//
arquivo

Ramón Nogueira

This tag is associated with 16 posts

Ramón Nogueira súmase á administración de CTK


Nesta nova etapa que comezou hai ben pouco non todo é lavado de cara. Imos máis alá. Por un lado, grazas á sección “Opinan“, que podes ver na portada á dereita, preténdese que diferentes persoas desde Cambados amosen o seu pensamento sobre calquera tema de actualidade desde un punto de vista persoal. Francisco Trigo foi o primeiro en aportar un artigo pero agardamos moitos máis, tanto de el como de outra diversa xente coa que nalgún caso xa contactamos e noutros o faremos proximamente. Seguir lendo

Novos versos cambadeses na rede


Volve a ser o poeta Ramón Nogueira quen nos descubre unha nova voz artística de Cambados en internet. O seu nome é Silvia Fernández Chaves e tamén vén do instituto Francisco Asorey, onde segundo Ramón, gañou xa o premio de San Valentín polos seus escritos.

Nogueira vén de colgar un poema de Silvia no seu blog, chámase Minguante, e podes lelo en Flores Versadas ou tamén no blog da propia autora: Pingas de Cores. Non deixes de visitalo, queda tamén nos enlaces de Cambados(tk).

Novo blog de poesía en Cambados


A través do blog de Ramón Nogueira (Flores Versadas, sempre visita recomendada) chega a nova de outro blog poético en Cambados. Desta volta trátase dun rapaz de dezaseis anos chamado Emmanuel Joven, nacido en Caracas pero afincado agora na nosa vila (cursa estudos no IES Asorey) e que di escribir poesía para desafogarse. Ademais gústalle a fotografía (no blog pódese acceder á súa páxina en Flickr, un portal para compartir imaxes) e a música.

No seu blog, como ben di Nogueira, atoparemos e gozaremos dos seus poemas, e tamén dalgún que outro artigo sobre actualidade. Queda engadido este espazo na lista de favoritos de Cambados(tk) e convidados tod@s a pasearse polos seus versos.

Preme aquí para acceder ao blog de Emmanuel Joven

Ramón Nogueira é un dos Premios Retranca 2010


A asociación xuvenil Retranca, da que xa se falou nalgunha ocasión desde este espazo, comezou este ano a entregar uns premios que levan o nome do seu colectivo. Por agora non existe moita información, nin no seu blog nin no seu perfil en Tuenti, pero si sabemos que se divide en diferentes disciplinas (Letras, Música, Artes…son algunhas das que CTK ten coñecemento).

E outra cousa que é sabida é que Ramón Nogueira levou o Premio das Letras Retranca 2010. Nogueira publicou hai agora un ano o seu primeiro libro de poesía, Berros dende o Alén, e mantén en internet un espazo persoal onde vai combinando a súa paixón pola poesía con fotografía ou mesmo pintura. Desde aquí darlle a noraboa máis sincera e, coma sempre, animalo a continuar.

En canto se coñezan publicaranse o resto dos nomes premiados por este grupo.

Actualización:

Os premiados na categoría de Música son Scarcha Factory Crew, un grupo de hiphop da nova xeración de rapeiros do noso Concello. Podes acceder aquí á web dun dos compoñentes do grupo, Lexico, que por certo tamén participa no proxecto Triple K do que informou Unha Grande Chea esta semana.

Relacionado

Le aquí a entrevista que se publicou o ano pasado con Ramón Nogueira

UGCH na rede, un cambio a mellor


Anunciábase esta semana que Unha Grande Chea deixaba o seu lugar en Windows Live Spaces para mudarse á popular plataforma de blogs blogspot.

Pois ben, parece que a web da asociación xa funciona outra vez a todo gas e hai que dicir que o cambio é moi positivo. Non só o deseño máis atractivo que amosan, senón tamén a comodidade para o lector, xa que se eliminaron os carteis de anuncios de eventos da parte superior e agora pódense observar dun xeito moito máis elegante no lado esquerdo do espazo.

A marxe dereita resérvana para publicidade (calquera pode contactar con eles se está interesado en aparecer na páxina máis lida de Cambados) , para os seus álbumes do fotografías e para os enlaces. Ademais de todas as novidades xa solucionaron o problema que tiñan co redireccionamento, polo que a nova web é accesíbel desde o anterior enlance, www.unhagrandechea.org.es.

