//
arquivo

Tourís

This tag is associated with 55 posts

O Bloque denuncia que o goberno local gasta cartos en solucionar os problemas que provoca a obra de Maza


Imaxe da arqueta nova a carón de Maza | BNG

Imaxe da arqueta nova a carón de Maza | BNG

Reflectíamos onte en CTK os problemas que está a causar o antigo piñeiral de Maza, unha obra que o BNG non dubida en calificar de ilegal por carecer de licenza urbanística e aténdose ao que din as Normas Subsidiarias do Concello sobre o seu uso. Pois ben, Víctor Caamaño denuncia nun escrito presentado hoxe no Concello que o o propio goberno local está adicando tempo e cartos a paliar os problemas que ocasiona a auga e a lama que baixan desde Maza cando chove. En concreto, o BNG afirma que persoal do Concello acudiu en diversas ocasións á zona para resolver problemas, co cal o Concello destina recursos a isto. Tamén son coñecedores no Bloque de que se instalou este ano unha beirarrúa e unha arqueta na entrada da finca, e presentan unha serie de cuestións sobre estes temas para ser respondidas en pleno (que será este xoves).

Unha das preguntas fai referencia á presenza da Policía Local na zona pola anegación da capela de San Antón. Os nacionalistas quererían saber se existen informes ao respecto e se poderían consultalos. Tamén queren saber cantas veces acudiron os operarios municipais no outono a resolver problemas xerados en Maza. O BNG pregunta tamén pola arqueta da foto: en concreto piden saber a razón da súa instalación e a data. Tamén se a finca de Maza ten algún tipo de sumidoiro conectada a esta arqueta, e se solicitou permiso para facer isto. Por último, o Bloque sabe que unha excavadora estivo a levantar a beirrarrúa a carón de Maza, e quere saber se esta obra foi realizada polas empresas vinculadas coa deforestación da parcela (Dismaterra e Cancelo, relacionadas cun concelleiro do PP e o ex alcalde Tourís por medio da súa dona).

As choivas causan problemas nos arredores de Maza ao baixar auga e lama pola vía pública


O caso do antigo piñeiral de Maza (agora reconvertido nunha gran superficie adicada ao albariño) deixou a vía política para entrar na xudicial, logo de que tal e como informaramos hai semanas o Bloque transladara ao Xulgado este tema. En resumo, convertiuse un terreo forestal nunha plantación de viñedo, sen, presuntamente, os trámites legais necesarios. Vinculados a estas obras están un concelleiro do PP de Cambados e o propio Jose Manuel Cores Tourís, volto a nomear hai tres días delegado da Xunta en Pontevedra. Seguir lendo

As miñas condolencias a Pontevedra


Hoxe é un dia triste pra a democracia, triste pra os que, como eu, creemos na democracia, na verdadeira democracia e nos verdadeiros políticos, políticos honestos e honrados que contribuían e loiten realmente polo  mellor para o seu pais, e non  polo seus intereses persoais.

Hoxe levanteime lendo na prensa que Tourís repetirá como delegado provincial da Xunta na provincia de Pontevedra despois de que,  apenas fai dous meses,  sairán a luz unhas gravacións que o relacionaban co cobramento dunhas comisións ilegais en relación cunhas obras realizadas en Cambados.

Evidentemente como todo cidadán, Cores Tourís ten o dereito á  presunción de inocencia que recolle noso ordenamento  xurídico e , seguramente, ao final non se lle imputará  delito algún  en relación con este asunto pero dende o punto de vista moral e social, sempre quedará a dúbida entre unha  poboación que,  cada vez mais  (e sobre todo en tempos de crise), non se ve representada polos seus políticos. Ademais a actitude do “suposto” alcalde de Cambados, Luís Aragunde, negándose a que se constituíse unha comisión de investigación, como reclamaba a oposición, tampouco deixa en bo lugar nin a un nin a outro.

Aínda que isto non nos debía de sorprender a estas alturas da película, Luís Aragunde é, dende que tomou posesión do cargo,  un “alcalde de palla”, un “pelele” que fai o que lle manda o seu amo e señor,  que non é outro que o propio Tourís, e, loxicamente nunca morderá a man de quen o puxo aínda que fose so  pra figurar.

