría unha nova cada moitos anos e ir poñendo en situación crítica e ao mesmo tempo saír ao rescate de Esperanza Salnés cada ano mantén na prensa a idea de que o Partido Popular é un firme defensor dos servizos sociais.”

Pois arriba temos a nova de hoxe do Diario de Arousa. A Deputación, por enésima vez, sae na axuda de Esperanza (algo moi louvábel se non tiverámos en conta os precedentes) e faino, iso si, só até fin de ano. A partires de aí Esperanza voltará a pedir axuda e Louzán volverá nuns meses a conceder outra pequena subvención. Así, a contagotas, que sae na prensa unha vez cada medio ano. E iso si que cunde.

Algúns datos da historia de Esperanza:

Xa en 2002 pedía axudas á Xunta de Fraga. O seu carácter privado dificuldaba a obtención das subvencións, segundo o goberno.

-En repetidas ocasións reclamou a diferentes institucións o seu apoio por estar ao borde da quebra, por exemplo en 2004 á Mancomunidade, en 2005 á Xunta bipartita ou en 2006 aos Concellos da comarca.

-Pero o que sempre reclamou a asociación foi un convenio estábel que garantise a súa viabilidade económica e rematara coas constantes ameazas de peche. Pediullo á Deputación algunha vez, sen éxito, e nunha entrevista en 2006 o xerente queixábase de que ningunha institución aceptaba ese convenio permanente. Está claro que iso non vende electoralmente.

-A Deputación, pese a negarse a rematar cos problemas de Esperanza de xeito eficaz, foi concedendo axudas de pouco en pouco. En 2003 até en tres ocasións (1,2,3), en 2004 unha vez máis, e en 2006 outra vez,  ao igual que en 2007. No ano pasado, 2009, foi  en novembro cando se asinou a última axuda. É dicir, cada ano aparece na prensa como salvadora.

-Durante o comezo da lexislatura do bipartito na Xunta, Esperanza e Deputación acusaron a Vicepresidencia de non colaborar. O departamento que dirixía Anxo Quintana argumentou que Esperanza non cumpría unha serie de requisitos legais e ofreceuse a axudala a regularizar a súa situación. O Partido Popular saiu en rescate da Asociación e Vicepresidencia declarou que a pesar da situación de Esperanza as axudas concedidas polo ente autonómico dobraban ás da era Fraga.

-O ex alcalde de Vilgarcía, Javier Gago, acusou a Louzán de utilizar a Esperanza politicamente. Ademais denunciou que o PP votara en contra de que a Mancomunidade destinara unha partida fixa nos orzamentos para fns sociais.

-En 2010 deste esta web se propoñía que non se convidara aos membros do PP ao Xantar do Albariño cos cartos de tod@s e empregar eses fondos a asinar un convenio estábel con Esperanza. Non houbo resposta e si houbo Xantar.

-Esperanza ten recibido fondos tamén de iniciativas solidarias, como a do calendario en 2007, actividades por parte de Zona Centro ou festivais e ceas (esta última tamén copada polo Partido Popular).

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Creemos un modelo de turismo propio


Asistimos desde hai anos a unha ameaza verbal constante de creación dunha praia artificial nalgún lugar do centro da nosa vila.

Non é cousa exclusiva, nin moito menos, do novo alcalde Luis Aragunde (ao que tamén lle gustou este clásico do PP cambadés e aposta polo Saco de Fefiñáns como emprazamento) ,  senón que tamén o seu precedesor Cores Tourís en 2003 presentábase coa promesa (felizmente incumprida) de construir unha praia, daquela en Tragobe .

E moito antes, arredor de 1995, o goberno local de Santiago Tirado xa tiña en mente botar area nalgún punto da fachada marítima para potenciar o turismo. Ao final, trala pouca expectación creada e a alarma das mariscadoras, a cousa quedou en pouco (a praia de San Tomé, empregada para varar os barcos e a da Estación de Autobuses que se para algo serviu foi para cubrir a cantidade de basura que se xuntaba nese punto).

É un asunto que vai e volve, e volve a voltar. Pero é máis sinxelo do que parece: en Cambados non hai praia. Non a hai.

Cambados ten un montón de atractivos para o turista, ten monumentos tan singulares como a Torre de San Sadurniño, a Praza de Fefiñáns, as Ruínas de Santa Mariña…está emprazado nun entorno natural único, no corazón da Ría de Arousa, no cal se conxuga esta natureza co traballo de homes e mulleres tanto no mar como en terra (véxase a cultura vitivinícola relacionada co Albariño). Iso interesa, e moito, aos turistas. E non só as praias. Que por certo, quen queira ten á súa disposición praias de primeira (naturais, obviamente) nun radio de quince minutos, por exemplo tanto na Illa de Arousa como na Lanzada sen ir máis lonxe.

O que se fai necesario é explotar o que nós xa temos, que é moito. Poñerlle ao turista os medios para disfrutar de Cambados, do Salnés. Cousas tan básicas como liberar a zona de Fefiñáns de coches, e ao mesmo tempo asegurarlle aos autocares un aparcadoiro próximo e que sinalice axeitadamente a situación dos monumentos. Ou algo tan básico como locais que dinamicen culturalmente a vila durante todo o ano, con concertos, exposicións e congresos (a ver cando comeza a funcionar de verdade a antiga fábrica de Peña). E non falo dunha rede de museos cuxo principal logro foi a creación de postos de traballo para a órbita popular.

