//
arquivo

sanidade

This tag is associated with 10 posts

I Congreso AME, ELA e esclerose múltiple en Cambados o 2 e 3 de Setembro


I Congreso AMEA asociación GaliciAME, xunto con AGAELA e AVEMPO, organiza o primeiro congreso de AME (atrofia muscular espiñal), ELA (Esclerose Lateral amiotrófica) e esclerose múltiple no noso Concello.

Será durante os días venres 2 e sábado 3 de Setembro no Salón de Congresos José Peña de Cambados. A cota de inscrición é de entre 10 e 20 euros, dependendo da situación laboral do participante, máis o prezo dos xantares opcionais. O programa inclúe charlas de expertos nos temas nos que se centra o congreso, tanto do noso país como de resto do Estado. É o primeiro congreso destas características que se celebra na provincia.

Consulta aquí o programa do Congreso

Descarga a folla de inscrición

O modelo europeo necesario


“-Gustoume máis Seattle, creo que hai máis movemento, máis xente, máis que facer; pero problemente me quedaría con Vancouver para vivir.

 -Claro, alí teñen sanidade de balde”

Veño de cruzar máis ou menos estas palabras co meu compañeiro de piso (el é o que dá a resposta). Seattle e Vancouver están só a unhas tres horas en coche. Pero estas dúas cidades da costa pacífica caen en países diferentes. A primeira en Estados Unidos e a segunda en Canadá.

Fíxome graza o comentario por varias razóns. A primeira simplemente porque unha das conclusións que sacáramos da fugaz visita foi que Vancouver era algo máis “europea” que as cidades americanas, e a referencia á sanidade inevitablemente tamén mira cara a outra banda do Atlántico. Non é certo que a sanidade sexa de balde, en ningún lugar nin baixo ningún sistema. Pero as diferenzas entre estes últimos son abismais e ás veces unha distancia de menos de tres horas fai que saltes dun lugar onde os cidadáns dispoñen dun sistema universal a outro no que a sanidade non é máis que outra peza do dogma oferta-demanda, e no que a pesar de dispoñer de excelente tecnoloxía e formación millóns de cidadáns non poden acceder a eles por motivos económicos.

Nestes tempos de indignación xustificada (e impresicindible), ollamos á esfera europea con estupor ante as imposicións que se fan tanto nas receitas económicas de axuste que nos levan ao desastre, como consecuentemente nos recortes sociais e laborais . Imposicións que tamén nos veñen de organismos non-eleitos até o punto de que se cambian gobernos democráticos ou Constitucións sen pasar polas urnas. Pero a pesar da indignación non é tempo de deixarse prender polo discurso antieuropeísta, tipo británico, que aproveita o desencanto para construir consignas tan simples como destrutoras. Europa é necesaria, a nosa Europa, a Europa que impulsou o Estado do Benestar, os avances nos dereitos da cidadanía, a Europa dos pobos, ese proxecto común que ten que ser unha potencia e deixar de ser potencia potencial. E por que non dicilo? A Europa que pode servir de marco para as nacións como Galiza na súa emancipación. A Europa, lembremos, da fin das fronteiras.

Volvendo ao tema sanitario, temos que defender o que está ben. E a Sanidade, como todo mellorable, é un avance fundamental. Aquí nos Estados Unidos calcúlase que máis de 35 millóns de persoas carecen de ningún tipo de seguro médico e que 45.000 morren ao ano ao non dispoñer del. Iso a pesar de que o gasto per cápita é maior que na veciña Canadá, onde repito, teñen un sistema de cobertura universal.

