//
arquivo

Unha Grande Chea

This tag is associated with 32 posts

A un gaiteiro


Afortunada ou desafortunadamente teño unha vida tranquila, coas súas vantaxes e cos seus inconvenientes, cos seus sobresaltos e coas pautas de tranquilidade que tamén hai, paseino ben, paseino mal, o traballo non mata , levo dentro do que cabe unha vida tranquila procurando darlle un benestar os meus fillos e sobre todo levarme ben coa miña muller que o fin e o cabo é hoxe por hoxe a razón do meu existir, pero este artigo precisamente non é para falar de min nin dos meus, senón dunha persoa a cal admiro, quero e que me fixo e fai gozar durante moitos segundos, minutos, horas, dias , meses e anos da miña vida, unha persoa que unha vez que a coñecín, a miña vida no eido espiritual e material e sobre todo musical tomou un rumbo distinto, aló polos principios do 90 e subidos a un palco diante do concello en diante de trinta ou corenta persoas, non había mais,  un dia de San Roque vin tocar a cinco gaiteiros , era un grupo que se facía chamar Treixadura un  nome ben raro para min posto que non son home de agro e que ven a significar algo así como “variedade de uva branca, en acios grandes e moi pechos, de bagos alongados, duros e moi doces.

Coa treixadura faise un viño excelente” hoxe xa non significa o mesmo,  hoxe significa “O mellor grupo de música tradicional da historia do noso pais: Galicia”. Un destes gaiteiros facíaseme coñecido pois viñera coa extinta comparsa Unha Grande Chea no Entroido, era a primeira vez que na comparsa soaba a gaita, para min un home de Triana,  este gaiteiro era o fillo de Roberto e Pitusa os  do supermercado “Gesteira”, co tempo esa rapaz foi calando nas nosas  vidas  e cando podía sempre saia con nos. Un día os irmáns Cores,  Salva e Xocas, propuxeron  formar dentro da comparsa un grupo de gaitas e alí empezamos,  eles, Ulloa, Montse,   e mais eu  en principio a coller clases dun  gaiteiro que  non sei como non se volveu tolo o probe home de aturarnos, porque de verdade como alumnos  eramos sempre un caos a maioría do tempo que estabamos nas clases  estabamos a falar en vez de practicar, pese a todo naceu para a carallada un grupo de gaitas que evidentemente cando estaba este gaiteiro soaban doutra forma, pero o fin o cabo despois de engadirse un bombeiro moi especial como Domin e o “teatral” Manolo Pillado,  fíxonos tocar, que era unha cousa bastante difícil, o “culmen” tivémolo no primeira Serán Ramón Cabanillas que chegamos actuar de “”teloneiros” precisamente dun grupo xa consagrado, como era “Treixadura”.

Que tempos tan marabillosos pasamos pero vivir do pasado é estar preso nun calabozo que construímos nos mesmos e este gaiteiro ten moito futuro. Haber aprendido a a “darlle pausazos” o tamboril o seu carón para min foi unha das cousas mais marabillosas, aparte obviamente das familiares, que me puideron pasar na miña vida.

É tal a miña admiración por el que non vexo na música mais ala de Treixadura seguramente é unha eiva  para os demais,  para min é pasar intres vivindo na gloria cando os escoito, ata unha vez díxome Manu Fariña “Chon hai música mais aló de Treixadura”. Unha vez o coñecín mais a fondo a este fenomenal gaiteiro a miña admiración por el medrou, a súa sinxeleza e a súa modestia adornaban a súa grandeza como persoa, é ben certo que ten o seu lado unha muller que ven a ser un complemento perfecto aparte de ser tamén unha gran experta músical, adornados por dous rapaces encantadores que semellan dous anxos baixados do ceo expresamente para tocar a gaita.

Un gaiteiro ademais que non puxo peros para comprometerse coa súa terra pois leva o nacionalismo no corazón. Maña cumpre 40 anos e aínda que algúns “ignorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros” non saiban apreciar a súa calidade musical como mestre, para a maioría dos mortais este gaiteiro foi un regalo dos deuses celtas que deixaron caer o 29 de Agosto de 1971 neste marabilloso pobo de Cambados que el tamén sempre leva dentro da súa funda da gaita a onde vaia tocar.

Grazas amigo Xaquín por meternos nos nosos corazóns ese gaita que tantas veces nos fixo rir e tantas nos fixo chorar, grazas por formar parte da miña vida, grazas por facernos amar un pouco mais a nosa terra, grazas por abrirnos os ollos as nosas tradicións, grazas por agasallarnos a túa amizade e grazas por facernos a vida un pouco mais levadeira sobre todo nestes últimos anos, se a miña vida fora unha película ti sen dúbida algunha serias autor da música.