Tan básico como poñer en marcha iniciativas relacionadas co turismo verde, como por exemplo rutas de sendeirismo (que gocen de mantemento máis alá do primeiro ano trala inauguración), rutas para descubrir Cambados en bici, para visitar a Ría desde o mar. Porque creo que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é un moi bo reclamo.

Neste sentido temos xa exemplos positivos, como o o de Guimatur, un grupo de mulleres (mariscadoras e redeiras) que organizan visitas guiadas para quen queira coñecer de preto o seu traballo. Ou recentemente o Concello puxo en marcha grazas á Unión Europea unha ruta en kayak para descubrir Cambados desde o mar, nunha actividade deportiva con monitor e guía, por un moi módico prezo de 3 euros.

Ou vemos carteis pola rúa de empresas que se ofrecen a levarche a visitar a ría e ás praias en barco. Pequenas accións que, na miña opinión, van polo camiño axeitado.

Hoxe pasei por diante da escultura feita a semellanza do poeta Ramón Cabanillas na Praza do Concello, e estaba rodeada por uns dez turistas que se preguntaban quen foi a persoa que tiña o privilexio de estar alí sentada. Creo que vale a pena explicarlles que estamos orgullosos de que o poeta posíbelmente  máis importante da literatura galega é de Cambados, e por que non incluso difundir aos visitantes algún texto del coa súa tradución? Ter unha lingua, unha literatura propias, é un feito diferenciador que enriquece aínda máis un lugar. E iso tamén interesa ao turista.

Porque… que queremos? Queremos seguir a senda marcada por tantos destinos de sol e praia que destruiron a súa costa? que remataron con toda a orixinalidade que posuían?

Que Cambados non teña praia, penso moitas veces, é até unha bendición. Conservamos unhas esencias, e un urbanismo, que outros xa destrozaron e temos o potencial de atraer a un turismo non estacional e de calidade. Facémolo? Ou seguimos chorando por unha praia?

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Repaso ao Dolorock 2010


O cartel deste ano

Xa é un pouco tarde para dar un breve repaso ao Dolorock que se celebrou o pasado sábado 21 de agosto en Mosteiro (Meis), pero é necesario dalo, pois este festival conta xa cuns anos de traxectoria e un importante número de persoas desfrutan cada ano das súas propostas musicais.

O Dolorock comezou coma un evento de baixo presuposto onde os grupos galegos dos arredores tiñan a oportunidade de participar nun festival de considerables dimensións e pouco a pouco foi mudando e crecendo ata que no 2007 trouxeron directamente a Mosteiro por primeira vez a un grupo internacional (os portugueses The Gift). Hoxe en día, cun presuposto de máis de 40.000 €, achegan ao festival Dolorock promesas actuais do indie tanto de bandas españolas coma galegas, e internacionais inclusive. E iso sen modificar o seu prezo que sigue a ser de balde e con acampada libre.

O Dk’10 contaba con atraer a Mosteiro a tantos miles de persoas coma a pasada edición, non obstante quedouse curto en canto a participación, o cal non quere decir que a proposta deste ano non fora apetecible. Abrindo o cartel musical atopábase Munich, unha proposta de postpunk que sae das entrañas de Vigo; Supersubmarina ofreceu un concerto contundente que deixou con ganas de máis; os seguintes Igloo amosaron a súa proposta pop quedando un pouco ao marxe do público quen non se amosaba moi entusiasmado. Chegou o turno dos de Barbanza, Triángulo de Amor Bizarro, ca súa proposta noise retumbando por todo Mosteiro, a guitarra que molestou a máis de un e a súa baixista, Isa Cea, reclamando o público femenino en pe. Pechando o cartel do dk’10 chegaron dende Glasgow os 1990s, prato forte do festival, que encheu de espíritu ao pequeno público cos tres integrantes dándoo o todo para facer un sonido maxistral nun Mosteiro que ía quedando baleiro. Tamén fixo a súa presencia Rober Bodegas Dj que comezou pinchando de cedo e entre banda e banda, e rematando a festa a música saiu dos pratos da recoñecida eme dj.

A pesares da baixa participación deste ano, o festival de Mosteiro continúa a ser unha referencia da música indie e contamos con que o ano que ven volvan traer bandas tan interesantes coma as do sábado pasado.


*Repaso ao Dolorock 2010 é un artigo de Marina Martínez Pillado para Cambados(tk).  Podes ler a Marina no seu blog musical Aves Cantamañas (http://galldindie.blogspot.com/).

Interesante reportaxe sobre webs oficiais da comarca en Cambadosweb


Moitas veces se falou nesta páxina (tanto no blog coma nas dúas anteriores versións) da páxina web oficial de Cambados (www.cambados.es). Falouse de xeito crítico porque a páxina é empregada como unha ferramenta política máis en lugar de como unha ferramenta útil para o cidadán. A última das veces foi esta mesma semana cando descubrimos que a información relativa ás bolsas para estudantes que concede o Concello de Cambados foi publicada na web do Concello de Vigo e curiosamente non na nosa.

Pois ben, hoxe publican en Cambadosweb.net unha interesante reportaxe na cal repasan unha a unha as páxinas web oficiais dos concellos da comarca e mesmo constrúen un ranking a partir dunha puntuación repartida entre a accesibilidade, a información, o aspecto visual e a interactividade que ofrece cada unha. A web de Cambados aparece no terceiro lugar pola cola cunha nota de 4,75.

Relacionados

Reportaxe As webs oficiais do Salnés en CambadosWeb.net

Nas redes sociais

Xuño 2019
L M M X V S D
« Dec    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Advertisements