//
arquivo

Víctor Caamaño

This tag is associated with 134 posts

CTKast – Episodio Tres: Episodio Serenísimo


Imaxe

Presentación do Albariño 2015 (Faro de Vigo)

Episodio Tres: Episodio Serenísimo. Neste capítulo de CTKast falamos da organización da Festa do Albariño. Tratamos o resultado da Festa de 2016 así como os cambios introducidos nos útlimos dous anos polo goberno do cambio. Adicamos unha boa parte a tratar de analizar que é o chamado Capítulo do Serenísimo e que relación debe ter o novo goberno local con esta entidade.

O programa inclúe unha entrevista co tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, co que ademais do Albariño falamos da súa área de goberno.

Para rematar, viaxamos até Gran Bretaña, onde conversamos con André, cambadés que leva uns catorce anos vivindo e traballando en Inglaterra.

Ir a iVOOX para descargar

Podes escoitar este capítulo empregando o reprodutor que aparece enriba, ou tamén podes descargar o audio e escoitalo no dispositivo da túa preferencia cando teñas tempo libre seguindo este enlace. Non dubides en deixar comentarios coas impresións, críticas e ideas…tanto aquí como no Facebook ou Twitter.

Nota – Fe de erros : durante a gravación mencionouse que o custo das entradas ao Xantar é de “sobre 50 e 55 euros” e isto non é certo. O custo era de 50 euros durante os gobernos do PP e descendeu a 40 coa entrada do novo goberno (45 e 2016 polo donativo de 5 euros a Esperanza Salnés)

Máis información sobre os temas tratados:

Datos sobre o Xantar e outras cifras (info complementaria ao Espisodio 3)

O Capítulo Serenísimo rexeita retirar o nomeamento a Jaume Matas (2015)

Entrevista a Víctor Caamaño en Cambados(tk) (2012)

Xantar do Albariño de 2012, máis de 600 convidados (2012)

Lista de convidados ao Xantar facilitada polo Concello en 2010 (2010)

Xantar do Albariño: quen son e por que comen gratis? (2010)

O último pleno do ano case completo en vídeo


Como xa reflectimos aquí hai uns días, o alcalde non fixo nada por impedir que gravaramos a última sesión plenaria do ano, logo dunha polémica entorno a este tema. A propia prensa referiuse a este feito, no caso de La Voz de Arousa non dubidaron en calificalo como o máis relevante -máis ben era o máis incerto- do pleno (xa que os demais asuntos eran máis ou menos de trámite). Nos primeiros puntos tratáronse aprobacións de taxas ou novas regulacións. A taxa de realización de tarefas de control e verificación de actividades e tramitación dos expedientes de licenzas de apertura ou actividade, foi aprobada cos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra, porque considera que os cidadáns están a ver subas de impostos a diarios nun momento moi difícil, e PSOE abstívose. Este esquema repetiuse nos puntos seguintes. Tamén se modificou a taxa de outorgamento de licenzas urbanísticas (subiuse) e o mesmo aconteceu co imposto sobre construcións, instalacións e obras. Aprobouse unha nova ordenanza do procedemento para a concesión de licenzas de obras e de actividade, e de comunicación previa e declaración responsable. Todos estes asuntos están no vídeo “Varios (taxas…”. Seguir lendo

Víctor Caamaño: “Traballamos por un modelo de sociedade distinto”


Victor2Víctor Caamaño, a pesar de ter nacido en Noia, é cambadés, e aquí vive desde hai máis de corenta anos. Traballa como profesor no IES Francisco Asorey, na disciplina das ciencias naturais. A natureza é precisamente unha das súas paixóns, non en van é membro desde comezos dos noventa do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Estas dúas ocupacións, ensino e natureza, levárono a participar na publicación de diverso material sobre o tema, destacando os magníficos libros da editorial A Nosa Terra. Tranquilo e cordial, dialogante, pero tamén firme nas súas conviccións. Foi candidato do BNG á alcaldía de Cambados en 2007 e 2011 e é o voceiro desta formación no noso Concello.

