Hoxe é un dia triste pra a democracia, triste pra os que, como eu, creemos na democracia, na verdadeira democracia e nos verdadeiros políticos, políticos honestos e honrados que contribuían e loiten realmente polo mellor para o seu pais, e non polo seus intereses persoais.
Hoxe levanteime lendo na prensa que Tourís repetirá como delegado provincial da Xunta na provincia de Pontevedra despois de que, apenas fai dous meses, sairán a luz unhas gravacións que o relacionaban co cobramento dunhas comisións ilegais en relación cunhas obras realizadas en Cambados.
Evidentemente como todo cidadán, Cores Tourís ten o dereito á presunción de inocencia que recolle noso ordenamento xurídico e , seguramente, ao final non se lle imputará delito algún en relación con este asunto pero dende o punto de vista moral e social, sempre quedará a dúbida entre unha poboación que, cada vez mais (e sobre todo en tempos de crise), non se ve representada polos seus políticos. Ademais a actitude do “suposto” alcalde de Cambados, Luís Aragunde, negándose a que se constituíse unha comisión de investigación, como reclamaba a oposición, tampouco deixa en bo lugar nin a un nin a outro.
Aínda que isto non nos debía de sorprender a estas alturas da película, Luís Aragunde é, dende que tomou posesión do cargo, un “alcalde de palla”, un “pelele” que fai o que lle manda o seu amo e señor, que non é outro que o propio Tourís, e, loxicamente nunca morderá a man de quen o puxo aínda que fose so pra figurar.
Cores Tourís sempre defendeu a súa inocencia, negando totalmente todo o que recollía as gravacións; non serei eu (Deus me libre), o que lle diga a Tourís o que ten facer, pero se a min, me houbesen acusado do que o acusaron a el, ao dia seguinte comparecería ante a prensa (e non mais dunha sema despois) pra defender dita inocencia e anunciar a inmediata interposición dunha querela por calumnias; outra cousa é deixar correr e pasar o asunto, como se non houbese ocorrido nada, en fin, os seus motivos terá.
Cores Tourís é un malo, malísimo político, non porque non teña aptitudes pra desenrolar este ou calquera outro cargo político, senón polas súas actitudes, actitudes que xa amosou cando era o rexedor “oficial” de Cambados, o tratar ó concello coma a súa finca ou (o que é peor) como a finca particular do PP, iso , dende logo foi o que mellor lle ensinou ao seu pupilo Aragunde.
Se o propio delegado provincial da Xunta en Pontevedra, en vez de dar exemplo, é o primeiro que se salta a Lei, como o fixo no tema do Pinal da Maza, ¿con que autoridade pode pedirlle a administración a un cidadán de Cambados, de Poio ou de Porriño que cumpran cos todos os permisos a hora, por exemplo, de realizar unha obra.
Sinceramente que Xosé Manuel Cores Tourís e, tamén ( porque non dicilo), Rafael Louzán sexan os dous máximos representantes da provincia, non deixa en bo lugar a Pontevedra e, simplemente, desexo que algunha vez os pontevedreses teñan políticos que de verdade os representen.
Saúdos a todos.
Ricardo Domínguez Rey.
O Centro de Información á Muller (CIM) leva todo este ano coas súas portas pechadas. O BNG considera este feito inaceptable, xa que aínda que apoia a decisión do goberno local de mancomunar o servizo con outros Concellos, ve totalmente erróneo paralizalo mentres non se leva esta cooperación a bo porto. Ademais, o Bloque sinala que isto leva acontecendo varios anos, nos que o CIM só funciona uns meses de cada exercicio. Segundo Víctor Caamaño, voceiro desta formación, hai dúas lexislaturas o Concello empregou o conflito do CIM politicamente contra a Xunta do bipartito, mentres que na lexislatura primeira de Núñez Feijoo o goberno local simplemente deixou de reivindicar e mantivo paralizado o servizo. Unha mostra, para o BNG, de que ao Concello lle interesa ben pouco este tema. Caamaño propón que o goberno local sufrague os custos do persoal mentres non reciba a subvención da Xunta, para non deixar a moitas mulleres sen esta ferramenta.
