Dende logo se de algo podemos estar agradecidos os cambadeses e cambadesas e de ter uns dirixentes tan graciosos que ás veces parecen mais ben monologistas de “El club de la comedia”.
Eu, quería propoñerlles ao alcalde Aragunde e o patrón maior da cofradia, vistas a súas derradeiras declaracións que montasen un dúo cómico, ao estilo Tip e Coll ou Faemino e Cansado, pois vista a súa xestión ao fronte dos seus respectivos organismos, non teño a menor dubida de que, dende logo, teñen mais futuro no mundo da farándula e vodevil. Supoño que, quizais, para homenaxear a recente morte do xenial Miliki, puxéronse de acordo para facer unhas declaracións tan hilarantes, practicamente, no mesmo espazo de tempo.
Por un lado temos ao ínclito alcalde de Cambados Luís Aragunde que, a sema pasada, a raíz de que aparecese pintada como Superman a estatua de Fraga, nun arranque de Sherlock Holmes, dixo en declaracións a unha emisora de radio, que tales pintadas foron producto dunha gamberrada da mocidade que sae de marcha por Cambados. ¡¡que poder de dedución do noso alcalde!! ¿como puideches chegar a tan brillante conclusión, Luís? Intentándome meter nunha mente tan emérita como a túa supoño que pensaches: “as pintadas producíronse a noite do sábado para o domingo, do sábado para o domingo é o dia da movida nocturna entón os responsables son rapaces da movida nocturna” ¿isto pensáchelo ti so ou axudáronche os teus asesores?
Tamén dixo esta mente tan privilexiada: “hai que darlle o mesmo valor que se fora un banco ou a escultura de calquera outro persoeiro”. Vamos a ver Luís, por empezar por isto último, na historia recente de Cambados, eu non recordo unha historia tan rocambolesca entorno a ningunha estatua (e menos a un banco) como a que creaches ti cando se te meteu nos miolos o de levantarlle tal monumento a un fascista como Fraga. ¿cando te darás conta dunha “puñetera” vez que os cambadeses e cambadesas de ben non queren, non queremos esa estatua; dende logo que cabe a posibilidade de que houbese sido a movida nocturna a autora das pintadas como cabe a posibilidade de que a miña musa Rosa Oubiña algún dia acabe rendida aos meus encantos e vivamos un apaixonado romance, a posibilidade existe.
As gamberradas, como dis ti, da movida nocturna soen ser improvisadas, irracionais e nun momento de impulso producidas polos calores etílicos ou a “bravocunada” do valente de turno e, dende logo non teñen carga reivindicativa nin social que tivo esta; si houbese sido unha gamberrada tiñan mais monumentos a man, moito mais accesibles. Estas pintadas foron realizadas por alguén ou algúns (os cales dende aquí eu móstrolles a miña total adhesión e felicitación) que, como moitos de nos, non queren que manchen o nome do noso pobo, asociándoo a un tipo tan desprezable como foi Manuel Fraga Iribarne; foi un acto pensado, calculado i estudado a fondo, así que non lle botes a culpa de tal acción a terceiros, que en iso ti xa eres un experto, como cando lle intentaches atribuír a auditoría da estatua ao “sector do viño”, vamos, Luisiño, non fagas mais ó ridículo.
A única dúbida que teño no tema da estatua de Fraga, e que non creo que nunca nos aclares e si a decisión de facer a estatua veuche imposta de arriba, na condición túa de alcalde de palla ou foi un acto teu de peloteo sen límites ao partido.
O outro membro de este dúo cómico é o patrón maior da cofradía e presidente da Federación Galega das cofradias que, a raíz da querela presentada contra él pola Fiscalía de Santiago por un presunto delito de malversación de caudais públicos, vai e di que “estuda a posibilidade de interpor contra Agamar denuncias por acoso e falsidade” tamén dixo, en outro momento cando menos gracioso, “en realidade son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, nin fixeron nunca nada por o mesmo”, “aparecen cada vez que a Federación Galega logra algo importante para ou beneficio do sector marisqueiro” e que eles a “diferenza dos sindicatos non viven do aire”.
