Episodio Tres: Episodio Serenísimo. Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade.
O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno.
Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.
Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.
Nota – Fe de erros : durante a gravación mencionouse que o custo das entradas ao Xantar é de “sobre 50 e 55 euros” e isto non é certo. O custo era de 50 euros durante os gobernos do PP e descendeu a 40 coa entrada do novo goberno (45 e 2016 polo donativo de 5 euros a Esperanza Salnés)
Máis información sobre os temas tratados:
– Datos sobre o Xantar e outras cifras (info complementaria ao Espisodio 3)
–O Capítulo Serenísimo rexeita retirar o nomeamento a Jaume Matas (2015)
–Entrevista a Víctor Caamaño en Cambados(tk) (2012)
–Xantar do Albariño de 2012, máis de 600 convidados (2012)
–Lista de convidados ao Xantar facilitada polo Concello en 2010 (2010)
–Xantar do Albariño: quen son e por que comen gratis? (2010)
Episodio Dous: Repaso ao primeiro ano de cambio. En Maio de 2015 os cidadáns de Cambados decidiron poñer fin a 28 anos de goberno do Partido Popular. A investidura de Fátima Abal como primeira alcaldesa cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode colleu a moitos por sorpresa, incluída a propia Fátima. Días despois, asinábase o pacto de goberno coas propostas e reparto de áreas e dedicacións exclusivas.
Está a cumprir coas expectativas o goberno do cambio? Cumpre coas medidas do acordo de goberno? Mellorou ou empeorou o noso Concello? Neste episodio especial de CTKast analizamos o primeiro ano de goberno cuatripartito. O programa inclúe entrevistas con Xurxo Charlín, concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, e con Fátima Abal, alcaldesa de Cambados.
Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.
Máis información sobre os temas tratados:
–Análise do cumprimento do Acordo de Goberno (descarga arquivo Excel)
–Entrevista con Fátima Abal en Cambados(tk) de Nadal de 2012
–Páxina web de Transparencia do Concello de Cambados
-Audio: O ex alcalde non permitía gravar os plenos (2012)
–Artigo en ATMC “Unha ollada ao medio ano de cambio”. Xaneiro de 2016
Como complemento ao Episodio 1 “Aquí non hai praia”, deixamos uns cantos enlaces a novas e artigos sobre a historia das praias artificiais.
2008 (con recopilatorio desde os noventa) – “El eterno aspirante al sol y playa”.
Artigo da cambadesa Maruxa Alfonso que repasa todas as promesas de praia. Segundo isto, foi Santiago Tirado o primeiro impulsor da idea da praia artificial. De feito, foi con el co que se botou area no porto de San Tomé (e puxéranse duchas) mais non callou como lugar de baño polos barcos e a insuficiente marea. El quixo facer unha obra máis grande, unha praia “en condicións”, pero a idea desbotouse porque “non era moi popular”. Tentou ubicala a carón do parque. Fixéronse informes de Costas e estudouse dragar a zona pero a obra parou pola oposición das mariscadoras.
Onde si se botou area foi nunha zona de Tragove. Houbo proxecto para Montes Outeiro (onde están as depuradoras),e botouse area fronte a estación de buses (que como zona de baño nunca se usou).
2003 – El PP promete una playa artificial en Tragove y pide a sus seguidores el voto de familiares y amigos
Campaña electoral municipal de 2003. No mitin de presentación do programa do PP a “obra estrella” do candidato á reelección Tourís era unha praia artificial en Tragove.
O programa incluía ampliación do espigón de Tragove e unha grande praia , mirando a Cambados, de dimensións desorbitadas. Ademais desta praia enorme tamén se prevía unha praia por toda a costa desde o peirao de Cambados até o de Tragove, na ribeira de Fefiñáns.
2010 – Aragunde plantea a Costas la necesidad de construir una playa urbana y de sanear el litoral
Aragunde considera que esta é unha actuación “prioritaria”. A praia da que fala Aragunde estaría no Saco de Fefiñáns, mais tamén fala de unir Fefiñáns coa Casa do Mar cun areal, do mesmo xeito que o fixeran antes Tirado e Tourís.
2012 – “Co PP na Xunta, teremos praia en Cambados” di Aragunde no mitin
Autonómicas de 2012. O entón alcalde de Cambados pide o voto para reelixir a Feijóo para que Cambados teña praia. Isto xa nun momento en que a crise estaba totalmente en auxe e se recortaba en ensino e sanidade.
2015 – Somos Cambados carga contra Aragunde por prometer dos playas fluviales
Tino Cordal, na campaña das municipais, criticou que o PP prometera dúas praias, unha en Oubiña e outra en Vilariño, esta vez fluviais.