Adorna este Artigo un debuxo doutro gran artista Tomas Caula , outro mais de tantos e tantos admiradores que tes. Felicidades anticipadas Xaquín de corazón e deséxote que pases este día en paz amor e felicidade rodeado dos teus e dentro de moitos anos quizais  os meus netos ou bisnetos  vexan a estatua dun gaiteiro o lado da don Ramón Cabanillas e digan  con  orgullo “Ese gaiteiro foi amigo do meu avó”. Unha aperta amigo.

Xaquín Charlín. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguilo no seu blog, A ti meu Cambados

Emilio Insua recibe o sábado o Premio Ramón Cabanillas nun completo acto


Este sábado a partires das 21 horas vai ter lugar a entrega do VIII Premio Ramón Cabanillas que outorga a asociación de libreiros. Será no Auditorio da Xuventude e haberá poesía (recitarán Ramón Nogueira e Xose María Vila Ribadomar) e música (Aloia Ínsua e Manuel Antonio García Castro co saxo, Nacho González Castro coa zanfona e o acordeón, Miguel Costas ao piano e a actuación de Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira).

Falarán Francisco Fernández Rei (académico) e Saúl Otero (pintor e mestre).

Organizan as librarías Ramón Cabanillas e Contos. Colaboran Unha Grande Chea, o grupo Xironsa e o Concello de Cambados.

Entrevista a Manuel Fariña en UGCH


Sorprédenos hoxe a web de Unha Grande Chea cunha interesante e extensa entrevista a Manuel Fariña, candidato número 7 polo Bloque Nacionalista Galego ás vindeiras eleccións de Maio. Manuel Fariña ten 27 anos e é estudante de Maxisterio (carreira que comezou logo de rematar Ciencias Políticas). Ademais de estar involucrado agora na política municipal coa súa presenza na candidatura que encabeza Víctor Caamaño, Manu tamén está implicado no deporte a través do Club Xuventude de Fútbol e na cultura a través da súa afección á gaita e á música galega.

Na entrevista repásanse moitos aspectos da súa vida , o feito de que a súa nai (Rosa Mari) fora a primeira muller concelleira en Cambados, pero da vertente política resaltar a visión de Manu acerca do posible cambio que pode producirse en Maio: “O BNG protexería os recursos naturais, fomentaría o turismo con responsabilidade, o crecemento urbano sería tratado con maior intelixencia e sen comprometer o futuro, os recursos económicos xestionaríanse máis eficientemente, a vida cultural reactivaríase, habería maior seriedade nas contratacións, pasear por Cambados sería aínda máis reconfortante coa peatonalización, tantas cousas mellorarían”.

Ademais, Manuel Fariña (que por certo, ocupa o posto máis relevante entre os xóvenes da lista) amósase optimista de cara a cita electoral: “o PP ten a maioría absoluta por moi poucos votos, polo que conseguir que Cambados sexa xestionado dun xeito máis participativo socialmente e eficiente económicamente é moi posible a partir de Maio”.

Podes ler a entrevista íntegra premendo aquí

Xa podes ler o Contra-Bando deste ano


A asociación cultural e comparsa Unha Grande Chea vén de publicar o seu tradicional Contra-Bando (na alcaldía). Este ano é especial porque non vén asinado polo alcalde, como é usual neste documento que publican cada Entroido e porque sinalan que “este ano deixamos”, en clara refenrecia a un veciño de San Tomé, con cargo nunha asociación cultural da vila e que disque pronunciaba esa frase cada ano sendo presidente dunha comisión de festas.

O Contra-Bando de 2011 ten como tema central o tabaco e desde UGCH redactaron unha serie de normas “ante os malos fumes que se aveciñan” cheas de retranca e de referencias humorísticas a persoeiros do Concello, como é habitual.

Pero en lugar de contalo, o mellor é que cada quen lea o contra-bando por si mesmo e logo, de ser necesario, opine. Podes lelo seguindo este enlace que proporcionan na súa web.

O Entroido de 2011 en Cambados


O Concello anunciou un programa de entroido que incorpora a Confraría, Cultural e comerciantes. Pola súa banda a asociación Unha Grande Chea deixará este ano de organizar acto propio porque consideran cumprido o seu obxectivo de que “o Concello se puxera as pilas no Entroido” xa que a institución preparou actos para todos os días.

