Un dos temas máis polémicos dos últimos anos volve á palestra informativa. O goberno local e a Xunta anuncian, máis unha vez, a instalación das comportas para regular o volume de auga pechada no Saco de Fefiñáns. Este espazo no Pombal é zona marisqueira que foi degradándose nos últimos anos até ser declarada “zona C”, onde non se pode mariscar.Unha das demandas do colectivo de marsicadoras era que antes de falar de comportas se acometera un saneamento integral do Saco. Algo que trala presión exercida por este importante grupo (lembremos que é un dos únicos sectores que segue a crear emprego en Cambados) tiveron que asumir, cando menos de palabra, desde os gobernos do PP. Seguir lendo
O conselleiro de Medio Ambiente visitou Cambados este sábado para “inaugurar” a Avenida de Galicia, renovada este ano, e aproveitou para anunciar máis unha vez o saneamento do Saco de Fefiñáns. Este sería un paso previo á instalación das famosas comportas.Segundo o conselleiro existen dous proxectos incluidos no saneamento, o primeiro o de instalar unha bomba que recolla algún dos verquidos directos no río que desemboca no Saco. O segundo, de maior inversión e aínda “en estudo” incluiría un novo tanque para regular as augas pluviais e tamén a fin de verquidos directos de casas e colectores ao río. Seguir lendo
La Voz de Arousa repasa hoxe amplamente o capítulo de inversións que recibirá, teoricamente, o noso Concello en virtude dos orzamentos da Xunta de Galicia. Resulta especialmente curioso ler como se volven a anunciar inversións en obras que se suspenderon moi recentemente. É o caso do Centro de Día (350.000 euros), que quedara en suspenso hai tan só dúas semanas e media. Ou da cuberta da piscina (381.000 euros) que hai pouco máis de un mes a Xunta decidía suspender por mor da “política de axustes” logo de varios retrasos desde 2008. Seguir lendo
Gobernar é, certamente, elixir. No caso do cartos, trátase de xestionar o que hai nas arcas públicas de xeito responsábel e en beneficio da maioría social. Trátase de priorizar, especialmente nestes días nos que a administración se queixa de que non dispón de diñeiro para todo o que se gastaba hai uns anos.
E nun Concello ocorre exactamente o mesmo, en cada lugar á súa escala. O Alcalde, o goberno e en poucos casos a Corporación (normalmente a oposición nin pincha nin corta, como é o caso) deciden en que se invirten os cartos e como se gasta. Gobernar non só é iso, aínda que para algúns alcaldes parece que si, pero está claro que é unha das tarefas que se desenvolve.
En Cambados non sabemos moi ben a miúdo se a prioridade somos a maioría dos cambadeses ou tan só un grupo máis ou menos “selecto”de persoas. Dígoo por cousas concretas, e non por esbardallar.
Podería voltar sobre o machacado tema do Xantar do Albariño e o gasto de miles de euros anuais en que cando menos a metade dun número irracional de persoas veñan comer de balde simplemente porque son do PP. Iso xa di bastante sobre as prioridades de cada quen, creo eu.
Pero hai meses soubemos que a Deputación, a petición do Concello suponse, ía remodelar a sede dunha asociación cultural con custo cero para esa asociación e con custo 700.000 euros para os contribuíntes. Porque aínda que non o pareza os cartos que gasta Louzán non son del, son de todos nós. E para rematalo ao final resultou que por complicarse “un pouco” as obras pagaremos 1 millón de euros, tres veces a cantidade que destina o Concello de Cambados en inversións reais.
E a cousa non queda aí. Xa que se lembramos ben, recordaremos que hai unhas semanas se paralizaron dúas obras en teoría por mor da crise económica. Aclaración necesaria: a crise económica ten unha característica que non falla: é selectiva, só afecta a algunhas das cousas. Afecta á educación, a sanidade (minucias) pero non a Xantares nin a reformas de dubidosa necesidade. Neste caso era a piscina e sobre todo, o prometido Centro de Día, as que se quedaban no doce recordo das notas de prensa e dos boletín populares previos ás Elecccións.
Onte lía que para o Concello é unha prioridade cederlle o Centro de Saúde ao Sergas porque paga 50.000 euros anuais en mantemento. Non vou entrar a discutilo, seguramente que sexa mellor que o Sergas se faga cargo. Pero o mesmo Concello permite que se gaste 1 millón na Cultural. Ou que non se realice a mellora na piscina que lle ocasiona ao Concello un gasto de máis de 100.000 euros en calefacción cada ano.
E parece que tamén é prioridade do goberno local non darlle a subvención que merecen a asociacións como Caracol, que recibe un 2 sobre 5 en “transcendencia e repercusión fóra do ámbito municipal” no baremo filtrado polo BNG (é sabido que a transparencia non é prioridade no Concello de Cambados), cando acuden cada ano milleiros de nenos de toda a comarca ao IES Asorey.