Vamos a ver, Benito, que non vives do aire iso é evidente, poden dar fe do mesmo os lugares onde comes (moi ben por certo) en moitos casos a conta da cofradía; en canto a querela presentada contra ti dicirche que o que move ficha é a Fiscalía, non Agamar, e que se a Fiscalía se decide presentara a querela é porque ve indicios pra elo ¿será tamén que a Fiscalía te acosa?, deberías de mirarte iso do acoso, a ver se vai a ser que tes “manía persecutoria” e crees que todo o mundo vai detrás de ti . Dis que son catro persoas que non representan ao sector do marisqueo, home, Benitiño, represéntanos dende a hora en que son mariscadores e están a loitar polos intereses do conxunto dos mariscadores; habería que preguntarse a quen representas ti, realmente, na túa condición de patrón maior, porque é moi fácil encherse a boca dicindo que logras cousas importantes para o sector do marisqueo (¿que cousas me pregunto?), gañar, ao mes, o que non gañan no mesmo período, en moitos casos, catro o cinco mariscadores xuntos e vivir do conto.
A xente que vive do mar,e xente que cando sae a faenar non saben se cubrirá ese dia nin os gastos, xente que realiza un traballo admirable e que moitas veces o resto da poboación non valora como se debería; en definitiva, é xente que necesita, realmente, a alguén que se “molle” por eles, que comprenda os seus problemas e quen non veña a mirar o seu beneficio propio, e, lamentablemente ti nos das o perfil; se foses minimamente consecuente cos teus actos presentarías a dimisión e deixarías a xente con ganas de facelo ben que se seguro que algún haberá.
Como dicía ao principio anímovos a montar o dúo, haber si como comediantes mostrades a profesionalidade que vos falta como dirixentes.
Un saúdo a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
(8: 30 da maña, diante da porta dun colexio de Catalunya)
– “¡Gallego! : acabo de leer lo que pasó ayer en tu pueblo.”
– “¿ en mi pueblo? ¿que paso?”
(Pregunto intrigado, debo confesar que o domingo pasei boa parte da maña no hospital co meu fillo Pau, debido a unha febre moi alta que me tiña preocupado, e, o único momento que puxen as noticias, foi para seguir o desenrolo das eleccións cataláns.)
– “¡Si, hombre! La estatua de Fraga ¿de verdad que no sabes lo que le ha pasado?”
– “Dame una alegría, dime que alguien la ha robado o que mi querido alcalde ha recapacitado y ha decidido retirarla….”
– “¡ha aparecido pintada de Superman!”
– “¡¿Comor!?”
Despídome do meu interlocutor e tras deixar os meus fillos no colexio, achégome a un kiosko e compro un xornal e ahí esta a nova “Aparece pintada de Superman, la estatua de Manuel Fraga en Cambados (Pontevedra)”……….
Téñome que render aos teus pes,Luís, se dende aquí, sempre se criticou (con razón na inmensa maioría dos casos) a funesta xestión municipal, tamén é xusto, cando o noso alcalde realiza unha brillante actuación, destacala e felicitalo. ¡menuda campaña de marketing!
¡Eres un crack, Aragunde! ¿como se che ocorreu a idea? Non sei, imaxínote, vendo un dia pola televisión a película “Titanic” e no momento que se funde o barco, de repente tes unha visión, quizais, pensas: “Este barco non pasou a historia por ser o mais avanzado da su época, nin polo seu tamaño, non, este barco pasou á historia polo pouco que durou dende a súa inauguración e como deixou de existir para pasar a ser lenda”.
Algo así debiches de pensar entorno a estatua de Fraga ¿non?, quizais, pensaches en como rexenerala, en como facer que pasase do seu aspecto actual de vilán a heroe, de unha figura de dubidoso gusto como era Fraga a alguén querido por grandes e menores como é o personaxe de Superman.
Veña, va, confésamo agora que non nos escoita ninguén ¿onde estiveches o sábado dende ás dez da noite ao domingo ás seis da maña? ¿aínda tes as mans manchadas de pintura? Imaxínote enfundado nunha mono negro, cun pasamontañas, escalando a valla, cun bote de pintura vermella na man e levando a cabo tan magnifica obra.
¡Eres un monstruo! (ollo! no bo sentido da palabra!), levanto a miña copa e brindo pola túa saúde, estou repasando os medios de comunicación por internet e o nome de Cambados empeza a asomar en moitos de eles.
¿Parácheste a pensar nas múltiples posibilidades desta acción? Ocorréseme que poderías ampliar ó numero de estatuas con personaxes coñecidos do noso pobo e caracterizalos como superheroes do comic ou, simplemente, como calquera outro tipo de heroes.