Parabéns, pois, para UGCH por esta evolución positiva.

REDE CAMBADESA NA INTERNET

O certo é que Cambados non pode queixarse de botar en falta unha mini rede de espazos. Aínda que por suposto que sería desexábel contar con máis webs, varias páxinas e sobre todo de variada temática ocupan esta rede. Por un lado a anteriormente citada, que xunto con Cambadosweb informan desde o seu punto de vista sobre temas de Cambados. E por outro páxinas da máis variada temática, como a nova de Adela Leiro con cantidade de material froito de anos de traballo, ou o blog de xeografía crítica de Maribel Iglesias (e a nova web sobre Asorey) e mesmo o blog onde o poeta Ramón Nogueira nos amosa parte das súas creacións. Ou espazos de negocios que son algo máis ca iso (bastante máis no caso do blog do Rif-Rock). E isto por non falar de todos os espazos en Facebook e outras redes…!

Versos e pintura na rede da man de Nogueira


Ramón Nogueira  continúa paseniñamente a compartir na rede as súas creacións artísticas.

Hai uns días contaba desde o seu recuncho na internet, Flores Versadas, algúns dos motivos polos que seguía tendo ganas “para mover o pulso esquerdo e construir logo dun tempo algo coma un verso.”.

Hoxe vai máis alá e, ademais dos versos e das imaxes que ía pendurando, pasa a compartir con quen queira as súas pinturas. Non o dubides e pásate un ratiño polo blog de Ramón Nogueira.

Anteriores:

Entrevista con Ramón Nogueira en Cambados(tk)

Charla mañá no Asorey sobre o decretazo dos idiomas no ensino


charladecretazo2

Organizada por Galiza Nova a petición de alumnos de bacharelato. Participan nela María  Villaronga, responsábel comarcal, e Iria Aboi, secretaria xeral de GN. Será ás 12:30 no Salón de Actos do Asorey.

Nela explicaranse os motivos da folga do vindeiro 21 de Xaneiro no ensino. Unha mágoa que a charla non se anunciara con máis antelación.

Berros dende o alén muda en Flores versadas


floresversadas

O blog poético de Ramón Nogueira muda de deseño e nome, agora pasará a chamarse Flores Versadas. Como di o propio reponsábel do espazo no seu tuenti: Novos poemas, novas fotos, nova apariencia, novo ano… novo todo…

O cambio débese ao feche dunha etapa, a de Berros dende o Alén, que culminou coa publicación do libro homónimo, e o comezo da seguinte. Moita sorte nesta nova entrega! Podes ler aquí a entrevista que se publicaba hai unha semana en Cambados(tk).


Cambados(tk) no top10 de Blogaliza coa entrevista a Ramón Nogueira


recordvisitas2

A entrevista a Ramón R. Nogueira publicada na noite do pasado domingo foi posiblemente a causante do alto índice de visitas rexistrado o Luns 4 de Xaneiro. A imaxe de arriba foi recollida onte na portada do portal blogaliza.org, onde este blog está aloxado e no cal coexiste con algunhas das bitácoras máis visitadas do país. Para mostra, pódese ver debaixo un anaco do histórico de visitas desta web onde se pode detectar un pico da xornada de anteonte.

Tamén se pode observar unha suba de visitas dous días antes, o sábado, seguramente grazas a que o Diario de Arousa se fixo eco ese día da problemática na Avenida da Pastora publicada a semana pasada.

recordvisitas3

VINDEIRO ARTIGO E ENQUISA

Proximamente publicarase unha análise no borrador do decreto do idioma no ensino. Ademais, se tes algunha idea de temas de interese para realizar outra enquisa ao estilo da do Ano Cabanillas, ponte en contacto a través do libro de visitas, do correo (cambadostk arroba gmail.com) ou como comentario a esta anotación.

