//
arquivo

urbanismo

This tag is associated with 45 posts

Caamaño pregunta polo cambio de sentido do Paseo de Santo Tomé


O voceiro do BNG vén de presentar unha pregunta ao Alcalde na que se fai referencia ao moi recente cambio da rúa do Paseo Marítimo de Santo Tomé. Agora o Concello fixou só de un sentido (sentido San Tomé) esta estrada que acompaña ao Paseo. O voceiro do Bloque lamenta esta decisión, posto que segundo el este vieiro é o máis empregado polo veciños para viaxar cara o centro da vila, e agora terán que facelo pola Avenida de Galiza e o cruce de Catro Camiños está regulado por semáforos. Algo que cre Caamaño, pode realentizar o tráfico da zona.
O voceiro do Bloque pregúntalle a Aragunde se informou aos veciños de Santo Tomé deste cambio, cales son as vantaxes para eles da nova situación e se esta vai ser definitiva ou temporal.

65 traballadoras de Guau, á rúa


Esa é a mala nova que os xornais comarcais reflicten hoxe nas súas páxinas (recomendado o repaso á historia  asinado por Maruxa Alfonso na Voz). Sesenta e cinco traballadoras da conserveira Guau (cuxo nome é en realidade Alimentos Arousa agora) quedan sen empregos desde que o pasado 11 de Novembro a fábrica aparecera pechada. Din que de momento non se mobilizan porque non hai nin dirección nin empresarios contra os que manifestarse, pero desde a CIG si anuncian que presentarán demandas por despido improcedente. Seguir lendo

As obras da Avenida de Galicia causan agora cortes de auga


Nas últimas semanas as obras de remodelación da Avenida de Galicia, a arteria principal de Cambados, foron obxecto de polémica sobre a ideonidade do ancho das beirarrúas, do espazo para aparcamento, da pouca organización na planificación do tráfico… Seguir lendo

Sobre a remodelación da fachada marítima


Este é un asunto que, dada a súa traxectoria, xa ocupou liñas da antiga Cambados tk, alá polo verán de 2006. Naquel especial que sacamos para tentar debullar o asunto da renovación da fachada marítima cambadesa, colgabamos un recorte de La Voz de Arousa de 2004 (11 de Xaneiro) cuxo titular dicía así: “La Xunta proyecta para Cambados un área lúdica en el puerto como la TIR”. No interior da nova dicíase que o proxecto recollía a creación dunha zona comercial e lúdica con pubs, bares e minicines como a de Vilagarcía de Arousa. Ademais sinalábase que se faría un dragado para que puidesen entrar embarcacións a uns novos pantaláns. en San Tomé. O proxecto tocaba tamén o histórico peirao en T de Cambados, arredor do cal se instalarían edificios aos que se pretendía levar a zona da movida de Cambados. Seguir lendo

Plan do Litoral IV: Cambados e o POL definitivo



O pasado día 10 de Febreiro a Xunta de Galicia publicaba no DOG o decreto 20/2011 no cal se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Xa hai un ano comezaramos en CTK unha serie de artigos onde tratamos de explicar que era o POL e cales eran os precedentes na lexislación, como afectaba o POL provisional ao desenvolvemento urbanístico de Cambados e por último cales fora as posturas dos grupos políticos arredor deste importante asunto.

Lembremos que no caso de Cambados o POL ten especial relevancia posto que, ao non contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -e dos motivos de por que non o temos habería moito que falar- o futuro goberno de Cambados que saia das urnas en Maio verase obrigado a cumprir escrupulosamente o que no POL se diga á hora de redactar o PXOM. Polo tanto o que se di no POL é de obrigado cumprimento por ser unha norma de arácter superior e ditará o futuro urbanístico de Cambados.

Erros que continúan no POL definitivo

Tralo período de alegacións hai que salientar que, por desgraza, os maiores erros que se comentaban en Cambados(tk) hai un ano seguen a estar vixentes.