O blog dos rañeiros de Cambados vén de publicar esta nova sobre o Patrón Maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías. Dita información asegura que Benito González sería obxecto dunha querela interposta pola Fiscalía de Santiago no Xulgado de instrución nº1 da capital por presunta malversación de caudais públicos, ao ter percibido presuntamente retribucións económicas (non permitidas pola lei) no desempeño do seu cargo na Federación. Seguir lendo
Hai dez meses, por Xaneiro deste ano, soubemos da intención da Xunta de Galicia de eliminar as Fundacións Comarcais, cuxa presenza na nosa comarca tradúcese no denominado edificio Exposalnés. Neste lugar, ademais dunha exposición fixa sobre a comarca, téñense celebrado multitude de exposicións de arte e presentacións de libros, ademais doutro tipo de actos culturais. Cando coñecimos a intención da Xunta de rematar con estes espazos fixemos unha pregunta aos lectores de CTK: Ti que farías con Exposalnés se pasa a titularidade municipal? Houbo moitas respostas, mais un 80% consideraba que o modelo de xestión debía cambiar. Uns propuxeron que se empregara como centro de servizos sociais e outros apuntaban a diferentes usos culturais (museo Asorey, arquivo Cabanillas…) e os menos falaban de usos administrativos. Seguir lendo
Moi triste está a ser o desenlace da loita das traballadoras de Alfageme por un futuro para os postos de traballo. Levan anos nesta batalla, acelerada nos últimos meses pola ameaza da saída a subasta por lotes da empresa e da marca, unha opción que non garante -senón máis ben todo o contrario- un plan industrial que salvagarde os cento cincuenta postos de traballo. Seguir lendo
Durante o pasado sábado celebrouse a final da categoría de música do certame Novos Creadores Xuventude Crea 2012, que impulsa a Xunta de Galicia. Nesa final que tivo lugar no Dado-Dadá de Compostela, o Trío Phil Jazz fíxose co primeiro premio do certame, que compartirá con A máquina de meter medo. O Trío Phil Jazz leva xa arredor de un ano tocando e nel participa o cambadés Rubén Iglesias tocando o baixo eléctrico. Tamén son parte da banda Manuel Méndez (guitarra), Miguel Rodríguez (saxo) e Noli Torres (batería). Os temas cos que se proclamaron vencedores foron “It’s not a dream” e “The same direction”, que podedes escoitar no vídeo da actuación de Santiago. Toda esta información sacámola do blog do Rif-Rock.
O organismo de loita contra a fraude fiscal de ámbito europeo instou á Consellaría de Mar da Xunta de Galicia a que devolva axudas europeas que lle foron concedidas á Confraría de Cambados para a construción dun buque. Dito buque custou máis de 300 mil euros, dos cales 174 mil viñan da mecionada subvención comunitaria, e este organismo ditaminou que foron empregados indebidamente por ter sido desproporcionado o prezo final da embarcación. A adquisición tivo lugar en 2009 nos Asteleiros Polináutica SL de Cambados. Agamar, quen leva criticando ao Patrón Maior da Confraría por este tema desde hai meses, insistiu desde o primeiro momento en que un barco desas características podería custar sobre cen mil euros (tres veces menos do que supostamente adquiriu a Confraría cos cartos públicos). Desde Agamar tamén criticaron que todos os informes da Consellaría previos á concesión destes cartos foron favorables, a pesares do suposto desaxuste entre o prezo normal dunha embarcación e o prezo do barco da Confraría. O Patrón Maior evitou manifestarse e cre que “aínda está por ver” que teñan que devolver os cartos.
