//
arquivo

Plan do Litoral

This tag is associated with 7 posts

Plan do Litoral IV: Cambados e o POL definitivo



O pasado día 10 de Febreiro a Xunta de Galicia publicaba no DOG o decreto 20/2011 no cal se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Xa hai un ano comezaramos en CTK unha serie de artigos onde tratamos de explicar que era o POL e cales eran os precedentes na lexislación, como afectaba o POL provisional ao desenvolvemento urbanístico de Cambados e por último cales fora as posturas dos grupos políticos arredor deste importante asunto.

Lembremos que no caso de Cambados o POL ten especial relevancia posto que, ao non contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -e dos motivos de por que non o temos habería moito que falar- o futuro goberno de Cambados que saia das urnas en Maio verase obrigado a cumprir escrupulosamente o que no POL se diga á hora de redactar o PXOM. Polo tanto o que se di no POL é de obrigado cumprimento por ser unha norma de arácter superior e ditará o futuro urbanístico de Cambados.

Erros que continúan no POL definitivo

Tralo período de alegacións hai que salientar que, por desgraza, os maiores erros que se comentaban en Cambados(tk) hai un ano seguen a estar vixentes.

A zona do Campo Verde (e unha zona bastante grande en superficie, por certo) segue a estar considerada como Zona de mellora ambiental e paisaxística, na que en principio non se permite construir. O mesmo o ocorre con terreos na zona da Pastora-Os Olmos, que seguen a ter esta calificación nos mapas do POL definitivo. Son terreos que para nada condicionan a protección do litoral nin teñen características naturais que requiran esa definición, e que deberían ser zonas de crecemento urbanístico para o noso Concello.

A única mellora neste sentido radica na zona da variante do Salnés lindando coa Avenida de Vilariño (a estrada que pasa por detrás do instituto Cabanillas) que deixou de ser, do POL provisional ao definitivo, zona de mellora ambiental. [podes ver no mapa as zonas que se mencionan rodeadas por un círculo laranxa, preme na imaxe para ampliar]

As posicións dos partidos en Cambados

O alcalde, Luís Aragunde, dixo que non era certo que non se poida construir nas zonas mencionadas, e alegou que o artigo 63 do decreto do POL permite facelo. Pasando por alto que o artigo ao que se refire é en realidade o 64 (un lapsus teno calquera), é certo que si di que se permitirían excepcións, pero como di a palabra, son excepcionais e os futuros responsábeis do Concello atoparán un problema á hora de ordear eses terreos cando o único que tería que ter feito Aragunde era alegar ante a Xunta e que eses terreos foran considerados o que deberían ser: urbanizábeis.

Respecto á oposición, xa gabara no artigo de 2010 a política do Bloque porque era a única formación que estaba a referirse aos planos oficiais da Xunta e non a invencións (como Aragunde) ou simplemente a cuestións de menor importancia como a toponimia (PSOE). A actividade do grupo de Tabuyo hai que dicir que mellorou (…tamén é doado mellorar a nada) e ultimamente referíronse por fin a terreos concretos. O BNG e Caamaño seguiron co mesmo discurso, que é basicamente o que se ten explicado neste artigo, porque é o que responde á realidade dos documentos oficiais e que todo o mundo pode comprobar accedendo á web oficial do POL.

Como conclusións destacaría que:

-O POL mantén na versión definitiva erros que dificuldarán o desenvolvemento urbanístico de Cambados en zonas lóxicas, como Campo Verde, Pastora-Olmos, etc.

-Os erros poderían terse evitado se o Concello exercera o papel que lle corresponde e llos comunicara á Xunta de Galicia por medio de alegacións e outras accións. E tamén se o Concello tivera redactado xa o PXOM, que por certo o PP prometeu aprobar nesta lexislatura que remata.

-A oposición, especialmente o Bloque, está a exercer o papel que lle correspondería aos de Aragunde: velar polos intereses de Cambados.

*Documentos

Ademais de poder acceder a eles (non sen algo de complicación) desde a web oficial, deixamos aquí os do noso Concello:

-Plano de Cambados. Inclúe Corbillón e Vilariño

-Plano de Castrelo.