Ramón Nogueira: "publicar o libro é un soño"


ramonRamón Nogueira naceu hai dazasete anos e é veciño de Cambados, máis concretamente dese  barrio mariñeiro que é San Tomé (o propio pai de Nogueira traballa no mar). A carón deste mar, na Torre de San Sadurniño, Ramón di sentirse cómodo para escribir. E de feito faino, e faino ben.

Desde hai uns meses amosa ao público os seus poemas nun blog de internet (www.ramonogueira.wordpress.com) , acompañados de suxerentes imaxes, a maioría da súa propia autoría.

Este Nadal CANDEA puxo punto e final ao Ano Cabanillas 09 coa presentación do primeiro libro deste xove poeta, Berros desde o Alén. Nel podemos atopar unha colección de poemas intimistas que nos acercan aos pensamentos máis profundos de Nogueira cunha estética de vangarda, que como di o propio autor, “está de moda”.

No Café Continental, lugar axeitado para este tipo de encontros, séntome con Ramón para ter unha pequena conversa sobre el, sobre o seu libro e incluso sobre actualidade. Ramón ten unha fala clara e concisa, un galego correcto e á vez coherente co lugar onde o aprendeu. Responde rápido, ás veces incluso adiantándose ao final da miña pregunta.

Cando comezas a escribir?

Empezar a escribir aos sete anos pero poesía aos doce. Primeiro empecei con prosa, algún conto porque sempre me gustou moitísimo a lectura e despois de descubrir a Gloria Fuertes empecei a escribir algún verso pero moi pouquiño. Logo aos doce foi cando descubrín a Yolanda Castaño e centreime na poesía.

Por que poesía? que diferenza atopas nela?

A prosa non me amosaba nada, non era capaz de de expresar de verdade o que quería; a través dunha historia expresar é moi difícil, entón ao darme conta descubrín que a poesía era o que eu precisaba.

Supoño que detrás da escritura haberá bastantes horas de ler e reler…xa comentaches algún autor dos que influiron en ti, pero se tiveras que nomear os máis importantes cales serían?

Yolanda Castaño por ser a primeira da poesía vangardista que atopei e Fernán Vello porque para min é un dos mellores escritores do momento. Manuel Rivas tamén, sen dúbida. E logo como poesía xa de élite Cabanillas, por suposto, e Manuel María tamén me encanta. Para min estes son os más importantes. E os clásicos, sempre, como Pondal, Rosalía e Curros.

“Busco a poesía que me faga sentir”

Cando ti les poesía, que é o que buscas? Cal é a diferenza que fai que che guste máis ou menos?

Sobre todo que me toque, que me toque por dentro. Porque o que busco eu na poesía é que me faga pensar, que me faga sentir, sobre todo, e se son capaz de levalo ao meu terreo; por exemplo se unha poesía está relacionada con algo que me pasou a min, levala ao meu ámbito e tratar de sentila mellor.

Desde hai un tempo publicas os teus poemas nun blog; isto é tan só unha afición para ti ou se puideras gustaríache dedicarte a isto seriamente?

A min encantaríame vivir disto.

Aínda que é difícil…

Si, si, pero claro, é moi difícil, sobre todo poesía que tampouco é un best seller precisamente. Pero si, gustaríame. Por iso tamén intento escribir outro tipo de cousas; comecei este mes con treatro e prosa tamén escribo. Sempre unha prosa poética, claro. E logo a poesía.

Ademais seguirei aí intentándoo, concurso que vexa concurso que me meterei, e para adiante. (coméntolle a iniciativa aprobada no último pleno do ano na cal se crea un premio literario anual en honor a Ramón Cabanillas)

Entrando en Berros dende o Alén, como definirías ti o estilo dos poemas do libro?

Defínoos como meus, sobre todo. Defínoos como novos, unha poesía que está moi de moda e de vangarda. Aínda así intento buscar sempre un ritmo. A medida depende da que traballe, pero sempre adoito centrarme no ritmo.

Como te sentiches cando soubeches que se ía publicar, e, en especial, no momento en que o tiveches o libro…

(remata por min a pregunta)…nas mans: Pois para min foi impresionante. Despois de catro anos querendo publicar un libro…saber que se ía publicar e que se interesaban por min, e que ía telo diante foi impresionante. Pero xa cando o tiven nas mans foi…foi un soño, completamente. É máis, despois de unha semana seguía sen crelo.ramonnogueira3

O teu libro publicouse ao final do Ano Cabanillas 09, un acontecemento que trouxo consigo cantidade de actividades culturais. Como valoras ti o Ano en xeral?