Como xa reflectimos aquí hai uns días, o alcalde non fixo nada por impedir que gravaramos a última sesión plenaria do ano, logo dunha polémica entorno a este tema. A propia prensa referiuse a este feito, no caso de La Voz de Arousa non dubidaron en calificalo como o máis relevante -máis ben era o máis incerto- do pleno (xa que os demais asuntos eran máis ou menos de trámite). Nos primeiros puntos tratáronse aprobacións de taxas ou novas regulacións. A taxa de realización de tarefas de control e verificación de actividades e tramitación dos expedientes de licenzas de apertura ou actividade, foi aprobada cos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra, porque considera que os cidadáns están a ver subas de impostos a diarios nun momento moi difícil, e PSOE abstívose. Este esquema repetiuse nos puntos seguintes. Tamén se modificou a taxa de outorgamento de licenzas urbanísticas (subiuse) e o mesmo aconteceu co imposto sobre construcións, instalacións e obras. Aprobouse unha nova ordenanza do procedemento para a concesión de licenzas de obras e de actividade, e de comunicación previa e declaración responsable. Todos estes asuntos están no vídeo “Varios (taxas…”. Seguir lendo
Luís Aragunde naceu en Fefiñáns e di coñecer á perfección todos os recunchos da nosa vila. “Unha persoa sinxela que sinte orgullo de ser cambadés”, así se definía na carta de presentación da web electoral de 2011. É traballador da lonxa en excedencia, e foi tenente de alcalde de Cores Tourís até 2009, cando o sucedeu na alcaldía.
Logo, nas eleccións de 2011 foi o candidato do Partido Popular e conseguiu un excelente resultado para a súa formación, nun momento en que o PP vivía a “marea azul” que expulsou ao PSOE das principais institucións do Estado. Esta podería ter sido, por exemplo, unha entrevista a Aragunde se nola tivese concedido algunha vez.
Preme en SEGUIR LENDO para ver a entrevista completa
Seguir lendo
Ao comezo da sesión, a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, pediu a palabra. “En memoria de Rafa Blanco” [o anteiror portavoz do PSOE, finado hai tres meses] quixo dirixirse ao alcalde, a quen lle lembrou dun xeito bastante efectivo a falla de educación que amosara Luís Aragunde no último pleno ao que acudira Rafael Blanco. Naquela ocasión, cun portavoz do PSOE visiblemente afectado fisicamente, canso, o alcalde espetáralle ante todos os presentes a cantidade de “faltas de ortografía” que segundo el contiña un escrito asinado polo portavoz socialista. Fátima Abal xa recoñecera na entrevista a Cambados(tk) de hai un par de semanas que aquelo non lle sentara nada ben ao propio Rafael Blanco nin aos seus compañeiros de filas. Unha “humillación innecesaria”, así o calificou na entrevista. Daquela, en CTK calificáramos o xesto de Aragunde como “unha terrible falla de educación”.
No pleno do xoves, Fátima Abal fíxolle ver a Luís Aragunde que o escrito da convocatoria do pleno que el asinara, contiña “en doce frases 29 faltas de ortografía” . Acusouno de non ver a viga no seu ollo cando si vira a palla no ollo alleo, naquela ocasión no dun compañeiro cunha enfermidade con resultado de morte. O alcalde quixo zanxar axiña a polémica e o pleno deu comezo. Podes escoitalo audio que encabeza a entrada. No que tedes a continuación podedes escoitar a intervención de Aragunde que desencadeou esta pequena polémica.
Hoxe é un dia triste pra a democracia, triste pra os que, como eu, creemos na democracia, na verdadeira democracia e nos verdadeiros políticos, políticos honestos e honrados que contribuían e loiten realmente polo mellor para o seu pais, e non polo seus intereses persoais.
Hoxe levanteime lendo na prensa que Tourís repetirá como delegado provincial da Xunta na provincia de Pontevedra despois de que, apenas fai dous meses, sairán a luz unhas gravacións que o relacionaban co cobramento dunhas comisións ilegais en relación cunhas obras realizadas en Cambados.
Evidentemente como todo cidadán, Cores Tourís ten o dereito á presunción de inocencia que recolle noso ordenamento xurídico e , seguramente, ao final non se lle imputará delito algún en relación con este asunto pero dende o punto de vista moral e social, sempre quedará a dúbida entre unha poboación que, cada vez mais (e sobre todo en tempos de crise), non se ve representada polos seus políticos. Ademais a actitude do “suposto” alcalde de Cambados, Luís Aragunde, negándose a que se constituíse unha comisión de investigación, como reclamaba a oposición, tampouco deixa en bo lugar nin a un nin a outro.
Aínda que isto non nos debía de sorprender a estas alturas da película, Luís Aragunde é, dende que tomou posesión do cargo, un “alcalde de palla”, un “pelele” que fai o que lle manda o seu amo e señor, que non é outro que o propio Tourís, e, loxicamente nunca morderá a man de quen o puxo aínda que fose so pra figurar.