Nos Estados Unidos estamos en campaña electoral dende hai demasiado, principalmente coas primarias dos republicanos. Unha diferenza EEUU-Europa vital é a seguinte: Mentres aquí os conservadores pelexan acusándose uns aos outros de “liberais” (como lle chaman aos de esquerdas aquí, considerado case un insulto) e satanizando calquera forma de sistema sanitario público; en España é impensable que un político se atreva a dicir abertamente que o quere destruir. A pesar de que logo na práctica os que temos agora no poder son especialistas en desmantelalo, achicándoo aos poucos. Mais a opinión pública xamais admitiría unha proposta de partida de disolución do noso modelo de sanidade. Parece unha parvada pero a pesar dos esforzos dalgúns por americanizarnos, Europa por fortuna segue sendo diferente. Nos EEUU do pensamento individualista para moitos (demasiados) Sanidade pública significa “pagarlle a uns vagos que non queren traballar os seus gastos médicos”, en Europa é unha necesidade solidaria pero que se sabe que revirte no benestar común.

Por iso cómpre á par de mobilizarnos contra a merma democrática que nos vén de “arriba”, defender a necesidade do modelo europeo, da socialdemocracia e do Estado do Benestar. Que perdamos esta batalla significará sen dúbida un futuro moito peor para os que veñan. Condenarémolos a vivir nun lugar menos xusto. Senón que llo pregunten a outro amigo americano que hoxe comendo comentábame o seguinte:

“ É triste,  pero agora mesmo estou sen seguro sanitario.” Poñédevos no seu lugarPenso que nun país normal ninguén debería pasar por isto. E tamén podería meter no saco o ensino ou os servizos sociais. Outro tanto.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

O BNG de Cambados presenta unha moción sobre a tarxeta sanitaria


Respondendo á polémica suscitada estes días pola cancelación da tarxeta sanitaria galega aos desempregados (do cal se fixo eco CTK tamén), o voceiro municipal do BNG, Víctor Caamaño, presentou unha moción no Pleno ao respecto. Nela faise referencia ao protocolo que a Xunta enviou aos Centros de Saúde e no cal exponse que as persoas afectadas (persoas sen recursos, desempregados) só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir , perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra.

As persoas afectadas por esta situación, como sinala Caamaño, deben solicitar acollerse ao réxime de persoas sen recursos a través duns trámites que poden durar entre 8 e 10 meses, polo que durante ese tempo quedan se dereito á asistencia gratuita. O BNG de Cambados considera esta orde da Xunta de Galicia (PP) inxustificada e tremendamente deshumana e desoladora, xa que vulnera os dereitos básicos da cidadanía. Por estas razóns o grupo municipal do Bloque pide ao pleno que acorde pedirlle á Xunta a reitrada inmediata do citado Protocolo da Consellaría de Sanidade.

Confírmase en Ribadumia que os desempregados poden quedar sen cobertura sanitaria


Unha circular pendurada no Centro de Saúde de Ribadumia desvela que o denunciado hai uns días pola CIG é certo: existe a posibilidade de quedar sen cobertura sanitaria de non ostentar un posto de traballo. Segundo este documento son 90 días (e non 12 meses como se dixo na prensa) os que pasan desde que que unha persoa queda sen prestación por desemprego até que se lles “cobrará pola atención médica recibida”, o que inclúe todas as consultas, urxencias ou hospitalizacións. Seguir lendo

Non me deixan votar


Esa é a sensación que teño no corpo. Non me permiten exercer o meu dereito ao voto. Vivimos nun país no que a única ocasión que nos brindan para opinar chámase xornada electoral e ocorre cada catro anos. Forma parte dun xogo viciado, no que o sistema de reparto e as circunscricións danlle a vantaxe aos dous partidos que o xestionan. Un sistema inxusto, no que o voto duns vale menos que o voto doutros, no que un escano do PP ou PSOE custa moitos menos votos que un do BNG, de ERC e sobre todo de EU. Por non falar da inexistencia total das demais opcións nos medios de comunicación, debates, etc.