Con esta frase, o alcalde de Cambados pediu o apoio para Alberto Núñez Feijoo. Como se a praia fora a auténtica prioridade para o noso Concello (onde aínda que poucas, tamén as temos naturais) nun momento en que se empeoran servizos fundamentais como a sanidade e o ensino pola suposta falta de cartos. Ademais desta proposta de dubidosa necesidade, o PP volveu prometer nunha campaña electoral máis que a nova praza de abastos será levada a cabo. Ao mitin celebrado na Cultural asistiu o nº2 de Feijoo, Alfonso Rueda, e tamén interviron ademais do alcalde, o ex alcalde Cores Tourís, o presidente da Deputación Rafael Louzán e a deputada Rosa Oubiña. O Diario de Arousa non aclara se finalmente o presidente da Xunta estaba no acto ou non. Todos os que falaron tentaron sementar o medo a un suposto tri ou cuatripartito, chegando a escenificar este voto do medo coa frase “Ou o PP ou o caos”. A única presenza non agardada polos populares foi a dos tres afectados polas preferentes que se pasearon polo salón de actos coas súas camisolas reivindicativas. Dous días antes estiveran no acto de Alternativa, no cal se lles deu a palabra para que explicaran a súa posición.
Foi alcalde de Cambados, senador en Madrid (por certo, un dos galegos menos traballadores na Cámara Alta) e agora era Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra. Hoxe Feijóo anuncia o seu cesamento, pero non, non se trata de apartalo da vida política senón de premialo e elixilo para as listaxes do PP por Pontevedra. Isto é así porque os altos cargos son inelixíbeis e polo tanto, deben cesar antes de integrar unha candidatura. Seguir lendo
“Hoxe Galicia paga e Catalunya pide”, fai uns días o presidente Feijóo, facía estas declaracións no marco da presentación das próximas eleccións galegas, do próximo mes de outubro. Debo dicir que me sinto indignado ante tales declaracións, primeiro como galego de nacemento, sentimento e corazón e despois coma catalán de adopción e , sobre todo, como pai de cataláns.
A realidade é moi distinta, non se trata de se Galicia paga e Catalunya pide, senón do contexto e os motivos nos que Galicia paga e Catalunya pide, e, que neste tema, coma noutros moitos, nin todo é branco nin todo é negro.
Dende logo o Sr. Feijóo fixo estas declaracións a sabendas de que non son de todo certas ou, peor aínda, dende unha ignorancia impropia do seu cargo, o cal é máis grave e, dende logo, o descalifica para ocupar o cargo que ostenta.
Antes de seguir, deixádeme que vos dea uns datos que nos situará en todo o que aquí se está a tratar:
Catalunya cunha poboación de máis de 7.600.000 e un PIB per cápita de 27.589 euros é a primeira economía de España, aportando ao PIB total do Estado mais dun 18,5 %. Isto representa, case, unha quinta parte do mesmo. Dende o punto de vista fiscal, e, en canto á contribución tributaria per cápita (tomando 100 como media), Catalunya aporta un 118,5 % as arcas do estado ( Galicia está nun 90,5 %). En canto os recursos autonómicos recibidos, e tamén sobre 100 de media, Catalunya percibe un 98,9 % (Galicia percibe un 111, 6 %); de forma mais gráfica, de cada 100 euros que o estado recauda en Catalunya, 43 se destinan a outras comunidades. Todo isto sen entrar no debate da débeda histórica do Estado con esta comunidade; á vista destes datos penso, sinceramente, que a Catalunya se lle pode acusar de moitas cousas pero non dende logo de que non aporta como o que máis ao sostemento e ao finanzamento de España. Cabe dicir, que se Catalunya tivese un rexime fiscal propio, como no caso de Euskadi, non necesitaría axuda nestes intres tan difíciles.
Estes datos coñécenos perfectamente o Sr. presidente Feijóo e se “hoxe Galicia paga” como di é porque existe o que se chama “solidariedade autonómica” no que as autonomías que máis teñen, aportan máis e reciben menos para que outras autonomías, que teñen menos e, por tanto, aportan menos, reciban máis.
Catalunya pideu un rescate, iso é innegable (como probablemente o teña que pedir España en Europa). Pero unha crise económica,e sobre todo, financeira e bancaria coma esta, cébase moito máis nas zoas mais industrializadas (como Catalunya), no que a totalidade das empresas recorren, xeralmente, a produtos bancarios (liñas de crédito e desconto, pagarés etc.). Aquí a crise está sendo moi dura (como en moitos sitios) coa insolvencia de miles de empresas, arrastrando, á súa vez, a familias e á propia Administración autonómica, o que supón un lastre moi difícil de superar por si só para Catalunya, e se Catalunya, por primeira vez na historia, pide axuda, de agradecidos é devolverlle unha mínima parte do que ela leva aportado ( e seguirá aportando).