Aínda así, a mítica comparsa cambadesa si sairá as rúas (alguén o dubidaba?) e farao co motivo central da folga de controladores. Para iso están a construir un avión de case sete metros de longo que todo o mundo poderá ver o vindeiro sábado ás oito na Praza de Alfredo Brañas.

Pola banda oficial, o Concello comezará o venres cun baile na nave de Peña de temática hippy e na que actuarán os grupos La Comisaría, Esguince e Black Stones. O sábado os pequenos terán diferentes actividades no Pazo de Torrado e os maiores pola noite poderán asistir a un baile cos grupos Lembranza e Tsunami, no que se repartirán mil euros en premios.

O domingo haberá un desfile de carrozas que sairá ás 5 da tarde da escalinata de Santo Tomé e que pasará polas principais rúas do centro. O luns terá lugar o tradicional concurso de filloas e o martes unha festa para os máis pequenos organizada por Zona Centro. O mércores, o enterro da Sardiña.

Como nota crítica sinalar que a día de hoxe, a falta de menos de unha semana para que comecen os actos, a páxina oficial do Concello non informa de ningún deles.

Actualizado: Xa se pode consultar o programa oficial do Concello para o entroido seguindo este enlace.

UGCH "desvela" o primeiro tramo da lista do PP


Na páxina web de Unha Grande Chea publican hoxe, 28 de Decembro, o primeiro tramo da candidatura municipal do Partido Popular de Cambados. Din desde a asociación que o partido do goberno celouse do anuncio que fixo esta semana o BNG e decidiu publicar os nomes destas seis inocentes fichaxes.

Ocuparía o primeiro posto, como cabía agardar, o alcalde Luís Aragunde, e o resto da lista serían sorpresas inesperadas. O segundo de abordo, e nunca mellor dito, sería o patrón maior Benito González, que como recordan en UGCH ten unha importante traxectoria desde concorrer polo Bloque hai anos até a situación actual. O número tres sería o membro da citada Asociación Domínguez, que se situaría nese posto para equilbrar a presenza do Presidente, Xaquín Charlín, na lista nacionalista. De seguido iría Pepe Daporta, que fora nas listas do PSOE, Olga Costa (non vaia ser que lle toque novamente a lotería e se lle ocorra desta vez donalos cartos a PP para sufragar os gastos da campaña) e de sexta a “desterrada” Anabel Carro, a única ademais de Aragunde en repetir nunha candidatura do PP.

Estaríamos agora á espera de que fontes do partido conservador ratifiquen a lista. Máis información en Unha Grande Chea.

Víctor Caamaño presenta a "verdadeira alternativa ao goberno do Partido Popular"


Hoxe á tarde tivo lugar na sede do BNG a presentación dos seis primeiros postos da candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Cambados para as eleccións de Maio de 2011.

Víctor Caamaño, portavoz da formación e anterior candidato, repetirá como alcaldábel e farao acompañado da tamén concelleira e responsábel local do BNG María Xosé Cacabelos. Como número tres aparece o presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon) e como 4 Ernesto Falcón. Os seguintes postos son para Teresa Prado Cores e Josefina Cores Oubiña (podes ler máis adiante un pequeno resumo biográfico dos candidatos).

Caamaño salientou que esta non é unha lista “para saír do paso, nin moito menos”, senón que é unha candidatura de ascenso electoral. Un equipo preparado para rematar cun goberno Popular con “aires antidemocráticos” e baseado na axuda aos seus e en principios electoralistas.

O candidato a alcalde polo Bloque destacou que o traballo deste partido foi regular durante os catro anos de lexislatura.

Un dos eixos de goberno que levará o BNG ás eleccións de Maio é a da aposta pola mocidade deste Concello, xunto coa de que o Goberno Local sexa un axente dinamizador da economía.

Caamaño admitiu que un Concello non pode condicionar en moita medida os indicadores economicos, pero si, dixo, sanear os bancos marisqueiros para beneficio dos traballadores do mar (en clara referencia á polémica do Saco de Fefiñáns destas semanas), ou apostar por un Polígono Industrial non especulativo, a diferenza das políticas dos conservadores. Tamén prometeu apoiar de verdade ao comercio local e non limitarse a “facer catro rifas no Nadal”, por exemplo amosándose en contra da área comercial de Vilanova que os comerciantes da comarca rexeitan de plano. Ou poñéndose do lado das traballadoras en casos como o de Alfageme.

En resumo, Víctor Caamaño amosouse ante a prensa ilusionado e convencido de que o BNG é a única alternativa en contraposición ao goberno do Partido Popular.