*Os artigos de 2010

Febreiro de 2010 (Sobre o POL provisional)

Plan do Litoral I: Unha lectural xeral

Plan do Litoral II: A influencia en Cambados

Plan do Litoral III: As posturas en Cambados

Advertisements

Sobre o Plan do Litoral definitivo


Proximamente publicarase aquí un artigo-análise sobre o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que marcará o desenvolvemento urbanístico de Cambados xa que é un plan permanente e non unha medida temporal (como o era a Lei dos 500 metros).

Durante o ano pasado realizouse en CTK unha análise do POL provisional (podes consultar os artigos máis abaixo) e agora explicarase cales son as consecuencias do POL para Cambados adxuntando outra vez planos oficiais da Xunta, unha vez que se presentaron e se admitiron ou non as pertinentes alegacións.

Tamén se fará unha crítica das posturas de cada partido político arredor dun tema de grande calado para o Concello.

Relacionado

Febreiro de 2010 (Sobre o POL provisional)

Plan do Litoral I: Unha lectural xeral

Plan do Litoral II: A influencia en Cambados

Plan do Litoral III: As posturas en Cambados

Os temas políticos do momento en Cambados pasan polo litoral


O Plan do Litoral que a Xunta quere levar adiante segue a dar que falar durante estes días en Cambados. Os múltiples erros (agardamos que erros, claro) que contén, clasificando zonas de vital importancia para o desenvolvemento da vila como non edificábeis, fan que o grupo nacionalista na corporación puxera o grito no ceo mentres o Concello se encargara de dicir que non había problemas. Nas últimas semanas vimos como Aragunde se reunía con responsábeis da Xunta para abordar estes asuntos a pesar de que o alcalde seguía a dicir que o BNG inventaba a interpretación que Víctor Caamaño sostén, e que foi probada neste mesmo blog o pasado mes. Os nacionalistas están a manter reunións cos veciños de Corbillón e Castrelo para informalos do que ocorrerá se o plan tal cal está se aproba. Quizais se deberían extender tamén a Cambados centro polas graves consecuencias que pode ter o POL nesta área.

Ademais hai outro tema na mesa de importancia, como é a instalación de comportas no Saco de Fefiñáns, que segundo o goberno local permitirían a realización de deportes náuticos. O BNG pola súa parte pediu onte ao Concello que publique os informes de impacto da obra para probar que realmente hai garantías de que a instalación de comportas non vai xerar problemas de índole ambiental e que poidan afectar ao traballo das mariscadoras na zona. O BNG preguntara tanto no Concello como na Xunta en repetidas ocasións se existía o informe favorábel e a resposta foi todas as veces “non”, agora queren ver o informe que Portos di ter. O PSdeG tamén cuestionou a seguridade do banco marisqueiro en relación cos plans do Concello.

Imaxe e ligazóns de La Voz de Arousa.

O que non se dixo nestes días de descanso: O BNG si que dá a batalla contra o Plan do Litoral


O BNG de Cambados sacou a semana pasada á rúa un boletín especial no cal se informa aos veciños das áreas afectadas polo POL sobre o que se contempla nese documento acerca das posiblidades das súas fincas. O BNG segue a ser a día de hoxe, desgrazadamente, o único grupo que puxo argumentos enriba da mesa en contra dun Plan do Litoral que, de aprobarse, paralizaría o desenvolvemento lóxico de Cambados.

Pola súa importancia reprodúcese a continuación o boletín do Bloque no cal, tras unha breve introdución, dáse paso a dous mapas nos cales calquera pode comprobar como as áreas nas que a lóxica marca que deberían ser as zonas de expansión da vila pasan a ter prohibida a edificación. Lémbrese o silenzo do grupo socialista e as mentiras que o propio alcalde Luís Aragunde lanzaba á prensa hai unhas semanas.

