O alcalde Luís Aragunde, a raíz do caso de Pinal de Maza, negara que houbera nesa parcela movementos de terras como afirmaba o voceiro do BNG. Lembrar que nesta polémica os nacionalistas denunciaban unha tala masiva e un movemento de terras sen licenza municipal, e con implicación dun concelleiro do PP de Cambados (Juan Ramiro Gómez) e da muller do delegado da Xunta Cores Tourís. Hoxe, o BNG aportou as probas que demostran que Luís Aragunde mentiu tamén neste caso. Ademais, os movementos de terra foron previos á concesión dunha licenza municipal, algo que incumpriría de xeito flagrante a Lei 9/2002 de Ordeación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 194). Seguir lendo
O voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, vén de presentar outro escrito solicitando información relativa ao caso Pinal de Maza. Concretamente, o nacionalista refírese aos expedientes nº 46/2012 (solicitado por Dismaterra SL) e o nº 81/2012 (solicitado por Cancelo CB) sobre plantación de viñedos. Lembrar que desde o Bloque se denunciara que se realizara unha obra sen existir licenza municipal e sen solicitar os pertinentes permisos medioambientais e a Patrimonio. No caso estarían implicados un concelleiro do PP de Cambados e familia do delegado da Xunta, Cores Tourís. Seguir lendo
O BNG de Cambados, por medio do seu portavoz Víctor Caamaño, denuncia outra vez que o Centro de Información á Muller segue funcionando igual que nas dúas últimas lexislaturas: non abre até que a Xunta non envía a subvención, o cal adoita acontecer cunha demora de meses. Seguir lendo
A reforma da Cultural adquiriu onte o matiz máis personalista coa re-inauguración da nova sede. Unha inauguración na que tomaron parte o presidente da Asociación, Luís Somoza, o Presidente da Deputación (institución que financiou cun millón de euros a obra), Rafael Louzán, o alcalde Luís Aragunde, o delegado da Xunta Cores Tourís e e deputada do PP Rosa Oubiña. Seguir lendo
O alcalde de Cambados visitou onte unhas obras na parroquia de Oubiña e declarou que “non vou marchar 15 días de vacacións pola campaña” en referencia aos avisos dados pola Xunta Electoral de Cambados a el e a Tourís polos continuos incumprimentos da lei electoral vixente. Esta Lei prohibe este tipo de visitas en período electoral que teñen por fin resaltar logros do goberno, pagados con cartos públicos, en beneficio dun partido político. Seguir lendo
Unha denuncia deste fin de semana do BNG volve a poñer de manifesto que o PP realiza actos ilegais en campaña, tal e como ditaminou a Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Cambados. Hai días acontecía o mesmo coa visita de Tourís á Cultural, e agora trátase da visita do delegado da Xunta e ex alcalde a obras de Beleco e Fefiñáns acompañado do actual rexedor, Luís Aragunde. Segundo a XEZ ambos incurren en actividades prohibidas pola normativa electoral, xa que se trata de visitas a obras financiadas con cartos públicos en campaña electoral. Seguir lendo
Iníciase hoxe a publicación das respostas ás preguntas que Cambados(tk) remitiu aos candidatos á alcaldía de Cambados. Serán dez as cuestións que se plantexan e vanse ir publicando aos poucos, coas preguntas agrupadas máis ou menos coas temáticas que se tratan.
Lamentablemente, igual que en 2007, non contamos coas respostas do candidato do PP. Antes Tourís e agora Aragunde, ignoraron a proposta deste espazo na web a pesar de que foron notificados correctamente, polos mesmos medios e no mesmo prazo que aos demais candidatos.
Pregunta 1. Como valora a xestión do actual goberno? É necesario un cambio?
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
……
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. O Goberno de Aragunde, é unha fotocopia e goberna ao dictado de Tourís, nin aportou nada novo nin o deixan que o intente. Aragunde limítase a seguir na mesma senda de creerse en posesión da verdade e practica os 4 principios esenciais que Tourís implantou: mentira, insulto, manipulación e publicidade permanente.
Polo tanto a valoración é negativa: prometeron montes e moreas para gañar as eleccións e todo está incumplido:nin temos Centro de Día, nin edificio de servizos sociais, nin transporte adaptado, nin políticas de xoves e maiores, nin Depuradora en Vilariño-Ribadumia, nin vivenda sociais, nin tan siquera repuxeron o PAC de Pediatria: un engano masivo á cidadanía. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O BNG fai un balance claramente negativo da xestión do PP no concello de Cambados por moi diversas razóns, entre elas: porque non pensaron no cidadán á hora de facer política e o resultado son 1.500 parados e paradas, porque as súas actuacións no ámbito do marisqueo, comercio e industria foron nefastas para estes sectores, porque paralizaron urbanisticamente o concello, porque non o sanearon, porque o endebedaron por riba do razoable, porque seguen a practicar sen pudor unha política de contratación baseada no “enchufismo “, porque transformaron a festa do Albariño nunha convención do PP, porque ocultan datos públicos á oposición, porque utilizan o concello con finalidade partidista, porque non crearon canles de participación cidadán, porque non tratan por igual a todos e todas, porque benefician economicamente aos seus partidarios…, en fin; e por moitas cousas máis.
É urxente un cambio de goberno municipal; o Concello de Cambados necesita ser saneado a todos os niveis. Máis información no blog de Víctor Caamaño.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Así o confirma un pequeno (e moi revelador) estudo que realizou o profesor e blogueiro Filipe Díez. Dito estudo contabiliza toda a actividade dos senadores por Galicia na Cámara Alta durante esta lexislatura.