A zona do Campo Verde (e unha zona bastante grande en superficie, por certo) segue a estar considerada como Zona de mellora ambiental e paisaxística, na que en principio non se permite construir. O mesmo o ocorre con terreos na zona da Pastora-Os Olmos, que seguen a ter esta calificación nos mapas do POL definitivo. Son terreos que para nada condicionan a protección do litoral nin teñen características naturais que requiran esa definición, e que deberían ser zonas de crecemento urbanístico para o noso Concello.

A única mellora neste sentido radica na zona da variante do Salnés lindando coa Avenida de Vilariño (a estrada que pasa por detrás do instituto Cabanillas) que deixou de ser, do POL provisional ao definitivo, zona de mellora ambiental. [podes ver no mapa as zonas que se mencionan rodeadas por un círculo laranxa, preme na imaxe para ampliar]

As posicións dos partidos en Cambados

O alcalde, Luís Aragunde, dixo que non era certo que non se poida construir nas zonas mencionadas, e alegou que o artigo 63 do decreto do POL permite facelo. Pasando por alto que o artigo ao que se refire é en realidade o 64 (un lapsus teno calquera), é certo que si di que se permitirían excepcións, pero como di a palabra, son excepcionais e os futuros responsábeis do Concello atoparán un problema á hora de ordear eses terreos cando o único que tería que ter feito Aragunde era alegar ante a Xunta e que eses terreos foran considerados o que deberían ser: urbanizábeis.

Respecto á oposición, xa gabara no artigo de 2010 a política do Bloque porque era a única formación que estaba a referirse aos planos oficiais da Xunta e non a invencións (como Aragunde) ou simplemente a cuestións de menor importancia como a toponimia (PSOE). A actividade do grupo de Tabuyo hai que dicir que mellorou (…tamén é doado mellorar a nada) e ultimamente referíronse por fin a terreos concretos. O BNG e Caamaño seguiron co mesmo discurso, que é basicamente o que se ten explicado neste artigo, porque é o que responde á realidade dos documentos oficiais e que todo o mundo pode comprobar accedendo á web oficial do POL.

Como conclusións destacaría que:

-O POL mantén na versión definitiva erros que dificuldarán o desenvolvemento urbanístico de Cambados en zonas lóxicas, como Campo Verde, Pastora-Olmos, etc.

-Os erros poderían terse evitado se o Concello exercera o papel que lle corresponde e llos comunicara á Xunta de Galicia por medio de alegacións e outras accións. E tamén se o Concello tivera redactado xa o PXOM, que por certo o PP prometeu aprobar nesta lexislatura que remata.

-A oposición, especialmente o Bloque, está a exercer o papel que lle correspondería aos de Aragunde: velar polos intereses de Cambados.

*Documentos

Ademais de poder acceder a eles (non sen algo de complicación) desde a web oficial, deixamos aquí os do noso Concello:

-Plano de Cambados. Inclúe Corbillón e Vilariño

-Plano de Castrelo.

*Os artigos de 2010

Febreiro de 2010 (Sobre o POL provisional)

Plan do Litoral I: Unha lectural xeral

Plan do Litoral II: A influencia en Cambados

Plan do Litoral III: As posturas en Cambados

Quitarán os cables…os coches seguirán en Fefiñáns


O Concello anunciou un acordo con Unión Fenosa e coa Xunta polo cal se poderá realizar por unha banda a retirada do transformador que está situado a carón da Torre da Homenaxe e por outro lado eliminar os cables eléctricos aéreos da zona da Praza de Fefiñáns. Unha medida que foi reclamada en máis de unha vez pola oposición. Unha medida positiva, agora falta que se cumpra o prometido, xa que en 2005 fíxose un anuncio das mesmas caracterísiticas do que a prensa comarcal dicía “en las próximas semanas, el Concello y Unión Fenosa firmarán un convenio de colaboración para eliminar el transformado”. Esperemos que en cinco anos non se volva a anunciar a obra.