Boletín BNG Cambados sobre o Plan do Litoral(pincha aquí para lelo máis comodamente)
http://v.calameo.com/2.0/cviewer.swf?bkcode=000050138f3b250014a81&langid=es

Recorda que podes ler os tres artigos sobre o Plan do Litoral que foron publicados nas últimas semanas en Cambados(tk):

Plan do Litoral (I): Unha lectura xeral

Plan do Litoral (II): a influencia en Cambados

Plan do Litoral (III): as posturas en Cambados

Plan do Litoral III: as posturas en Cambados


Estes días estase a falar moito do Plan do Litoral, por varias razóns. Unha xa foi exposta aquí con anterioridade, e son os múltiples erros que o plan tal e como está presentado contén, delimitando áreas de mellora (isto é, sen posiblidade de construír vivendas) en zonas que deberían constituir a área de expansión da vila. Pero tamén porque é o tema estrela da política local, normalmente carente de chispa e agora algo revitalizada co sempre polémico tema urbanístico.

Co Plan de Ordenación do Litoral plásmanse á perfección tres xeitos de ver a política, ou polo menos de executala. Partido Popular, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego comportáronse perante tema, ao meu modo de ver, dun xeito moi ilustrativo do seu modo de actuar e de facer política en Cambados.

O Partido Popular continua co seu discurso incoherente, aquel que detectabamos coa suba de impostos municipais mentres criticaba que outros subiran impostos (?). Agora desfaise en eloxios á Xunta, porque mandan os seus, sobre un plan que paraliza a construción nalgúns lugares claves no centro da vila, mentres criticaba –e segue a criticar, que é o máis paradóxico- a lei dos 500 metros que impedía tamén construir.

Pero cal é a diferenza entre o POL e a lei dos 500 metros? Pois que esta última era temporal, era unha medida cautelar, reversíbel, con data de caducidade (que ironicamente o Partido Popular extendeu) e o Plan do Litoral é un plan de futuro e polo tanto definitivo. O PXOM que o Concello non deu aprobado neste tempo, documento que podería ter evitado esta situación, non poderá ordear o solo que o POL fixa como protexido.

Pero o PP e Luís Aragunde non só louvan o texto, o cal teñen todo o dereito do mundo a facer, é que aínda por riba realizan unhas declaracións nas cales sosteñen precisamente o contrario do que se di no POL. É dicir, minten.

Luís Aragunde dicía o pasado domingo nos medios comarcais que o Plan desbloquea o urbanismo nas zonas de Campo Verde, A Pastora-Os Olmos e San Tomé, cando o que amosan os mapas que o POL adxunta (e que podes ver aquí) é precisamente todo o contrario: eses terreos aparecen como Áreas de mellora e polo tanto blindados ante calquera posiblidade de construír vivendas alí.

Cando a Lei dos 500 metros todos lembramos como o Partido Popular enviaba folletos ás vivendas de todo aquel que vivía a menos de 500 metros da costa dicíndolles pouco menos que lle ían tirar a casa, e os “técnicos” do Concello daban charlas en cada parroquia contando estas barbaridades aos veciños. Claro, eran eleccións, e había que gañalas custase o que custase, e mentir tamén vale.

Por que non prepara Luís Aragunde reunións dos seus “técnicos” agora e lles explica aos veciños das zonas afectadas, veciños aos que el mesmo prometera que ían poder construir, que o POL non permite levantar vivendas nos seus terreos?

E a oposición? Pois tamén representativo este asunto do que pasa coa oposición: Hemeroteca de La Voz de Arousa; Partido Socialista, unha mención recente sobre este tema. Domingo Tabuyo pedíndolle a Aragunde que explique aos veciños o POL, pero sen ningunha crítica concreta nin comentarios sobre o plan. Iso si, tres referencias nas que o portavoz dos socialistas pide que se constrúa unha gran praia artificial en Cambados. Esa é a postura do PSOE sobre o litoral e sobre o urbanismo en Cambados.

Bloque Nacionalista Galego, mesma hemeroteca: tres mencións sobre o POL e unha posición relativamente clara e concisa, que por certo bastante coincidente coa aquí exposta; contén erros graves que paralizarían a urbanización lóxica de Cambados. Víctor Caamaño reclama que o Concello informe á cidadanía sobre o Plan.

Non teño ningunha necesidade de gabar o traballo do BNG, pero as cousas hai que dicilas, o grupo nacionalista foi neste tema o único que falou claro e que argumentou con probas na mesa.

E eu iría aínda máis lonxe, e se o goberno do PP con Aragunde á cabeza non está disposto a dicir a verdade , entón quizais sexa hora de sacar o tema á rúa e de  informar aos veciños de que di exactamente este Plan de Ordenación do Litoral.