Eu iso sabíao. Por iso a miña opción para o 20N é (era) clara. Para o Congreso, voto galego e de esquerdas, voto ao BNG. Non só por coincidencia ideolóxica senón por utilidade, porque en política é de xustiza premiar a quen o traballa. Fannos ver que todos son iguais, que a clase política “apesta”. En parte é certo, pero eu creo na política como xeito de cambiar as cousas, incluídas as que non me gustan no sistema actual. Por iso digo alto e claro que non todos son iguais do mesmo xeito que non todos os votantes somos iguais. Os deputados nacionalistas no Congreso comportáronse en realidade como deputados nacionais, xa que foron os únicos que exerceron de galegos e traballaron a favor da cidadanía deste país. Ademais, dentro do posíbel, inclinaron a balanza para impulsar políticas de esquerda ou rexeitar recortes da dereita (hoxe representada en PP e PSOE). Algo que beneficia á maioría dos cidadáns de España. O Bloque, como expoñía Duarte aquí hai uns días, propón unha saída da crise que non se leve por diante o que tanto custou construir. Defensa da sanidade e ensino públicos. Progresividade na fiscalidade, redución de gasto militar. Cambio na Lei Electoral. Unha alternativa clara á política que PP e PSOE comparten.

Estou a vivir nos Estados Unidos de xeito temporal, e por iso hai máis de un mes realicei no Consulado o papeleo necesario para poder votar, algo que por certo supón un gasto que desde logo estiven disposto a asumir. Logo de máis de un mes, non recibín as papeletas para poder emitir o meu veredito. Hoxe remata o prazo para envialo, polo tanto xa podo dicir que por vez primeira integrarei ese amplo porcentaxe de abstencionistas. No meu caso, forzoso. Retiráronme o minúsculo dereito de opinar cada catro anos. Seguramente digan que a culpa é de tal ou cal servizo de correos, mais o tempo, tivérono. Eu, este 20N, sinto que non contan comigo no meu país. E o inverno xa está aquí.

.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


Vén o inverno


Comeza a campaña electoral de verdade. Por fin. Porque xa levamos meses en campaña, levamos meses escoitando ao partido da oposición reclamar eleccións e agora, estarán contentos, xa as teñen aquí. E parece que van arrasar.

É curioso, por certo, comprobar como conforme se acerca o día aquelas proclamas de “imos resolver a crise co cambio de goberno” vanse atenuando e convertíndose en “a cousa está mal, a recuperación será lenta”. E iso xa o sabíamos.

Pero especialmente se temos en conta que as propostas do PP (as que intuimos, porque por desgraza non soltan prenda) e as iniciativas do goberno do PSOE nos últimos tempos non difiren dun xeito significativo. Ambos apostan ou apostaron por reducir o gasto público (algún, o que mantén plusvalías e insitucións tan inútiles como Senado ou Deputacións mantéñeno) e recortar dereitos para a maioría social. Isto, nun momento en que todos coincidimos en que a economía está estancada non permite impulsala.

¿Acaso non sería o momento en que, de xeito responsábel, o goberno empregara as ferramentas das que dispón para reactivar a economía? Eu penso que nestes meses se comprobou, e non só en España, que a política de recortes non só é inxusta, senón que ademais está fracasando estrepitosamente. E o caso máis claro está aquí, en Galiza, onde temos un goberno que se inhibiu de tomar decisións de carácter económico e de emprego e disparou a taxa de paro con respecto ao bipartito.

Vivimos unhas eleccións nas que a esquerda perdeu a esperanza. Perdeuna “grazas” aos últimos catro anos dun goberno que se dicía de esquerdas, se supoñía de centro-esquerdas e rematou por ser de centro-dereita. Os votantes dese partido maioritario quedaron coa boca aberta e por desgraza, neste país o sistema bipartidista calou xa fondo e semella que cando A o fai mal votamos a B, e cando B o fai mal votamos outra vez a A. Cando o intentaremos con C, D, E..? Certo é ,si, que o sistema beneficia a PSOE e PP e temos que reclamar que se poña fin a esa inxustiza.

Pero hai alternativa. Tocan tempos de mobilización, non só nas urnas, á cidadanía correspóndelle tomar outra vez a iniciativa para recuperar a ilusión e gobernos ao servizo da mesma e non dos poderes económicos. Non podemos permitir que se poña fin ao estado do benestar porque entón seguiremos construindo un país máis inxusto e egoísta. Temos que impedir que a avaricia dos bancos e especuladores remate por danar sanidade, ensino e servizos sociais.