Cores Tourís sempre defendeu a súa inocencia, negando totalmente todo o que recollía as gravacións; non serei eu (Deus me libre), o que lle diga a Tourís o que ten facer, pero se a min, me houbesen acusado do que o acusaron a el, ao dia seguinte comparecería ante a prensa (e non mais dunha sema despois) pra defender dita inocencia e anunciar a inmediata interposición dunha querela por calumnias; outra cousa é deixar correr e pasar o asunto, como se non houbese ocorrido nada, en fin, os seus motivos terá.
Cores Tourís é un malo, malísimo político, non porque non teña aptitudes pra desenrolar este ou calquera outro cargo político, senón polas súas actitudes, actitudes que xa amosou cando era o rexedor “oficial” de Cambados, o tratar ó concello coma a súa finca ou (o que é peor) como a finca particular do PP, iso , dende logo foi o que mellor lle ensinou ao seu pupilo Aragunde.
Se o propio delegado provincial da Xunta en Pontevedra, en vez de dar exemplo, é o primeiro que se salta a Lei, como o fixo no tema do Pinal da Maza, ¿con que autoridade pode pedirlle a administración a un cidadán de Cambados, de Poio ou de Porriño que cumpran cos todos os permisos a hora, por exemplo, de realizar unha obra.
Sinceramente que Xosé Manuel Cores Tourís e, tamén ( porque non dicilo), Rafael Louzán sexan os dous máximos representantes da provincia, non deixa en bo lugar a Pontevedra e, simplemente, desexo que algunha vez os pontevedreses teñan políticos que de verdade os representen.
Saúdos a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.
Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA Seguir lendo
Hai un días coñecimos a moi mala nova de que Paradores, unha empresa dependente do Estado, aplicará un ERE a parte da súa plantilla. Nalgúns casos péchanse centros, noutros os Paradores só abrirán sete meses ao ano, e na maioría despídese a parte do persoal. Cambados está nese último grupo, con tres despidos sobre os pouco máis de trinta traballadores. Precisamente a ese extremo, ao non-peche do hotel da nosa vila, agarrouse Luís Aragunde para facer unhas declaracións moi desafortunadas ao Faro: “Dentro de lo malo, porque hay tres personas que van a quedarse sin trabajo, en Cambados estamos relativamente contentos”. Na mesma liña se expresou o presidente dos comerciantes, Marcos González. Non debían estar pensando no traballador de mantemento, nunha empregada de limpeza e no director do centro cambadés, que van perder o posto de traballo fundamentalmente pola mala xestión da alta dirección de Paradores, intimamente ligada ao goberno de turno, na actualidade ao Partido Popular. Os traballadores teñen claras sospeitas de que esta operación é a preparación a máis recortes e á privatización total ou parcial da empresa. Seguir lendo
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou varias preguntas sobre o colexio de Magariños. Nos últimos días fíxose público na prensa o malestar no profesorado polas malas condicións da pista cuberta, que fixo que anunciaran a súa intención de dar a clase de ximnasia na aula e mesmo non permitir aos alumnos empregar a pista no recreo polo risco de accidentes. O BNG lembra que no verán a Consellaría anunciou a inversión duns 386.000 euros no centro pero que a día de hoxe non invertiu 200 mil dos prometidos, nin están adxudicados. Tamén lle lembra ao Concello que é responsable do mantemento do centro, e que nos últimos anos reduciu esta partida. Víctor Caamaño pregunta a Aragunde que medidas acometeu o Concello para o mantemente do centro, tanto na súa cuberta principal como da pista deportiva. Tamén quere saber cal é a situación das obras prometidas polo conselleiro de Educación para a pista cuberta, e se ten a Xunta orzamento para acometelas. Do mesmo xeito pide coñecer a data na que serán acometidas as obras. Por último Caamaño pídelle ao alcalde que o Concello se implique ao máximo para solucionar esta problemática.
O PSOE pola súa banda rexistrou varias preguntas para o vindeiro pleno. Nunha delas, Fátima Abal fai constar a grande siniestralidade da estrada entre a rotonda de Vilariño e o polígono de Sete Pías, e pide coñecer que medidas se van aplicar para reducila. Tamén fai constar da falta de pasos de peóns para os rapaces que empregan o autobús escolar, e a pouca visibilidade dalgúns tramos, como no cruce do bar Vilariño. Por outra banda pregunta a portavoz do PSOE sobre as obras que están causando molestias na Rúa Sevilla (estase acometendo unha nova pavimentación) e na Rúa Vicente Risco. Tamén volven preguntar (xa non é a primeira vez) polo mal estado das instalacións do parque Torrado, como os aseos ou o propio parque infantil, que pode causar situacións de perigo para os nenos.