Cambados(tk) publicará nos vindeiros días entrevistas aos voceiros dos grupos municipais. Trátase de analizar con eles a situación da política municipal, o devir da lexislatura (ano e medio dela) en Cambados e avaliar o estado das súas organizacións. Xa confirmaron a súa entrevista a voceira do PSdeG-PSOE, Fátima Abal, e o do Bloque Nacionalista Galego, Víctor Caamaño. Polo Partido Popular aínda non recibimos resposta.
O voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, acompañado do seu compañeiro Xaquín Charlín, presentaron hoxe no rexistro dos Xulgados de Cambados unha denuncia polas presuntas irregularidades cometidas no piñeiral coñecido como “Pinal de Maza”. Este tema leva no debate político varios meses, trátase dunha actuación nunha grande parcela d’A Modia onde se talou unha grande masa forestal para plantar albariño. Este cambio de usos non sería presuntamente legal ao estar calificado o terreo como de protección forestal e non de uso agrícola. Ademais o BNG mantivo en todo momento que se levou a cabo un movemento de terras (hai fotografías que o proban) sen licenza urbanística. Todo isto coa peculiaridade de que son persoas vinculadas ao PP quen están detrás das obras: o concelleiro Juan Ramiro Gómez e o agora deputado do PP e ex alcalde Cores Tourís por medio da súa dona. Seguir lendo
O Centro de Información á Muller (CIM) leva todo este ano coas súas portas pechadas. O BNG considera este feito inaceptable, xa que aínda que apoia a decisión do goberno local de mancomunar o servizo con outros Concellos, ve totalmente erróneo paralizalo mentres non se leva esta cooperación a bo porto. Ademais, o Bloque sinala que isto leva acontecendo varios anos, nos que o CIM só funciona uns meses de cada exercicio. Segundo Víctor Caamaño, voceiro desta formación, hai dúas lexislaturas o Concello empregou o conflito do CIM politicamente contra a Xunta do bipartito, mentres que na lexislatura primeira de Núñez Feijoo o goberno local simplemente deixou de reivindicar e mantivo paralizado o servizo. Unha mostra, para o BNG, de que ao Concello lle interesa ben pouco este tema. Caamaño propón que o goberno local sufrague os custos do persoal mentres non reciba a subvención da Xunta, para non deixar a moitas mulleres sen esta ferramenta.
O BNG pediu onte cun escrito ao Valedor do Pobo que non dea por pechado o caso das irregularidades cometidas polo goberno local canto á entrega das actas das Xuntas de Goberno á oposición. Xa foron dúas veces as que o Valedor constatou que o goberno incumpría o prazo legal (dez días) que ten para informar aos concelleiros da oposición (que non pode asistir a estas reunións nas que se decide practicamente todo) . Nos dous casos o Valedor dirixiouse ao Alcalde para reclamarlle que puxera fin a esta demora de meses. O problema é que non parece que o asunto vaia a quedar resolto nas sucesivas entregas. Seguir lendo
O goberno tiña pendentes varias preguntas do Bloque sobre o espiñento tema do Pinal de Maza, no cal un concelleiro do PP e a muller de Cores Tourís a través de dúas empresas, desmontaron un bo cacho de monte para transformalo en viñedos. Aragunde foi moi escueto en case todas as súas respostas (que podedes escoitar a continuación).
O alcalde declarou que as obras NON teñen licenza municipal nin informes favorables nos organismos cometentes na materia (Consellaría de Medio Rural, Consellaría de Medio Ambiente, e Patrimonio). Tamén respondeu negativamente cando foi preguntado sobre se existe algún estudo que xustifique en base a interese público a conversión dunha área de protección forestal a outra de usos agrarios. Outro escueto “non” pronunciou Luís Aragunde ao ser preguntado se o goberno local modificou as Normas Subsidiarias que afectan á zona do Pinal de Maza.
Do mesmo xeito “non” foi a resposta á pregunta do BNG “En caso de que non tivera licenza municipal, ditou o Concello unha orde de paralización das obras?”. O interesante é que Aragunde tamén contestou “non” ao ser preguntado sobre se o Concello abrira expediente de legalización das obras. É dicir, basicamente o goberno local non fixo nada a respecto das obras sen licenza no Pinal de Maza, que están impulsadas polas empresas dun concelleiro do PP (Juan Ramiro Gómez) e da dona de Cores Tourís.
O sorprendente chegou ao final das preguntas, cando Luís Aragunde anunciou que tiña no seu haber un informe do técnico municipal no cal se afirma que as obras no Pinal de Maza non constituiron ningún movemento de terras na zona, si, seguramente, un acondicionamento do terreo.
Nota legal: O audio que se pode escoitar nesta entrada foi recabado en Internet, onde foi subido anonimamente.
A sesión plenaria do mes de Outubro pasaría sen pena nin gloria de non ser por dúas cuestións. Unha, a polémica aberta polos concelleiros do PP e que rematou por facer que o Alcalde interrumpira o debate para lembrarlle ao público que non podía gravar o pleno; a outra, as contestacións pendentes sobre o caso Pinal da Maza e que Aragunde estaba esquivando desde hai meses. Estes dous temas especiais publicaranse aparte pola imposibilidade de facer unha entrada asequible na lonxitude, neste artigo imos cos temas menos “polémicos”.