Porque é un tema vital para o futuro de Cambados.

Opina sobre este e os temas que queiras no novo foro de Cambados(tk)

PLAN DO LITORAL II: A influencia en Cambados


(A continuación preséntanse en forma de gráficos e datos algunhas das observacións máis importantes que poderían facerse trala lectura do Plan de Ordenación do Litoral na zona de Cambados centro. Con esta entrega non remata a reportaxe, queda por facer a análise das posicións políticas de cada quen e quizais teremos algunha aportación máis técnica sobre o tema)

Non se pretende neste texto profundizar en cuestión técnicas, entre outras cousas pola ausencia de preparación nese tema de quen o escribe. Pero si se poden clarificar os aspectos máis relevantes da norma e algunhas contradicións que hai entre o POL e as actuais normas subsidiarias en vigor e  en relación co futuro desenvolvemento urbanístico da nosa vila.

No anterior artigo da serie falábase das clases de terreo que estabelece o POL. Unha delas é Áreas de mellora paisaxística. Neste tipo de solo non se permite a edificación de vivendas, tan só as relacionadas co explotacións gandeiras ou agrícolas, construcións vencelladas ao turismo rural e explotacións acuícolas.

Pois ben, nos documentos cartográficos que se adxuntan no POL para Cambados varios terreos que até o de agora foron calificados como urbanizábeis pasan a ser incluídos nesta Área de Mellora.

É o caso dunha zona na Rúa dos Olmos, curiosamente onde acaba de levantarse un edificio de boas dimensións ao carón do colexio público. Tamén hai unha zona afectada deste xeito na Avenida da Pastora, xunto ao Pazo de Ulloa, ou outra de gran tamaño no pleno centro de Cambados inscrita nas Rúas Albariño, Nova e Santa Margarida. Tamén parece esaxerada a zona de mellora que se prevé para Santo Tomé. Un caso máis lóxico é o da zona do Pombal, que tamén é catalogada como área de mellora. Desgrazadamente esta zona xa sufriu nos últimos anos unha urbanización tremenda, destruíndo ademais unha zona natural cun pequeno estanque.

Terreos os citados que de aprobarse este POL tal e como está pasarían a quedar sen posibilidade de urbanización. Non hai que pensar moito para darse conta de que algúns dos casos arriba mencionados non son moi acertados: non xa porque se declare non edificable zonas que agora o son, cas normas subsidiarias na man, senón porque constitúen un espazo lóxico hacia onde Cambados debe desenvolverse.

Dá a impresión de que a Xunta parece que delimitou algunhas áreas sen parar a analizar demasiado que é o que estaba a facer ou quizais máis ben sen coñecer a realidade do Concello. A maioría das áreas de mellora no centro de Cambados están completamente rodeadas de edificios (no caso da zona dos Olmos acaba de construirse recentemente un) e a súa urbanización non influiría absolutamente na calidade do litoral, nin ambiental nin paisaxisticamente.

Pero, por que estamos agora nesta situación? O Concello de Cambados tivo moitos anos para poñer en regra o urbanismo e non o fixo. De ter aprobado en tempo o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o documento que rixe as normas de desenvolvemento do Concello, non se tería dado a situación xa que o POL debe respectar as clases de terreo que este estabeleza. O goberno local debe asumir a responsabilidade, que neste caso non só é admitir a súa nula xestión do urbanismo en Cambados senón tamén velar porque o POL que se aprobe non conteña estes erros.

Imos, pois, con algunhas conclusións:

-O POL da Xunta de Galicia fixa como áreas de mellora terreos que deberían constituír unha posibilidade de crecemento para a vila.

-O Concello de Cambados é responsábel do que ocurra por non ter realizada a oportuna planificación urbanística.

-O Concello de Cambados debería fixar xa a súa posición en torno ao texto, e sobre todo debería dar a coñecer o plan dunha forma eficaz aos cidadáns.

-Os veciños das zonas afectadas teñen que coñecer a situación para poder presentar as alegacións oportunas.