Tanto Caamaño como o responsábel comarcal (terceiro pola esquerda na foto) comunicáronlle á prensa que serán informados conforme vaian publicando os nomes que faltan por saber da candidatura (once postos máis e suplentes).

OS CANDIDATOS – CURRÍCULO

Víctor Caamaño Rivas. Veciño de Cambados, traballa no ensino secundario (IES Asorey, onde foi director e xefe de estudos). É concelleiro e voceiro do BNG nesta lexislatura. É a súa segunda vez como candidato.
Milita en grupos ecoloxistas, foi vicepresidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e é autor de diferentes publicacións no ámbito da educación e da divulgación da ecoloxía e da natureza.

María Xosé Cacabelos. Veciña de San Tomé. Tralla como mariscadora (vicepresidenta da Asociación de mariscadoras a pé) e é fundadora e presidenta da asociación Guimatur. É responsábel local do BNG e concelleira.

Xaquín Charlín González (Chon). Veciño de Fefiñáns. É funcionario xudicial e Delegado da CIG Xustiza. Voceiro da plataforma Queremos Galego no Salnés, directivo do CJ Cambados, membro do Consello Escolar do IES Cabanillas, colaborador da Escola Municipal de Teatro e presidente da asociación Unha Grande Chea. Foi membro da Compañía Caracol de teatro e directivo fundador do Xuven.

Ernesto Falcón Padín. Administrativo de profesión vencellado ao sector da construción. Foi vicepresidente da Sociedade Cultural e vinculado ao mundo do ciclismo. Foi vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo e desde o ano 1992 directivo da Federación Española de Ciclismo.

Teresa Prado Cores. Veciña de Oubiña. Milita desde hai máis de vinte anos no Bloque Nacionalista Galego e actualmente é vicerresponsábel local. Colaboradora de diversas asociacións na parroquia, actualmente directiva na Asociación de Veciños de Oubiña.

Josefina Cores Oubiña. Veciña de Vilariño. Traballa como Directora Comercial dunha compañía de seguros. Colabora en diferentes labores asociativos, é secretaria da Asociación de Veciños de Santa María de Besomaño e da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia.

Podes opinar sobre este e outros temas no libro de visitas de CTK

Unha Grande Chea culmina o 25 aniversario cun partido de fútbol


Informan hoxe desde a web amiga Unha Grande Chea que pecharán os actos de celebración do 25 aniversario do colectivo cun partido de fútbol no Pombal. O trofeo (deseñado e realizado por Antonio Chaves Aragunde, pódese ver na imaxe) será disputado entre dúas seleccións, unha, a de clientes do Pub A Leria, e a outra formada polos propios membros de Unha Grande Chea e habituais do Bar Germán. Será a partires das 19 horas.

UGCH lembra que este ano organizaron tamén unha exposición de fotografías da súa historia, que tivo que ser feita no Café Continental pola negativa do Concello a ceder o Pazo de Torrado pese a non ser empregado para outros fins. Nese mesmo lugar organizaron un concerto que tivo cheo absoluto. Participaron na organización dos Premios Ramón Cabanillas (os de verdade, claro) e celebraron o Serán que leva o mesmo nome e que vai pola III edición.

Ademais, este mes a páxina web de Unha Grande Chea cumpre cinco anos, e foi durante este último ano da súa vida cando mudou de imaxe para mellorar.

Sen dúbida merecen, ademais de 25 tiróns de orellas, a noraboa por continuar a moverse (agora comenzaría o típico sermón de quen di que non hai que felicitalos porque o pasan ben facendo o que fan…eu entón felicítoos dobremente) e por seguir publicando e sendo tan prolíficos na web. Moitos anos máis para Unha Grande Chea!

UGCH na rede, un cambio a mellor


Anunciábase esta semana que Unha Grande Chea deixaba o seu lugar en Windows Live Spaces para mudarse á popular plataforma de blogs blogspot.

Pois ben, parece que a web da asociación xa funciona outra vez a todo gas e hai que dicir que o cambio é moi positivo. Non só o deseño máis atractivo que amosan, senón tamén a comodidade para o lector, xa que se eliminaron os carteis de anuncios de eventos da parte superior e agora pódense observar dun xeito moito máis elegante no lado esquerdo do espazo.

A marxe dereita resérvana para publicidade (calquera pode contactar con eles se está interesado en aparecer na páxina máis lida de Cambados) , para os seus álbumes do fotografías e para os enlaces. Ademais de todas as novidades xa solucionaron o problema que tiñan co redireccionamento, polo que a nova web é accesíbel desde o anterior enlance, www.unhagrandechea.org.es.