En primeiro lugar celebrouse un breve pleno extraordinario no cal se designou fillo predilecto a Salvador Cores “Manso”. Os grupos da oposición (BNG e PSOE), apoiaron a moción, pero Seguir lendo
Que o Partido Popular emprega o Concello como se o tivera en propiedade, é algo máis que patente. Estes días dúas imaxes corroboran esta teoría. A primeira delas é a do asesor persoal do alcalde (un cargo de confiaza, de libre designación, pagado por todos os cambadeses), acompañando a Luís Aragunde e outros membros da comitiva do PP no día das eleccións. Esta persoa traballa supostamente para o rexedor de Cambados e non para un grupo de apoderados do PP, polo cal a súa presenza nesta comitiva é un síntoma máis da inexistente separación entre partido e Concello, ou máis ben, de como o PP emprega os recursos de todos no seu beneficio. Esta persoa estivo acompañando a comitiva popular durante todo o domingo.
Por outra banda, a segunda é a imaxe de La Voz de Arousa hoxe na que Aragunde, Louzán e Tourís aparecen na sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Deputación e Esperanza Salnés. Tourís na actualidade non posúe nin cargo institucional, xa que cesou hai semanas como Delegado da Xunta e aínda non é sequera parlamentario. En calidade de que aparece nun acto institucional como o reflectido na prensa?
As eleccións do pasado 21 de Outubro supuxeron unha perda brutal de apoio aos partidos tradicionais, coa irrupción da Alternativa Galega como única que medrou en votos. En Cambados esa tendencia tamén se cumpriu, aínda que a diferenza do panorama nacional, onde a esquerda retrocedeu máis que a dereita, en Cambados o centro-esquerda aumentou fronte á dereita se comparamos os datos destes comicios cos das pasadas xerais ou municipais de 2011.
Para ver o comportamento do voto confeccionamos un sinxelo gráfico no cal se pode observar a evolución en Cambados entre 1991 e 2012 (coidamos que vinte anos era suficiente). Nesta primeira figura compárase o voto á dereita (PP) co voto á esquerda (PSOE+BNG, sumado con Alternativa Galega nestas últimas eleccións). Podemos ver que nos últimos anos o voto de centro esquerda en Cambados está atravesando momentos baixos, aínda que a tendencia é de leve recuperación. O voto á dereita (PP) acadou máximos históricos en 2011 pero estes últimos comicios supuxeron un forte retroceso para o PP (onde deixou de obter máis de mil papeletas) que a esquerda conseguiu evitar, quizais pola irrupción de AGE. Aínda así o Partido Popular está hoxe 731 papeletas por riba da suma da súa oposición.
É interesante (e tamén desmotivador) ver como a dereita do PP tivo nos últimos anos maioría fronte ao centro-esquerda coa única excepción das autonómicas de 2005 (por tres votos). Estivo moi preto de perdela nas municipais de 2007 (por 31 votos) e nas de 2003. Isto último non se percibe no gráfico porque daquela tamén obtivo representación Independentes por Cambados, que non é incluído nesta figura por non adecuarse ao esquema centro-dereita/centro-esquerda.
O PP obtivo nestas eleccións o seu peor resultado en votos desde as xerais de 1993, é dicir, este foi o seu peor resultado en Cambados en vinte anos. Para o BNG non hai resultado peor en votos desde 1991 e para atopar un rexistro de papeletas inferior do PSOE hai que remontarse até 1999. Isto vai en consonancia coa baixada xeralizada dos partidos convencionais a nivel nacional. Pero a baixa dos partidos convencionais de centro-esquerda foi compensada con creces pola entrada na escena de AGE. A tendencia de cada partido pode observarse na seguinte figura. Inclúense todos os partidos que desde 1991 obtiveron máis do 3% de sufraxios en Cambados. Para unha análise máis completa habería que ter en conta tamén os resultados en porcentaxe de voto válido e non só en termos absolutos.
Fontes: Varias en internet, datos definitivos salvo para as últimas eleccións por motivos obvios.
É algo que sempre se comentou en Cambados e que moitos votantes de San Tomé viron en repetidas ocasións. Acontece en máis lugares e aínda que na maioría das veces é unha práctica nos lindes da legalidade, a moitos semella que está fóra de toda ética. No caso de San Tomé, trátase do transporte (noutros lugares denominado “carretaxe”) de anciáns do asilo para votar. Testemuñas ao longo de anos dan fe de casos de persoas que non están nas condicións físicas e sobre todo mentais para exercer libremente o dereito ao voto. Nos últimos tempos parte dos anciáns do asilo votan por correo pero as monxas aínda levan a votar in situ a moitos deles, que veñen do asilo co voto preparado. Agora hai un vídeo que pon imaxe a todos eses rumores ou comentarios, que xa está a circular con forza nos círculos cambadeses das redes sociais. No vídeo aparecen (semella que por casualidade) o alcalde Aragunde, Cores Tourís, Rosa Oubiña e o teniente de alcalde, acompañados polo asesor do alcalde.
Xa que se fala nesta entrada de ética, a moitos nos resultou clarificador ver como se mestura totalmente Concello e Partido en Cambados, neste caso ao ver ao secretario persoal do alcalde (cargo de confianza sufragado por todos os cambadeses) acompañar a Aragunde durante a xornada electoral (domingo) nas súas visitas aos colexios electorais. Computaron tamén estas horas de “traballo” (de partido) como horas extra?
A nosa comarca enviará a dous deputados e dúas deputadas ao Parlamento Galego. Iso é o que ditaron as urnas o pasado 21de Outubro, pero podería verse modificado pronto se o previsible próximo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, volve a pedir aos seus futuros conselleiros que renuncien á acta de deputado. Nese caso algúns poderían dimitir e outros novos nomes poderían aparecer na cámara, como por exemplo o da ex deputada Rosa Oubiña, que non foi electa o pasado domingo. Seguir lendo