Que valoración do goberno fas deste ano e medio de lexislatura?
Estamos nunha crise moi forte, non só económica pero quizais o económico marca máis que outro tipo de cousas. Aínda que ás veces semella que todo isto está fóra da vida municipal, quero deixar claro que aquí neste ano e medio de lexislatura o goberno de Cambados o que fixo foi tratar de  trasladar esas políticas ao Concello, sexa con suba de impostos, sexa con privatización de determinados servizos, ou sexa simplemente aceptando o que che impoñen aínda que consideres que é inxusto. Por un lado, hai ese papel de sumisión ao que veña “de arriba”, e polo outro o papel de continuas meteduras de pata e postas en evidencia do alcalde que viña con outra imaxe e comprobamos que realmente no Partido Popular non importa quen sexa o alcalde; os modos e as formas son as mesmas. PREME EN “SEGUIR LENDO” PARA VER A ENTREVISTA COMPLETA Seguir lendo

“Estamos relativamente contentos”, di Aragunde tras coñecer os tres despidos do Parador


Hai un días coñecimos a moi mala nova de que Paradores, unha empresa dependente do Estado, aplicará un ERE a parte da súa plantilla. Nalgúns casos péchanse centros, noutros os Paradores só abrirán sete meses ao ano, e na maioría despídese a parte do persoal. Cambados está nese último grupo, con tres despidos sobre os pouco máis de trinta traballadores. Precisamente a ese extremo, ao non-peche do hotel da nosa vila, agarrouse Luís Aragunde para facer unhas declaracións moi desafortunadas ao Faro: “Dentro de lo malo, porque hay tres personas que van a quedarse sin trabajo, en Cambados estamos relativamente contentos”. Na mesma liña se expresou o presidente dos comerciantes, Marcos González. Non debían estar pensando no traballador de mantemento, nunha empregada de limpeza e no director do centro cambadés, que van perder o posto de traballo fundamentalmente pola mala xestión da alta dirección de Paradores, intimamente ligada ao goberno de turno, na actualidade ao Partido Popular. Os traballadores teñen claras sospeitas de que esta operación é a preparación a máis recortes e á privatización total ou parcial da empresa. Seguir lendo

O BNG pregunta por Magariños e o PSOE por Torrado


O Bloque Nacionalista Galego rexistrou varias preguntas sobre o colexio de Magariños. Nos últimos días fíxose público na prensa o malestar no profesorado polas malas condicións da pista cuberta, que fixo que anunciaran a súa intención de dar a clase de ximnasia na aula e mesmo non permitir aos alumnos empregar a pista no recreo polo risco de accidentes. O BNG lembra que no verán a Consellaría anunciou a inversión duns 386.000 euros no centro pero que a día de hoxe non invertiu 200 mil dos prometidos, nin están adxudicados. Tamén lle lembra ao Concello que é responsable do mantemento do centro, e que nos últimos anos reduciu esta partida. Víctor Caamaño pregunta a Aragunde que medidas acometeu o Concello para o mantemente do centro, tanto na súa cuberta principal como da pista deportiva. Tamén quere saber cal é a situación das obras prometidas polo conselleiro de Educación para a pista cuberta, e se ten a Xunta orzamento para acometelas. Do mesmo xeito pide coñecer a data na que serán acometidas as obras. Por último Caamaño pídelle ao alcalde que o Concello se implique ao máximo para solucionar esta problemática.

O PSOE pola súa banda rexistrou varias preguntas para o vindeiro pleno. Nunha delas, Fátima Abal fai constar a grande siniestralidade da estrada entre a rotonda de Vilariño e o polígono de Sete Pías, e pide coñecer que medidas se van aplicar para reducila. Tamén fai constar da falta de pasos de peóns para os rapaces que empregan o autobús escolar, e a pouca visibilidade dalgúns tramos, como no cruce do bar Vilariño. Por outra banda pregunta a portavoz do PSOE sobre as obras que están causando molestias na Rúa Sevilla (estase acometendo unha nova pavimentación) e na Rúa Vicente Risco. Tamén volven preguntar (xa non é a primeira vez) polo mal estado das instalacións do parque Torrado, como os aseos ou o propio parque infantil, que pode causar situacións de perigo para os nenos.

