
Aragunde di que non houbo movemento de terras
O voceiro do BNG puxo de relevo que o alcalde tardou cinco meses en respostar ás preguntas do seu grupo no relativo ao caso do Pinal de Maza. As cuestións foran plantexadas a mediados de Maio e reiteradas até en tres ocasións e os nacionalistas tiveron que agardar até o pleno da pasada semana para obter unha contestación (bastante escueta, por certo, como adoita acontecer coas preguntas da oposición).
En primeiro lugar, Víctor Caamaño reiterou, que a pesares do informe que esgrime Aragunde, si existiu movemento de terras na parcela. O movemento de terras defínese, segundo o voceiro do Bloque, como “operacións que implican movementos de terras por medios mecánicos”, algo que xa foi probado mediante fotografías de escavadoras operando nas terras. O informe presentando por Aragunde argumentaba que non había este movemento de terras por non existir cambio nas cotas do terreo; para Caamaño esta resposta non ten sentido posto que só en macro-obras se xera un cambio tan grande na parcela que se reflicte na modificación das cotas (puxo como exemplo as excavacións de Meirama). Para o Bloque o informe técnico que redactou un técnico municipal non é máis que a excusa que o PP buscou durante meses para poder saír do paso destas preguntas.
Para Víctor Caamaño é moi grave o que acontece no Concello de Cambados, xa que o alcalde estaría dando cobertura a unha obra ilegal por unha razón moi simple: a obra está relacionada con cargos do PP; un concelleiro de Cambados e o ex delegado da Xunta en Pontevedra Jose Manuel Cores Tourís. Tamén critica que varios departamentos da Xunta participaran no silenciamento do caso, cando menos obstruíndo o labor da oposición. Foi o caso de Patrimonio o de Medio Rural, ou da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, que lle pasou a responsabilidade de volta a Aragunde sabendo que este estaba a dar cobertura a estas irregularidades. Tamén lamenta que as preguntas do BNG no Parlamento sigan sen resposta.
Para o Bloque as obras de Maza seguen a ser ilegais independentemente do informe presentado por Aragunde, xa que se acometeu un cambio de uso do solo totalmente irregular. Dita parcela consta como de uso forestal nas Normas Subsidiarias do Concello (alí había un monte moi xeitoso até o ano pasado) e para convertilas en uso agrícola -agora van ser empregadas para o cultivo de albariño- entende o BNG que o cambio tería que ser aprobado polo Pleno da Corporación, onde tería que argumentarse que dito cambio é de “interese xeral”… o cal neste caso non parece nada claro.
Polo tanto Víctor Caamaño puxo énfase na dobre presunta ilegalidade das obras, por un lado por este cambio de uso irregular e polo outro por carecer das licenzas municipais pertinentes (isto admitiuno Aragunde cun dos seus “non” en resposta ás cuestións no último pleno).
Caamaño afirmou na rolda de prensa de hoxe que o caso do Pinal de Maza estaba a ser estudado polo equipo xurídico do BNG e que seguramente remate nas instancias xudiciais.
Relacionado: O Blog “A ti meu Cambados” publicou unhas fotos onde se pode comprobar como a Policía Local acudiou ao Pinal de Maza hai dúas semanas, aínda que Aragunde no Pleno dixo que non existiu tal actuación.
Non van a dar abasto con tantas animaladas os esbirros, coma sigades así!!!