Cores Tourís sempre defendeu a súa inocencia, negando totalmente todo o que recollía as gravacións; non serei eu (Deus me libre), o que lle diga a Tourís o que ten facer, pero se a min, me houbesen acusado do que o acusaron a el, ao dia seguinte comparecería ante a prensa (e non mais dunha sema despois) pra defender dita inocencia  e anunciar a inmediata interposición dunha querela por calumnias; outra cousa é deixar correr e pasar o asunto, como se non houbese ocorrido nada, en fin,  os seus motivos terá.

Cores Tourís é un malo, malísimo político, non porque non teña aptitudes pra desenrolar este ou calquera  outro cargo político, senón polas súas actitudes, actitudes que xa amosou  cando era o  rexedor “oficial” de Cambados, o tratar ó concello coma a súa finca ou (o que é peor)  como a finca particular do PP, iso , dende logo foi o que mellor lle ensinou ao seu pupilo Aragunde.

Se o propio delegado provincial da Xunta en Pontevedra, en vez de dar exemplo, é o primeiro que se salta a Lei, como o fixo no tema do Pinal da Maza, ¿con que autoridade pode pedirlle a administración  a un cidadán  de Cambados, de Poio ou de Porriño que cumpran cos todos os permisos a hora, por exemplo, de realizar unha obra.

Sinceramente que Xosé Manuel Cores Tourís  e, tamén  ( porque non dicilo), Rafael Louzán sexan os dous máximos representantes da provincia, non deixa en bo lugar a Pontevedra e, simplemente, desexo que algunha vez os pontevedreses teñan políticos que de verdade os representen.

Saúdos a todos.

Ricardo Domínguez Rey. 

O BNG presenta unha denuncia nos Xulgados polo caso do “Pinal de Maza”


O voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, acompañado do seu compañeiro Xaquín Charlín, presentaron hoxe no rexistro dos Xulgados de Cambados unha denuncia polas presuntas irregularidades cometidas no piñeiral coñecido como “Pinal de Maza”. Este tema leva no debate político varios meses, trátase dunha actuación nunha grande parcela d’A Modia onde se talou unha grande masa forestal para plantar albariño. Este cambio de usos non sería presuntamente legal ao estar calificado o terreo como de protección forestal e non de uso agrícola. Ademais o BNG mantivo en todo momento que se levou a cabo un movemento de terras (hai fotografías que o proban) sen licenza urbanística. Todo isto coa peculiaridade de que son persoas vinculadas ao PP quen están detrás das obras: o concelleiro Juan Ramiro Gómez e o agora deputado do PP e ex alcalde Cores Tourís por medio da súa dona. Seguir lendo

Noraboa, Aragunde!!!


(8: 30 da maña, diante da porta dun colexio de Catalunya)

–          “¡Gallego! : acabo de leer lo que pasó ayer en tu pueblo.”

–          “¿ en mi pueblo? ¿que paso?”

(Pregunto intrigado, debo confesar que o domingo pasei boa parte da maña no hospital co meu fillo Pau,  debido a unha febre moi alta que me tiña preocupado, e, o único momento  que puxen as noticias, foi para seguir o desenrolo das eleccións cataláns.)

–          “¡Si, hombre! La estatua de Fraga ¿de verdad que no sabes lo que le ha pasado?”

–          “Dame una alegría, dime que alguien la ha robado o que mi querido alcalde ha recapacitado y ha decidido retirarla….”

–          “¡ha aparecido pintada de Superman!”

–          “¡¿Comor!?”

Despídome do meu interlocutor e tras deixar os meus fillos no colexio, achégome a un kiosko e compro un xornal e ahí  esta a nova “Aparece pintada de Superman, la estatua de Manuel Fraga en Cambados (Pontevedra)”……….

Téñome que render aos teus pes,Luís, se dende aquí, sempre se criticou (con razón na inmensa maioría dos casos) a funesta xestión municipal, tamén é xusto,  cando o noso alcalde realiza unha brillante  actuación,  destacala e felicitalo. ¡menuda campaña de marketing!

¡Eres un crack, Aragunde! ¿como se che ocorreu a idea? Non sei,  imaxínote, vendo un dia pola televisión  a película “Titanic”  e no momento  que se funde o barco, de repente tes unha visión, quizais, pensas: “Este barco non pasou a historia por ser o mais avanzado da su época, nin polo seu tamaño, non,  este barco pasou á historia polo   pouco que durou dende a  súa inauguración e como  deixou de existir para pasar a ser lenda”.