Xa o estou vendo, amigo Aragunde, por exemplo, unha estatua túa pintada de verde, ¡¡non me digas que non eres cravado ao Incrible Hulk!! ….. vamos que si te ven ¡chámante de Hollywood!, cando pos esa mirada túa penetrante, como querendo mirar mais ala do infinito, pareces “La Masa” a punto de pegar unha labazada.
E, seguindo coa lista de persoas ilustres da nosa comarca, ocorréseme, por exemplo, que a nosa querida Rosa Oubiña con ese tipazo que ten, unha estatua dela, pintada de negro, semellaría perfectamente o personaxe de Catwoman, a muller- gato, a heroína que sempre vai enfundada nun traxe de coiro negro,e, dende logo, non envexaría, en absoluto, a interpretación que para o cine fixo no seu dia Michelle Pfeiffer ou, mais recente, Anne Hathaway.
¿ E que me dis de Louzán, unha estatua coa forma esférica (que de si xa ten) da sua cabeza e o seu ritus case imperturbable, coma de robot, pintada de amarelo e vermello e clavado a Iron Man, o home de ferro … ¡¡se ata ten os seus andares!!.
Evidentemente non podía faltar o teu mentor, Xosé Manuel Cores Tourís, con esa barbiña e bigotiño, co seu andar altivo e señorial, parécese totalmente ao nobre hispano D. Diego de la Vega, a personalidade debaixo da cal se esconde “El Zorro”, non me negaras que si lle pos un anteface, un sombreiro de ala ancha, unha capa (serve a que ten de cabaleiro do albariño) e o montas a cabalo polas terras de Oubiña, parece totalmente “El Zorro” atravesando o territorio da Baixa California.
Poderiamos seguir con cantidade de exemplos,unha estatua do patrón maior da cofradía, con esa planta e esa barba, con unha túnica e un tridente, parecería totalmente Neptuno, o deus do mar, aínda que dáme a sensación de que este señor, fai moito tempo que xa non se acerca ao mar nin para mollar os pes.
Pénsao, querido alcalde, ata poderiamos intentar facer uns decorados para darlle a Cambados un aire como de Nova York, total, o barrio chino xa o temos.
Na espera de haberte sido de axuda despídome.
Ricardo Domínguez Rey.
É algo que sempre se comentou en Cambados e que moitos votantes de San Tomé viron en repetidas ocasións. Acontece en máis lugares e aínda que na maioría das veces é unha práctica nos lindes da legalidade, a moitos semella que está fóra de toda ética. No caso de San Tomé, trátase do transporte (noutros lugares denominado “carretaxe”) de anciáns do asilo para votar. Testemuñas ao longo de anos dan fe de casos de persoas que non están nas condicións físicas e sobre todo mentais para exercer libremente o dereito ao voto. Nos últimos tempos parte dos anciáns do asilo votan por correo pero as monxas aínda levan a votar in situ a moitos deles, que veñen do asilo co voto preparado. Agora hai un vídeo que pon imaxe a todos eses rumores ou comentarios, que xa está a circular con forza nos círculos cambadeses das redes sociais. No vídeo aparecen (semella que por casualidade) o alcalde Aragunde, Cores Tourís, Rosa Oubiña e o teniente de alcalde, acompañados polo asesor do alcalde.
Xa que se fala nesta entrada de ética, a moitos nos resultou clarificador ver como se mestura totalmente Concello e Partido en Cambados, neste caso ao ver ao secretario persoal do alcalde (cargo de confianza sufragado por todos os cambadeses) acompañar a Aragunde durante a xornada electoral (domingo) nas súas visitas aos colexios electorais. Computaron tamén estas horas de “traballo” (de partido) como horas extra?