O que aínda non puidemos escoitar foi un anuncio da eliminación dos vehículos rodados na Praza e nas inmediacións, que é reclamado por unha maioría social e sería beneficioso para o turismo e para o comercio da zona.

Lembra que podes asinar online  pola peonalización seguindo este enlace ou unirte ao grupo en Facebook da causa.

Poderase construir en Alimentos Arousa


No ano 2000 un grupo de empresarios relacionados co sector inmobiliario mercaban a empresa Alimentos Arousa, que atravesaba por unha forte crise laboral.

Daquela, os novos donos xa comunicaran ás traballadoras a súa intención de construir unha nova fábrica no polígono e trasladarse fóra do centro de Cambados. Eran ben coñecidas as intencións dos empresarios de empregar o terreo da fábrica para a construción e venda de vivendas e o tempo non fixo máis que confirmar esta información.

En 2005 presentaron un proxecto de urbanización pero a oposición veciñal desembocou no rexeitamento do Concello en 2006 de dito proxecto. Os veciños protestaba porque contruir na fábrica supoñía desenvolver toda a mazá como unidade de xestión.

Agora, a Xunta vén de aprobar unha modificación ás Normas Subsidiarias que abre a porta á recalificación dos terreos e a posíbel urbanización de Alimentos Arousa.

Cheiros: A TVG faise eco das queixas e un lector escribe para apuntar unha posíbel solución


Hoxe acudiron a Cambados os reporteiros da Televisión de Galicia (TVG) para facerse eco dos malor cheiros que seguimos a padecer os veciños e veciñas do centro da vila.

Na nova, emitida neste mediodía no programa Galicia Noticias, ademais de verse reflectida a opinión de varios viandantes aparece o presidente dos comerciantes de Cambados Zona Centro, Marcos González, quen mantén que os malos cheiros poden provocar unha mala imaxe á xente que vén de fóra.

Podes ver o vídeo premendo no logo:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

OPINIÓN DUN LECTOR SOBRE AS OBRAS

Sobre a anotación que se facía esta semana acerca das obras no Pombal para arranxar o problema dos cheiros, un lector achéganos a súa opinión. Dicíase esta semana que os operarios traballaban levantando a rúa e cambiando tuberías para rematar cos cheiros, e esta persoa afirma que o que habería que facer sería unha “pequena obra”  que consistiría en “cambiar o burato de lado da alcantarilla” e logo “éngadese o bote sifónico e adeus cheiros”.

Sinala ademais que non cre que sexa necesario cambiar toda a rede de saneamento, senón revisar e levar a cabo esta obra en cada punto negro dos cheiros, posto que tan só consistiría en cambiar as alcantarillas e poñer un bote de plástico fronte a unha grande inversión, e ademais sentenza: “que non nos den gato por lebre e volten a levantar tódalas rúas”.

Se coñeces a solución para o problema ou queres achegar a túa opinión, podes facelo a través do email cambadostk (arroba) gmail.com, a través do Facebook ou como un comentario a esta anotación.

O Concello recoñece por fin que os cheiros teñen que ver coa rede de saneamento


Hai máis de cinco anos que comezamos a sufrir os pestilentes cheiros ao longo do centro da vila. E se ben é certo que xa non son o que eran (tod@s recordaremos o insoportábeis que se facían alá polo 2005 e tamén a resposta cidadá que se creou) igual de certo é que hoxe en día os cheiros seguen a existir. A creación dunha nova planta de depuración din que pode atallar o problema, pero o que o goberno cambadés sempre negou é que a rede de saneamento tivera algo que ver cos cheiros.