Fátima Abal: “Ás veces dame a sensación de que os membros do goberno local non viven aquí”


FatimaAbalFátima Abal ten dous fillos e vive no barrio de Fefiñáns. En 2011 concurriu ás eleccións municipais na candidatura do PSdeG-PSOE como número 3 e obtivo a acta de concelleira. Hai un par de meses pasou a ser portavoz municipal logo do inesperado pasamento de Rafael Blanco, que desempeñaba esta función trala renuncia de Domingo Tabuyo. Fátima comezou a participar en política ano e medio antes da súa entrada na Corporación, segundo ela dun xeito casual. “É que desde a casa non se cambian as cousas” díxolle un coñecido cando falaban do mal que vían a situación. E púxose a disposición dun partido baseado nuns principios cos que ela coincide. Para “botar unha man no que fixera falta”. CONTINÚA LENDO A ENTREVISTA PREMENDO EN “SEGUIR LENDO” Seguir lendo

Víctor Caamaño (BNG) considera “inaceptable” que o CIM leve pechado todo o ano


O Centro de Información á Muller (CIM) leva todo este ano coas súas portas pechadas. O BNG considera este feito inaceptable, xa que aínda que apoia a decisión do goberno local de mancomunar o servizo con outros Concellos, ve totalmente erróneo paralizalo mentres non se leva esta cooperación a bo porto. Ademais, o Bloque sinala que isto leva acontecendo varios anos, nos que o CIM só funciona uns meses de cada exercicio. Segundo Víctor Caamaño, voceiro desta formación, hai dúas lexislaturas o Concello empregou o conflito do CIM politicamente contra a Xunta do bipartito, mentres que na lexislatura primeira de Núñez Feijoo o goberno local simplemente deixou de reivindicar e mantivo paralizado o servizo. Unha mostra, para o BNG, de que ao Concello lle interesa ben pouco este tema. Caamaño propón que o goberno local sufrague os custos do persoal mentres non reciba a subvención da Xunta, para non deixar a moitas mulleres sen esta ferramenta.

O Bloque pide coñecer a fondo o tema das horas extras do persoal do Concello


Víctor Caamaño (BNG) vén de presentar no Concello un escrito para preguntar media ducia de cuestións sobre o persoal do Concello. En primeiro lugar solicita coñecer a normativa na que se basea o goberno local para conceder horas extras a algúns traballadores. Tamén pide certificación das horas extraordinarias e dos incentivos de produtividade do persoal do Concello durante este ano, facendo constar o nome das persoas, o mes e a cantidade recibida. Pregunta o voceiro do BNG se existe algún tipo de rexistro ou fichaxe de persoal para coñecer as horas de entrada e saída, así como se este rexistro se efectúa á totalidade do persoal. Así mesmo, solicita coñecer por escrito cal é o horario do persoal do Concello nas súas diferentes estancias (Rúa Ourense, edificio da Mercede…).

Víctor Caamaño (BNG) anuncia novas accións polo Pinal de Maza


Aragunde di que non houbo movemento de terras

O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para  obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).

En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.

Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.

Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.

Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).

Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.

Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.

Vázquez (BNG) en Cambados, e Beiras (Alternativa) en Vilagarcía este domingo


O BNG realiza este domingo o seu mitin central de campaña en Cambados. Será ás 18 horas no Salón de Exposicións José Peña e contará coas intervencións do voceiro local, Víctor Caamaño, da candidata comarcal Montse Prado, e do portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Pechará o acto o cabeza de lista en Pontevedra, Carlos Aymerich. O BNG realizou esta semana o seu mitin comarcal. Seguir lendo

Nas redes sociais

Xuño 2023
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.