Xosé Manuel Cores Tourís, actual delegado da Xunta e ex alcalde (integra agora as listas do PP en Cambados nun posto “honorífico”), é xunto con dous compañeiros de partido, o senador menos traballador da cámara. Ao seu favor comentar que só dispuxo do seu escano un dos catro anos de lexislatura, posto que renunciou ao posto no Senado en Abril de 2009, pero aínda así a cifra é lamentable: durante ese ano o único que fixo o señor Tourís en Madrid (parte de cobrar o soldo) foi presentar unha pregunta oral en pleno.
Ademais, na ficha de Tourís no Senado tamén se recollen vinte preguntas ao goberno , estas non están incluidas no estudo de Filipe Díez por non aparecer na fonte consultada por el (tamén oficial). De todas formas, son preguntas asinadas por tres senadores e como comenta o propio Díez son “textos feitos polos gabinetes dos partidos e que o único “traballo” dos senadores é asinalos, polo que o seu valor é en calquera caso moi relativo.”
Se eliminásemos da lista aos senadores que deron baixa antes de rematar a lexislatura -caso de Tourís- o menos traballador sería e ex presidente da Xunta Manuel Fraga con tres intervencións.
E no outro polo, o que máis traballou: o único senador de que dispón o BNG na Cámara Alta. Xose Manuel Pérez Bouza realizou máis comparecencias, intervencións, preguntas…que os 21 senadores galegos de PP e PSOE xuntos, en concreto 408 incluíndo unha proposta de reforma de estatuto. O pequeno estudo de Filipe díez adxunta ademais unhas gráficas que permiten visualizar perfectamente o traballo dos senadores por grupo.
Para ver o estudo do rendemento dos senadores galegos, preme aquí
Filipe Díez publicara semanas atrás, trala pequena campaña do #eurodiputadoscaraduras en Twitter, outro estudo relativo ao rendemento dos deputados europeos. Podes lelo premendo aquí. Como adianto, aproban 9 de 50.
Analizáronse dúas pezas de propaganda electoral do Partido Popular, unha do ano 2003 (programa) e outra de 2007. Nos programas e nas campañas do PP sempre hai unha ou dúas “obras faraónicas” proxectadas, grandes infraestruturas que nunca chegan a cumprir (nalgún caso como o dos portos deportivos, por fortuna, tamén hai que dicir).
Programa 2003
Obra estrela: Proxecto Porto Deportivo. Na última páxina do seu programa, sen ningún tipo de explicación, aparece unha foto de satélite do porto de Tragove ao cal se lle engadiu unha nova parte de espigón (de dimensións considerábeis) e unha gran praia artificial resgardada, mirando a Cambados. Podes premer na fotografía para ampliar.
Outras promesas esquecidas: Unha moi gorda, a da Sede para o Consello Regulador do Viño Albariño, que se supoñía que estaría no Pazo de Torrado e finalmente o PP levou para Pontevedra. Dúas relacionadas: “Solo para vivendas sociais” e “Máis vivendas sociais”, algo que non só non se levou adiante senón que o goberno local rexeitou un plan do bipartito para facer vivenda pública na zona da Grenla.
Unha tamén recurrente: “Aparcamentos soterrados en A Merced, A Xuventude e na Avda. de Galicia (fronte á Sociedade Cultural)”.
Obras estrela: O PP, na última páxina do boletín que repartiron no propio mes das eleccións, prometía unha “Área Lúdico-Comercial con zonas verdes e peonís” que incluiría segundo eles “600 plazas de aparcamientos [sic] soterrados e de superficie nas inmediacións da Praza de Abastos” e un “porto deportivo en Sto. Tomé”. Podes ampliar a imaxe premendo nela.
Outra das obras estrela foi o centro de día que os conservadores prometeron construir no antigo matadoiro. A día de hoxe a Xunta non ten consignada unha partida para este fin a pesar de que na Festa do Albariño alcalde e conselleira prometeron outra vez construilo.
A falta do programa completo do PP de 2007 deixamos para outro artigo a análise pormenorizada das propostas incumpridas destes catro anos. Se ti tes o programa podes poñerte en contacto con Cambados(tk) no email cambadostk@gmail.com para facilitárnolo.
Rematar esta publicación cunha frase que José Manuel Cores Tourís escribía na carta electoral aos veciños hai catro anos: “Síntome satisfeito de poder asegurar que, a diferencia doutros, o Partido Popular sempre cumpre cos seus compromisos”.
O Senado aprobou onte a iniciativa do Congreso dos Deputados de eliminar o dereito ao voto dos emigrantes nos comicios locais.
Esta medida xa vai afectar ás eleccións municipais de Maio de 2011 e mellora sen dúbida as expectativas de cambio de goberno, xa que tradicionalmente esta partida de votos que chegaban do exterior beneficiaban case en exclusiva ao Partido Popular (en 2007 o PP levouse máis do 75% destes votos, sumando 147 papeletas).
E é unha boa noticia non por iso, senón porque remata coa inxustiza de que un grupo de persoas que descoñecen a realidade dos Concellos decidan en pé de igualdade cos veciños. A veciñanza ten que ser o requisito indispensable para exercer o voto nunhas eleccións municipais.
VIAXES DOS CARGOS DO PP AO EXTERIOR
Queda por ver agora se os cargos do PP seguirán viaxando periodicamente ao exterior para entregar supostas axudas á emigración (e que a oposición calificaba como intercambio de votos por axudas). Aragunde e Tourís viaxaron nalgunha ocasión a Arxentina, na última a súa visita tiña como principal eixo central un Xantar de Confraternidade e o gasto derivado da viaxe foi o triplo da suposta axuda que ían entregar alí.