Pois ben, hoxe, no ano 2010, despois de un lustro, o goberno local recoñeceu que algo terá que ver toda a rede de tuberías instalada debaixo das rúas máis céntricas. Despois de negar mil e unha veces que iso fora unha causa probábel, que eles só souberon achacar a verquidos de empresas da zona, hoxe publicaba o Diario de Arousa como o Concello está a levar a cabo obras de mellora na Rúa do Pombal “para combatir así los malos olores “.

Só hai que buscar nas hemerotecas e comprobar como o que se di aquí non é invención. Corría o ano 2005 e o entón concelleiro de Medio Ambiente, Luís Aragunde, acusaba a oposición de BNG e PSdG de “crear alarma social”, xa que segundo el “rede de saneamento e pluviais do municipio cambadés «está en perfecto estado»”.

Aínda que semella ser algo tarde para este cambio de actitude, a verdade é que é reconfortante ver como a pesar de todo o que se dixo nestes cinco anos, ao final triunfa aquelo de “o tempo dá e quita a razón”.

Lembrarlle ao goberno local que non só existen cheiros hoxe en día na zona da Ribeira de Fefiñáns, hai outros lugares que seguen a sufrilos (por exemplo na Avenida de Vilariño) e máis valería unha revisión profunda da rede en toda a cidade que poñer simples parches. Os cartos do Plan E, que vemos que moitas veces se gastan onde non fan falla, virían de perlas neste caso.

Documentos relacionados:

Nova sobre as obras no Diario de Arousa do 14 de Agosto de 2010

Comportas no Saco de Fefiñáns. Análise


O presente artigo non pretende senón aclarar algúns aspectos relacionados co proxecto de poñer comportas que regulen o paso de auga para o Saco de Fefiñáns.

Nas últimas semanas houbo unha certa polémica dentro do xogo político local entre quen defende o proxecto (goberno, Partido Popular) e quen o cuestiona (PSOE e BNG).

Tamén vimos que este cuestionamento non quere dicir necesariamente un rexeitamento do mesmo, senón que os grupos da oposición piden garantías para evitar que tanto o entorno como a produción marisqueira non se vexa afectada.

Pois ben, o primeiro que cabe preguntarse respecto o proxecto é…pode levarse a cabo xa sen actuacións relativas ao saneamento da zona (especialmente do Río Ucha)?

AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Para que unha obra deste tipo poida pórse en práctica primeiro debería analizarse se cómpre unha Avaliación de Impacto Ambiental que xere o correspondente Estudo de Impacto e determine nunha Declaración se a obra é válida ou non.

Para non entrar en demasiados tecnicismos e referencias á legalidade vixente simplemente poñer enriba da mesa os datos necesarios. A lei que regula as avaliacións de impacto ambiental (Real Decreto 1/2008) estabelece no seu Artigo 3 que deberán someterse a esta avaliación os proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no Anexo I e no II se así é decidido polo órgano competente. Neste último, no Grupo 8 g.2 recóllese literalmente

“Outras instalacións destinadas a reter auga (…) con capacidade de almacenamento, novo ou adicional, superior a 200.000 metros cúbicos.”

Botando man de ferramentas tan pouco profesionais pero tan reveladoras como Google Earth pódese facer unha estimación da área que abarcaría o futuro recinto de auga regulado polas comportas. Pode comprobarse que dita superficie rondaría os 220.000 metros cadrados, e de asumir unha profundidade media cando as comportas estiveran fechadas superior a pouco menos de un metro (é ovio que será maior), o volume que encerrarían sería sempre maior que os 200.000 metros cúbicos requeridos pola Lei para aplicar a Avaliación de Impacto Ambiental á obra.

Parece pois, que a Avaliación é necesaria.

Neste caso, a autoridade competente de realizalo sería a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Obras Públicas, xa que é un proxecto de Portos de Galicia. Descoñe quen escribe estas liñas se a Administración do Estado tería algunha competencia sobre o asunto.

O que si está claro é a Declaración de Impacto Ambiental sería a día de hoxe, e como se argumentará máis abaixo, negativa.