Algo así debiches de pensar entorno a estatua de Fraga ¿non?, quizais, pensaches en como rexenerala, en como facer que pasase do seu aspecto actual de vilán  a heroe, de unha figura de dubidoso gusto como era Fraga a alguén querido por grandes e menores   como é o personaxe de  Superman.

Veña, va, confésamo agora que non nos escoita  ninguén  ¿onde estiveches  o sábado dende ás dez da noite ao domingo ás  seis da maña? ¿aínda tes as mans manchadas de pintura? Imaxínote enfundado nunha mono negro, cun pasamontañas, escalando a valla, cun bote de pintura vermella na man e levando a cabo tan magnifica obra.

¡Eres un monstruo! (ollo! no bo sentido da palabra!), levanto a miña copa e brindo pola túa saúde, estou repasando os medios de comunicación por internet e o nome de Cambados empeza a asomar en moitos de eles.

¿Parácheste a pensar nas múltiples posibilidades desta acción? Ocorréseme que poderías ampliar ó numero de estatuas con personaxes coñecidos do noso pobo e caracterizalos como superheroes  do comic ou, simplemente, como calquera outro tipo de heroes.

Xa o estou vendo, amigo Aragunde, por exemplo, unha estatua túa pintada de verde, ¡¡non me digas que non eres cravado ao Incrible Hulk!! ….. vamos que si te ven ¡chámante de Hollywood!, cando pos esa mirada túa penetrante, como querendo mirar mais ala do infinito, pareces “La Masa” a punto de pegar unha labazada.

E, seguindo coa lista de persoas ilustres da nosa comarca, ocorréseme, por exemplo, que a nosa querida Rosa Oubiña con ese tipazo que ten, unha estatua dela, pintada de  negro, semellaría  perfectamente o personaxe de Catwoman,  a muller- gato,  a heroína que sempre vai enfundada nun traxe de coiro negro,e, dende logo,  non envexaría,  en absoluto, a interpretación que para o cine fixo no seu dia Michelle Pfeiffer ou, mais recente,  Anne Hathaway.

¿ E que me dis de Louzán, unha estatua coa  forma esférica (que de si xa ten)  da sua cabeza e o seu ritus case imperturbable, coma de robot, pintada de amarelo e vermello e clavado a Iron Man, o home de ferro …  ¡¡se ata ten os seus andares!!.

Evidentemente non podía faltar o teu mentor, Xosé Manuel Cores Tourís, con esa barbiña e bigotiño, co seu andar altivo e señorial,  parécese totalmente ao nobre hispano D. Diego de la Vega, a personalidade debaixo da cal se esconde “El Zorro”, non  me negaras que si lle pos un anteface, un sombreiro de ala ancha, unha capa (serve a que ten de cabaleiro do albariño)   e o montas a cabalo polas terras de Oubiña,  parece totalmente “El Zorro” atravesando o territorio da Baixa California.

Poderiamos seguir con cantidade de exemplos,unha estatua do patrón maior da cofradía, con esa planta e esa barba, con unha túnica  e un tridente, parecería totalmente Neptuno, o deus do mar, aínda que dáme a sensación de que este señor, fai moito tempo que  xa non se acerca ao mar nin para mollar os pes.

Pénsao,  querido alcalde, ata poderiamos intentar facer uns decorados para darlle a Cambados un aire como de Nova York, total, o barrio chino xa o temos.

Na espera de haberte sido de axuda despídome.

Ricardo Domínguez Rey. 

Víctor Caamaño (BNG) anuncia novas accións polo Pinal de Maza


Aragunde di que non houbo movemento de terras

O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para  obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).

En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.

Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.

Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.

Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).

Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.

Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.

Pinal de Maza: As obras non teñen licenza pero segundo Aragunde “non exisitiu movemento de terras”


O goberno tiña pendentes varias preguntas do Bloque sobre o espiñento tema do Pinal de Maza, no cal un concelleiro do PP e a muller de Cores Tourís a través de dúas empresas, desmontaron un bo cacho de monte para transformalo en viñedos. Aragunde foi moi escueto en case todas as súas respostas (que podedes escoitar a continuación).

O alcalde declarou que as obras NON teñen licenza municipal nin informes favorables nos organismos cometentes na materia (Consellaría de Medio Rural, Consellaría de Medio Ambiente, e Patrimonio). Tamén respondeu negativamente cando foi preguntado sobre se existe algún estudo que xustifique en base a interese público a conversión dunha área de protección forestal a outra de usos agrarios. Outro escueto “non” pronunciou Luís Aragunde ao ser preguntado se o goberno local modificou as Normas Subsidiarias que afectan á zona do Pinal de Maza.