Tamén resulta, cando menos curioso, que Feijóo dixese “Catalunya pide” e non “Valencia pide” ou “Murcia pide” pois estas dúas comunidades tamén pediron axuda; unha mente maléfica podería pensar que coma nestes dous sitios, goberna o PP, a Feijóo non lle interesaba resaltar este dato pero, dende sempre, o PP tende a meterse máis con Catalunya que co resto. Quizais porque a teñen debaixo dun dente e porque aquí nunca pasan de ser a cuarta forza política por detrás de CIU, PSC/ PSOE e ERC. Isto é debido, en boa medida, a que en Catalunya hai unha dereita máis europeísta, demócrata e máis acorde cos tempos que corren representada por CIU, lonxe da dereita retrógrada, acartonada e caduca que aquí, igualmente, representa o PP.
Tamén debo destacar a resposta pacifica e madura dos medios, dos políticos e da sociedade catalana, en xeral,ante ás palabras de Feijoo, considerándoas, simplemente, unha bravuconada, produto quizais dos nervios ante a próxima cita electoral.
Galicia e Catalunya son dúas grandes nacións (si esta ben dito: nacións, por historia, idioma, cultura, tradicións, identidade propia e un largo etc), dentro dun Estado plural, que moitos melancólicos de tempos pasados rexeitan e que pensan que aínda estamos en “una grande libre”.
O que podo garantizar dende logo porque o vivo no día a día que Galicia e os galegos, os galegos e Galicia son un dos pobos máis queridos, aprezados e admirados en Catalunya, moito máis que doutras zonas de España. De feito, existe en Catalunya a expresión que eu, persoalmente, escoitei en moitas ocasións “no existe un gallego tonto” para destacar o carácter emprendedor, aventureiro, que sempre se nos asociou. Tamén se nos asocia tradicionalmente (e erroneamente) cun carácter conservador, inconvenientes de compartir patria chica con Franco, Fraga e , sobre todo, o gran estadista Mariano Rajoy.
Para finalizar deixade que vos conte unha anécdota persoal. Hai case dez anos, cando se produciu a traxedia do Prestige, a traxedia ecolóxica mais grave de Europa até hoxe, por moito que entón Mariano Rajoy falase duns “hilillos de plastilina”, eu acababa de chegar a Catalunya (apenas levaba uns sete meses vivindo aquí). Pois como dicía, ante tal traxedia, sorprendeume e emocionoume moi profundamente a resposta da sociedade catalana: centos, miles de estes cidadáns, acudiron a Galicia; dende aquí (coma de moitas partes de España). Saiu xente que montou nun autobús e meteuse entre peito e espalda mais de mil quilómetros por carretera para limpar praias de pobos que nin sequera sabían que existían, cataláns que nunca foron de vacacións a Galicia, pediron días de permiso no seu traballo, días da súas vacacións estivais para acudir en socorro de Galicia. Cataláns que se arremangaron ata arriba e puxéronse hasta as cellas de chapapote, non como Feijóo que cando se puxo para a foto, apagando a fogata dun incendio, coa manguera na man (da que tamén aguantaba o inefable Aragunde) parecía “un chico pijo de colegio acomodado listo para salir de vinos” . Tamén é certo que na inmensa maioría dos casos foron moi ben recibidos, cousa que me manifestaron, especialmente, a volta, aínda que en casos moi aillados, algún alcalde de algún pobo (que non nomeareo porque o pobo non ten culpa do seu alcalde) intentara espantalos porque non lle interesaba que se chegara a saber a gravidade do asunto, intentando dar unha falsa sensación de normalidade.
Espero que a próxima vez que Feijóo fale non lle falte ao respecto a todo un pobo como nesta ocasión, non por ser Feijóo senón porque representa a Galicia, a todo un pobo que non ten por que cargar coas súas impresións partidistas e subxetivas.
Un saúdo a todos
Ricardo Domínguez Rey.