O sábado 14 de xullo finaba en Sisán Herminio Barreiro Calvete; para os que non o coñecían profesor represaliado pola ditadura franquista.
Non tiven ocasión de tratalo persoalmente, sorte que si tivo a miña “nai” política: María Folgueira. O meu contacto con el ven de cando eu era candidato e tiñamos a boa costume de facer xuntanzas en todas as parroquias. Herminio acudía sempre (penso que o traía un neto) ao de Sisán, e terminaba falando máis el que nós, a súa experiencia vital e a firmeza coa que defendía as ideas dábanlle unha autoridade moral para iso.
Para min era impactante escoitalo comentar a súa andaina pola vida. Como comezou nas esolas da república, defendendo unha escola pública e laica; como foi collendo conciencia política e como isto lle reportou a represión do franquismo. O seu crime, ter ideas republicanas, ser da UGT e colaborar en publicacións obreiras.
Cando estalou a guerra foi suspendido e declarado en “Rebeldía”. Fuxiu para salvar a vida, estivo no monte e dous anos agochado nun soto. Terminan prendéndoo e condenándoo, primeiro a 12 anos, e logo a pena de morte cambiada a cadea perpetua. Pasa catro anos no cárcere e logo pode saír pero cun castigo, se cabe, maior para el: impídenlle exercer ata o ano 1974. Tivo outros traballos pero el recoñecíase unicamente como mestre, deu clases na cadea e logo, tamén na súa parroquia en Sisán, a nenos do lugar.
Era admirable a firmeza e a templanza coas que defendía as súas ideas. Afirmaba non ser nacionalista, pero seguia firme nas ideas da esquerda e os valores republicanos, tanto que incluso deixou instrucións para o seu enterro (ceremonia laica, bandeira republicana, e música de negra sombra, hinmo de Del Riego e, como non, a internacional socialista).
Ese día moitos dos asistentes reafirmámonos nas nosas ideas (a casualidade cadrou que fose ao día seguinte de participar na constitución de ANOVA, un movimento que asume os principios do republicanismo), e foi ese día no que unha amiga de Cambados; me comentaba que ese home merecía unha estatua, como outros mestres represaliados.
Todo isto venme agora á cabeza mirando como o pasado sábado se poñía a Fraga en estatua… Queda claro que o “espíritu” da transición foi unha falacia e que seguimos a mirar para outro lado diante das nosas propias miserias. Espero que este artigo serva para remover algunha conciencia en Ribadumia e se rinda o merecido homenaxe que Herminio Barreiro merece…
Sobre o de Cambados que dicir xa. Que son lamentables os intentos de politización que se fai dunha festa de todos como é a do albariño. Isto da politización non é un invento, senón como se pode entender que o primeiro alcalde democrático de Cambados aínda non fora proposto como cabaleiro da festa, ah! claro, e que era nacionalista, non era do PP….
Que poñan a estatua que queiran, tamén Fraga tiña unha rúa en Cambados e esa primeira corporación democrática cambioulle o nome…
Ramón Mouriño Alfonso. Membro da Asociación Herminio Barreiro – Ribadumia.
Herminio deixou pegada, malia non poder exercer a súa profesión durante trinta e sete anos, nas súas ensinanzas, na súa humildade e no seu saber estar coa xente e coa natureza.
Para toda a nosa familia é un motivo de alegría ver como o seu exemplo segue sendo tal. Esa é a mellor estatua.
Que así sexa por sempre, ata a vitoria final da cultura sobre a sinrazón capitalista.
Gracias, en nome da familia.
Non só merecía unha estatura Herminio pai, senón tamén Herminio Barreiro, fillo. Eu gostaría dunha estatua de ámbolosdous!