//
arquivo

TVG

This tag is associated with 18 posts

Cambados noutro documental da TVG, desta volta sobre o sector do mar


salitre

Logo de que a nosa vila aparecera nun dos documentais do programa Caixa Negra hai un mes e medio, daquela polo tema do narcotráfico, onte a Televisión de Galicia emitiu un novo documental pero desta volta sobre un tema moito máis positivo: o sector mar.

Cambados é protagonista dun capítulo de Salitre, un espazo monográfico que amosa a realidade dos portos galegos a través das historias dos seus protagonistas: os traballadores… mariñeiros, mariscadoras, conserveiros, depuradores, etc, etc.

Podes ver o episodio premendo nesta ligazón.

Pódese ver en youtube o documental censurado pola nova dirección da TVG


ProduccionesFrijito, así se chama o usuario que filtrou hoxe á rede o documental de A Caixa Negra que non se emitiu o pasado martes na Televisión de Galicia. O episodio subiuse en 6 partes duns dez minutos de duración cada unha, a que aquí se amosa corresponde cos dez primeiros minutos da explicación do que ocorreu  hai nove anos en Galiza co chamado Mal das vacas tolas. Podes ver todos premendo aquí, aínda que se prevé que tarde ou cedo os vídeos sexan retirados da rede.

Galego: lingua europea, lingua universal.


lusofoniaNos debates galegos (prensa, radio, televisión) sobre as eleccións europeas temos visto como a candidata do Partido Popular de Galicia, Carmen Fraga, ou non sabe ou non quere falar o noso idioma.

Facíame graza escoitar a Ana Miranda (BNG) falar de multilingüismo e prometendo que ela ía ser garantía de defensa dos intereses de Galiza EN galego no Parlamento Europeo; e ao seu carón un persoa que di que tamén vai defender este país na Eurocámara nin sequera ten a mínima decencia para expresarse na lingua que nos une aos galegos, non xa no Parlamento Europeo, senón nos canles públicos de comunicación de Galiza.

Somos moitos os cidadáns que gustariamos dun representante en Bruxelas que, como xa fixo no seu momento Camilo Nogueira (1999-2004), defendese a pesca, a agricultura, a gandería, o transporte, a cultura, a loita contra a crise e os intereses económicos do noso país e na nosa lingua, aínda que como no pasado teña que facerse valer a proximidade lingüística co portugués para poder pór en práctica con naturalidade o feito de que a nosa é unha lingua universal e non un idioma da aldea, como ao mellor pode pensar xente como Carmen Fraga, á que polo visto lle importa moi pouco coñecer e practicar a realidade da terra que pretende defender desde o seu euroescano.

Grazas a eles, aos supostos deputados galegos de PP e PSOE, levamos cinco anos ausentes do debate comunitario. O feito de que non se expresen nin reivindiquen alí (nin aquí, por que non dicilo) no idioma deste país é só un indicador máis da súa submisión aos intereses dos seus partidos e non da súa xente.

É hora de que o galego, como idioma, pero tamén como fondo do discurso político,  volva a resoar nas sedes do Parlamento Europeo. Sen dúbida, será o mellor para Galiza.

Os cambios na CRTVG seguen, desaparece o programa de música galega


“Chega o momento da despedida. Hai máis de tres anos principiabamos esta aventura. E agora chega o momento de dicir adeus, e dicir grazas (…) Grazas a tantos artistas galegos, a tanto talento. Somos un pobo de artistas. Cando chegamos houbo certas dúbidas. Había quen dicía que non había música galega de abondo para encher unha hora de programación diaria. E a verdade, e dígoo sen ningún pudor, é que botamos por fóra. A aventura continúa. Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para manter aceso este facho sonoro. Ata logho amigos, tres, dous, un, partíu”

Así despediu Xurxo Souto o pasado luns 1 de Xuño o programa Aberto por Reformas da Radio Galega, día no cal os novos directivos da CRTVG decidiron non só xa prescindir do mítico presentador, senón botar abaixo a filosofía do único programa de radio que trataba a música deste país. Aínda que o espazo segue a existir co mesmo nome, o día seguinte á marcha de Souto o novo condutor, Xusto López Carril, comezou xustificando cambios que virían; e tal hipótese confirmouse co primeiro artista que soou: Bruce Springsteen.

Isto, despois do que sucedeu co programa da Televisión de Galicia A Caixa Negra abre un escuro horizonte sobre o ente público galego e sobre todo fan que lembremos os episodios máis sangrantes da manipulación informativa que padecimos durante os gobernos de Manuel Fraga na Xunta. Diferentes artistas galegos amosaron a súa preocupación por esta desaparición dun programa que consideran fundamental para o avance da música galega.

Cal será o próximo espazo da CRTVG en caer? O Hai Debate, quizais?

 

No vídeo, entrevista de A Nosa Terra a Som do Galpóm, grupo que vén de sacar o seu primeiro disco e autores do último tema que soou no Aberto por reformas de Xurxo Souto.