Ademais esta obra, segundo a lei de Costas de 1988, debería levar asociado tamén un Estudio básico de Dinámica Litoral. Neste estudo, os puntos máis comprometidos para o proxecto serían algúns como “estudo da capacidade do transporte litoral”, “balance sedimentario”, “condicións da biosfera submarina”, “previsión de dragados”, ou “plan de seguimento das actuacións previstas”.

Como se dicía nos parágrafos superiores estes estudos determinarían na actualidade que a obra non presenta as garantías suficientes para levarse a cabo. E para isto non fai falla entrar en grandes explicacións nin en palabrería legal ou enxeñeril. Aquí plantéxanse algunhas das claves:

CORRENTES. A activación das comportas produciría correntes moi fortes nun radio importante que coa subida da marea arrastrarían fangos e lodos da zona do Porto de Tragobe, afectando ao marisco do Saco.

COLIFORMES FECAIS. É unha realidade que o río Ucha baixa contaminado. Un estudo aportado este mes polo grupo socialista falaba dunha concentración máis de 500 veces superior en coliformes fecais á permitida pola lei para augas de baño e para cría de marisco. É de pura lóxica pensar que ao fechar as comportas a concentración de coliformes no Saco aumentará, afectando ao marisco e quizais incluso facendo que as augas nin sequera poidan empregarse legalmente para deportes náuticos. E se este feche se fai coa marea baixa as consecuencias para o marisco poden ser desastrosas.

DRAGADO. Os sedimentos arrastrados polas fortes correntes que se producirían ao abrir as comportas irían a parar á dársena de Tragobe, sendo necesario un dragado periódico da zona. Este tipo de actuación ten un custo elevado.

MANTENEMENTO. Esta obra non é unha obra calquera, o seu funcionamento entraña unha serie de riscos importantes e un mal mantenemento podería ocasionar graves consecuencias. As comportas teñen que ser mantidas correctamente, comprobando as velocidades, aplicando a limpeza oportuna, engraxe, control dos sistemas de tracción, da estanqueidade… E é sabido por todos que o Concello de Cambados non é moi aplicado no mantemento das súas propias instalacións.

INUNDACIÓNS. Pechar auga no Saco durante un tempo prolongado provocaría un aumento no nivel freático dos arredores. Isto significa, en consecuencia, inundacións en garaxes e construcións subterráneas adxacentes.

Polo tanto, resulta difícil pensar que unha autoridade competente vaia dar o visto e prace a unha Avaliación Ambiental deste proxecto.

PROPOSTAS PARA O FUTURO

-Moito antes de plantexar esta obra, o Concello de Cambados debería velar por un saneamento integral da zona (senón xa de todo Cambados…) en especial do Río Ucha e do Saco de Fefiñáns. E para iso quizais cómpre agardar a que a nova EDAR estea en funcionamento, xa que a actual non demostra capacidade suficiente.

-Ademais, púxose de relevo a importancia do mantemento. Se o Concello actúa cas comportas como o fai habitualmente coas demais obras (mantemento cero) entón esta actuación convertirase nun problema e non nunha mellora.

-Mariscadoras e confraría deberían ser os primeiros en recibir a información adecuada. Das súas declaracións despréndese que non coñecen as potencialidades da obra ou que se moven por intereses diferentes dos do sector que defenden.

-Os grupos da oposición deberían ser firmes na defensa destes principios, como até agora parecen estar facendo. Peticións da Avaliación de Impacto Ambiental á autoridade competente (Consellaría) e no seu caso a Portos e en caso extremo denuncia ante o Ministerio de Medio Ambiente cos datos da análise química de augas na man e de ser posíbel Análise de dinámica litoral e dilución de contaminantes para probar que as comportas a día de hoxe agravarían a situación.

Primeira imaxe tirada de La Voz de Arousa e segunda de Google Earth (marca rexistrada)

Nas redes sociais

Maio 2021
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.