En Galiza por fortuna contamos coa opción C, cunha alternativa galega e de esquerdas. Con deputados que si dan a cara en Madrid e non se limitan a quentar o escano senón que apostan non só por loitar polos intereses dos galegos senón dunha maioría social en todo o Estado. É a nosa responsabilidade primar a eses políticos que son a excepción á regra e que non teñen máis interese que o da maioría. Non vale só con queixarse se non tentamos, polo menos, facer o máximo que nos permiten cada catro anos. Votar.

Chegou o frío ao lugar desde onde escribo, a neve. Mais o auténtico inverno avecíñase en Galiza. En España. Preparémonos, pode ser longo, de nós depende.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


Cuestión de prioridades


Gobernar é, certamente, elixir. No caso do cartos, trátase de xestionar o que hai nas arcas públicas de xeito responsábel e en beneficio da maioría social. Trátase de priorizar, especialmente nestes días nos que a administración se queixa de que non dispón de diñeiro para todo o que se gastaba hai uns anos.

E nun Concello ocorre exactamente o mesmo, en cada lugar á súa escala. O Alcalde, o goberno e en poucos casos a Corporación (normalmente a oposición nin pincha nin corta, como é o caso) deciden en que se invirten os cartos e como se gasta. Gobernar non só é iso, aínda que para algúns alcaldes parece que si, pero está claro que é unha das tarefas que se desenvolve.

En Cambados non sabemos moi ben a miúdo se a prioridade somos a maioría dos cambadeses ou tan só un grupo máis ou menos “selecto”de persoas. Dígoo por cousas concretas, e non por esbardallar.

Podería voltar sobre o machacado tema do Xantar do Albariño e o gasto de miles de euros anuais en que cando menos a metade dun número irracional de persoas veñan comer de balde simplemente porque son do PP. Iso xa di bastante sobre as prioridades de cada quen, creo eu.

Pero hai meses soubemos que a Deputación, a petición do Concello suponse, ía remodelar a sede dunha asociación cultural con custo cero para esa asociación e con custo 700.000 euros para os contribuíntes. Porque aínda que non o pareza os cartos que gasta Louzán non son del, son de todos nós. E para rematalo ao final resultou que por complicarse “un pouco” as obras pagaremos 1 millón de euros, tres veces a cantidade que destina o Concello de Cambados en inversións reais.

E a cousa non queda aí. Xa que se lembramos ben, recordaremos que hai unhas semanas se paralizaron dúas obras en teoría por mor da crise económica. Aclaración necesaria: a crise económica ten unha característica que non falla: é selectiva, só afecta a algunhas das cousas. Afecta á educación, a sanidade (minucias) pero non a Xantares nin a reformas de dubidosa necesidade. Neste caso era a piscina e sobre todo, o prometido Centro de Día, as que se quedaban no doce recordo das notas de prensa e dos boletín populares previos ás Elecccións.

Onte lía que para o Concello é unha prioridade cederlle o Centro de Saúde ao Sergas porque paga 50.000 euros anuais en mantemento. Non vou entrar a discutilo, seguramente que sexa mellor que o Sergas se faga cargo. Pero o mesmo Concello permite que se gaste 1 millón na Cultural. Ou que non se realice a mellora na piscina que lle ocasiona  ao Concello un gasto de máis de 100.000 euros en calefacción cada ano.

E parece que tamén é prioridade do goberno local non darlle a subvención que merecen a asociacións como Caracol, que recibe un 2 sobre 5 en “transcendencia e repercusión fóra do ámbito municipal” no baremo filtrado polo BNG (é sabido que a transparencia non é prioridade no Concello de Cambados), cando acuden cada ano milleiros de nenos de toda a comarca ao IES Asorey.

E o máis chamativo, ao Concello parécelle unha prioridade seguir coa teima de construir unha praia artificial no Saco. E custoulle moito recoñecer que a prioridade no Saco era o saneamento e non as comportas. En calquera caso, priorízase a Cultural, o Xantar, fronte a obras que son moito máis que obras, son servizos sociais, como é o caso do Centro de Día, que seguirá a agardar.