A TVG cancela Caixa Negra trala toma de posesión da cambadesa Rosa Vilas como directora


rosavilasComentábase aquí hai uns días que a TVG viña de emitir un documental sobre a Operación Nécora onde aparecía a nosa vila. Ese programa, A Caixa Negra, presentado polo coñecido Gonzo, íase dedicar a repasar cada semana un acontecemento histórico do noso país facendo uso de testimonios de analistas e dos protagonistas dos feitos.

Desgrazadamente o programa só puido emitir até o momento dúas entregas (a do narcotráfico e a da semana pasada que repasaba o accidente do Casón). Onte a TVG tiña programado publicar o seguinte episodio, que ía versar sobre o caso das Vacas Tolas, pero en lugar disto apareceu a esa hora unha película de Clint Eastwood.

Segundo a nova directora da TVG tralo cambio na dirección da cadea pública “los criterios informativos cambian”, ademais de que a súa emisión podía molestar ao sector gandeiro “muy perjudicado por la crisis láctea y la fiebre porcina”.

Rosa Vilas foi subdirectora de informativos na Galega até 2005, esperemos que ese “cambio de criterios informativos” non signifique unha volta atrás na pluralidade do ente público, que non se volte á forma de facer da época do Prestige onde a TVG manipulaba e silenciaba determinados acontecementos. Desde logo, por moi cambadesa que sexa, a nova directora da Televisión de Galicia non comezou con bo pé.

Imaxe extraída de InfoPeriodistas

Cambados nun documental da TVG sobre a Operación Nécora


acaixanegra

O pasado martes pola noite estreouse na Televisión de Galicia un novo programa divulgativo chamado Caixa Negra, que repasará semana tras semana diferentes acontecementos da historia do noso país recollendo a opinión e as lembranzas dos protagonistas dos feitos.

Para a estrea deste programa que conduce o popular Fernando González “Gonzo”, elixiron a Operación Nécora e, por suposto (e por desgraza),  a nosa vila aparece en diferentes momentos do documental, así como as declaracións do cura párroco de Santa Mariña, José Aldao.

Aldao, que mantén que o problema das drogas está lonxe de ser solucionado, responsabiliza aos pais e aos avós dos rapaces porque poñen demasiados cartos nos seus petos:  “a que xogamos?” , pregunta o párroco de Cambados.

Ademais del, participan no programa persoas como Felipe Suárez (Radio “Arosa”), Enrique León (ex comisario xefe da UDYCO Galicia), Sito Vázquez (alcalde Vilagarcía 1979-1989), Carmen Avendaño (fundandora de Érguete) ou Vázquez Taín (xuíz Vilagarcía de Arousa 1999-2005).

Podes ver o capítulo dedicado á Operación Nécora premendo aquí.

Hai Debate 15/11/08


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Preme no logo para ver o vídeo

Mentiras democráticas


Onte tiven a oportunidade de escoitar por primeira vez en directo ao presidente do Partido Popular de Galiza nunha entrevista que a TVG lle fixo no programa dos luns á noite, Hai Debate. Núñez Feijoo non parou estes catro anos de oposición de intentar facer unha cousa: deslixitimar o cambio político do noso país. 
Repetiu onte varias veces que Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego perderon as eleccións de 2005 e foi o Partido Popular quen as gañou, xa que a lista popular foi a máis votada nos últimos comicios galegos.
Pero , ao igual que fixo durante a lexislatura, Núñez esquécese que a nosa non é unha democracia presidencial, aquí non goberna unicamente quen máis votos ten, senón que o ten a capacidade de formar goberno logo das votacións. Porque é necesario recalcar que non son os electores que desiganarán o presidente do noso país, ao igual que sucede no Estado son os parlamentos quen van votar unha ou outra persoa. E desde logo, mentres o Partido Popular non sexa quen de chegar a acordos coas demais forzas políticas, a Alberto Núñez Feijoo só lle quedará unha única opción para gañar as eleccións: obter unha maioría absoluta que hoxe parece difícil que vaia a acadar.
Ao avanzar a entrevista voltou a equivocarse ao vetar de antemán un debate a tres público durante a campaña electoral. Das súas palabras despréndese que só está disposto a debatir co actual Presidente da Xunta porque segundo el, Touriño e  el mesmo son os únicos candidatos con posibilidades obxectivas de gañar.
En resumo, primeiro obvia o noso sistema de elección e de seguido ignora a un vinte por cento do electorado que, recordemos, hai pouco máis de cinco anos e por un tempo de oito constituía en Galiza a segunda forza política, quen será o que decida de forma “obxectiva” que candidatos son presidenciábeis e cales non?
Estas son mentiras democráticas, é dicir, mentiras disfrazadas de grandes verdades da democracia que poden pasar desapercibidas por moita xente pero que no fondo non son máis que pura demagoxia. Un bo exemplo disto son as afirmacións que fan os voceiros da plataforma Galicia Bilingüe, que sen dúbida merecerían artigo aparte.
No seguinte post  podedes ver o vídeo do programa completo, e a continuación da entrevista un debate sobre sanidade pública da que tamén falarei outro día.

 

Nas redes sociais

Marzo 2023
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.