Para empezar é unha honra que se me publicara como remate das actividades de CANDEA no Ano Cabanillas. Unha honra moi grande. Valorando as actividades paréceme que foi un ano bastante activo. Aínda así mirando o que se puido facer véxoo tamén algo curto, porque puido ser moito máis espectacular, especialmente en dar a coñecer o Ano Cabanillas máis cara a fóra de Cambados. Pero as actividades gustáronme moitísimo.

E se tiveses que elixir algunha en concreto? Aparte da publicación do teu libro, que supoño  que che quedará para a toda a vida…

Para toda a vida. Pois supoño que as obras de teatro, gustáronme moito, ademais precisamente unha das miñas compañeiras participou nelas. O teatro estivo xenial, e logo gustoume especialmente unha presentación de diapositivas no Pazo de Torrado sobre a vida de Cabanillas, amosando a súa infancia e o Cambados daquela, acompañado dun violinista e dunha zanfona. E tamén o rueiro organizado por CANDEA, ao que non puiden ir, pero si vin as fotografías e o que se explicou.

Aparte da poesía que aparece en Berros dende o Alén, tamén tes poesía na que se albisca certo compromiso, como no poema do blog Berro á razón, que a min particularmente gústame moito…cando escribes dese xeito, máis combativo, falo porque sentes que tes que facelo…

Sinto que teño que facelo

…e gústache facelo?

Si, si. Gústame facelo, sinto que teño que facelo e sinto que máis xente debería facelo. Para min é unha necesidade defender o que teño. E agora que me coñecen véxoo tamén como unha obriga.

Teño máis poesía combativa, non toda para ensinar. Tento xuntala toda para crear outro poemario novo. Son todas arredor do galego, arredor de Galiza e arredor… da nosa terra, logo.

“O mellor que ten Galicia é o idioma”

Por poñer un exemplo de tema “combativo”, que che parece a situación actual da nosa lingua?

Unha pena, unha pena, a verdade. Porque non se valora nada o que temos, e aparte estano desfacendo. Cada vez máis xente se ten que dar conta do que temos, que é o mellor que hai: o mellor que ten Galicia é o idioma, e creo que deberíamos valoralo moitísimo máis do que o facemos. Eu tamén espero contribuír a abrir os ollos da xente.

Cando escribes poesía do tipo máis intimista, supoño que non consistirá en sentarse na mesa e veña a escribir, nese proceso…haberá algúns lugares especiais nos que te inspires non?

Si, hai na dedicatoria do libro unha referencia á Torre de San Sadurdiño, [no libro refírese a ela como a súa vella amiga de pedra] porque se non é a metade é  cuarta parte dos poemas que aparecen en Berros dende o Alén, foron escritos alí. Ademais quitas alí unha idea para, traballando, sacar un primeiro verso, logo segues e aparece un segundo, non che queda ben e segues traballando para que ao final dunha semana teñas un poema que pode consistir en só cinco ou seis versos.

Outros tamén son máis rápidos de escribir, neses momentos nos que necesitas botalo fóra todo, pero sempre hai que facer un traballo grande. E a Torre axúdame, A Pastora tamén.

E supoño que os outros, os combativos, nun momento de…

…de desafogo.

…de rabia.

Sen dúbida, de rabia. Despois de ler algo no periódico, despois de ver unha nova na televisión, despois de falar cun compañeiro, ou calquera cousa parecida…

Haberá que seguir atentos ao blog de Ramón Nogueira, á espera de que retome a publicación de textos. Por agora sabemos que está ordeando do que xa dispón, posto que un requisito de case todos os concursos literarios é que nunca foran publicados con anterioridade. Noraboa e a seguir escribindo!

Berros dende o Alén, está editado por CANDEA e podes atopalo nas librarías Contos e Cabanillas, por uns seis euros. Por certo, segundo puidemos saber estase a vender moi ben nesta campaña de nadal. Desde logo é un bo detalle para regalar!

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.