Parabéns, pois, para UGCH por esta evolución positiva.

REDE CAMBADESA NA INTERNET

O certo é que Cambados non pode queixarse de botar en falta unha mini rede de espazos. Aínda que por suposto que sería desexábel contar con máis webs, varias páxinas e sobre todo de variada temática ocupan esta rede. Por un lado a anteriormente citada, que xunto con Cambadosweb informan desde o seu punto de vista sobre temas de Cambados. E por outro páxinas da máis variada temática, como a nova de Adela Leiro con cantidade de material froito de anos de traballo, ou o blog de xeografía crítica de Maribel Iglesias (e a nova web sobre Asorey) e mesmo o blog onde o poeta Ramón Nogueira nos amosa parte das súas creacións. Ou espazos de negocios que son algo máis ca iso (bastante máis no caso do blog do Rif-Rock). E isto por non falar de todos os espazos en Facebook e outras redes…!

Quen son realmente os animais? artigo de Xaquín Charlín "Chon"


O luns pasado tiña lugar en Cambados un incidente desagradable ainda que non inesperado. Unha señora que tranquilamente paseaba  preto das inmediacións da Torre de San Sadurniño en Santo Tome-Cambados, foi brutalmente atacada por dous cans da raza bóxer que andaban soltos pola rúa. A actuación das maricasdoras que se atopan traballando no Sarrido salvoulle a vida así como a actuación dun vixiante da confraría.

Esto é resumido o feito en si, pero é convinte analizar o porque e as consecuencias do mesmo. Primeiramente parece ser e así está datada pola Protectora de Animais de Cambados, que non é a primeira vez que estes cans atacan a xente, concretamente noutro ocasión tamén atacarón a uns nenos sen que resultaran lesionados, primeira imprudencia por parte dos seus donos deixar a dous animais considerados perigosos soltos e sen boceira, imprudencia de carácter grave que nesta ocasión tivo consecuencias gravísimas sobre todo a pobre señora que tivo que ser internada no Hospital do Salnés.Despois a seguinte imprudencia grave por parte dos seus donos é ter uns cans considerados de raza perigosa e o parecer sen asegurar, e a terceira imprudencia é ter os cans soltos e nos estar nas inmediacións ou xunto os mesmos.

Preguntámonos, Quen son os encargados neste caso de se cumpla a legalidade vixente?, coidamos que a Policia Local de Cambados neste caso   debe ser a encargada de que se cumpra a normativa legal que existe neste Concello con respecto os cans perigosos. Foron multados os donos na primeira agresión? Serán multados os donos nesta segunda agresión? Son dúas preguntas que deixamos no aire, sen prexuizo das accións  xudicias que poida tomar a señora contra dos donos dos cans.

O que si está claro e que hai unha persoa desgraciadamente prexudicada cunhas lesións que poideron ocasionarlle a morte además do trauma psicolóxico que se lle pode ocasionar a esta muller. Se non estiveran alí as mariscadores que houbera pasado?. O que tamén está claro é que a Policía Local de Cambados ten que tomar cartas urxentemente no asunto, porque neste pobo os donos dos cans campan ás súas anchas.

A modo de exemplo o outro día viña un señor cun dogo argentino, raza sumamamente perigosa, atado pero sen boceira, eu chameille a atención  e díxome que era unha cousa que non lle incumbía, díxenlle que como seguira con el así pola rúa iba a chamar a Policía Local. Outro exemplo é que un amigo meu non é a primeira , nin a segunda, nin a terceira vez que é agredido por uns cans propiedade dunha señora na zona dos Caeiros cando ía a traballar, e así podiamos contar centos de exemplos.

Estamos fartos destas actitudes e que os donos sempre nos digan “Os cans non morden”, os cans son animais  e claro que morden se non se teñen nas debidas condicións  que sinala a lei e senón son coidados debidamente. A todo esto sen entrar nas innumerables defecacións caninas que atopamos se damos unha simple andaina polo paseo marítimo de Cambados. Os donos son ou deben ser responsables dos seus cans, senón que non os merquen, e a Policía Local debe poñerse máis “ao loro” a hora de facer cumprir a normativa vixente, e que non tomen os axentes como unha crítica senón mais ben como un recordo.

Xaquín Charlín “Chon” é presidente da Asociación Unha Grande Chea. O artigo foi tomado prestado da súa web.

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.