Estas son as prioridades do PP. E as que nos esperan.

Óscar Pardo Planas


Manifestación contra o desmantelamento do hospital do Salnés


A Plataforma pola Sanidade Pública do Salnés convoca unha mobilización cidadá para este venres 7 de Outubro. Será na veciña Vilagarcía, partindo da Casa do Mar ás 20.30 horas. Esta plataforma organizou a pasada semana unha conferencia en Cambados para falar sobre o desmantelamento da Sanidade Pública no Salnés, podes ler os seus argumentos premendo aquí.

Charla: “Non ao desmantelamento do hospital do Salnés” o xoves no Auditorio


Este 29 de Setembro ás 20.30 horas terá lugar unha charla no Auditorio da Xuventude para falar do desmantelamento que está a vivir a Sanidade Pública, e en particular o hospital do Salnés. O ponente será o médico de atención primaria Manuel González Moreira.
Seguir lendo

A crise como pretexto


Somos bombardeados a diario. Nas novas, na prensa, na tele.E non fai falla, porque o sabemos, tamén na rúa. Estamos en crise. Esta crise, que naceu das perversións do sistema neoliberal, supoñíase que ía servir para refundar o capitalismo, que se amosaba como inválido. Había que regular os mercados, controlar a voráxine especuladora propia dos mercados financeiros. Pero non.

Resulta que sobre aquelo pasamos de puntiñas. Resulta que á par que nos bombardean día a día coa mala situación, que é certo que vivimos, tamén se afanan en comezar o desmonte da parte positiva do sistema. Estámolo a ver ultimamente coa educación. A crise, a mil veces coreada necesidade de aforro, só se manifesta contra os servizos dos que nos beneficiamos a maioría social. Coa crise como pretexto deixan de contratar persoal na escola pública, cargan aos mestres con labores de custodia que non lles correponden, envían aos centros a profesionais de diferentes especialidades

Coa crise como pretexto tentan gañarse á opinión pública para consumar un novo atentado contra o seu benestar. Pouco a pouco, paso a paso. Silenciosamente (cando poden).

Falan de aforro pero esconden que se aforraría tanto ou máis retirando as desgravacións fiscais á escola privada. Deixando de promocionar o ensino concertado. Falan de aforro pero o aforro non se impón nas institucións das que eles se nutren, en Senados inútiles que non deberían existir e Deputacións cuxas competencias deberían revertir nas CCAA e Concellos e ser eliminadas para que non nos siga caendo a cara de vergoña ao admitir que en Galiza seguimos tendo caciques en pleno século XXI.

Falan de aforro pero o aforro que se conseguiría atallando a economía submerxida e a evasión fiscal segue sen perpetrarse. Aforro sen aforrar en gasto militar (non sería normal deixar de financiar operacións polo mundo e manter e mellorar a sanidade e a educación?), aforro sen aforrar en subvencións a medios de comunicacións afíns mentres outros morren ignorados, aforro sen aforrar en Xantares vergoñentos pagados por todos. Aforro sen afrontar que quen máis pode máis debe contribuir á caixa común e máis agora, aforro polo tanto sen reforma fiscal.

Aforro si. Pero aforremos no básico, na educación, na sanidade, nos servizos sociais. E fagámolo rápido porque xa se sabe, os Mercados non teñen a paciencia entre as súas cualidades. Reformemos a Constitución se fai falla en dous días logo de trinta anos de inmobilismo e dogma, para aforrar. Que ben soa, o aforro. Tanto que aforramos tamén nun referendum!

Nos tempos de vacas gordas os beneficios, sabémolo, foron para uns poucos. Coa crise como pretexto o aforro queren que o paguemos todos. Se non cambia moito a cousa, tan só haberá que agardar até o 21 N para comprobar as axendas ocultas dos que veñen. Aí si que vai haber aforro.

O peor é que aínda han recibir aplausos por iso.

Óscar Pardo Planas


Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.