E o máis chamativo, ao Concello parécelle unha prioridade seguir coa teima de construir unha praia artificial no Saco. E custoulle moito recoñecer que a prioridade no Saco era o saneamento e non as comportas. En calquera caso, priorízase a Cultural, o Xantar, fronte a obras que son moito máis que obras, son servizos sociais, como é o caso do Centro de Día, que seguirá a agardar.
Estas son as prioridades do PP. E as que nos esperan.
Óscar Pardo Planas
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Víctor Caamaño, referiuse onte ao recurtes contemplados para Cambados pola Xunta. En primeiro lugar fixo mención á suspensión da renovación da cuberta da piscina, aínda que a lamenta por ser unha obra anunciada en moitas ocasións considera esta suspensión “razoable” polo momento de crise económica, aínda que non “os recortes que o PP está a facer no ensino, na sanidade ou nos servizos sociais”. En concreto referiuse ao Centro de Día, que se paraliza, mentres o Concello e a Xunta siguen adiante coas comportas do Saco e a praia artificial. “Esperpéntico”, sinala o nacionalista. (máis info. no interior) Seguir lendo
A crise está a dar pé á cancelación de proxectos que foron prometidos polo actual equipo de goberno hai tan só catro meses, cando era o momento de pedir o voto. Unha das imaxes que se apresurou a publicar o PP de Cambados foi a do antigo matadoiro -lugar onde se vai levantar o centro de día- co cartel das obras.
A pesar de que a oposición xa acusara daquela ao goberno local de electoralista e de advertir de que esa obra non se levaría aínda a cabo porque non estaba contemplada nos Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano, o Partido Popular negou tales acusacións e insistiu unha e outra vez que o proxecto estaba realmente en marcha. Hoxe, nunha exhaustiva análise que realiza La Voz de Arousa sobre o estado do Concello, o alcalde e grupo de goberno admiten que o Centro de Día non poderá iniciarse aínda. O mesmo pasou coa piscina, cuxa cuberta haberá de agardar tempos mellores para ser cambiada. Iso si, aproveitando unha visita do presidente de Portos, o alcalde reafirmouse no proxecto das comportas do Saco de Fefiñáns. (máis info. no interior)
Seguir lendo
O Colectivo Ecoloxista do Salnés publicou recentemente un documento que redactaron para achegarlle aos partidos políticos as súas propostas relativas á conservación do patrimonio natural e mellora da calidade de vida. O documento de 16 páxinas contén un apartado de propostas xerais, para todos os Concello, entre as que se atopan unha grande variedade de medidas (urbanísticas, de uso de enerxía, de augas, de residuos, etc).
Ademais, os ecoloxistas redactaron unha serie de propostas específicas para cada un dos concellos da comarca. No caso de Cambados fan fincapé na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que coidan debe estabelecer unha cota máxima de solo urbanizable e protexer o complexo intermareal Umia-O Grove. Ademais suxiren redimensionar a depuradora de Tragove, mellorar a desembocadura do río Umia, eliminar o proxecto das comportas do Saco ou incluso a peonalización total da Praza de Fefiñáns e accesos.
Uns consellos bastante lóxicos e razonábeis que agora haberá que agardar para ver cales dos tres partidos se comprometen a cumprir. Hai un co que poden comezar durante a campaña, xa que o CES lémbralles a todos: “De cara a campaña electoral solicitamos moderación no uso do papel”.
Documento
O voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, declarou onte que as reivindicacións do BNG e sobre todo das mariscadoras fixeron posíbel o anuncio de Portos de Galicia de antepoñer o saneamento do Saco ás comportas. Caamaño dixo desexar que o anuncio sexa real e non “unha pura propaganda”, e lémbralle ao ente autonómico que “o saneamento total do banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns require que este volva a estar cualificado de zona B e, polo tanto , cando sexa posible a comercialización do marisco extraído do citado lugar”.
Ademais, O Bloque cre que para asegurarse de que a obra non vai xerar consecuencias negativas para o medio e para actividade produtiva, debe realizarse un estudo de impacto ambiental, tal e como reclamou a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños (dependente da propia Xunta). Víctor Caamaño entende que “non sería suficiente sanear a zona se máis tarde a colocación das comportas significan a destrución do banco do Saco”.
O Patrón Maior de Cambados, Benito González, viaxou até Bruxelas acompañado dunha mariscadora, María Xosé Martínez, para participar nun debate sobre a reforma da política pesqueira europea. O foro estaba organizado pola Consellaría do Mar e casualmente as dúas persoas que procedían de Cambados apoian o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.
Alí tiveron que escoitar outra vez críticas da man da voceira do BNG en Bruxelas Ana Miranda, quen interviu para reclamar unha reforma de pesca que estea integrada cunha política marítima e do medio ambiente e ordenación litoral correcta. Ana Miranda lembrou a falla de depuración e o mal estado do saneamento das rías, a aposta pola macroacuicultura en zonas de protección litoral ou os modelos que degradan a sostenibilidade na produción, como as comportas hidráulicas en Cambados, sinalou a representante europea.