Episodio Piloto – Fefiñáns, Guatemala. Primeira entrega deste novo proxecto. Despois dunha breve introdución sobre CTKast, entramos de cheo no tema central; a peonalización (ou non) da Praza de Fefiñáns. Repasamos a polémica do mes pasado xerada entorno a pechar ao tráfico a Praza durante a Semana Santa e a crise de goberno asociada. Para afondar no tema de fondo, a peonalización, falamos con Iago Pillado Losada, un dos promotores da páxina de Facebook “Peonalización da Praza de Fefiñáns”. Para rematar, conversamos con Manuel Silva Rey, cambadés que leva xa tres anos na Cidade de Guatemala. Ao final do programa escoitamos un tema musical moi especial.
Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.
Reflectíamos onte en CTK os problemas que está a causar o antigo piñeiral de Maza, unha obra que o BNG non dubida en calificar de ilegal por carecer de licenza urbanística e aténdose ao que din as Normas Subsidiarias do Concello sobre o seu uso. Pois ben, Víctor Caamaño denuncia nun escrito presentado hoxe no Concello que o o propio goberno local está adicando tempo e cartos a paliar os problemas que ocasiona a auga e a lama que baixan desde Maza cando chove. En concreto, o BNG afirma que persoal do Concello acudiu en diversas ocasións á zona para resolver problemas, co cal o Concello destina recursos a isto. Tamén son coñecedores no Bloque de que se instalou este ano unha beirarrúa e unha arqueta na entrada da finca, e presentan unha serie de cuestións sobre estes temas para ser respondidas en pleno (que será este xoves).
Unha das preguntas fai referencia á presenza da Policía Local na zona pola anegación da capela de San Antón. Os nacionalistas quererían saber se existen informes ao respecto e se poderían consultalos. Tamén queren saber cantas veces acudiron os operarios municipais no outono a resolver problemas xerados en Maza. O BNG pregunta tamén pola arqueta da foto: en concreto piden saber a razón da súa instalación e a data. Tamén se a finca de Maza ten algún tipo de sumidoiro conectada a esta arqueta, e se solicitou permiso para facer isto. Por último, o Bloque sabe que unha excavadora estivo a levantar a beirrarrúa a carón de Maza, e quere saber se esta obra foi realizada polas empresas vinculadas coa deforestación da parcela (Dismaterra e Cancelo, relacionadas cun concelleiro do PP e o ex alcalde Tourís por medio da súa dona).
O voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, acompañado do seu compañeiro Xaquín Charlín, presentaron hoxe no rexistro dos Xulgados de Cambados unha denuncia polas presuntas irregularidades cometidas no piñeiral coñecido como “Pinal de Maza”. Este tema leva no debate político varios meses, trátase dunha actuación nunha grande parcela d’A Modia onde se talou unha grande masa forestal para plantar albariño. Este cambio de usos non sería presuntamente legal ao estar calificado o terreo como de protección forestal e non de uso agrícola. Ademais o BNG mantivo en todo momento que se levou a cabo un movemento de terras (hai fotografías que o proban) sen licenza urbanística. Todo isto coa peculiaridade de que son persoas vinculadas ao PP quen están detrás das obras: o concelleiro Juan Ramiro Gómez e o agora deputado do PP e ex alcalde Cores Tourís por medio da súa dona. Seguir lendo
Aragunde di que non houbo movemento de terras
O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).
En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.
Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.
Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.
Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).
Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.
Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.
O goberno tiña pendentes varias preguntas do Bloque sobre o espiñento tema do Pinal de Maza, no cal un concelleiro do PP e a muller de Cores Tourís a través de dúas empresas, desmontaron un bo cacho de monte para transformalo en viñedos. Aragunde foi moi escueto en case todas as súas respostas (que podedes escoitar a continuación).
O alcalde declarou que as obras NON teñen licenza municipal nin informes favorables nos organismos cometentes na materia (Consellaría de Medio Rural, Consellaría de Medio Ambiente, e Patrimonio). Tamén respondeu negativamente cando foi preguntado sobre se existe algún estudo que xustifique en base a interese público a conversión dunha área de protección forestal a outra de usos agrarios. Outro escueto “non” pronunciou Luís Aragunde ao ser preguntado se o goberno local modificou as Normas Subsidiarias que afectan á zona do Pinal de Maza.