Podes consultar a lenda dos mapas premendo aquí. Marcáronse en fucsia as Áreas de Mellora que se comentan no artigo. Para ver as imaxes ampliadas só hai que premer nelas e abriranse noutra ventá.

Opina sobre este e os temas que queiras no novo foro de Cambados(tk)


PLAN DO LITORAL I: Unha lectura xeral


(Para clarificar a información, a reportaxe vai ser dividida en entregas, a primeira é máis xeral. No sucesivo falarase da situación do noso Concello e das posicións dos grupos políticos locais)

Que é o plan do litoral?

O Plan de Ordenación do Litoral de Galiza (POL) é un documento que presenta a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que regula o marco normativo no que se basea a construción en todo o litoral do país, en concreto afectará a 84 Concellos costeiros.

O plan divide o territorio costeiro en varias clases de terreo, con respecto ao tipo de obra que se pode levar a cabo en cada un (ordeados de menor a maior nivel de protección):

-Núcleos tradicionais: crecementos urbanísticos necesarios para a satisfacción das necesidades de crecemento local, é dicir, cada Concello decidiría que se fai nestes terreos mediante a ordenación cun Plan Xeral de Ordenación Municipal.

-Áreas de mellora: poden autorizarse construcións destinadas ao turismo rural, explotacións acuícolas, vivendas vinculadas a explotacións gandeiras, agrícolas ou forestais…

-Áreas de Protección: actividades de explotacións acuícolas e marisqueiras, deportivas, recreativas e de baño, talasoterapia, aparcamentos, e vivendas das persoas vinculadas a explotacións agrarias.

Precedentes

A Xunta de Galicia bipartita, a través da Consellaría de Obras Públicas que dirixía María José Caride, decide no ano 2007 poñer en marcha a que se deu en chamar Lei dos 500 metros, que ante a falta de adaptación dos concellos á legalidade e para evitar a destrución da costa paralizaba a construción 500 metros adentro en toda a liña costeira , exceptuando núcleos urbanos consolidados, e de forma temporal (nun principio dous anos ampliábeis a tres).

Ademais, o anterior goberno traballaba na creación do POL, e nas directrices de ordenación do territorio, documentos encargados de subsitutir a Lei dos 500 metros,  pero o cambio electoral fixo que o Partido Popular sexa o encargado agora de redactar ambas normas e creou tamén certo retraso na tramitación de ambas.

A Lei dos 500 metros foi prorrogada por Feijoó até o 17 de Maio deste ano, data a partir da cal a costa pasará a quedar desprotexida, xa que tanto o POL como as directrices non estarán listas nese momento.

Prazos

O proxecto do POL foi feito público pola Xunta este pasado mes e aínda tardará en aprobarse definitivamente, tras o período de alegacións oportuno. O conselleiro afirmou nunha entrevista recente que é vontade do goberno que entre en vigor ao remate do ano.

Porén, non parece moi intelixente a idea de que a costa quede sen regulación nos meses que irán desde que expire a prohibición de construir a menos de 500 metros e se publique no DOG esta norma.

E enténdase “falta de regulación” na súa xusta medida:  durante ese tempo se aplicaría a Lei de Costas de 1988, que estabelece na maioría dos casos seis metros de servidume de tránsito, e de acceso público;  100 metros de servidume de protección (20 metros no chan declarado urbanizábel antes do 88), é dicir, non se pode edificar nada salvando zonas verdes, instalacións deportivas descubertas, etc. E 500 metros de zona de influencia, nos que se evitará pantallas arquitectónicas, acumulación de volumes, e preverase chan para aparcamentos ao servizo dos usuarios da costa.

Ademais, diversas organizacións critican que por un lado se confeccione o Plan Acuícola antes que este Plan de Ordenación do Litoral (que debe terse en conta que abarcaría o ámbito do anterior), así como se vaia poñer en marcha primeiro o POL con respecto ás directrices do territorio. A orde lóxica sería precisamente a contraria, comezar fixando as normas de todo o territorio e empregar os outros plans para desevolver con especificidade os demais ámbitos dos que estamos a falar.

Opina sobre este e os temas que queiras no novo foro de Cambados(tk)

Nas redes sociais

Decembro 2018
L M M X V S D
« Dec    
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.

RSS Praza Pública – Opinión

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Advertisements