Vista de Maza a comezos de verán

Do mesmo xeito “non” foi a resposta á pregunta do BNG “En caso de que non tivera licenza municipal, ditou o Concello unha orde de paralización das obras?”. O interesante é que Aragunde tamén contestou “non” ao ser preguntado sobre se o Concello abrira expediente de legalización das obras. É dicir, basicamente o goberno local non fixo nada a respecto das obras sen licenza no Pinal de Maza, que están impulsadas polas empresas dun concelleiro do PP (Juan Ramiro Gómez) e da dona de Cores Tourís.

O sorprendente chegou ao final das preguntas, cando Luís Aragunde anunciou que tiña no seu haber un informe do técnico municipal no cal se afirma que as obras no Pinal de Maza non constituiron ningún movemento de terras na zona, si, seguramente, un acondicionamento do terreo.

Nota legal: O audio que se pode escoitar nesta entrada foi recabado en Internet, onde foi subido anonimamente.

Dous exemplos de confusión PP-Concello


Que o Partido Popular emprega o Concello como se o tivera en propiedade, é algo  máis que patente. Estes días dúas imaxes corroboran esta teoría. A primeira delas é a do asesor persoal do alcalde (un cargo de confiaza, de libre designación, pagado por todos os cambadeses), acompañando a Luís Aragunde e outros membros da comitiva do PP no día das eleccións. Esta persoa traballa supostamente para o rexedor de Cambados e non para un grupo de apoderados do PP, polo cal a súa presenza nesta comitiva é un síntoma máis da inexistente separación entre partido e Concello, ou máis ben, de como o PP emprega os recursos de todos no seu beneficio. Esta persoa estivo acompañando a comitiva popular durante todo o domingo.
Por outra banda, a segunda é a imaxe de La Voz de Arousa hoxe na que Aragunde, Louzán e Tourís aparecen na sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Deputación e Esperanza Salnés. Tourís na actualidade non posúe nin cargo institucional, xa que cesou hai semanas como Delegado da Xunta e aínda non é sequera parlamentario. En calidade de que aparece nun acto institucional como o reflectido na prensa?

Os anciáns do asilo sendo levados a votar, en vídeo


É algo que sempre se comentou en Cambados e que moitos votantes de San Tomé viron en repetidas ocasións. Acontece en máis lugares e aínda que na maioría das veces é unha práctica nos lindes da legalidade, a moitos semella que está fóra de toda ética. No caso de San Tomé, trátase do transporte (noutros lugares denominado “carretaxe”) de anciáns do asilo para votar. Testemuñas ao longo de anos dan fe de casos de persoas que non están nas condicións físicas e sobre todo mentais para exercer libremente o dereito ao voto. Nos últimos tempos parte dos anciáns do asilo votan por correo pero as monxas aínda levan a votar in situ a moitos deles, que veñen do asilo co voto preparado. Agora hai un vídeo que pon imaxe a todos eses rumores ou comentarios, que xa está a circular con forza nos círculos cambadeses das redes sociais. No vídeo aparecen (semella que por casualidade) o alcalde Aragunde, Cores Tourís, Rosa Oubiña e o teniente de alcalde, acompañados polo asesor do alcalde.

Xa que se fala nesta entrada de ética, a moitos nos resultou clarificador ver como se mestura totalmente Concello e Partido en Cambados, neste caso ao ver ao secretario persoal do alcalde (cargo de confianza sufragado por todos os cambadeses) acompañar a Aragunde durante a xornada electoral (domingo) nas súas visitas aos colexios electorais. Computaron tamén estas horas de “traballo” (de partido) como horas extra?

O Salnés conta con catro deputados electos


A nosa comarca enviará a dous deputados e dúas deputadas ao Parlamento Galego. Iso é o que ditaron as urnas o pasado 21de Outubro, pero podería verse modificado pronto se o previsible próximo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, volve a pedir aos seus futuros conselleiros que renuncien á acta de deputado. Nese caso algúns poderían dimitir e outros novos nomes poderían aparecer na cámara,  como por exemplo o da ex deputada Rosa Oubiña, que non foi electa o pasado domingo. Seguir lendo

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.