A nosa comarca enviará a dous deputados e dúas deputadas ao Parlamento Galego. Iso é o que ditaron as urnas o pasado 21de Outubro, pero podería verse modificado pronto se o previsible próximo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, volve a pedir aos seus futuros conselleiros que renuncien á acta de deputado. Nese caso algúns poderían dimitir e outros novos nomes poderían aparecer na cámara, como por exemplo o da ex deputada Rosa Oubiña, que non foi electa o pasado domingo. Seguir lendo
Con esta frase, o alcalde de Cambados pediu o apoio para Alberto Núñez Feijoo. Como se a praia fora a auténtica prioridade para o noso Concello (onde aínda que poucas, tamén as temos naturais) nun momento en que se empeoran servizos fundamentais como a sanidade e o ensino pola suposta falta de cartos. Ademais desta proposta de dubidosa necesidade, o PP volveu prometer nunha campaña electoral máis que a nova praza de abastos será levada a cabo. Ao mitin celebrado na Cultural asistiu o nº2 de Feijoo, Alfonso Rueda, e tamén interviron ademais do alcalde, o ex alcalde Cores Tourís, o presidente da Deputación Rafael Louzán e a deputada Rosa Oubiña. O Diario de Arousa non aclara se finalmente o presidente da Xunta estaba no acto ou non. Todos os que falaron tentaron sementar o medo a un suposto tri ou cuatripartito, chegando a escenificar este voto do medo coa frase “Ou o PP ou o caos”. A única presenza non agardada polos populares foi a dos tres afectados polas preferentes que se pasearon polo salón de actos coas súas camisolas reivindicativas. Dous días antes estiveran no acto de Alternativa, no cal se lles deu a palabra para que explicaran a súa posición.
A reforma da Cultural adquiriu onte o matiz máis personalista coa re-inauguración da nova sede. Unha inauguración na que tomaron parte o presidente da Asociación, Luís Somoza, o Presidente da Deputación (institución que financiou cun millón de euros a obra), Rafael Louzán, o alcalde Luís Aragunde, o delegado da Xunta Cores Tourís e e deputada do PP Rosa Oubiña. Seguir lendo
Hoxe La Voz de Arousa faise eco do Xantar dos Maiores, unha comida que o Partido Popular no Goberno Local ten xa instaurada, a pesar do cambio de goberno que levou a Luís Aragunde a facerse co bastón de mando que deixou Cores Tourís. Sobre a celebración planea a sombra da politización que o PP acostuma a facer cos seus actos. Neste caso, para o tradicional reparto de mexillóns e polbo (onte xuntáronse máis de 800 persoas), representantes doutras formacións políticas nunca teñen convite a pesar de telo denunciado en múltiples ocasións.
Desta volta até a xornalista de La Voz de Arousa pon de relevo o curioso de que toda a plana maior do Partido Popular estivera presente, con Aragunde e Tourís á cabeza.
Un xeito de gastar os cartos en plena crise (que eles tanto se esmeran en recordar cando lles convén) mentres as partidas orzamentarias de servizos sociais se van mermando co paso dos exercicios.
Publicará o Concello o balance económico da Festa popular que ofreceu onte? Así saberíamos cantos proxectos poderíamos ter sacado adiante como Concello de aforrar en celebracións partidistas pagadas por tod@s, como a de onte.
A viguesa Corina Porro anunciou onte a súa renuncia a tomar posesión da acta de deputada no Parlamento Galego. Porro, que concorreu na lista popular no número 2 por Pontevedra (xusto por detrás do vindeiro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó) renunciará ao posto que lle corresponde no hemiciclo galego e manterá polo momento o seu escano no Senado.
De ter asumido o mandato dos cidadáns nas eleccións do 1M, Corina Porro debería renunciar o posto en Madrid por ser ambos incompatíbeis, pero esta opción esvaeuse trala inesperada morte do suplente da xefa da oposición viguesa, Ángel Latas, este mesmo mes. A Xunta electoral resolveu que non hai outra opción de substitución no Senado que non sexa a do propio suplente nas listas e neste caso esa substitución non era factíbel polo falecemento de Latas. Polo tanto de deixar Madrid Corina Porro o Partido Popular perdería un senador moi valioso.
Así pois, a viguesa deixa libre un lugar na Rúa do Hórreo que ocupará Rosa Oubiña, que aparecía na lista pontevedresa do PP no posto número 12. Oubiña xa ocupara un escano galego na pasada lexislatura trala morte do que fora Conselleiro de Obras Públicas na etapa Fraga, Xosé Cuíña.
E canto a Corina Porro, que fora en campaña electoral a fichaxe estrela na provincia, a pesar de que non vai ser deputada ten a opción de desempeñar algún cargo no futuro executivo autonómico, como por exemplo encarnar a figura do Superdelegado por Vigo que plantexa Feijóo como receta austera fronte ao modelo dos delegados de Consellaría provinciais.
No novo modelo que plantexa o popular só existirían cinco superdelegados que representarían non a consellarías determinadas senón á propia Xunta; un por provincia e un específico para Vigo. É ai onde podería situarse Corina Porro como trampolín de cara ao retorno á alcaldía de Vigo.