Do mesmo xeito “non” foi a resposta á pregunta do BNG “En caso de que non tivera licenza municipal, ditou o Concello unha orde de paralización das obras?”. O interesante é que Aragunde tamén contestou “non” ao ser preguntado sobre se o Concello abrira expediente de legalización das obras. É dicir, basicamente o goberno local non fixo nada a respecto das obras sen licenza no Pinal de Maza, que están impulsadas polas empresas dun concelleiro do PP (Juan Ramiro Gómez) e da dona de Cores Tourís.
O sorprendente chegou ao final das preguntas, cando Luís Aragunde anunciou que tiña no seu haber un informe do técnico municipal no cal se afirma que as obras no Pinal de Maza non constituiron ningún movemento de terras na zona, si, seguramente, un acondicionamento do terreo.
Nota legal: O audio que se pode escoitar nesta entrada foi recabado en Internet, onde foi subido anonimamente.
O BNG recibiu resposta da Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística, pero non é demasiado satisfactoria xa que volve pasar a pelota ao tellado do Concello. Víctor Caamaño respondeu á Axencia que o goberno local demostrou até o momento pasividade e mesmo permisividade coa presunta infracción cometida en Maza, que salpica a un concelleiro do PP e á familia de Cores Tourís. Para Caamaño está claro que non é legal cambiar o uso do solo forestal para viñedo e que hai probas claras de que houbo movemento de terras (algo non conforme á norma). Para o BNG non é lóxico que a Axencia simplemente lle transmita ao Concello esta denuncia, porque o goberno de Aragunde leva desde Maio sen respostar sobre estas cuestións e, polo tanto, sen iniciar accións sobre o tema. Por isto, Caamaño pídelle a esta Axencia que inicie un expediente sancionador ou que polo menos se asegure de que o Concello vai facelo. Seguir lendo
O alcalde Luís Aragunde, a raíz do caso de Pinal de Maza, negara que houbera nesa parcela movementos de terras como afirmaba o voceiro do BNG. Lembrar que nesta polémica os nacionalistas denunciaban unha tala masiva e un movemento de terras sen licenza municipal, e con implicación dun concelleiro do PP de Cambados (Juan Ramiro Gómez) e da muller do delegado da Xunta Cores Tourís. Hoxe, o BNG aportou as probas que demostran que Luís Aragunde mentiu tamén neste caso. Ademais, os movementos de terra foron previos á concesión dunha licenza municipal, algo que incumpriría de xeito flagrante a Lei 9/2002 de Ordeación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 194). Seguir lendo
O voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, vén de presentar outro escrito solicitando información relativa ao caso Pinal de Maza. Concretamente, o nacionalista refírese aos expedientes nº 46/2012 (solicitado por Dismaterra SL) e o nº 81/2012 (solicitado por Cancelo CB) sobre plantación de viñedos. Lembrar que desde o Bloque se denunciara que se realizara unha obra sen existir licenza municipal e sen solicitar os pertinentes permisos medioambientais e a Patrimonio. No caso estarían implicados un concelleiro do PP de Cambados e familia do delegado da Xunta, Cores Tourís. Seguir lendo
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego de Cambados, Víctor Caamaño, compareceu ante os medios n’A Modia para dar conta dunha presunta irregularidade urbanística na que estaría implicado un concelleiro do PP e a esposa do ex alcalde e actual delegado da Xunta Cores Tourís. Seguir lendo
Víctor Caamaño pregunta ao alcalde de Cambados pola figura do arquitecto municipal, función que agora mesmo está a desenvolver o arquitecto Francisco Galiñanes. Dacordo coas facturas do propio Concello, este estaría a prestar asesoramento en temas de expedientes urbanísticos, licenzas e incluso ultimamente na legalización de edificacións “non legais”. Seguir lendo